Fíxose a luz!

Vaiamos ao 15 de outubro de 1886, véspera das San Lucas. Juan de Diego e García Alcolea (sería arcebispo de Compostela entre 1925 e 1927), criouse e estudou en Mondoñedo, lugar onde residía e era profesor do seminario cando fixo a entrada na diócese o bispo José Mª Cos e Macho. Nesta data, segundo conta no libro que publicou Alcolea cando faleceu Cos e Macho, foi cando se viu luz eléctrica por primeira vez en Mondoñedo.

Salto de Tronceda, 1911 (Arquivo J. Reboredo Pazos)

Grazas a unha doazón particular, o Seminario Santa Catarina comprara en París varios aparatos para dotar a cátedra de Física. Alcolea e outro profesor propuxeron colocar no balcón central do edificio un potente foco para darlle a benvida a Cos. Correuse a voz e congregouse moita xente diante do edificio. Conectaron unha gran batería Bunsen, ou Fimsen, de cincuenta pilas cun arco voltaico, sistema Foucault, “y brotó una especie de cascada de vivísima luz que empalideció todas las demas e hirió la vista de los curiosos que se vieron obligados a volver los ojos a otra parte”. Un sacristán da catedral exclamou: ¡Que cosas tan marabillosas hace Dios! !De modo que aquí se pone la lumbre y allá lejos sale la llama!

Un ano despois, nos días das San Lucas de 1887, segundo El Reparador, iluminouse con luz eléctrcia a praza da catedral aínda que “bien corto tiempo”.

Avancemos. Saltemos a febreiro de 1892 cando a prensa informa dos traballos preliminares imprescindibles: planos, memoria, orzamentos… E en setembro publícase o prego de condicións para a poxa do alumeamento eléctrico da cidade de Mondoñedo. Prevíanse 80 lámpadas para substituír os farois de petróleo e a concesión duraría 25 anos.

Máis adiante, en febreiro de 1893 montárase a turbina, o tendido e os illadores. Anunciábase como posible data para a inauguración o un de marzo, día de San Rosendo. Mais, un temporal inoportuno, impediuno. As instalacións para dotar de luz eléctrica aos domicilios particulares debían agardar.

As probas da nova iluminación dan resultados óptimos; un completo éxito “superior a todo encomio”. O domingo, 19 de marzo, procedeuse con solemnidade á inuguración oficial. Bendicironse as máquinas e no banquete houbo brindis. A xente que non foi convidada ao ágape oficial ocupou en masa a praza e as principais rúas.

Nos días previos xa se celebra. Emilio Tapia, en El Regional do día 5 de marzo, compara a novidade coa chegada da imprenta no século XVI e pon a Mondoñedo entre os pobos pioneiros que gozan do servizo. Felicita á Sociedad Electricista Mindoniense e ao principal impulsor, Francisco Armesto Vinuesa, e anuncia que pronto poderían gozar de iluminación e forza produtiva para a industria grazas ás augas do río Tronceda na Ferbencia (sic) os veciños de Viveiro, Ribadeo, Vilalba e Lourenzá

Mondoñedo converterase na segunda cidade galega, tras Pontevedra, en ter alumeamento en rúas e prazas e a da Fervenza na primeira central hidroeléctrica de Galicia.

Pero… sempre hai algún pero! A. R., nunha carta publicada en El Regional acusaba aos representantes da sociedade eléctrica de engano. Cando comezaron os traballos para o subministro eléctrico ás casas particulares anunciaran un prezo de 3 a 6 pesetas por lámpada e á hora da verdade querían cobrar 11 pesetas con 14 céntimos por cada unha!

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo