Abraham Cupeiro, o xenial músico sarriao, actúa este domingo, 18 de outubro, día grande das San Lucas, na catedral de Mondoñedo. ‘O latexo das catedrais’, con pezas inspiradas en Cunqueiro, será, auguro sen risco a equivocarme, un concerto memorable para quen teña oportunidade de asistir. Un éxito absoluto.
A Cupeiro coñecino, xunto con María Ruíz, cando expuxeron no refectorio do Museo Provincial de Lugo unha fabulosa colección de máis de 150 instrumentos musicais, moitos moi antigos,. Foi no ano 2010 e titulábase ‘Museum Musicum’. Xa daquela, Cupeiro, ademais de profesor, lutier e intérprete, era un experto coñecedor da historia dos instrumentos da colección.
A partir de entón, Cupeiro, María Ruíz e outros músicos interviron en varios números de revista oral O Pazo das Musas que facíamos no Museo Provincial de Lugo. Tamén participaron na revista Letra das Festas que aparecía cada san Froilán polas patronais de Lugo. Lembro que nos impartiu unha conferencia memorable sobre música erótica nunhas xornadas que complementaban a exposición ‘Arte para gozar. Sensualidade e erotismo nos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo” que montaramos Fernando Arribas e mais un servidor en 2012. Cupeiro é un sabio en todo o relacionado coa música, sexa culta ou popular, clásica ou actual.
Outro recordo especial venme de cando iniciou a súa andadura a orquestra Il Conbattimento. Foi en setembro de 2012, parte musical dun número de O Pazo das Musas dedicado ao barroco. Amais, quen non o lembra facendo soar o impresionante karnyx fabricado por el, o corno e os cornettos, violas de gamba, clavicémbalos, gaitas, trompetas ou aulós, entre outros moitos sorprendentes instrumentos procedentes de moi diferentes tradicións musicais.
No ano 2019 compartín con el un recital memorable que tivo lugar no Conservatorio da Coruña onde era profesor. Levaba por título ‘Viaxe polas imaxinacións de Cunqueiro’. Eu tiña a encomenda de escoller fragmentos e, no seu caso, traducir textos de Cunqueiro que fosen o máis variados posible, coa condición de que fosen inspirados en diferentes culturas e xeografías do mundo. Mentres eu lía aqueles textos acomodado nun butacón barroco, Cupeiro encargábase de interpretar co instrumento acaído diferentes pezas musicais e de contar a súa historia ─Cupeiro é un excelente comunicador─, todo conectado coa fantasía do texto de Cunqueiro. Inesquicible sesión, tanto para min como para o alumnado do centro alí presente.
Grazas a Cunqueiro e aos instrumentos seleccionados por Abraham percorremos o mundo árabe, Xapón, India, China, Irlanda, países de África e culturas populares do norte e centro de Europa, do Oriente máis próximo e do máis afastado. Queden, como exemplo, a historia da campá de Bruxas que peregrinou a Compostela para curar a mudez, a do trasno noruegués Tig, o Rubio, que simulou ser póla de bidueiro no bosque de Orel ou coa do vello xaponés que fixo florecer as árbores mortas.
Gocen da mestura deste terceto inigualable: a imaxinación de Cunqueiro, o virtuosismo de Cupeiro e a maxia de Mondoñedo!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo