Son días de soutar castañas. Despois de apañalas podemos comelas de mil maneiras. Ou gardalas. Hai quen as seca nos sequeiros para máis adiante saborealas mentres se vai consumindo o inverno, sexan crúas secas con casca (maiolas) ou pisadas, cocidas con casca (mamotas), asadas ou peladas, ou, quen sabe, se, por que non, en confeito. Non chegarán a maio as castañas chamadas maiolas, aquelas que o día primeiro na festa dos maios en Mondoñedo, se aínda quedaba algunha na reserva, se repartían entre a picaraxada e os pobres.
Xa case ninguén se lembra dos zonchos, aqueles colares que se facían con castañas cocidas ou asadas. Por cada unha que se comía, librábase unha ánima do Purgatorio. Tamén queda libre de penas de ultratumba unha almiña cando estoura unha castaña enriba das brasas. Polo Cebreiro na noite do día de Santos, segundo Xabier Moure, a rapazada facía un percorrido polas casas do lugar ao tempo que comían castañas. Cada castaña comida, unha alma liberada de penar.
O mesmo sucede nos magostos, no festexar colectivo que ademais de darlle gusto ao noso bandullo tamén nutre o espírito dos nosos mortos. En tempos, as castañas asábanse e comíanse no sagrado, ben no adro, ben incluso no interior das igrexas. O antropólogo Manuel Mandianes afirma que as castañas son o pan dos mortos.
As castañas críanse nos ourizos, a tenda de campaña do Chinchaollo descrito por Cunqueiro. É posible que Cunqueiro cando retratou este ser no artigo “De duendes y de castañas” publicado en El Progreso o 13 de setembro de 1959 xa tivese lido un poema de Neruda titulado ‘Oda a una castaña en el suelo’. “En lo alto abandonaste / el erizado erizo / que entreabrió sus espinas / en la luz del castaño / por esa partidura / viste el mundo / pájaros / llenos de sílabas / rocío / con estrellas / y abajo / cabezas de muchachos / y muchachas…”.
Cunqueiro asegura que galeguizou o Chincharelle piamontés e o Shakereye dos ingleses para contarnos que cada mil ourizos hai un baleiro. Deixouno libre o Chinchaollo, un ser que asemella un ollo por unha cara cunha capa córnea negra da que saen vinte e catro patas brancas e pilosas. As pestanas son como pequenas plumas de color azul, asubía moi ben e imita o canto de todos os paxaros agás o do cuco. Parece ser que espía a quen pasa, e cando o que se achega é un vareador de castañas, o Chinchaollo lánzalle aos ollos o ourizo onde mora. Mentres o vareador chora pola dor que sente e pide auxilio, xa está o Chinchaollo noutro escondedoiro.
E xa que falamos de ourizos e de ollos, aproveitamos para contar que a Virxe das Ermidas, con santuario moi visitado no concello do Bolo (Ourense), curou a un devoto ao que se lle cravaran nun ollo dúas das espiñas dun ourizo. Por tres meses non houbo maneira de sacarllas. Padeceu moitas dores. Nin con pinzas nin con outro remedio, conseguiron retirarllas ata que lle prometeu á Virxe das Ermidas unha novena. Cumprida a ofrenda, ao terceiro día caeulle unha daquelas espiñas e ao sétimo, a outra. Ninguén aclarou se o damnificado era ou non un vareador, ocasional ou profesional, de castañas!
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo