Polo profesor mindoniense Antón Meilán souben da novela titulada ‘Nembrot’ de José Mª Pérez Álvarez ‘Chesi’, escritor ourensán nacido en 1952 e falecido o pasado 24 de decembro de 2025. Á parte doutros moi estimables méritos, a razón fundamental pola que Antón me suxería a lectura desta obra era que nela aparecen tres personaxes mindonienses, o libreiro Manolo Montero, ‘O mago Merlín’, o debuxante e ilustrador, Xosé Vizoso, que aquí se literaturiza como Osozvi, e o propio Antón Meilán .
Outros amigos, Miguel Chao e Magdalena Domenech, en canto souberon da obra tiveron a deferencia de localizar un exemplar e regalarmo. Detalle que moito lles agradezo porque me permitiu descubrir a excelente literatura que atesoura.
Chesi foi escritor en castelán, agás algunha narración curta en galego, que deixa tras si, entre o publicado e o inédito, unha abondosa listaxe de títulos, preferentemente narrativos, aínda que tamén alumou poesía, artigos e outros textos. Os seus familiares e amigos organizaron unha homenaxe hai pouco que culminou cunha publicación editada pola Deputación de Ourense que leva por título “Chesi: vivir para narrar. Homenaje al escritor José María Pérez Álvarez (1952-2025)”. En proceso está a reedición dalgunhas das súas obras, entre elas a da novela que nos ocupa.
‘Nembrot’ (nome que segundo referencias extrabíblicas corresponde ao do rei que construíu ou promoveu a torre de Babel) publicouse por primeira vez en 2002 (DVD Ediciones) e coñeceu reedicións en Uno y Cero Ediciones, en 2014, e na Editorial Trifolium, en 2016.
Nárrase aquí a historia dos amores homosexuais de dous tipos contrapostos, Horacio Oureiro e Jorge Bralt. Personaxes estes que sobreviven, envurullados nun caos babélico, entre outros moitos non menos curiosos que se lles entrecruzan, cadaquén coa súa particular historia como os afluentes que nutren un río literario ben caudaloso.
Baixo o encabezamento ‘Mondoñedo’ (entre a páx. 222 e a 260 na edición prima en DVD) desenvólvese a parte que nos ocupa. Sucede en Mondoñedo, onde se creou a J. S. M. (Junta de Salvapervivencia/Salvación/Supervivencia de Mondoñedo) da que forman parte Manuel Montero, Antón Meilán e Osozvi (Xosé Vizoso); un trío que se ocupa en solucionar o grave problema que afecta a Mondoñedo, lugar que non existe (como os mércores), que é invención de Cunqueiro e foi quen o foi poboando de persoas como o mago Manolo Montero.
No día e hora que ninguén no mundo lea a Cunqueiro, Mondoñedo irase esvaecendo entre a néboa, baixo o sempiterno barruzo. Non quedará nada. E saberase que Mondoñedo está no proceso de desaparecer porque as contornas das cousas se van esfumando. Para evitalo, o profesor Antón Meilán escribe desde hai moito tempo a biografía de Cunqueiro e un artigo diario no que fala del, Manolo Montero coida un museo na memoria de Cunqueiro (e doutros mindonienses) e Osovni, precavido, leva sempre canda si un papel cun texto de Cunqueiro que se pon a ler inmediatamente cando se decata da progresiva invisibilidade de Mondoñedo. E todo vai volvendo ao seu ser, entre papados de licor café e chuvia miúda. Osozvi ao tempo que le, reflexiona: Que susto! Hai que estar sempre alerta, sobre todo de noite!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo