Laudatio para o Mestre da Memoria, Xulio do Canelo

LAUDATIO 

Xulio Rodríguez Leiras, ‘Xulio do Canelo’, Mestre da Memoria 2026

Gala Mestras e Mestres da Memoria da AELG

Deputación de Lugo, 23 de outubro de 2026

«Nacín, fun, son e serei sempre labrego»

Yolanda Díaz Gallego, Lucía Arroxo, Lois Pérez, Xulio Rodríguez ‘Xulio do Canelo’, Cesáreo Sánchez, Antonio Reigosa, Eva Teixeiro. Foto: Mercedes Vázquez Saavedra (23 de outubro de 2026)

Permítaseme comezar esta intervención dándolle os parabéns a dona Yolanda Díaz Gallego, memoria viva da nosa emigración en Uruguai e Cataluña, posuidora de moitos outros encomiables méritos que a fan acredora do título honorífico de Mestra da Memoria xunto ao Mestre da memoria deste ano 2026, Xulio do Canelo.

Saúdo agora ao meu amigo, Xulio Rodríguez Leiras, máis coñecido polo nome de guerra (ou de guerrilleiro) de Xulio do Canelo. Desde hoxe, o primeiro Mestre da Memoria recoñecido como tal en toda a terra de Mondañedo (que diría Lence Santar).

Se Xulio puidese intervir agora, diría, parafraseando ao noso común amigo, Isidro Novo: Preséntame logo, pero preséntame pouco!

Xulio naceu en San Pedro da Torre, parroquia de Santiago, o 5 de marzo de 1948. E por alí reside, en Pedrido, na parroquia de Vilamor, lugar próximo ao de nacemento no concello de Mondoñedo.

Xulio é coñecido como Xulio do Canelo aínda que el procede da familia dos Garabolos, mais, ao casar, pasou residir á casa dos Canelos, a da súa muller, Margarita Bermúdez, e quedoulle apegado o antropónimo .

Asistiu á escola de Pedrido (tamén chamada do Reguengo), un edificio construído cos diñeiros remitidos desde Cuba na década dos 20 do pasado século XX pola sociedade “Mondoñedo y su comarca”. Era naquel entón alcalde de Mondoñedo Joaquín Cunqueiro Montenegro, pai de Álvaro Cunqueiro. E como axiña contarei, vai resultar premonitorio que o neno Xulio andara xa desde os anos infantís cercado polo apelido Cunqueiro.

O edificio da escola aínda está en pé; ruinoso, pero ergueito. Está a carón da chamada Quinta de Pedrido ou de Coto Redondo, propiedade da familia de Patricio Delgado Luaces, o ‘Xan de Masma’ autor de ‘A Besta’, a primeira novela social escrita en galego, publicada en Cuba a finais do século XIX.

Xulio defínese breve e contundente: Eu nacín, fun, e serei de por vida, labrego”. E orgulloso de selo. Foi o seu oficio principal aínda que, axiña o comprobarán, as súas inquedanzas e curiosidades levárono por moitos outros camiños.

Foi alumno do instituto laboral de Mondoñedo. Activista político, sindical e social, e da recuperación de memoria histórica. Foi concelleiro do entón Bloque Nacional Popular Galego tras as primeiras eleccións municipais democráticas entre 1979 e1983. Membro do Sindicato Labrego Galego e do colectivo Memoria da Mariña, colaborador imprescindible nas homenaxes que se fan, especialmente en Mondoñedo aos mariñáns e mindonienses asasinados entre 1936 e 1939, e ao guerrilleiro Luís Trigo ‘O Gardarríos’, axustizado en Vilanova de Lourenzá en 1948. Coñece como poucos as andanzas do Gardarríos ao que cada xuño, coincidindo co aniversario do asasinato de Luís Trigo e da súa compañeira, Antonia Díaz Pérez, se lle rende homenaxe en Vilanova de Lourenzá.

Estes e outros represaliados que perderon a vida e sufriron a persecución do fascismo recibiron, grazas ao empeño de Xulio e o doutros compañeiros e compañeiras, xustos e merecidos recordatorios.

Lector impenitente. Na súa crianza na casa familiar só había dous libros traídos pola súa nai desde a Arxentina. Un contiña contos populares, entre eles ‘O frautista de Hamelín”, e outro as aventuras de ‘Bertoldo, Bertoldino e Cacaseno”, historias creadas por Julio César Croce e Adriano Branchieri en 1620 pero que se reeditaron moitas veces e que contaban as aventuras dun campesiño agudo, un fillo pánfilo, unha nai espelida e un neto sensato, contrapoñendo a vida humilde dos labregos á artificiosa dos burgueses e cortesáns.

Nese proceso lector fíxose devoto fervoroso do santo laico e republicano, Manuel Leiras Pulpeiro, e grazas á súa madriña, Remedios, sempre soubo que o mariscal Pardo de Cela fora degolado inxustamente.

Este labrego de Pedrido foise facendo tamén cunqueiriófilo. A primeira vez que escoitou falar de Cunqueiro con algo de fondura foi no Casino de Mondoñedo. Conferenciaban os dramaturgos Manuel Lourenzo e Xesús Pisón sobre ‘O incerto señor don Hamlet’ e o teatro de Cunqueiro.

Ao final do acto recitou unha breve parte da obra o actor Miguel Pernas e Xulio quedou abraiado, impresionado pola voz do actor e as palabras do texto que aínda hoxe, se quixese, podería recitar de pe a pa.

Ese impacto emocional deixouno enganchado para o resto da súa vida, ata o punto de que se pode considerar un especialista na obra de Cunqueiro pois Cunqueiro, como Rosalía, son pobo e son do pobo, grazas a xente como Xulio.

Pregúntenlle, por exemplo, polo Licho de Vilamor, o que sacaba as moas sen dor, ou polo reloxeiro Veremundo López. El gozará contando tanto coma vós escoitándoo.

Xulio foise convertendo en sabio por experiencia e coñecementos, erudito en moitas materias. Coñece os segredos da terra e non lle ten medo ao lobo, aínda que de cando en cando lle roube algunha facenda.

Máis alá dos labores da terra, Xulio ten preocupacións sobre todo aquelo que afecta ao seu humano, especialmente se pertence ás clases máis humildes e precisadas de atención. E o que aprendeu por necesidade, ensínao coa xenerosidade natural do que ama a terra na que naceu e a xente que a habita.

Ese saber xeneroso amósase nas colaboracións con investigadores como a que fixo coa profesora e investigadora do Valadouro, Alba Díaz Geada, para a obra ‘Mudar en común: Galiza 1959-1982. Unha análise sociohistórica dos cambios no rural galego’ ou co profesor e investigador polaco, Tomasz Pindel, que percorreu Galiza o ano 2025 tomando notas para un traballo sobre a nosa cultura popular. Unha fonte documental oral de primeira orde.

Non hai acto, manifestación, conferencia…. sexa de temática político-social ou cultural ao que non acuda Xulio, case sempre na compaña da súa dona, Margarita, no que non resalte entre a asistencia a súa característica pucha entre as cabezas dos asistentes.

Na Casa da Penela, rexentada por un dos seus fillos, organízanse con frecuencia xornadas, conferencias, presentación de libros, recitais e outros eventos que son ventás que desde a aldea se abren ao mundo.

Deses encontros naceron novelas como’ A raíña das velutinas’ de Lionel Rexes, establecéronse contactos que derivaron en traballos de investigación ou creación. Nesta casa remata a ruta do galo, inspirada no poema do mesmo título de Leiras. En certa ocasión, el e Pepe de Bastián guiáronnos e ilustráronnos a Isidro Novo e a min polos camiños deste roteiro, e, para rematar, convidáronnos a un xantar presidido por un galo, sacrificado xa ora. E Xulio sempre detrás destes encontros como anfitrión e motivador.

No persoal podo dicir que a min tamén me transmitiu historias da nosa cultura popular (mitos e lendas, crenzas e costumes), sucedidos de medo, trasnos, demos, ánimas… facendo de cadea de transmisión oral das que lle contaba a súa madriña, Remedios, cando el tiña 10 anos. Faloume do Larán, un personaxe que escrutaba cun coador a presenza de bechos malignos na auga contaminada da Fonte Vella.

A súa madriña, Remedios, vivía mesmo enfronte da casa do vello cronista de Mondoñedo, Eduardo Lence- Santar, así que non hai que descartar que Lence bebese algún grolo do saber da madriña Remedios.

Velaí algúns exemplos do que desde Remedios, grazas a Xulio, chegou a min:

Un trasno —demiño rebuldeiro— visitaba todas as noites a casa familiar e entretíñase facendo funcionar o tear. Como co ruído que facía espertaba os da casa, para escorrentalo acordaron poñerlle unha cunca con auga, de maneira que a cunca entornase cando o tear comezase a se mover.

O enredante ao ver a auga derramada desgustábase e choraba, e a xente da casa, amolada, berráballe:

–Agora, apáñaa!

Mais, como é ben sabido, a auga non se pode apañar, así que á segunda ou terceira noite, o trasno desapareceu e non volveu máis por alí.

ﭛ♣

En Mondoñedo había un crego —un medio crego— que era moi requirido para axudar a ben morrer. Era experto en facer fuxir o Maligno (así denominaba ao Demo a madriña, Remedios) de arredor dos moribundos e así evitar que lles levase a alma para o Inferno.

A contenda entrambos era violenta.

Mentres o crego lía nun libro para arredar o Demo, este tiráballe pedras ás mans, ata que lle sangraban, e cando o agonizante expiraba, escoitábase un forte estrondo que viña do lado das cortes.

O Demo marchaba co rabo entre as pernas pero facendo mal. Cando os da casa ían ver que pasara atopaban morta a mellor vaca da casa.

ﭛ♣

Unha vez uns rapaces quixeron facerlle unha burla a este mesmo crego mentres ía prestar outro servizo a un moribundo. Era polo Entroido e metéronlle na cama un moneco de palla. Cando regresou o cura e viu aquelo agreouse tanto que botou unha maldición:

–Quen me fixo esta burla vai ir comer todos os días ao baño dos cochos!

E un daqueles rapaces, sen que ninguén o obrigase, comezou a acompañar os porcos e compartir con eles o que houbese na manxadoira.

Para liberar o mozo daquelas vergoñas houbo que pedirlle ao crego con moita insistencia  que lle retirase o castigo.

ﭛ♣

Unha das presenzas máis temidas pola xente era que o Demo se lles aparecese  de noite en figura de burro. Sabían que para librarse del o mellor era levar un cordón do hábito franciscano e tratar de atalo, de maneira que ademais de non facerche mal tamén lle puideses tirar proveito, poñéndoo ao teu servizo como se fose un burro de carne e óso.

Pois ao Patelo, un veciño do barrio de San Lázaro de Mondoñedo, aparecéuselle o Demo en figura de burro pero como ía preparado co cordón recomendado atouno e o Demo quedou en burro manso.

O caso é que este home levantou unha casa e fíxolle carrexar toda a pedra necesaria ao Demo transmutado en burro ata que rematou a obra.

Tempo despois, crendo o home que o burro xa perdera as ansias de volver a ser Demo, quitoulle o cordón e nese mesmo instante desapareceu.

De Xulio poderíamos seguir dicindo e non acabaríamos. Labrego, sempre labrego, activador da memoria histórica e represiva do fascismo, cunqueirófilo entusiasta, lector insaciable, transmisor oral de saberes de todo tipo, activista comprometido coas causas máis nobres e, sobre todo, boa xente!

No anexo deixo a voz dalgunhas amigas e amigos, apenas unha ducia de nomes que poderían ser unha ducia de ducias de xente que quere, respecta e admira ao noso Mestre da Memoria.

Entre eles non está o nome doutro seu amigo que faleceu en maio de 2025, pero ao dicir o seu nome seguro que Xulio se emociona sen poder remedialo.

Un nome e un home que estaría tan feliz como el está hoxe. Chamábase, Xosé Ramón Polo Díaz, aínda que para nós foi e será mentres vivamos, Pepe de Bastián!

Un home íntegro, como Xulio, compañeiros de mil e unha inquedanzas, rebeldes e incansables na loita pola dignificación e recuperación dos dereitos dos labregos e da memoria dos marxinados e dos represaliados,. Dous galegos sempre leais e incombustibles patriotas.

Xulio e Pepe! Pepe e Xulio, un tándem insobornable fronte á inxustiza.

Xulio! Desde que Pepe se despediu tócache a ti pedalear! Sabes que non estás só pois os que hoxe estamos aquí, xunto e outras e outros moitos nunca te abandonaremos!

Se reparamos nas túas lecturas infantís decatámonos de que na túa traxectoria vital quedou moito daqueles dous libros.

Eu véxote como o frautista de Hamelín. Tocas coa túa frauta unha melodía que hipnotiza e atrae a quen a escoita, e que nos guía cara un país do futuro máis xusto e solidario.

Paréceste a Bertoldo, capaz, grazas ao seu enxeño, de enfrontar e derrotar a estúpida arrogancia dos poderes que nos oprimen.

Se refundimos ou hibridamos as mellores capacidades de Bertoldo, o labrego, e as do músico de Hamelín, saésnos ti, Xulio!

ANEXO

Agarimos das amigas e amigos para Xulio Rodríguez Leiras ‘Xulio do Canelo’

«Xulio é un home da terra, que fai do traballo orgullo, e da nosa língua e memoria, vida.

Ten as mans gretadas do traballo duro, mais o corazón enteiro.

Garda nas súas verbas os contos da lareira, os nomes das herbas, dos compoñedores e menciñeiros; e o xeito vello de dicir as cousas.

Non deixa que o saber popular se perda, ensina o que aprendeu de boca a boca e de corazón a corazón.

Hai homes que pasan e homes que sementan. E Xulio é un dos que sementan.

Obrigado!»

Xusto Fernández Haro

«Hai uns dous anos cheguei a Mondoñedo para buscar as pegadas de Álvaro Cunqueiro e o espírito galego e atopei a Xulio do Canelo que encarna o segundo, e grazas a el entendín que a literatura oral ou a oralidade literaria seguen vivas e poden ser potentes.»

Tomasz Pindel

«Somos a memoria que posuímos e a responsabilidade que asumimos (José Saramago).

Perfectamente aplicable a Xulio.

Na súa casa, coa súa dona, atopamos acollemento, calma do trasego da cidade, curiosidades por saber e compartir, amizades, coherencia e compromiso.

Un raro exemplo dun labrego ilustrado, con todos os honores MESTRE DA MEMORIA, con maiúsculas.»

Fernanda Cedrón Trigo

«Hai persoas ás que se coñece polo físico.

É o caso de Xulio, que moito nos di só coa súa presenza, porque:

se digo Mondoñedo vexo a Xulio

se digo Cunqueiro vexo a Xulio

se digo Pardo de Cela vexo a Xulio

se digo home culto do pobo vexo a Xulio

se digo Memoria histórica vexo a Xulio

se digo compromiso co país e coa súa cultura vexo a Xulio

se digo solidariedade cos pobos oprimidos vexo a Xulio

se digo irmán nas loitas vexo a Xulio

se digo un home bo vexo a Xulio

Eu quero ver a Xulio sempre!»

Pepe Salvadores

«Compañeiro Xulio, cando Ovidio e eu tivemos a sorte de cruzarnos contigo aló polo 77, achamos unha persoa moi acolledora no persoal e receptiva das propostas liberadoras das inxustizas e da opresión do país, mais dende un fondo compromiso de esquerda e republicano. E, case 50 anos despois, mantense nos seus principios e segue na loita. Parabéns mestre da palabra e do pensamento.»

Carmen Díaz Simón

«Galego de fonda raigame. Defensor vehemente da nosa cultura, da nosa lingua, e como labrego que foi, da clase labrega ah!, enfeitizado por Cunqueiro.»

Xosé Luís Fernández Rivera

«E pídesme, Antón, que diga algo de Xulio, …o noso Xulio do Canelo ou da Penela, do Chao do Val, en Vilamor, onda aquel menciñeiro -Licho- quitaba a dor das moas e do corazón. Este Xulio, o noso, éche un espécime raro dos que dificilmente se atopan nos mapas da nosa xeografía humana. Viste pucha e ten o rostro colorado, voz afable e confortada en falas a carón de Margarita, a súa paciente dona. Gústalle convocar ás amizades para falar, encontrarnos a cambiar memorias, falar de como van as cousas e como deberan de ir. Falar de Cunqueiro e das imposibles fabulacións que el fixo posibles e materializou en poemas, contos e relatos. Eses si, reais e cheos da maxia necesaria para, momentaneamente, escapar da crúa realidade.

O noso camiño xuntos quere lembrar para aprender na experiencia do pasado. De aí o acertado merecemento deste premio, porque Xulio é moi boa persoa e sabe que os horizontes son sempre para chegar a eles e superalos, para vencer a distancia compartindo aconteceres, soños ou cantando o himno da guerrilla: “Por camiños e montañas, guerrilleiros firmes van. Os mellores loitadores, da cidade e do rural, …”. 

Xulio mira aos ollos para comprender o que levamos dentro. Certifica así esa ansiada verdade de que os humanos somos un atado de lembranzas superpostas. O contrario sería esquecernos, caer nos síntomas da ausencia e da perda, na ruína e corrupción, na morte da dignidade.

Por iso, elevo a miña “imaxinaria copa” para un brinde por toda aquela xente que concilia os ecos do pasado, no que fomos e no que somos, no moito que poderemos ser abrindo horizontes novos.

“Hai que erguer a copa e brindar nesta ledicia que convoca a todas aquelas persoas anónimas ou coñecidas que escollen, cada día, a comprensión, a bondade, …a memoria fiel antes que o rigor de calquera lei”.

 Por ti, Xulio. Para ti, Margarita. Parabéns e unha aperta de buxo.»

Mero 

«Presumo que manexa o noso Xulio, un máxico libro de instrucións para a andaina polos vieiros das letras mindonienses, e non falo en sentido metafórico. Guiado por Xulio téñome introducido nas fantasías cunqueirianas, na fera denuncia poética de Leiras, e mais na épica de Xan de Masma. E sen rubor afirmo ter intuído, ou talvez visto, as barbas de Lence-Santar debruzadas no balcón.

En virtude destes prodixios, con sumo convencemento aseguro que no Val de Brea xorde un xigante toucado con boina do país, sempre arrodeado de amigos, invariabelmente conciliador, a entoar ese credo laico e patriótico chamado Louvado sexa Deus.

Con esta apaixonada acción de grazas cunqueiriana, cada primavera renovamos votos galeguistas, logo de gozar da faragullada que o mesmo Xulio cociña baixo rigoroso legado do Merlín e familia. Estas e outras cerimonias lle teño visto oficiar ao xigante da boina.

A Cunqueiro, a Noriega, a Díaz Jácome, a Lence ou a Leiras, podemos lelos, interpretalos, recitalos e nalgún caso representalos, mais, acompañados de Xulio estaremos en condicións de os tratar, sen distancia cronolóxica algunha.

Ben sabe Xulio como invocar e congregar toda esta maxia, pois é quen de resucitar letras coa sabedoría dos vellos bardos, coma aquel xastre de bolboretas glosado por Ledo Ivo, que resucitaba poetas e bestas no mítico país de Cavalo Morto.

Así, o noso Xulio vén sendo un xastre da palabra antiga, delicadamente apañada no humus sagrado dese Mondoñedo que só el sabe mostrar, demostrar e con verbo arcano, convocar.»

Lionel Rexes

«Xulio de Mondoñedo -como lle dicimos na tribu de Outeiro- representa a memoria da palabra e a memoria dos feitos; a memoria con maiúsculas, que medra porque se garda e se transmite co afecto. A el e a súa compañeira, Margarita, (re)coñecinos en setembro de 2016, cando acolleron na Casa da Penela unha xornada arredor de Quico e do Gardarríos: xa antes tiñamos cadrado á beira da palabra de Manuel María. Para min é mestre na “rebusca” constante do patrimonio que non se pode perder.»

Eva Teixeiro

«Un labrego con consciencia de ser labrego e de ser galego. Máis de medio século sendo faro de orientación cultural, sindical e política para cinco xeracións diferentes.

No ámbito local: con coñecemento e paixón, un extraordinario guía do patrimonio de Mondoñedo.»

Bernardo Penabade

«Se alguén sabe atopar as palabras, ese é Xulio. Coidador das palabras, e coidador da memoria. Mais non de calquera memoria. Xulio coida, desde un coidar comprometido e coherente, da memoria das loitas dos de abaixo. Das clases populares. Do país. Da memoria da dignidade dos que traballaron por outra sociedade, que foi posible. Menos desigual. Máis xusta. Da memoria dos nenos e das nenas que viviron o desprezo e puideron viralo orgullo de ser. Da memoria que importa. Para non esquecer aos que o intentaron. Para ter un lugar sobre o que sosternos. Para seguir loitando.»

Alba Díaz Geada

«Naqueles tempos do mestre Flute e de mosiú Simplom contábanos Cunqueiro que acudía a Miranda unha variada troupada profana na procura de saberes, maxias e tendollos. Nesta época da modernidade líquida, de volatilidades e de incertezas, seguimos achegándonos ás terras dunha anovada Miranda na busca de referentes sólidos e de sosego. E aí está Xulio, coa súa querida compañeira de vida, Margarita. Xulio, un bo e xeneroso, emociónase e fálanos de Leiras, e de Cándido Carreiras, e de Siervo González, e de Graciano, e de Manuel, e de Antonia e o Gardarríos, e dos nosos poetas, e das Comisións Labregas…, e do orgullo de sentirnos galegas e galegos. Que merecidos estes premios da memoria 2026 e canta falta nos facedes!! Grazas por tanto, e por esas apertas que nos reconfortan.»

Isabel Vilalba Seivane

«Para Xulio na súa homenaxe. Conta co cariño e admiración que nos impactou coñecerte e compartir contigo os actos e impresións de solidariedade e memoria das vítimas do franquismo. Os teus relatos poéticos e simpatía acrecentan o seu contido. Saúdos para sempre e un forte abrazo.»

Francisco Martínez ‘Quico’

♣

Parabéns, mestre e amigo!

© Antonio Reigosa

Lugo, 23 de outubro de 2026