Quedamos na Pumarega, en Maariz, en cas Ramona García Varela (79 anos), Basilio García Carracedo (83 anos) e demais familia. As xestións fíxoas Suso Robles, veciño do lugar. Fala que fala, rememoramos cando se fixo a capela das Neves, e personaxes como Rincha el Moro, un atorrante, conveciño do lugar. Na conversa falouse das San Lucas que viviron eles nos tempos mozos. Mágoa que do moito e bonito que contaron, só teñamos aquí espazo para unha mínima parte.
As festas eran moi divertidas, dixo Basilio. Había teatro e bailarinas, e moita xente. A el gustáballe o espectáculo de Barriga Verde cos monicreques da cachiporra sempre a trancazos. Dos xogos e pasatempos lembra un no que os mozos medían a forza. Os artefactos tiñan a feitura dun bólido, impulsábanse coa man ou cun mazo e circulaban en vertical por un raíl. Levaban na punta un petardo con pólvora e cando conseguían que impactase, resoaba un estoupido e cheiraba a pólvora queimada. Xa non lembra o premio: quizais unha botella de viño ou licor, tabaco, monecos…, variaba.
Tamén recorda a tómbola do coello de indias. Nunha tenda circular había caixas de madeira numeradas arredor e no centro, debaixo dun balde ou dun cesto, metían un coello de indias. A xente compraba a peseta boletos cos números das caixas. Despois, o feirante liberaba o coello para que correse agacharse nunha delas. Quen tivese o boleto co número da caixa que escollera o coello, tiña premio, xeralmente a escoller entre os obxectos expostos nunha vitrina. Unha vez, Ramona, despois de moito insistirlle á tía que a acompañaba, fíxose cunha rifa. O coello tardou en saír do escondedoiro pero cando se decidiu foise meter á casa do número da súa rifa. De premio déronlle unha pota, que era moi pequena, mais –dixo Ramona–, se me tocaran corenta millóns, non volvía máis contenta para a casa.
Así falando, a Ramona véuselle á memoria Magín, un veciño de Maariz que andaba polas festas exhibindo unha vaca de seis patas. Un fenómeno! Magín levou a vaca ás San Lucas, non lembra o ano, pero ela non a viu en Mondoñedo senón na Coruña unha vez que foron de excursión. Acórdase ben; a primeira vez que viu unha lavadora.
Tampouco esquece cando ela e outras mulleres da veciñanza baixaban ás San Lucas con lotes de herba verde e seca, e estrume, ás costas, que lles vendían aos besteiros. Coa herba alimentábase o gando da feira e co estrume facíanlle a cama, sobre todo ás mulas. Os lotes poñíanse entre a Fonte Vella e o Seminario á vista dos posibles compradores.
Quen non faltaban nunca nas San Lucas eran os xitanos. Desde que acababa o San Froilán víñanse achegando e acampaban por Folgueirarrasa ou no Corno da Lúa. Botaban alí varios días. Un ano veu unha xitana con chepa que se presentaba onde alindaban eles as vacas e poñíase a mamar do teto como os xatos. Cando enchía a barriga, marchaba satisfeita.
Que recordos das San Lucas! Unha vez nunha das barracas había un mono e a un veciño que se chamaba Plácido, era moi ocorrente e convidou o mono a un pito. Prendeuno e deullo ao revés, por onde queima. Que de berros daba o mono! Que festas! Se o mono vía achegarse a Plácido aínda que estivese ben lonxe, xa berraba!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo
