Xulio do Canelo, no carné de identidade Xulio Rodríguez Leiras, vén de ser recoñecido como Mestre da Memoria pola sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores de Galicia (AELG). Unha distinción ben merecida, tanto por Xulio como pola Mestra deste ano, Yolanda Díaz Gallego, arquivo vivo da nosa emigración en Uruguai e Cataluña. Dúas persoas con traxectorias vitais ben diferentes pero concomitantes no fondo das paisaxes biográficas de ambos.
Xulio naceu en San Pedro da Torre o 5 de marzo de 1948. Reside en Pedrido, en Vilamor, concello de Mondoñedo. Asistiu á escola de Pedrido (tamén chamada do Reguengo), un edificio construído cos diñeiros remitidos desde Cuba na década dos 20 do pasado século XX pola sociedade ‘Mondoñedo y su comarca’.
Xulio naceu, foi, é e será de por vida, labrego. Non coñece outro oficio aínda que as súas inquietudes e curiosidades o levaran por moitos outros camiños. O labrego foise facendo lector impenitente e cunqueiriófilo apaixonado. Tamén se fixo devoto fervoroso do santo laico e republicano, Manuel Leiras Pulpeiro, e grazas á súa madriña, Remedios, soubo desde moi pícaro que o mariscal Pardo de Cela fora degolado inxustamente.
A pesar de que na súa crianza na casa familiar só había dous libros traídos pola súa nai desde a Arxentina, Xulio foise afeccionando á lectura. Daqueles dous libros, un contiña contos populares, entre eles ‘O frautista de Hamelín”, e outro as aventuras de ‘Bertoldo, Bertoldino e Cacaseno”, historias creadas por Julio César Croce e Adriano Branchieri en 1620 pero que se reeditaron moitas veces e que contaban as aventuras dun campesiño agudo, un fillo pánfilo, unha nai espelida e un neto cabal, contrapoñendo a vida humilde dos labregos á artificiosa dos burgueses e cortesáns.
Na Casa da Penela, rexentada por un dos seus fillos, organízanse con frecuencia xornadas, conferencias, presentación de libros, recitais e outros eventos arredor da cultura que converten este lugar nun punto diseminador de coñecemento que desde o outeiro da nosa aldea abre ventás ao resto do mundo. E Xulio sempre detrás destes encontros como anfitrión e motivador.
De Xulio poderíamos seguir dicindo e non acabaríamos. Primeiro que é boa xente e despois labrego, sempre labrego, activador da memoria histórica e represiva do fascismo, cunqueiriano entusiasta, lector insaciable, transmisor oral de saberes de todo tipo, activista comprometido coas causas máis nobres. Co tempo foise convertendo nun erudito sabio, horticultor de experiencias e coñecementos.
Xulio, permítaseme a comparación, é como o frautista de Hamelín do conto. Toca coa súa frauta unha melodía que nos hipnotiza e atrae para guiarnos a un país e a un tempo do futuro máis xusto e solidario. En ‘Bertoldo, Bertoldino e Cacaseno’, el sería Bertoldo, home capaz, grazas ao seu enxeño, de enfrontar e derrotar a estúpida arrogancia dos poderes máis opresores. Se refundimos ou hibridamos as mellores capacidades de Bertoldo, o labrego, e as do músico de Hamelín, sáenos Xulio do Canelo!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo
