ANDEL DE MARABILLAS

Serie de artigos semanais en El Progreso de Lugo desde o 27 de xaneiro de 2020.


Munehiro Ikeda

Estes días pasados andamos por Melide por mor da gravación da polafía que organizou alí a sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Reunímonos no Museo da Terra de Melide onde nos atenderon coa xenerosidade e a sapiencia acostumadas, Cristina Vázquez e Xurxo Broz. Escoitamos ao gaiteiro Suso Ascariz, conversamos co zapateiro artesán Ramón Laia e co poeta Antom Laia, escoitamos as músicas e os cantos dos Melidaos e gozamos coa mestría e bo facer do profesorado e alumnado da escola de baile e música tradicional Herba Grileira. De sobremesa, ademais dos extraordinarios melindres, amendoados e ricos que elaboran, Alberto Rodríguez da cafetería e pastelería Estilo, amosounos un exemplar dun libro excepcional; unha guía rara do Camiño de Santiago, debuxada e anotada polo artista xaponés Munehiro Ikeda (Tokio, 1939) e que levaría por título, de traducilo o máis literal posible, algo así como “Pintura en rolo do camiño peregrino. Viaxe á escultura románica”.

Munehiro Ikeda foi profesor da universidade de Musasino, escultor e pintor moi premiado, ademais de karateca de prestixio no seu país, viaxou por primeira vez por España entre 1983 e 1984 aínda que xa estivera en Madrid e Compostela en 1982. Botou un ano percorrendo o Camiño Francés a Santiago desde Roncesvalles ata Fisterra. O seu interese inicial era estudar o románico español e acabou publicando un singular caderno ou guía de viaxe, unha sorte de Calixtino do século XX feito á man con bosquexos e debuxos precisos e preciosos que inclúen elementos orográficos e curvas de nivel, con notas breves pero tan curiosas como os números de teléfono dos lugares onde pasar a noite ou comer. Contaba cunha bolsa da Axencia de Asuntos Culturais do Xapón.

O orixinal, que forma parte dos fondos do Museo das Peregrinacións de Compostela, debuxouno nun gran rolo de papel de arroz con trazos limpos e delicados, cheos de vida e cor. A versión en libro publicouse en Tokio en 1990, conta con máis de 700 páxinas, 530 mapas e 970 debuxos. A Xunta de Galicia reeditouno en edición bilingüe español-xaponés en 1999. Munehiro Ikeda fixo o Camiño desde entón, aínda que non sempre completo, ata en catro ocasións. A última vez que pisou Galicia foi en 2017 para participar no Encontro de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada.

Probablemente en cada aldea ou vila do Camiño Francés poderemos escoitar varias anécdotas e curiosidades arredor deste artista xaponés. Xente que o coñeceu e que compartiu con el esa paixón por debuxalo todo: rueiros, casas, cruceiros ou capelas, capiteis ou pontes que hoxe fan deste caderno un clásico.

Algunhas persoas e bibliotecas galegas contan cun exemplar desta xoia bibliográfica, a primeira en xaponés do Camiño de Santiago. Entre esas xentes está a familia propietaria da pastelería Estilo de Melide que conservan, cal tesouro en pano de ouro, este exemplar e algúns afectos máis catálogos, postais, calendarios, fotografías…― entregados persoalmente ou remitidos desde o afastado este por Munehiro Ikeda en agradecemento polas atencións e amabilidade que lle dispensaron.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 22 de novembro de 2021.


Tapefobia

Hai uns días na xornada de literatura de tradición oral falamos de diferentes tipos de medo e un que se comentou foi o que se chama tapefobia, tapofobia ou tafofobia (de ‘taphos’, sepulcro), pánico que teñen algunhas persoas a seren enterradas con vida. Como en todo tipo de fobias, esta xerou moita literatura e moitas noticias, algunhas verdadeiras e outras falsas, describindo inventos e ocorrencias para evitar que tal cousa puidese chegar a suceder.

Circularon e circulan rumores describindo casos arrepiantes como atopar, un tempo despois do soterramento, cadáveres remexidos dentro do ataúde, rostros convulsionados, rascaduras no corpo e nas paredes interiores da caixa e outras evidencias de que o morto non estaba ben morto cando lle deron sepultura.

Disque os velorios —a palabra procede do latín “vigilare”— non se idearon para acompañar senón para vixiar en comunidade e durante un tempo se o morto o estaba ou non. Vese que a catalepsia, esa perda momentánea da mobilidade e sensibilidade do corpo, xa deu que falar e que pensar desde tempos recuados.

No século XIX fundouse no Reino Unido unha sociedade para a prevención de persoas enterradas vivas que facía moitas recomendacións para instalar remedios e alarmas dentro dos ataúdes que axudasen ao vivo, aparentemente morto, en caso de espertar para avisar do seu estado. Un destes inventos, atribuído a George Bateson consistía en colocar unha campá de ferro na tapa do cadaleito e conectala cunha corda á man do morto de maneira que, de moverse, accionase o badalo e avisase da súa lúgubre situación. A Bateson, que se fixo rico co invento, non lle foi de aplicación o seu remedio que, por certo, pode ser a orixe da expresión: Salvado pola campá! Bateson entoleceu e inmolouse ao bonzo en 1886.

Ao duque de Vellington falecido en 1858 tivérono dous meses en observación ata que se decidiu que estaba efectivamente morto e se podía enterrar. G. Washington, primeiro presidente dos USA, pediu que deixasen pasar 78 horas desde o hipotético falecemento ata a inhumación. H. C. Andersen pediu que lle abrisen as veas antes de enterralo e sempre que viaxaba poñía a carón do corpo unha nota que dicía: Non estou morto; só estou durmido!

Outros pediron por vía testamentaria que os decapitasen antes de levalos á fosa e o médico Timothy Clark Smith, de Vermont (USA), falecido en 1893 ideou un sofisticado sistema de reacción en caso de que tal cousa sucedese.  Comunicou o leito onde depositarían o seu cadáver co exterior cunha cheminea rematada nun cristal translúcido de maneira que se berraba o tubo amplificase a voz, e se espertaba, puidese saber se era de día ou de noite.

Allan Poe fíxose eco da preocupación social sobre o asunto e escribiu en 1844 un relato aterrecedor titulado “O enterro prematuro”. O narrador, despois de comentar varios casos supostamente reais, describe con profusión de detalles o estado cataléptico que padece. Consciente do risco que corre de que o enterren vivo, fai unha serie de obras e instala artefactos preventivos no panteón familiar. Todo tería que funcionar á perfección en caso de precisalo pero©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 15 de novembro de 2021.


Galician Folktales

Acaba de ver a luz un libro transcendental para achegar ao resto do mundo o inmenso patrimonio inmaterial que representan os nosos contos populares de tradición oral. A obra titúlase “Catalogue of Galician Folktales”, publícaa en inglés a The Kalevala Society de Helsinki e a autoría corresponde á catedrática emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia Campos.

A profesora Camiño Noia é unha especialista que dedicou unha boa parte da súa vida a investigar, catalogar e divulgar os nosos contos populares. Publicou numerosos artigos sobre o asunto, ademais de dous libros imprescindibles que preceden a este: “Contos galegos de tradición oral” (Nigratrea, 2002) e o “Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral” (Universidade de Vigo, 2010), obra de obrigada consulta para quen desexe ter un coñecemento cabal destas importantes manifestacións da nosa literatura oral.

O catálogo dos contos populares galegos de Camiño Noia —inclúense os das comarcas galegofalantes alén da Galicia administrativa— segue o sistema de clasificación universal coñecido coas abreviaturas ATU, letras que corresponden aos apelidos dos tres folcloristas que lle deron sucesivamente a forma ao método impulsado polo finés Antti Aarne, continuado polo norteamericano Stith Thompson e revisado e ampliado polo alemán Hans-Jörg Uther, quen publicou en 2004 os tres volumes da última, polo de agora, versión do  “The Types of International Folktales: A Classification and Bibliography. Based on the system of Antti Aarne and Stith Thompson”.

Este sistema clasifica os contos seguindo un criterio histórico-xeográfico cunha serie de índices temáticos ou tipos, coas súas versións, variantes e motivos aos que se van incorporando os catálogos tipolóxicos que se van elaborando —como é o caso do galego— doutros países e áreas xeográficas do mundo.

No caso do catálogo galego, a autora referencia 630 tipos e subtipos coa anotación das versións e variantes, tanto as procedentes directamente dos traballos de recollida que se desenvolveron en Galicia e áreas galegofalantes desde o século XIX en adiante como as que se recrearon literariamente. A autora, ademais, propón 140 novos tipos ou subtipos a engadir ao catálogo internacional. O apartado bibliográfico  inclúe listaxe de catálogos e coleccións de etnotextos.

O “Catalogue of Galician Folktales” que agora se publica prescinde das versións de mostra de cada tipo pero inclúe o seu argumento, ademais das referencias bibliográficas correspondentes. A partir deste libro os “Contos da provincia de Lugo”, recollidos e publicados polo Colexio Fingoi en 1963 ou, por poñer só dous exemplos, os que recolleu o Equipo Chaira en Abadín e A Pontenova, publicados en “Da fala dos brañegos”, “Polavila na Pontenova” ou na colección Cabalo Buligán quedan dispostos e accesibles para incorporar ao sistema universal o que permitirá, e non é pouco, que o mundo saiba que existen. A nós, individual e institucionalmente, só nos queda decatarnos de que os nosos contos de tradición oral constitúen un tesouro que deberamos esforzarnos en coñecer, conservar e perpetuar.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 8 de novembro de 2021.


Todos os Santos

O pasado 1 de novembro, día de Todos os Santos, a igrexa católica de rito latino honrou a aqueles fieis que superaron as probas de purificación e gozan da vida eterna, os que acadaron a santidade pero que non figura o seu nome propio no santoral. O día 2 dedícase a ofrendar a memoria dos Fieis Defuntos, os que faleceron pero que se supón que non superaron aínda a fronteira que deslinda o antigo Catarterio ou Purgatorio do beatífico Ceo. Quedan excluídos destas celebracións os máis de sete mil santos e santas, beatos e beatas canonizados que figuran no Martiriloxio Romano e tamén, naturalmente, os vivos.

A igrexa tardou en fixar con carácter definitivo estas dúas celebracións. Tras as grandes persecucións decretadas contra os cristiáns por Diocleciano no s. IV, nas que moitos deles foron torturados e asasinados, un gran número destes perseguidos foron considerados mártires. Tempo despois, para lembrar a morte destes mártires a igrexa fixou como data para lembrar o seu exemplo e memoria o 21 de febreiro, pois coincidía co final das Parentalia, festas nas que os romanos lembraban os seus defuntos.

No s. VII, San Isidoro di que se celebraba uns 20 días antes da Pascua. No 610, o papa Bonifacio IV consagrou o Panteón de Roma aos mártires e fixou no 13 de maio a honra de Todos os Santos xa que os romanos celebraban nestas datas as Lemuria para acougar as perigosísimas ánimas chamadas lémures.

Por fin, no s. VIII, o papa Gregorio III estableceu como data de conmemoración de Todos os Santos e Fieis Defuntos os días 1 e 2 de novembro para que coincidise coa do Samaín do mundo céltico, aínda que non vai ser ata o s. XIV cando Roma decide oficializar o culto aos mortos o 2 de novembro. Entón as festas romanas denominadas Parentalia xa estaban esquecidas pero non o Samaín, fin e inicio do ano celta. Os americanos do norte, como saben, trouxéronnos de volta, inspirándose na mesma celebración que lles levaran os irlandeses, o Halloween.

Xa nos tempos de Guevara, bispo de Mondoñedo no s. XVI, andaban os mozos polas portas de falcatruada e pedindo comida nestas noites de primeiros de novembro, como facían ata hai pouco os mozos do Cebreiro cando ían de porta en porta na noite de Santos, comendo castañas pois cada castaña que se come deixa unha ánima purgada.

Engadámoslle a todo isto a tradición dos calacús que consiste en baleirar cabazas, pórlles unha candea acendida no interior, decoralas ou recortalas para simular caveiras de defuntos. Divirtámonos nos magostos asando castañas, froito funerario, sabendo que cando estouran no lume queda libre do Purgatorio unha ánima.

Coas visitas  e ofrendas que practicamos nos camposantos, rito a rito imos completando unha longa tradición que sintetiza crenzas nas que os vivos nos lembramos dos mortos, purificados ou en proceso, e de que nós mesmos somos candidatos seguros a migrar cara ese estado. As datas escollidas para esta celebración, cando chegan os fríos outonais que anuncian a hibernación ou morte temporal da Natureza, non son casuais.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 5 de novembro de 2021.


O medo é libre

Baixo o reclamo que lle dá título a este artigo imos tratar na XIV Xornada de Literatura Oral −vai ter lugar o próximo 30 de outubro en Lugo− sobre o medo con varios relatorios e mesas nas que imos participar con Ana Carreira, Federico Martín Nebras, Lidia Mariño, Benxamín Otero, Cesáreo Sánchez e Lois Pérez.

O medo é o temor xeralmente irreflexivo ao descoñecido e unha das emocións básicas, primarias e universais do ser humano e tamén dos animais. O medo está asociado ao non coñecido e á necesidade de saber, de coñecer tanto o estraño externo como o que habita en nós.

Podemos distinguir, por simplificar, dous tipos de medo. Un que actúa en nós como mecanismo intrínseco imprescindible para a nosa propia supervivencia. Trátase dun medo que hai que aprender a modular, unha emoción que forma parte da nosa herdanza cultural e da propia experiencia. Este tipo de medo funcional énos moi útil pois sérvenos para detectar e prever os perigos que nos poden afectar física ou psicoloxicamente. Evita, por exemplo, que padezamos as consecuencias do descoñecemento dos perigos para a nosa propia existencia.

O outro gran tipo de medo é o que exercen uns conxéneres sobre outros de múltiples maneiras, mediante toda clase de medios e coa finalidade exclusiva de torturaranos e someternos á vontade dunha persoa, dun grupo ou dun poder tirano. Este tipo de medo é, probablemente, a arma máis poderosa que existe.

Sobran os exemplos do uso político e relixioso do medo. Abondan uns nomes para lembralo. Calígula, Hitler…, a Inquisición, o Inferno, as guerras, o terrorismo… sempre coa imprescindible −e ás veces imperceptible− colaboración de medios de comunicación, da publicidade, do boca a boca, do cine, do teatro e tamén da literatura.

Hai medos racionais e medos irracionais que ás veces precisan tratamento médico. Desde o campo da psicoloxía distínguense moitos máis tipos de medo pero sobre todo estúdanse e avalíanse terapias para tratar os medos disfuncionais, os que non obedecen, en principio, a nada real  e no que se inclúen fobias e aprehensións de todo tipo como o medo a voar, a nadar, a certos animais, a unha invasión marciana, ás pragas, a pasar fame, aos violadores, a ser enterrado vivo, e a… en definitiva, sufrir, padecer ou morrer. E tamén existe, por suposto, un imaxinario do medo.

Ás veces o medo recréase simbólica e culturalmente a través de animais reais como o lobo, as serpes e outros considerados velenosos ou nocivos como sapos, arañas, lagartos…. O caldo de cultivo sobre o que se constrúen estes medos soe ser a credulidade e certos intereses.

Todos estes medos forman parte das culturas populares universais. O medo é antigo como o mundo e por iso é recorrente a recreación do medo en mitos, lendas e contos coa súa correspondente lección ou ensinanza moral que aplicar. Os cocos que amedrentan as crianzas, os violadores, os estranxeiros e os extraterrestres, os monstros, a propia morte e nós mesmos cando morremos e nos transformamos en ánimas somos axentes do medo.

Mais, quen dixo medo! Achéguese ao salón de actos da Deputación e falamos!

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 25 de outubro de 2021.


A orixe das San Lucas

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 18 de outubro de 2021.


Roseiras de rosas roxas

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 11 de outubro de 2021.


Letra das Festas

Esta Semana Maior de Lugo trae, como cada ano desde 2011, unha nova edición, a nº 11, da revista oral do San Froilán, unha iniciativa da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que contou desde os comezos co patrocinio do Concello de Lugo. Desta volta, como os felices partos que sempre desexamos, vén con dous fermosos pans debaixo do sobrazo.

Déixenme falarlles primeiro do número ordinario da revista deste ano que ten por tema “O San Froilán en-foco: Memoria das festas tras o visor dunha cámara fotográfica”. Nela participarán artistas da imaxe que proxectarán e comentarán algunhas tomas históricas e outras rexistradas por eles e elas sobre distintos aspectos das festas de San Froilán. Tomen nota dos seus nomes —Pepe Álvez, Óscar Cela, Eduardo Ochoa, Adra Pallón, Bego Pérez, César Quijada e Aída Soengas— e apunten na axenda o mércores, día 6, ás 18:30h, no auditorio do Vello Cárcere. A parte musical correrá a cargo do virtuoso, Luis Monsalve.

A segunda novidade é a publicación dun libro —presentarase o día 7—que recolle a memoria dos dez primeiros anos desta revista oral dentro da prestixiosa colección “O San Froilán dos devanceiros” que edita o Concello de Lugo desde hai 18 anos. O libro, “Letra das Festas 2011-2020”, reproduce a inmensa maioría das intervencións que se foron sucedendo durante este período e que tratan dos máis variados temas.

Anécdotas e sucedidos, historias de tolos, chalados e traslidos, lembranzas de desastres naturais, sucesos criminais e mentes facinorosas, historias e anécdotas do pulpo (tamén chamado polbo). Como cada ano se propuxo aos convidados centrarse nun tema concreto, tamén se falou de xente daquela maneira –fatos, falsarios, estafadores, impostores, carteiristas, malpocados, aluados–, popurrí de orquestras, bises e verbenas e a memoria do fútbol en relación co San Froilán, coas súas lorchas e punteirolos. A isto engadimos que cada un dos números tivo a correspondente sección musical con actuacións xeralmente relacionadas co tema proposto. Unha posta en escena que sempre procuramos instrutiva, lúdica e divulgativa.

Os responsables da edición desta publicación, Lois Pérez e mais un servidor, quixemos dedicarlla ao compañeiro e amigo Isidro Novo, cuxo pasamento nos sorprendeu o 1 de febreiro de 2018. Porque estivo desde o inicio, porque participou activamente en todos os números e porque, entre outras mil razóns máis, nos agasallou aos alí presentes o ano que lle dedicamos a revista ao polvo cun poema do que extractamos estes versos: “No san Froilán Lugo cambia o seu escudo / o azur vira en gules de salsa tinta / e canta cousa hai nel torna distinta / por culpa dese animal tan rabudo / que ten sona de caletre moi agudo / e sabor contraposto á súa pinta”.

O poema publícase completo no libro, xunto coas intervencións de preto de cen persoas que foron quen puxeron ao longo destes dez anos as súas memorias e experiencias ao servizo da nosa ansia por saber o que pasou no San Froilán doutros tempos. Para todas elas, sempre co noso agradecemento!

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 4 de outubro de 2021.


Poesía enteira de Isidro Novo

Este 1 de outubro preséntase (adiada a presentación sine díe!) no auditorio do Vello Cárcere de Lugo o libro ‘Poesía galega reunida (1991-2017)’, obra de Isidro Novo que edita Galaxia na colección Letras Galegas: Clásicos co patrocinio da área de Cultura do Concello de Lugo.

Os responsables desta edición son os investigadores lucenses J. Luís Calvo Vidal e Yago Rodríguez Yáñez, quen, coa colaboración imprescindible da familia de Isidro, reúnen aquí os seus tres poemarios publicados en vida –’Dende unha nada núa’ (1997), ‘Esteiro de noites falecidas’ (2007) e ‘CO2’ (2017)–, unha serie de poemas de orixe dispersa en publicacións diversas e volumes colectivos, e catro poemarios inéditos: ‘Sinopse’, ‘Sonetario impertinente’, ‘Sen ramal’ e ‘De tanto amar a Dores’, aos que se engaden algúns poemas soltos, tamén inéditos.

Con textos con reflexións do propio Isidro Novo sobre a poesía e un apéndice con obra do malogrado poeta de Viveiro, Antonio Novo Teixeiro (1970-1988), complétase a necesaria e incluso urxente unificación da obra poética en galego de Isidro Novo, cando menos por estes dous motivos. O máis importante, para que o excelente –e descoñecido– quefacer poético de Isidro Novo se coñeza a partir de agora máis alá da limitada caixa de resonancia dos seus libros publicados e para que quen xa coñecese a súa obra publicada, teña agora a posibilidade, nunha soa entrega, de gozar do conxunto de toda a súa poesía. Para todas e todos os demais, esta novidade editorial será como unha airada fresca con arrecendo a obra moi persoal e actual, dificilmente encadrable nas correntes establecidas pola crítica.

Até cando o sorprendeu a morte o 1 de febreiro de 2018, Isidro Novo exerceu o labor da creación poética coa paixón dun militante de base. Afastado de modas e ismos e de grupos xeracionais foinos deixando a súa visión do mundo. Nada é alleo á obra poética de Isidro Novo. Nin as técnicas nin os temas que versifica –sociais, políticos, medioambientais, amorosos–, case sempre enganchados a un presente con espírito crítico, facendo uso dun humor fino e de reflexións que ispen as miserias humanas da cacarexada sociedade do benestar.

Isidro Novo era un home alegre cun corazón aberto exclusivamente á bondade e á beleza, querenza que se manifesta de mil maneiras nestes poemas. Na rúa Bispo Aguirre de Lugo, na casa que foi a súa última morada terreal hai unha placa que o resume: “Poeta, narrador, recitador, acubillador de palabras esquecidas, persoa doce e afable. Xograr da gravidade. Transeúnte en tránsito”.

Antes de rematar  e de animalos a ler este libro déixenme facerlles unha penúltima recomendación. Reparen na introdución e nos comentarios precisos asinados polos responsables da edición. Ámbolos dous, amais de grandes coñecedores da obra de Isidro Novo, son recoñecidos especialistas en materia poética como avalan outros traballos de seu anteriores.

Como diría o propio Isidro, esta poesía é “como os estados da materia: sólida, líquida e gasosa”, que de todo hai, sempre aboiando na tona da excelencia, na obra deste enorme poeta.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 27 de setembro de 2021.


Censo de sereas (II)

Proseguimos con noticias de sereas galegas aveciñadas en augas salgadas. Os Mariño de Lobeira e os Padín, apelidos de avoengo, son herdeiros directos dunha serea. Os Padín, ademais de ter por Eva unha serea, teñen por Adán ao paladín –padín– Roldán que seica non morreu en Roncesvalles como din as crónicas francófonas senón na illa de Sálvora. Disque fuxiu da fronte de batalla e ancorou nesta illa galega na que se namorou dunha serea, tiveron sexo e procrearon o primeiro Padín.

A historia da orixe dos Mariño aparece por primeira vez no ‘Livro das Linhagens’ de Pedro Afonso, fillo do rei Don Dinis de Portugal, escrito a principios do s. XIV, texto cuxa autoría se atribuíu ao poeta galego Paio Gómez Chariño. Un devanceiro desta casa viu sobre unhas rochas da beiramar varios seres mariños espidos, de ambos sexos, tomando o sol. Mentres os demais desapareceron entre as augas, o home apresou unha femia e levouna para a casa. Tiña o coiro groso e cuberto de escamas, mais cando a espiron de todo daquel groso celofán resultou ser unha muller moi fermosa con todas partes no seu sitio, aínda que muda. Da relación entrambos naceu o primeiro Mariño.

O mito da orixe dos Mariño foi adaptado, mediante o preceptivo bautismo, á ortodoxia cristiá. Tivo fortuna na transmisión oral, especialmente na beiramar galega e parécese moito a outros relatos que se contan nas costas de Bretaña e Irlanda. Forma parte da representación heráldica deste apelido e Castelao fixo uso da imaxe da serea para o deseño dunha proposta de escudo de Galiza.

Segundo Cunqueiro, un avó paterno seu era da familia dos Mariño de Lobeira e, polo tanto, el tiña sangue daquela serea que, segundo Carré Alvarellos, foi cristianizada como Mariña. Comezou a falar cando o seu namorado, un tal Froilán, amagou con botar ao lume de San Xoán aquel primeiro fillo. Ela co susto, ao tentar berrar cuspiu unha masa que tiña na gorxa que lle impedía vocalizar e, unha vez liberada do atranco, dixo por primeira vez unha palabra: fillo!

E que lles vou contar da Maruxaina, que non saiban xa! En San Cibrao de Cervo celébrase desde 1985 cada segundo sábado de agosto a Festa da Maruxaina na que se representa a captura, desembarco e xuízo da serea Maruxaina. Normalmente, a serea sae airosa da proba polo que a devolven sen condena aos Farallóns. En caso de resultar culpable, quéimana. Parece que esta serea provocaba que os mariñeiros atraídos polos seus cantos sufriran regulares naufraxios naquelas augas.

Porén, hai quen opina que protexe os mariñeiros, que pasa o tempo fiando e cando se aveciña temporal sobe a un penedo e sopra o corno para dar aviso de que non se debe saír faenar.
En San Cibrao asustan os nenos coa Maruxaina e dinlles que se non se portan ben, vén a Maruxaina e lévaos aos Farallóns. Maruxaina é tamén o nome duns paxaros semellantes aos paíños que anuncian tempestade no mar. Non sabemos de que ave se trata pero cómpre lembrar que esta circunstancia fai lembrar as sereas primixenias que tiñan, como dixemos, figura de aves.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 20 de setembro de 2021.


Censo de sereas (I)

Traballo con irregular dedicación no que pode chegar a ser algún día un censo de sereas circunscrito, iso si, ás augas xurisdicionais galegas. Anoto todo o que ten que ver con estes seres acuáticos, sempre e cando fosen avistados no que se considera mar territorial de noso en aplicación dos acordos internacionais, engadindo que para min son tamén galegas todas aquelas sereas que de falaren, residan onde residan, se expresen preferentemente en galego. Que non todas falan, que é ben sabido que hai sereas mudas, dato coñecido máis non sempre recoñecido.

O primeiro que habería que contar é que aspecto teñen. A aparencia máis común é a de seres híbridos, muller de medio corpo para arriba e peixe —non hai unanimidade en canto a se locen escamas ou non— de cintura para abaixo. O nome é de orixe grega e parece que antes de consolidarse a súa figura como mulleres-peixe foron mulleres-paxaro tal e como se describen na Odisea e nalgún avistamento na costa galega. O seu poder, amais da irresistible beleza, da que son conscientes pois levan canda si peite e espello de ouro no que se admiran de continuo, está no seu canto, un poder co que anulan  a vontade dos inxenuos mariñeiros. Disque son bipolares, que  poden anunciar tempos de bonanza ou funestas traxedias. Tamén conviña distinguir entre as sereas mariñas, das que falamos hoxe e que soen deixarse ver en cons, furnas e farallóns, e as de auga doce que trataremos noutro momento.

Sobre a realidade ou non destas anfibias mariñas, don Vicente Risco cría que non as había, que en todo caso se convertían en sereas aquelas mulleres que acababan en mulleres-peixe por efecto da maldición da nai que un día, enrabechada, lle dicía a unha filla: En peixe sejas tu feita!

Enrique Chao Espina en cambio, acredita na súa existencia e distingue as sereas boas das malvadas. Das primeiras pon como exemplo a que reside nas proximidades da Cova da Doncela de Viveiro, xenerosa e xentil, da que Nicomedes Pastor Díaz tirou proveito en “La Sirenita del Norte”. Das malvadas pon tamén exemplos, e para el serían as que causarían toda clase de males  e orixe de topónimos como Eiván, Marván ou  Somozas.

Poñamos agora dous exemplos de sereas, unha inofensiva e outra terrorífica. A primeira vive nunha cova da praia de Mogor, en Marín. Só se deixa ver os días de sol, no luscofusco. Nese punto, a serea, moi fermosa, sobe enriba dun penedo que sobresae do mar preto da praia e queda alí, contemplativa, ata que anoitece e regresa á súa cova.

A outra pode agoirar a morte ou causar un mal irremediable. Vive na Cova da Lontra, da Londra ou da Alondra, cabo do Penedo da Banda do Río, en Bueu. Fálase dunha nena que se converteu en serea e que cada vez que saía cantar polas noites morría alguén. Hai quen afirma que ten figura de ave enorme que sae de noite comer peixes. Cando pasa algún barco dá grandes berros e desprega unhas enormes ás arredor  del para logo devorar co seu peteiro toda a tripulación. Intentaron matala pero ninguén o conseguiu. Hai tempo que non se ve.

Continuará!

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 13 de setembro de 2021.


O Cristo do Fiouco

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 6 de setembro de 2021.


Agosto

Vaise agosto coa súa recua de romaxes e festas. Desde as Neves, San Lourenzo, San Roque, San Bartolo, Conde Santo ou San Ramón coa Maruxaina, Naseiro, o Mercado Medieval de Mondoñedo e tantos outros sucesos festivos que enchen o ceo de estoupidos e os terreiros, a pesar de todo, de rexouba.

En Lugo deberamos facer festivo todo o mes de agosto por dobre motivo. O primeiro por chamarse así, un capricho do emperador Octavius Augustus quen, para non ser menos ca Iulius Cesar que xa fixera o mesmo co mes precedente, púxolle o seu nome ao mes sextilis no ano 24 a. d. C. Engadiulle dous días para que non fose menos ca xullo. O ano romano tiña dez meses e comezaba en marzo ata que lle achegaron xaneiro e febreiro, primeiro a final de ano, a continuación do mes dez (decembro) e despois, como agora están, a principios.

A segunda razón sería que no mundo céltico este mes estaba dedicado a Lugh e comezaba coa celebración da festa de Lughnasadh. Lugh, a divindade cimeira do panteón pancéltico, é unha das hipotéticas etimoloxías de Lugo, o nome da provincia e da capital. Ademais Augusti acompaña a Lucus no topónimo dos tempos latinos. Ao meu modesto entender, abondarían estas dúas razóns para declarar festas de gardar todos e cada un dos 31 días de agosto.

As luces para tanto día de festa poñeríanas gratis as Perseidas ou Lágrimas de San Lourenzo, a chuvia de fragmentos de cometa que brillan cando impactan coa atmosfera.

Non hai tanto tempo, a inmensa maioría da poboación rural, que era case toda a da provincia de Lugo, dedicaba a primeira quincena deste mes estival a rematar as segas e a facer as mallas do trigo e do centeo, e a segunda a sementar os nabos que tantas fames de xente e gando, xunto coas patacas, matarían polo inverno adiante. Desapareceron os vellos ritos do espírito do gran que se agachaban na última gavela segada, segundo investigacións de Bouza Brey, Ben-Cho-Sey e Alonso Romero, e que se reencarnaban en animais como a araña, a raposa ou o cabalo… Cando afrouxaban os traballos agrícolas, algúns homes e mulleres aproveitaban para achegarse á costa e remollarse cos rituais nove baños.

Agosto era o mes das mallas, de separar o gran da palla e de almacenalo para amasar e cocer pan o resto do ano. E tamén o da preparación da inminente vendima, por iso, nos mensuarios medievais aparece representado como un home manipulando un mallo ou un bocoi.

Se alguén quere saber o tempo que vai facer o ano que vén, pode practicar estes días a ciencia das cabañuelas. Hainas de ida e volta. As de ida consisten en observar o tempo desde o día 1 ao 12 e saberase por adiantado o tempo que vai facer nas primeiras quincenas dos doce meses do ano que vén. As de volta consisten en realizar a mesma observación desde o día 13 ao 24 de agosto, e cos resultados establécese un prognóstico para as segundas quincenas dos meses de 2022.

Non sempre acertan, pero esa xente profesional que dá o tempo día a día, case hora a hora, en xornais e outros medios e páxinas web tampouco atina moito e hai que ver a diferenza de custos duns e doutros métodos.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 30 de agosto de 2021.


Segredos de Foz

O pasado 12 de agosto tiven a honra de compartir mesa co crítico literario Ángel Basanta e co xornalista e escritor Carlos G. Reigosa para presentar na Casa de Cultura ‘Manuel María’ de Foz a novela “Segredos de Bretaña” (Xerais, 2016). Non se trataba, pois, da posta de largo dunha novidade editorial senón dunha chamada de atención sobre o descoñecido vencello da historia que se conta nesta obra con Foz (Bretaña) e, por extensión, con toda a Mariña (a Bretaña galega en palabras de Cunqueiro) e coas terras altas brañegas que lle fan as beiras. O acto, organizado por Librería Bahía, contou coa asistencia de numeroso público.

O da Pastoriza, Carlos G. Reigosa, goza de grande recoñecemento entre os lectores galegos desde que se publicou, tras recibir o premio Xerais 1982, “Crime en Compostela”. Novela que enceta o xénero negro en galego e que figura entre as nosas máis vendidas. Tras esta obra viñeron outras moitas, a maioría en galego pero tamén en castelán, e ensaios como “El regreso de los maquis” ou “La agonía del león”, polos que Reigosa tamén é considerado un especialista no campo da investigación sobre guerrilleiros, fuxidos e maquis durante o franquismo.

Segredos de Bretaña” ten o epicentro en Foz pero os múltiples personaxes que lle dan corpo deambulan polas terras circundantes, tanto da Mariña como da Montaña. O peso da investigación lévao o xornalista e escritor Isauro Guillén Márquez, instigado desde a noticia de apertura, a desaparición hai anos da moza María Ledo, pola pousadeira “escrutadora, desinhibida”, Esperanza Rielo.

Amais de pola intriga que nos conduce pola memoria da posguerra, quen se achegue a esta novela quedará atrapado pola certeira introspección psicolóxica que nos fai o autor dos personaxes principais. Reservados, curiosos, cautos pero tamén astutos e decididos. Confróntanse aquí o pensamento lóxico e racional do detective profesional coa tradición máxica, a praxe policial coa fantasía intuitiva que tira do nobelo sempre atractivo das crenzas populares.

Tamén se confrontan as maneiras de entender a vida destas xeografías, as do mundo do mar e as brañegas que se soen tratar entre si con indiferenza, con formas de pensar distantes a pesar de seren veciñas.

A novela está inzada de reflexións e interrogantes sobre múltiples asuntos, desde o propio oficio de escribir ou contar ata as lecturas que cadaquén fai dun pasado, con matices ben diferenciados, traumáticos e inzados de odio, represión e medo.

O contrapunto pono unha organización que se denomina Mesa Redonda da Bretaña do Sur, unha especie de consello de sabios que representan a memoria espiritual, que nos conduce por uns evanescentes camiños de rei Artur e do mago Merlín, e que son máis partidarios da memoria mítica que da verdade verdadeira. Unha homenaxe a Cunqueiro que foi quen, no seu día, dixo aquilo das tres Bretañas, a anglosaxoa, a francesa e a galega con centro de gravitación nesta Bretaña do Sur; ou sexa, Foz.

Lector ou lectora, “Segredos de Bretaña” non o defraudará. Ao contrario, guiarao liña a liña, desde a primeira á última páxina, sen que apenas poida respirar.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 23 de agosto de 2021.


O carballo do Aláparo

Poucas veces se repara no patrimonio inmaterial asociado a un ben patrimonial material ou natural para incluílo nos catálogos oficiais que deben garantir a súa preservación e protección. Agardamos que este sexa o caso do Carballo da Chá, que está en Vilachá de Salvadur, no concello da Pobra de Brollón, e para o que a Asociación de Veciños solicita a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras. A razón non é, nesta ocasión, a súa antigüidade (apenas 200 anos), nin o seu porte, nin ningunha outra característica vencellada a santuarios ou ritos sociais senón que, como aseguran, debaixo desta árbore está soterrado o Aláparo.

Parabéns entusiastas aos promotores desta iniciativa que tanto celebramos e que agardamos que o órgano competente da Xunta considere e aprobe. De ser así, como desexamos, sentaría un extraordinario precedente que abriría a porta a acubillar baixo a protección pública milleiros de lugares con lenda como fontes, pozos, lagoas, rochas, covas e un longo etcétera no que serían moitas tamén as árbores a incluír.

Contan en Salvadur, segundo deduzo da nova dun xornal, que o Aláparo era un monstro cun só pé e un só ollo que se dedicaba a raptar (suponse que para comelas) mulleres e nenas da parroquia, e que vivía polas ribeiras do Sil, por onda o miradoiro da Capela. Un bo día, a veciñanza reuniuse e acordou capturar para matar ao malvado Aláparo para enterralo debaixo deste carballo. Como en Fuenteovejuna, ou no Grove cando lle deron a mesma medicina ao Meco, todos a unha.

No “Dicionario dos seres míticos galegos” cóntase que o Olláparo, ao que tamén se lle chama Alláparo e Aláparo é unha especie de cíclope, un ser xigante e antropófago, bruto, salvaxe e moi voraz que ten un ollo na fronte e que vive nas covas mías profundas de bosques e montañas. Por aí adiante chámanlle Patarico en Asturias, Ojanco ou Ojáncano en Cantabria, Jáncano por Extremadura… Hai unha raza deles que teñen dous ollos, un na fronte e outro na caluga, en semellanza a outros seres das mitoloxías populares europeas como o irlandés Balar. O ollo traseiro é perigoso pois provoca mal de ollo, polo que, como fixo Lug co de Balar e Ulises co de Polifemo, é mellor cegarllo canto antes. Tamén se conta das Olláparas que aínda son, se cadra, máis violentas que eles, e do Ollapín, que se lle di ao que ten un único ollo no couquizo. Teñen moito parecido cos Alarbios, tanto na súa condición de seres salvaxes como no da práctica da antropofaxia.

Tras estas breves notas que tan só perfilan o retrato deste ser mítico, unha evidente representación dos seres monstruosos, selváticos e caníbales aos que a humana xente debe domesticar ou dobregar, esta porta que tentan abrir os veciños de Salvadur é unha gran oportunidade para conservar, amais do propio Carballo da Chá, un imaxinario popular tradicional que se dilúe no esquecemento como lle sucedeu á vida do Aláparo nas súas mans. Mais, ollo! O que desapareceu foi a vida do monstro, non a memoria, que é o que intentan en Vilachá e oxalá consigan, e nós con eles, preservar.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 16 de agosto de 2021.


A princesa de Borbón

Vaia por diante que non tiña parentesco coa familia real do mesmo apelido. Vestía de muller e probablemente era homosexual. Travestíase para ser artista, para seducir os homes e de paso estafalos. Soubemos das súas andanzas por artigos de Lois Pérez Leira e Xosé Alfeirán, pero sobre todo polas investigacións de Diego Galeano e Cristina Schettini que estudaron o personaxe en “Una historia verosímil de la Princesa de Borbón”.

No meu libro “Contrahistorias de Galicia” conto deste personaxe que naceu na Coruña ou arredores polo ano 1890. Era fillo e único herdeiro de comerciantes acomodados pero despois dalgún contratempo xudicial ou policial na Coruña ou en Madrid, ou nos dous sitios, en 1905 emigrou ou foi expulsado do país e apareceu en Bos Aires onde residía algún familiar.

Alí usou varios nomes. Algúns que se lle coñecen son Luís Fernández, Pedro Pérez e, entre outros máis, Armando Ariatti.

Fíxose popular na capital arxentina como La Princesa de Borbón e Teresita, en Río de Xaneiro como Lulú e Manón. O alcume La Princesa de Borbón aparece na prensa por primeira vez en 1912, adoptárao tras a participación da infanta Isabel de Borbón, a Chata, nas celebracións do Centenario da República Arxentina en 1910.

Dedicouse ao cabaré como cupletista e ao teatro de variedades e, probablemente, ao servizo doméstico e tamén á prostitución. Era alto e delgado, ben parecido, voz afrautada, ollos grandes e negros. Expresábase en lunfardo como adoitaba a delincuencia local. Vestía de muller con elegancia, usaba medias e cubríase cun chapeu negro adornado cunha pluma rosa. Cantaba e bailaba, sempre provocador. Ademais, aparentemente cando menos, era culto, educado, elegante e de modais coidados. De presentarse a oportunidade, se o incauto era abondo inxenuo, non rexeitaba facerse cun capital en círculos aristocráticos e de luxo.

Por estas e outras falcatruadas foi detido e expulsado máis de vinte veces de diferentes cidades americanas como Bos Aires, Santiago de Chile, Río de Xaneiro, Lima ou Montevideo.

Algunhas astucias que se lle apoñen resultaron prodixiosas como facerse pasar por filla de millonario. En Chile suicidouse un mozo namorado del ao descubrir o sexo real da “súa namorada”. Chegou a actuar no Moulin Rouge de Río de Xaneiro.

Unha das últimas ou penúltimas picardías foi simular ser viúva dun heroico militar porteño chamado Carlos Guido; solicitou unha pensión ao congreso arxentino que non lle concederon.

Foi personaxe do drama “Los Invertidos”, de José González Castillo. Segundo asegura o escritor chileno, Fernando Lizama Murphy, no libro “Medicina Legal” de Nerio Rojas, a súa fotografía ilustra o capítulo dedicado á homosexualidade.

O 7 de maio de 1916 o xornal A Noite, de Río, informaba da morte de La Princesa de Borbón. Tería acontecido en Quillota, Chile, cando tiña 26 anos e aseguraba que o seu corpo aparecera cosido a puñadas nun coche abandonado.

Era mentira pois en 1919 aínda residía en Montevideo. Na decadencia, década dos trinta do s. XX, acabou morrendo de verdade e, perdidos os encantos, na miseria.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 9 de agosto de 2021.


Suso de Foz e Mondoñedo

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 2 de agosto de 2021.


Visita ao Rei Cintolo

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 26 de xullo de 2021.


César González-Seco Romero

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de xullo de 2021.


Colasín dos paus

Un personaxe perdido na néboa da memoria. A primeira referencia tirámola de “Coñecer a costa de Ribadeo. Lendas, historias, tradicións, sucesos… da nosa costa”, dixital sen data a cargo do alumnado do CEIP Gregorio Sanz, de Ribadeo; a segunda, de “Pastor Díaz, príncipe del romanticismo”, libro da autoría de F. Leal Ínsua publicado en 1942, e a terceira de dous artigos de Fernando Caramés publicados en Las Riberas del Eo. 

A información que nos dan Víctor Moro no texto dun pregón publicado en “Libro das Festas da Patrona” (2007) e Ramón Fernández Higueras, outro pregón, este na Xira de Santa Cruz de 1989, recollidas ambas na publicación escolar citada, son lixeiramente diferentes. 

Colasín aparecía polos camiños de Ribadeo, por Santa Cruz, polo Alto dos Pinos, pola Vilavella ou pola costa. Era alto e corpulento, de mirar penetrante, co cabelo negro e as barbas encanecidas. De andar ranqueante, dicían que estaba tolo porque ía recollendo do chan todos cantos paus atopaba, moitas de gran tamaño, para cargalos ao ombro e seguir andando. Cando perdía uns collía outros. Tamén se di que estaba obsesionado con deixar limpos os camiños de croios e paus. 

Víctor Moro di que tiña ollos penetrantes. Opinaba que podía ser orixinario da comarca de Viveiro. Coinciden en que se salvou de afogar tras un naufraxio ao agarrarse a un pau e engade que facía longas camiñadas, chegando incluso ata a Coruña. “Ao chegar á Coruña, fondo Colás” seica dicía e repetía. 

Colasín dos paus (A. Suárez Couto)

Leal Ínsua chámalle “Colás dos paus” e precisa que a póla que levaba ao lombo era de castaño. Aparecía pola primavera entendemos que por Viveiro canda as andoriñas. Dicía que ía cobrar a renda. Sentaba nas portas das casas e dábanlle unha cunca de caldo que tras papala íase a outra porta. Descríbeo como alto, forte e de barba gris. Un día, di Leal Ínsua que leu nun xornal doutro pobo -que non identifica- que Colás aparecera morto abrazado a un pau. 

En Las Riberas del Eo, 31 de maio de 1958, escribe Francisco Caramés información que lle agradezo a Mati González que o coñeceu sendo el neno primeiras décadas do s. XX, que chegaba a Ribadeo polo Antroido co seu pau ao ombro. Á seguinte temporada polas mesmas datas volvía a aparecer paseante polas rúas da vila cun pau reverdecido. Esquivaba as rúas máis transitadas e durmía onde cadraba, asistido no básico por veciños caritativos. Andaba de continúo, sempre descalzo, sucio e coa roupa esmendrellada. Tiña a barba branca e escasa, cunha calvicie incipiente. Cando cría que ninguén lle andaba arredor, facía unha paradiña e botaba unha gargallada poderosa. Segundo Caramés o que se contaba del é que fora pescador nos anos mozos, que andaba nun barco pola costa astur-galaica ata que unha galerna afundiu a embarcación. Salvarase de milagre grazas a agarrarse a un pau que lle permitiu salvar a vida  aínda que na traxedia afogóuselle o sentido. 

Un náufrago en terra, sempre temeroso da onda mortal. De Colasín tamén hai memoria en Ortigueira, Daniel Cortezón dedicoulle unhas liñas e o pintor A. Suárez Couto fíxolle un retrato que está pendurado na casa do Concello de Ribadeo.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 12 de xullo de 2021.


Os medos pequenos

Como é ben sabido, o home do saco, o coco e o sacamanteigas son algúns dos principais monstros que atemorizan as nosas crianzas: «E durme, neniño / que vén o cocón / vai levar o neno / que non dorme, non». 

Que vén o coco (Francisco de Goya)

Sobre a orixe do nome hai moitas teorías, ningunha satisfactoria. Non se descarta que derive do nome de certas larvas ou eirugas chamadas cocos, cocas ou cucas, e tampouco que se refira ao xesto do rostro e dun son emitido polos monos cando están enfadados e din «co-co-co-co». Os portugueses bautizaron o froito dos cocoteiros como cocos por este motivo. A palabra coco non aparece impresa ata o s. XVI nun auto do portugués Gil Vicente e no Lazarillo de Tormes. 

Os cocóns poden ter moitas aparencias ou ningunha. Asociados ao feo, soen ser peludos e negros pero rara vez se lles atribúe un aspecto físico concreto. Teñen como misión, invocado case sempre de noite polos adultos dentro da casa, procurar que as criaturas durman, causarlles medo ou que obedezan. 

Ademais do coco ou cocón hai unha variedade enorme de nomes para referirse ao exército de seres que sobrevive no imaxinario dos medos da infancia. 

Segundo Belén Chao Ónega chámanlle Garavanceira a unha asustadora que anda polo concello da Pastoriza. Ten figura de muller e aparécese nos camiños cegados de silvas e felgos polos que é case imposible o paso. O neno ou nena que entre alí arríscase a que a Garavanceira os pille e o meta nun saco para logo vendelo, quen sabe a quen e para que.  

Existe unha variedade de silva chamada precisamente garavanceira, un máis dos nomes do arbusto (ruscus aculeatus) de falsas follas espiñentas e froitos vermellos. Esta planta tamén se chama azoutacristos, brusco, mezquita, picanceira, silva macha, roseira silvestre, rascacú, silbarda, silvarda, xibarda, xilbarda e xarda ou xardeira. Os meniños non deben comer os seus froitos xa que lles poden provocar vómitos, descomposición e convulsións. 

Segundo E. Lence Santar,  as bruxas da zona de Mondoñedo viaxan de a cabalo dunhas vasoiras feitas de xibarda ou garavanceira. A Noite de San Xoán voan en parellas todas as bruxas da Mariña e da Terra Chá collidas pola man desde o Monte Monfadal ata o xuntoiro que teñen no Pico do Xistral 

A mesma Belén falounos do Sangrón. Ser de aspecto indefinido moi vigorososquizais coa figura de homes xigantes, que atrapan nenos e nenas para quitarlles o sangue e bebelo. 

Segundo información que nos facilitou no seu día Anxo Fernández Ocampo a Tía Xoana é unha muller moi vella que vive no faio dunha casa de Vilaeimil, na Pontenova. 

Suponse que ten máis de douscentos anos, loce cabelo branco e tan longo que lle cobre todo o lombo. Tamén ten a pel engurrada coma a dunha pataca vella, un só ollo na cara e un só dente na boca. 

Máis ca comer, rila co seu dente do que atopa no faio e ten o detalle de cagar nunha pota enferruxada. Dorme nunha hucha que despois de acomodarse pecha cunha tapa para que ninguén poida abrila. 

Os pícaros da casa téñenlle moito medo pois din que se os colle a Tía Xoana e os mete dentro da hucha, non se volven ver nunca máis.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 5 de xullo de 2021.


O bosque de Silva

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 28 de xuño de 2021.


A maxia do solsticio

Hai dous momentos do ano nos que o Sol, debido aos movementos de rotación e translación da Terra, semella quedar estático —solstitium— no punto da eclíptica máis afastado do Ecuador. Coincide coa máxima diferencia de duración entre o día e a noite. No hemisferio norte o solsticio de verán deste ano 2021 acontece hoxe, 21 de xuño, ás 5:31h. —a noite máis curta e o día máis longo—, e o de inverno o 21 de decembro, ás 16:58h.

O culto ao Sol que herdamos celebraba o solsticio cristianizado e denominado de San Xoán xa que, segundo a lenda haxiográfica, o seu pai prendería un lume ritual o día que naceu.

Agora celebramos a antiga festa solsticial na noite do 23 ao 24 de xuño pois ao adoptarse o calendario gregoriano no s. XVI este corrixiu desaxustes do xuliano que retrasaron o día San Xoán un par de días.

Porén, todos os rituais —de purificación, lustración…— que practicamos relacionados sobre todo co lume —que alimenta simbolicamente o sol cando inicia o seu declive—, a auga e as plantas son de orixe precristiá.

Foi desaparecendo pero até non hai moito era costume que, sobre todo as mozas, madrugasen na mañanciña do día de San Xoán para coller a flor da auga fría. Segundo distintos testemuños achegábanse a unha fonte cun recipiente e collían, ben a auga que reflicte na tona o primeiro raio do sol, ben a primeira que deita o manancial neses segundos máxicos. É obrigado deixar na fonte un ramo feito con plantas propiciatorias. Se a fonte elixida xa ten ramo hai que buscar outra pois cada fonte só ofrece unha flor.

Esta auga limiar que reúne os poderes simbólicos da auga e do Sol solsticial gárdase todo o ano e alonga a vida. Di E. Lence Santar que “que axota as meigas, ao trasgo y-ó mesmo demo e que fai levedar o pan”.

Nestes tempos en vez de ir buscar a flor prefírese a auga de rosas ou de herbas. Prepárase botando nun recipiente que se deixa ao orballo da noite flores, follas ou ramas como herba luísa, santa maría, fiúncho, malva, ruda, codeso, sabugueiro, romeu… e as que se prefiran para ao día seguinte lavar a cara con ela. Un halo inhibidor de meigallos protexeranos todo o ano.

Ademais dos beneficios que propicia saltar as cacharelas ou fogueiras e de lavarse de primeira hora con auga de rosas, esta noite suceden outras marabillas. As silvas medran tanto que cruzan os camiños de lado a lado. En Aldixe, Abadín, din que os fentos florecen ás doce desta noite. Un que quixo comprobalo tapou un fento cun pano e cando quixo ir mirar o que pasara quedou cego. Mágoa pois a flor do fento é útil para practicar desencantamentos.

Na Cova de Salamanca, a universidade dos magos, acaba o curso esta noite e tamén rebolen as mouras que soen presentarse ao amencer a quen ouse desencantalas. Nas lagoas transparéntanse os tellados dos edificios de cidades e vilas asolagadas. As bruxas van de aquelarre. Tamén se deixan ver galiñas coa súa rolada de polos de ouro. Quen queira facerse cun pito — gran capital— ten que mexarlles enriba ou cubrilos cunha pucha. Hai que andar prevido por se tropezamos con estas oportunidades!


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 21 de xuño de 2021.


De mulleres transparentes

Robert Charroux en Archivos de otros mundos (Plaza & Janes Editores, S. A, 1985), cita a propósito das lendas que tratan de explicar o asolagamento da mítica cidade de Ys, na Bretaña francesa outra cidade chamada Ys en Lanhelin (Ille-et-Vilaine) que estaba habitada por mulleres transparentes. Cando bebían viño, víaselles baixar desde a gorxa.

O mesmo autor cita outro caso en Francia, en Bresse, en Trois-Demoiselles, nas proximidades de Saint-Germain-du-Bois (Saóne-et-Loire) onde vivían tres mozas fermosísimas que tamén, ao beberen viño, víáselles pasar por dentro do corpo. Tiñan a pel tan fina e transparente como unha gasa.

Jean Markale, autor de Contos e lendas dos países celtas (Toxosoutos, 1998), recrea a única lenda co mesmo motivo da que temos constancia en Galicia e que é moi semellante á protagonizada por San Gwennolé —o home bo— no caso da desaparecida Ys.

En canto ao tema das donas transparentes anota a analoxía coa lenda dunha misteriosa cidade bretoa chamada Nasado, en Erquy, Côtes d’Armor, que tería desaparecido nas mesmas circunstancias. Amais, considera que a fortaleza que, segundo a lenda, domina a cidade ben puidera ser unha evocación de Ardóbriga, un enclave que se situaría na desembocadura do río Eume, nalgún castro da parroquia de Centroña.

Estamos, seguramente, diante dun caso de transposición cultural dun tema moi presente no lendario popular bretón pero de escaso arraigo na tradición galega.

Puente D Eume (Pontedeume)1944. PÉREZ VILLAAMIL DUGET, Jenaro (1807-1854) (Museo de Belas Artes da Coruña)

Aceptemos pois que na desembocadura do río Eume en Pontedeume houbo unha grande cidade con porto e con xentes alegres, comerciantes ricos, bonitos pazos e altas casas. No cumio do monte, quizais o Breamo, construíuse unha fortaleza ben dotada de armas e soldados que cando libraban baixaban á cidade e brincaban coas mozas. Un día chegaron tres rapazas que chamaban a atención. Viñan soas, sen máis familiares que os criados que as servían e instaláronse nun soberbio pazo a carón do porto. Por como vestían posuían riquezas de sobra.

Axiña se fixeron populares, daban festas cada pouco e os homes toleaban por estar cabo delas. Os soldados despistaron as obrigas propias do oficio e dedicáronse con entusiasmo a andar tras delas. Tiñan a pel fina e transparente e todo canto comían ou bebían podía verse circular por dentro dos seus corpos.

Os rumores circulaban. Que se eran máxicas, ou mouras, ou meigas! Coa súa chegada a vida na tranquila e próspera cidade degradouse, ningún home se preocupaba dos seus quefaceres, só de andar tras das tres mulleres como cans faldreiros.

Noutro dos montes que rodean  a baía de Pontedeume vivía un vello ermitán. Un home sabio que propuxo unha solución definitiva. Á noitiña subiuse ao punto máis alto dos arredores cunha póla de maceira na man e pronunciou unhas palabras que provocaron grandes nubes, que o vento comezase a bruar e a varrer todo canto atopaba, e que comezase a chover como nunca acontecera.

A media noite unha onda xigantesca cubriuno todo e ao amencer só se vía o mar, un mar calmo e sereno como se nunca antes existise vida humana naquel lugar.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 14 de xuño de 2021.


Abrindo camiños

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 6 de xuño de 2021.


Man de Gloria

A orixe do mito da chamada Man de Gloria é unha derivación fonética e simbólica doutro mito, o da mandrágora. Na Idade Media de mandragoire pasouse a maindegloire. Dunha semellanza fonética —que non etimolóxica— deriváronse atributos, virtudes e poderes atribuídos en principio á mandrágora e logo á Man de Gloria. A mandrágora considérase un amuleto que asegura a quen a posúa poder, riqueza e sorte.

As marabillosas propiedades da mandrágora proveñen de que as súas raíces teñen a figura dun corpo humano. Cítanse na Biblia, na Cábala e en moitos bestiarios medievais. Disque só medra debaixo dos pés dun aforcado. Se non se arrincan as raíces con moito tento, emiten laios con tal potencia que poden causar a xordeira e incluso a morte de quen escoita.

Encyclopaedia universalis: Thesaurus-index dinos que a raíz da mandrágora é unha especie de embrión que se pode revivir co rito axeitado, un ritual no que interveñen, e isto é moi importante, unha forca e o reo correspondente.

A lenda fabulosa da Man de Gloria recóllese no s. XVI no Alberti Magni de Secretis Mulierum ou Grand Albert, e  máis adiante, s. XVIII, nunha edición resumida, coñecida como Secrets merveilleux de la magie naturelle et cabalistique du Petit Albert ou Petit Albert. Neste texto, moi do gusto de alquimistas e ocultistas, cóntase como se debe preparar unha Man de Gloria. Abstéñanse de seguir lendo hipocondríacos e aprehensivos en xeral!

Búscase a man esquerda dun aforcado exposto nos camiños; se foi asasino, a man que cometese o crime. Consérvase nun pote de terra con salmoira, logo ponse ao sol, preferentemente na canícula —entre xullo e setembro— ata que estea ben seca.

Despois fabrícase unha vela con graxa de aforcado, cera virxe e sésamo de Laponia, e úsase a man coma se fose un candeeiro para soster a vela prendida.
As persoas que estean no lugar onde se leve quedarán inmobilizados coma mortos diante deste amuleto paralizante, o que permite roubar ou cometer calquera outro delito sen contratempos.

Claro que esta maxia ten antídoto. Consiste nun preparado de fel de gato negro, graxa de galiña branca e sangue de moucho. Amasado todo, mesturado e secado tamén nos días da canícula serve para untar entrada e pechadura da casa e así evitar que entren ladróns ou okupas.

A propósito deste uso da Man de Gloria, J. George Frazer en La Rama Dorada inclúe este ritual dentro da chamada maxia homeopática ou imitativa e di que en ocasións a mesma man de morto era usada como vela ou, mellor dito, como floreiro de velas, pois acendían os descarnados dedos. Se algún membro do grupo ou da familia estivese esperto, a Man de Gloria avisa xa que algún dos dedos non arderán. Estas luces nefandas non poden apagarse máis que con leite.

Os escritores do s. XIX Gérard Nerval, Aloysius Bertrand, Maupassant e Marcel Schwob recrearon nos seus textos este mito. Os irmáns ourensáns, Félix e Cástor Castro, grandes coleccionistas de libros máxicos e obxectos relacionados coa maxia e o ocultismo, teñen na súa colección unha Man de Gloria que expuxeron en Lugo na sala de exposicións da Deputación no outono de 2008.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 31 de maio de 2021.


Balsaminas

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 24 de maio de 2021.


O conto do enciño

Hoxe, 17 de maio, en vez de falarmos de Letras Galegas imos facelo de linguas, da galega en particular, sustento nutricio da nosa literatura. Moitas veces os mitos, lendas ou contos reflicten nitidamente as problemáticas sociais como sucede con este conto, un exemplo moi recreado na nosa e noutras latitudes onde hai conflito lingüístico.

Case todo o mundo o coñece. Fala dun mozo que marcha da casa por un tempo, xeralmente breve, e cando regresa esquecera a lingua e o nome de ferramentas de uso ordinario –neste caso o enciño ou angazo– na casa patrucial. Cóntase como un suceso real, citando lugares e incluso nomes de persoas e familias. As variantes son mínimas, só o destino do mozo ou moza muda –unha consecuencia dos cambios de costumes– desde unha curta viaxe a unha cidade ou a outra rexión, cumprir o servizo militar ou estudar nun Seminario ou na Universidade.

O conto, denominado xenericamente “O fillo sabio e a lingua esquecida”, clasificado no catálogo tipolóxico internacional como ATU 1628 é de difusión universal e ten especial éxito naquelas comunidades nas que hai diglosia, unha lingua inicial minorizada, empregada case exclusivamente polas clases populares, e outra de achego na orixe, usada e imposta polos poderes dominantes.

Este mesmo conto cóntase en toda a península, en todos os continentes e case que en todos os países de África, Europa ou América coa única excepción, ao parecer, dos territorios monolingües como o inglés en Inglaterra.

Poñamos só dous exemplos ben distantes nos que a mesma lingua, o francés, —lingua de prestixio internacional— exerce a dobre función, unha como minorizada e outra como hexemónica. Un procede do estado americano de Louisiana e cóntano na comunidade francófona cajún cando o neno da casa volve da escola falando inglés. O outro tomámolo de Poitou-Charentes, rexión de Francia na que aínda se fala poitevino-saintongés, unha variante do occitano. Neste caso o protagonista viaxa a París e á volta recrimínanlle que esquecese o nome do angazo e que fale francés.

É evidente que tras do gusto por repetir e transmitir este conto hai unha vontade resistente por manter a identidade lingüística como xa exemplificaba o P. Sarmiento en Colección de voces y frases gallegas no s. XVIII; o rapaz esquecedizo emigrara por uns meses a Castela.

O conto ridiculiza a quen se entrega á causa lingüística dominante e mediante un enxeñoso engano castiga o orgullo de quen se cre superior por importar unha lingua allea, hexemónica e de poder. Un breve texto que exemplifica a defensa da orde sociolingüística tradicional.

En Contos populares da provincia de Lugo (1963) cóntase así. Unha moza da aldea viaxou á capital e cando regresa aos dous días atopa o pai reparando un angazo. Ela pregúntalle: Que es eso, padre? Entón, o pai, en vez de responderlle, dille: Ponlle o pé aquí –sinalándolle os dentes da ferramenta– e xa cho di.

Ela, inxenua, obedece. Pousa o pé con brío nos dentes do enciño que reacciona como un resorte e estámpalle o mango con forza nos fociños. Entón acordou: Raio te coma, angazo!


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 17 de maio de 2021.


A serra de Armeña

Cuentos vianeses (Laureano Prieto)

Xa hai que teño curiosidade por saber onde queda a Serra de Armeña da que fala un conto recollido por Laureano Prieto, o mestre e gran etnógrafo galego. Publicouno nos seus Contos Vianeses (1958) co título “O home-león”, contáronllo en Bembibre, Viana do Bolo, e, en resumo, narra como fixo o mozo pretendente para poder rescatar unha moza que estaba secuestrada por un xigante nunha cova. A misión, ir buscar un ovo á Serra de Armeña.

No camiño cara ese lugar incógnito deu cun león, unha raposa, unha aguia e unha formiga —os axudantes máxicos— que rifaban entre eles para repartir unha presa que cazaran. O mozo resolveulles o conflito e eles, en agradecemento, déronlle o don de dicir “De home a…”, e segundo a quen dos animais amentase recibiría maxicamente as súas habilidades.

Tivo que usalas todas, incluídas as do león, o que lle permitiu, tras moitas horas de loita, desfacerse dunha cobra xigante que resultou ter un ovo nas entrañas.

De volta, o rapaz foi co ovo á cova do xigante e estampoullo na fronte provocándolle a morte instantánea. Do que pasou despois entrambos mozos ben poden imaxinalo.

En El Patrañuelo de Juan de Timoneda (1567), libro onde se recrean patrañas —contos, invencións— vén a historia de dous homes residentes en Alexandría cuxas esposas —que falecen no parto— paren fillos varóns o mesmo día. Póñenlles de nome Tolomeo e ambos son aleitados pola mesma ama, medran parellos e tan idénticos que ninguén sabería diferencialos agás a aia. Pasou o tempo, os pais mudaron de cidade e con eles foron os fillos sen saberen que a ama llos entregaba cambiados. Pasou máis tempo. Un dos Tolomeos e a irmá “sin tener respeto al deudo que ellos pensaban tener, se ayuntaron los dos” e tiveron un fillo que botaron ao río Armenia cando reflexionaron sobre o froito dun incesto. A ama, sabedora do acontecido, caracterizouse de ermitá, rescatou a criatura da auga e cando chegou o momento aclarou a confusión. Dixo que o neno non era fillo do pecado, pois non eran irmáns, senón do amor. E todo isto sucede na Serra de Armeña, a unha xornada da cidade de Alexandría.

Pero resulta que a Serra de Armeña tamén é o nome do lugar onde desembarcou Noé tras o diluvio. Cóntase que andaba o patriarca paseante por aquelas paraxes cando deu cunha parra con uvas. Probounas, gustáronlle e espremeunas, e tanto mosto bebeu que se emborrachou. Pero antes de decatarse de que acababa de inventar o viño fixo o que fai calquera borrachiño; andou bandeando en coiros coas vergonzas ao aire ata que caeu rendido. Ao velo así, o seu fillo Cam burlouse del mentres os outros irmáns o taparon e coidaron ata que recuperou o siso.

Cando reviviu quixo saber que pasara. Agradeceu os coidados dos outros fillos e a Cam converteuno en proxenitor dos mouros, nos dos míticos dos nosos castros senón dos musulmás.

Parece pois que a Serra de Armeña non está no país que hai máis alá de Turquía senón próxima á mítica cidade de Alexandría, en Exipto. Afastamento que non impide que por aquí se conten estes contos que nos fan viaxar alí na prodixiosa nave que propulsa a nosa imaxinación.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 10 de maio de 2021.


Pintores na miña casa

Cóllolle emprestado —co seu consentimento— a Sofía Carrete García, alumna de 2º de ESO do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro, o título deste artigo. Ela emprégao para contar unha viaxe no tempo, a memoria transmitida desde a súa bisavoa e avoa a través do seu pai para narrar a estadía  na casa familiar dun pintor famoso  e  da súa dona.

O artista xunto coa súa esposa —Concha Cociña Ínsua— instaláronse no chamado cuarto do cura. O bisavó axudoulles a preparar un cabano con ramallos, xestas e uces que instalaron no Alto de San Roque, lugar escollido polo pintor. Levaban un cesto con comida para pasar o día e a auga para beber e para os labores de pintar collíana da Fonte de San Roque, beira do Camiño Francés.

Na familia ten especial importancia lembrar que a esposa do pintor, que tamén lle daba aos pinceis, pintou un retrato no que aparecían segando o trigo na cortiña de a carón da casa a bisavoa, a avoa e unha tía-avoa que daquela tiña 12 anos. “Saímos tal cual”, contoulle a avoa, cos fouciños e as gavelas… A avoa quería mercar aquel cadro pero a bisavoa dixo que non, que ben o merecían de regalo a cambio daqueles días de acollemento. A pintora non cedeu e non houbo trato!

Sabemos polos artigos de Neumandro —pseudónimo de Ánxel Fole— publicados en El Progreso que o paisaxista Fermín González Prieto (Viveiro, 1900 – Madrid, 1987) andou por Becerreá, Cervantes e O Cebreiro polo outono de 1960, e que repetiu no verán de 1961. Confirmamos na mesma fonte que o acompañaba a esposa e que facían parada e almacén do que pintaban na casa de Antonio Rosón, en Becerreá. Durante o verán de 1961 pararon nesta casa.

Segundo J. Cora, foi Antonio Rosón quen lle facilitou un caseto de fácil transporte que lle permitía traballar á marxe dos caprichos da climatoloxía aínda que non de  todos, que o inverno, cando escribe Fole é outono de 1961, estaba ás portas e di que o pintor ten que retirar o seu “estudio desmontable”.

Fole comenta entusiasmado a impresión que lle causa un dos cadros que acababa de pintar González Prieto, obra de gran formato onde se ven as pallozas, as casas e igrexa do Cebreiro, obra que pouco despois sería exposta en Madrid con grandes eloxios da crítica. Para este cadro —reproducido en El Progreso o 15 de novembro de 1964—  Fole e outros reclamaron con insistencia que o seu destino fose o Museo Provincial de Lugo. Ese desexo non se cumpriu e tampouco o ofrecemento que fixo A. Gil Varela, segundo publica La Noche o 10 de agosto de 1965, de doarllo ao Museo Etnográfico do Cebreiro que daquela se proxectaba.

Nós hoxe buscamos dous cadros, o do Cebreiro pintado por F. González Prieto, e o que hoxe nos interesa máis, o pintado pola súa dona, Concha Cociña Ínsua, no que aparece retratada a familia de quen nos contou case toda esta historia.

O cadro onde aparecía retratada parte da familia da nosa informante foise canda a autora e non se sabe o paradoiro. Di Sofía que a súa bisavoa daquela non sabía que un pintor, neste caso unha pintora, nunca che regala as súas obras.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 3 de maio de 2021.


Pepa a Loba no Courel

Pepa Loba (Juan Luis, 1923) (Almanaque Gallego 1924)

Ninguén sabe con certeza se Pepa a Loba foi unha muller real que se mitificou ou se, pola contra, se trata dun personaxe imaxinario humanizado. Seguramente nunca se resolva e tampouco debera preocuparnos. Este tipo de mitos sintetizan os arquetipos da bandoleira xenerosa e o da violenta sen escrúpulos. Pepa a Loba presenta trazos de ambos; ás veces compórtase como muller cruel, asasina e vingativa, e outras como unha xusticeira forzada polas circunstancias a vivir á marxe da lei pero sensible coa xente indefensa polo que quizais encaixe mellor nun modelo misto que representa a chamada peeira, a muller imaxinaria que por fada ou maldición, sen transformarse en animal, convive e guía como capitá mandas de lobos ou, como neste caso, de ladróns.

Martine Roux, da Armórica, profesora en Nantes e Angers, chegou a Compostela a finais da década dos 70 do s. XX para estudar galego. Interesouse pola obra de Cunqueiro e polos contos tradicionais polo que, orientada polo propio Cunqueiro, púxose en contacto co cura Elías Valiña e este cun fistor excepcional chamado Enrique Valle Valle, de Barxamaior do Cebreiro. O resultado daquel encontro foi a súa tese doutoral e os 25 contos publicados en “Fala o fistor e faise o día” (O Castro, 1982).

O conto nº 6 conta a historia dun home que tivo que pedir emprestados cinco pesos para pagar a contribución. Cando ía camiño de Folgoso pagar o tributo saíulle ao paso un ladrón e rouboulle os cartos. O home choraba desconsolado e unha muller, que resultou ser a Loba, a xefa dunha cuadrilla de doce ladróns, preguntoulle polo motivo. Cando llo contou, ela tocou unha chifra e ao instante apareceron os doce homes. O roubado sinalou un ao que a Loba ordenou que lle devolvese os cartos, ao tempo que lle lembraba: Para outra vez, roubar e matar!

Despois os ladróns foron roubar unha casa podente de Seara do Courel e desta mataron o dono. Xa a resgardo acordaron reunirse debaixo dunhas árbores para contar e repartir o botín e foron parar xusto debaixo dunha á que subiran para pasar a noite dous irmáns; un parvo e outro agudo que decidiran, por taparse se chovía, levar unha porta canda eles.

Situación. Os dous irmáns coa porta subidos na árbore e Pepa a Loba cos ladróns debaixo facendo as contas. Cando acabaron, un dos cacos dixo que tiña sede e desexou que caese auga de arriba. Entón o babeco mexou e o ladrón bebeu e feliz matou a sede.

Outro ladrón por probar se funcionaban o dos desexos pediu que caese un raio que os matase. Entón, os de enriba soltaron a porta e a cuadrilla enteira fuxiu espavorecida. O paiolo baixou, recolleu os cartos e a porta e subiu á árbore con todo.

Como os ladróns querían saber o que pasara, volveron tres ao lugar do suceso. Ao ver que alí non había nada, soberbios retaron de novo a providencia e pediron que caese outro raio que os matase. Os da árbore volveron tirar a porta e os ladróns fuxiron definitivamente crendo que todo era cousa do Demo.

Calquera día despois de hoxe traemos aquí outra historia de Pepa a Loba.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 26 de abril de 2021.

 


Bernardino Vidarte

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de abril de 2021.


A pedra da discordia

El Progreso do 27 de decembro de 1950 daba a nova dun asunto que ía supoñer catro meses de conflito entre Escocia e Inglaterra: «Roban la “piedra del destino” de la abadía de Westminster. El hecho parece tener complicaciones políticas».

A breve nota da axencia Efe publicada en primeira centrábase na preocupación dos ingleses que temían que os escoceses, tras a desaparición da mítica Pedra do Destino, puidesen usala para «entronizar un rey escocés».

Nos días seguintes fóronse coñecendo detalles. Desaparecera na Noiteboa da Abadía de Westminster, lugar onde a gardaban os ingleses desde 1296 e os esforzos de Scotland Yard por recuperala resultaban inútiles. Aldraxe e sacrilexio eran os cualificativos máis suaves cos que os monárquicos ingleses obsequiaban aos nacionalistas escoceses, mentres algúns destes facían mofa e aseguraban que era a mellor noticia para Escocia en 750 anos.

Esta Pedra do Destino, de Scone ou da Coroación é a mesma sobre a que deitou a cabeza Xacob cando soñou a escada entre a Terra e o Ceo. Despois pasou por Xerusalén e Exipto, e viaxou co príncipe Gatelo ata Brigancia, en Galicia. Sobre ela coroaríanse supostamente os reis galegos ata que un deles a enviou a Tara, en Irlanda, arredor do 800 a. d. C. onde fixo como Lia Fáil a mesma función cos reis irlandeses que logo faría en Scone entre o 843 e o 1296 cos escoceses. Naquel ano, o rei inglés, Eduardo I, casado con Leonor de Castela, conquistou Escocia, apoderouse da pedra e levouna a Londres. Desde entón estivo debaixo da cadeira de Eduardo en Westminster e serviu de apoio ritual na coroación dos reis e raíñas inglesas. Se quen se coroa ten dereito, a pedra fala e confírmao.

A noticia do roubo apareceu na prensa reiteradamente. Os nacionalistas escoceses aproveitaron para pedir autonomía política e parlamento propio. Todo o mundo soubo así das súas reclamacións históricas. Unha vidente americana anunciou que a pedra estaba en Londres, nunha rúa chamada Glasgow pero a finais de marzo de 1951 seguía en paradoiro descoñecido.

Na data do roubo viran arredor de Westminster tres rapaces e unha rapaza con dous coches negros; escoceses, obviamente, segundo a prensa inglesa.

O 11 de abril de hai 70 anos chegou a boa nova. Tratábase dunha devolución voluntaria e simbólica. Os raptores deixárana sobre o altar maior da Abadía de Arbroath en Forfarshire, cidade onde se proclamara a independencia de Escocia en 1320.

Cabo da pedra había dúas cartas, unha para o rei inglés pedíndolle desculpas polas molestias, e outra para a igrexa escocesa, rogándolle que traballase para que a Pedra da Coroación volvese a Escocia canto antes. O garda dixo que a deixaran alí tres homes e lamentábase de non terlles preguntado os nomes.

Os ladróns nunca foron xulgados pero sóubose que eran, efectivamente, catro estudantes escoceses que se chamaban Ian Hamilton, Kay Matheson, Gavin Vernon e Allan Stewart.

Sáibase que a Pedra do Destino regresou a Escocia, ao castelo de Edimburgo, en 1996 coa condición de que se preste a Londres cando se coroe o próximo rei ou raíña do Reino Unido.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 12 de abril de 2021.


Fuxan os Ventos

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 5 de abril de 2021.


Intemperanza

Unha das consecuencias deste prolongado confinamento é que volvín ou, mellor dito, me vin forzado a reler a selección de relatos de Edgar Allan Poe en edición de peto, prologados e traducidos por Julio Cortázar e publicados por primeira vez por Alianza Editorial en 1970.

Estou ben certo, descoñezo a razón profunda se é que a hai, que non fun eu senón os libros os que me buscaron a min insistentemente pois cada unha das varias ducias de veces que tiven que pasar por diante do estante onde se acomodan os dous tomos de tapa azul, estes, non sei conque mañas, reclamaban a miña atención.

Un día collín un dos tomos, paseille a man polo lombo poeirento e abrino polo índice. Alí estaban os títulos daqueles relatos xa lidos, algúns relidos con devoción, hai arredor de corenta anos. ‘Manuscrito atopado nunha botella’, ‘A caída da Casa Usher’, ‘O escaravello de ouo’, ‘Os crimes da rúa Morgue’ e, entre tantos outros títulos marabillosos, un para min pavoroso, ‘O gato negro’. Parecen todos moi actuais e acaídos a estes afogos provocados polo arresto pandémico.

Na truculenta historia do gato negro chamado Plutón, Poe, como adoita na inmensa maioría dos seus contos, dedica unha boa parte do relato a preparar ao lector psicoloxicamente para un desenlace que se antolla tráxico e inevitable desde a primeira liña. Poucos como el, tan peculiar por outra parte, mesmo na súa biografía real, teñen esa capacidade para atraer e abstraer, incluso secuestrar animicamente a quen le.

Hai dúas palabras clave nesta historia, usadas ambas polo autor con oportuna intención. Unha é ‘perversidade’, esa capacidade para a maldade absoluta que pode desenvolver un individuo desposuído do autocontrol mental, e a outra palabra que aparece no relato escrita entre puntos, espida de calquera tipo de aditamento é ‘intemperanza’.

Búscoa nos dicionarios e descubro o que xa intuía, que equivale á falta ou ausencia de temperanza ou moderación no que se fai, mesmo ao desasosego que pode causar o inconformismo co que un ten ou coa ansia ou devezo de quen, téndoo todo, sempre quere máis. Poe na versión orixinal en inglés escribe “Fiend Intemperance” e quizais teña razón.

Des que relín este conto soño case todas as noites cun gato negro, esperto sobresaltado varias veces, sempre coa imaxe dalgunha das escenas horrorosas do relato do gato Plutón roéndome a cabeza. Incorpórome, prendo a luz e sento na cama, e cando me decato de que se trata dun pesadelo o primeiro que se me ocorre é desfacerme canto antes dos malditos tomos de Poe aínda que, de momento, ao abeiro do sosego diurno, non o fixen.

No persoal sei que non me debo deixar dominar por unha fantasía literaria. Dos tres afectos que atormentan a vida do protagonista de ‘O gato negro’ eu só practico un; polo demais non me entreguei aínda, nunca se sabe o que pode pasar de aquí en adiante, ao desespero do alcohol e nunca tiven un gato. E menos negro! Pero é certo que no ambiente que me rodea habita a intemperanza, esa ansia enfermiza por recuperar o perdido sen decatarse de que só a vida, de perdela, non ten volta!


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 29 de marzo de 2021.


Cruceiros

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 22 de marzo de 2021.


Tres caveiras

Un ollo de vidro (Castelao) Museo Provincial de Lugo

A visión dunha caveira humana, non importa a que sexo corresponda, é case sempre sinal de morte; dunha evidente, a do ser propietario pero tamén a previsible de quen a ve, normalmente por efecto da impresión ou do susto.

Segundo conta J. David Fernández Fraga na corredoira do Forniño, en Somede-Oleiros, Vilalba, foi onde colleu o medo que levou á tumba a Perucha de Vilanune.

Tiña costume de ir rezar o rosario á igrexa ao amencer. Espertou e como viu luz polo fachinelo do cuarto pensou que alborexaba, así que se ergueu e púxose camiño da igrexa. Pero non amencera, aínda era noite, xeara e a escasa luz que vía era a da lúa.

Foi entón cando se lle presentou no camiño unha figura vestida de negro da que só reflectía o brillo do que parecía unha cadea de ouro que lle colgaba do peto do chaleco. Pensou que a cadea podía amarrar un reloxo  e Perucha preguntoulle: Que hora é? Ao que o vulto, mentres retiraba a carapucha que lle cubría a cabeza e deixaba ben á vista a caveira cuns dentes enormes, respondeulle: As doce!

A pobre Perucha, facendo cruces e espaventos, correu ata o adro da igrexa onde viu unha persoa que se aconchegaba contra a esquina. Sospeitou que podería ser unha veciña que ía como ela de mañá cedo rezar o rosario e comezou a contarlle os detalles do que vira.

Quen escoitaba miraba para Perucha e cando esta acabou de dar explicacións, preguntoulle: Serán estes? E amosou uns dentes grandes, regañados, brillantes como o ouro da cadea.

Perucha correu e xa non parou ata chegar á casa pero non se recuperou do susto e morreu poucos días despois.

Outra historia Un veciño de Doade, Sober, cruzou de noite polo camposanto parroquial e viu un vulto do que saíu un relampo cativeiro como o dun lucecú. O home era valente e non se impresionou así que tan axiña como tivo aquilo ao alcance, deulle unha patada e botouno a rolos polo camposanto. Mesmo lle pareceu que xemera un algo.

Cando chegou á casa e se dispuxo a cear viu pousado no mesado aquel vulto que resultou ser unha caveira mais o home, que a nada tiña medo, convidouna: Se queres cear dígolle á miña muller que se poña prato.

Ao que a caveira respondeu: Non, non quero cea! Só veño para dicirche que como non respectaches o meu descanso, mañá irás facerme compaña ao cemiterio.

Sen saírmos do concello de Sober, o caso de Teresa da Creería, de Bordelle, contáronmo os do Trícole, resultou ben diferente

Na Pena Rubia de Vilisome, en Anllo, vivían os mouros. O pan que comían enfornáballelo Teresa da Creería e cóntase que unha vez, mentres os mouros foron buscar a leña, ela quedou amasando e preparando todo.

Os mouros deixaran unha ola ao lume e rogáranlle a Teresa que non mirase o que había dentro, pero ela, curiosa, mirou e viu que na pota tiñan a cocer unha caveira aínda adornada cun irto pelame.

Teresa colleu medo, botou ribeira arriba cara a casa e cando se cruzou cos mouros que volvían coa leña ao lombo, estes berráronlle: Teresa da Creería, volva polo crecente e pola peneira!

Pero ela, pés lixeiros, respondeulles: Non volvo, non, aínda que de ouro se volvesen!


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 15 de marzo de 2021.


Mestras da Memoria

Hoxe, 8 de marzo, Día da Muller, imos dedicar estas liñas a esa memoria feminina esquecida por tripla razón: por ser de muller, de humilde condición e por se expresar habitualmente nunha lingua popular menosprezada como a nosa. Se os arquivos da historia apenas reparan na da xente do común, menos aínda o fan nos saberes atesourados pola experiencia destas mulleres que conservan, recrean e transmiten os recendos de antigos lévedos.

Des que a AELG crea en 2013 os premios Mestras e Mestres da Memoria para dar cumprimento ao mandato da UNESCO de dar visibilidade e recoñecemento social ás persoas depositarias das esencias da tribo, celebráronse oito edicións que a cada paso foron nomeando, individual ou colectivamente, mulleres que representan ese valor común intanxible de quen desexa pertencer a un mesmo eido identitario.

Manuela Cortizo Medal (Cerdedo, 1930-2018) foi a primeira desas mulleres distinguidas en 2013. Nela convivían un don natural para o canto e a preocupación por transmitir o cancioneiro popular. Elba Requeijo Barro (Abadín, 1943), arquivo vivo, un prodixio de memoria, un talento que recrea con fidelidade as fontes do saber e do aprender, foi homenaxeada en 2014. En 2015 tocoulle a Josefa Arias Castelo (Santaballa, Vilalba 1921- 2019), memoria fiel da obra creativa do seu tío, poeta popular, músico e outras moitas cousas, Caetano Arias López. A homenaxe de 2016 correspondeulle a Dolores Macías Pose (Cabana de Bergantiños, 1930), Dolores do Coxo, recreadora e vizosa creadora de coplas ao estilo tradicional.

Para 2017 o xurado elixiu ás Pandereteiras da Alén, de Beariz. Tres mozas que xa superaban entón os noventa anos e que responden aos sonoros nomes de Orosia, Ólida e Alsira. Nacidas as tres no mesmo lugar e parroquia na década dos 20 representan xeracionalmente as mulleres dese rural galego que sabemos resignado. Ao ano seguinte a Mestra foi Luz Fandiño (Santiago, 1931), muller que reúne nun só corpo toda a historia da muller galega. De orixe humilde, emigrante en Arxentina e Francia, curiosa de todo saber, inqueda, creativa, combativa, poeta nas tres linguas que domina, feminista  e activista da causa das mulleres sempre sometidas. No 2019 a elixida foi a musicóloga suíza, Dorothé Schubarth, quen nas décadas finais do s. XX percorreu Galicia buscando a esencia da nosa música popular. O seu Cancioneiro popular galego recolle partitura a partitura a inmensidade da memoria da música popular. E no pasado 2020 as nomeadas foron as Batuko Tabanca, un grupo de mulleres caboverdianas que souberon manter viva na nosa terra a chama cultural enraizada nas illas da infancia.

Unha publicación e unha unidade didáctica, ambas de libre acceso na web da AELG, axudarán a coñecer e divulgar os nomes destas Mestras da Memoria. Engadamos que é en Lugo, cidade declarada pola AELG ‘Capital galega da oralidade’ onde se escenifica cada ano a entrega destas distincións e celebremos tamén nesta ocasión o Día da Muller incluíndo a estas Mestras da Memoria, cerna dun pasado que precisamos actualizar pero endexamais esquecer.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 8 de marzo de 2021.


O sal e  santo

O das manifestacións de santas, santos ou virxes a pastores e pastoras en páramos ermos vén de vello. Disque a primeira aparición mariana tivo lugar no ano 50 d. C. en Ferrières-en-Gatinâis, Francia, aínda que non se deixou constancia por escrito do prodixio ata o s. VI. Desde entón repetíronse por milleiros estes sucesos que deron lugar ao nacemento de grandes e lucrativos santuarios.

O que xa parece milagre verdadeiro é que un relato sobre a invención dun aparecemento deste tipo recollido na Terra Chá teña réplica mimética nunha obra de Eduardo Galeano. Pero vaiamos por partes; primeiro o que nos contou ao Equipo Chaira Santiago Castro, daquela, maio de 1993, con 83 anos, en Xoibán, Vilalba.

Sucedeu nunha parroquia moi ruín de cara o lado da Coruña onde non había nin para manter o párroco ata que o sancristán tivo o ocorrencia. Pediulle permiso para cortar a figueira da horta da reitoral e tallou a imaxe dun santo. Despois agachouna a carón dunha fonte e cada noite esparexía sal en abundancia polos arredores.

O sal fixo efecto. Bezaron as ovellas naquela camposa, todos os días ían pacer alí e nunca querían recollerse. Axiña se destapou a imaxe, unha aparición prodixiosa que merecía acomodo e culto, con capela e romaxe regular. Como se intuíu que o santo, non sabemos o nome, era avogoso da facenda comezaron a chegar esmolas en cartos, xamóns, lacóns… tanto e tan abundante que o sancristán e o cura tiveron que concretar os beneficios do negocio ata que chegaron ao acordo de deixar o santo sen nada e repartir entre eles por metades.

Todo foi ben ata o ano que o crego se negou a repartir. Para a vinganza o sancristán escolleu o día grande, agardou que o predicador louvase as bondades do santo e cando acabou pediu a palabra e dixo que quería contar a verdade: O santo fíxeno eu!

O crego negábao, xa ora, pero o sancristán propuxo ir ver a cepa da figueira de onde sacara a madeira para facelo e cadraba que axustaba polo que a que viña sendo proveitosa romaxe quedou en nada, e os principais accionistas, o crego e o sancristán, quedaron como estaban antes da invención do santuario.

O que narra Galeano coa mesma retranca que o noso relator chairego en Días y noches de amor y de guerra (1978) sucede a carón dun lago nas proximidades de Quito, Ecuador. A disputa é entre dous pobos, ambos pobres, que se chaman da mesma maneira, Pucará, e que teñen para compartir unha igrexa a medio camiño.

O párroco, tamén un morto de fame, decide soterrar unha imaxe da Virxe e botarlle sal por enriba. Ao día seguinte, as ovellas co devezo provocado polo sal destaparon coas patas a imaxe santa, A Milagrosa.

Comeza a época dourada aínda que os devotos e as millentas ofrendas só fan rico ao cura. Mentres, os veciños dun e doutro lugar, por non darlle ao outro a súa parte, andan a paos ata que consuman o exterminio total.

Galeano afirma que aquela terra sen ninguén acabou en mans dunha multinacional que tiña previsto construír no lugar da aparición da Milagrosa un santuario turístico.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 1 de marzo de 2021.


Mondoñedo 1921

Ver/ler artigo

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 22 de febreiro de 2021.


Os nomes do Entroido

O termo Carnestolendas ten orixe eclesiástica e é máis antigo ca Entroido e Carnaval. Aparece por primeira vez no Oracional de Tarragona (s. VII) e en misais mozárabes; tamén en cartas, ordenanzas e doazóns do s. XI en adiante en referencia ao comezo da Coresma. A partir do s. XV alude ao tempo de gozo e alegría previo á Coresma.

Entroido, coas súas variantes Antroido, Antroxu, Antruejo, Antruexo, Antruido, Entroido, Entrudio, Entrudo, Introido… tamén é de orixe eclesiástica. En Galicia aparece escrito por primeira vez con un significado parecido ao actual nun documento en latín de San Pedro de Ramirás (1268) como ‘día de introito’.

A partir do ss. XI-XII este termo, ademais de denominar o período previo á Coresma, convértese nun xenérico para referirse a todas as máscaras. En 1611 Covarrubias di que o vocábulo procede de ‘introito’ referido á entrada do ano romano. Porén, no Diccionario de Autoridades da RAE (1726-1739) dise que se refire á entrada da Coresma. Así e todo, este nome e as súas variantes sempre se consideraron vulgares, propias de aldeáns e rústicos, mentres que o cultismo Carnestolendas era de uso case exclusivo de eclesiásticos.

Unha curiosa teoría é a do filólogo Rafael Chacón Calvar que di que ‘introitus’ era o nome da primeira parte das misas que se oficiaban polo rito romano entre os ss. V e VII e que se xeneralizou a partir do s. XI. Tratábase dun canto con fragmentos de salmos, dialogado entre dúas voces ou coros co que se anunciaba de que ía tratar o oficio. Había ‘introito’ en todas as misas que se celebraban por este rito, agás nas de Coresma. Pero na península, coa excepción de Cataluña, non se celebraron misas polo rito romano ata o s. XI senón que se celebraban polo chamado rito hispánico ou, mal chamado mozárabe, e neste caso a primeira parte non tiña ‘introitus’ senón ‘praelegendum’.

En Castela, Portugal e Galicia os cluniacenses impoñen a partir do s. XI este novo rito romano que ademais do canto gregoriano e dunha nova vestimenta litúrxica, trae como novidade o comezo da misa con ‘introitus’. Esta nova misa, comparada coa anterior, segundo Chacón Calvar, é moito máis pobre, máis breve e máis simple. O crego viste de negro e pobremente. O cura comezábaa dicindo dúas veces ‘introibo ad altares Dei’ para que os fieis repetisen.

Nese momento, por certo, o termo latino “introitus” xa se vulgarizara como “entrada”. Os fieis ao ver o cura vestido pobremente, dicindo unha misa breve, con poucos cantos e sen acompañamento musical, con letras que non entendían, pronunciando tantas veces a palabra “introibo” ou “introitus” puideron asociar aquela extravagancia á figura das máscaras que coñecían e que aqueles cregos ben parecían uns entroidos.

“A xuventude de Baco”, William-Adolphe Bouguereau (1884)

A palabra Carnaval é de orixe italiana e comeza a usarse a partir do s. XV. Refírese a un Entroido ostentoso, un espectáculo con actores e con público. O termo pode derivar de ‘Carne vale’, fin ou abandono da carne, ou de Carrus Navalis, a nao Isis navigium das Antesterias gregas en honor a Dionisos (o Baco romano) e aos mortos.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 15 de febreiro de 2021.


O Entroido cristianizado

A tradición xudeo-cristiá acolleu no seu panteón, converténdoos en demos, os monstros con corpo humano e cabeza de animal procedentes dos mundo pagán. A literatura dos sínodos é reiterativa nese aspecto e combate con decisión, aínda que con demorado éxito a pesar das graves penas que se impoñían, a suposta indecencia e loucura que se manifestaba nestas celebracións.

San Paciano de Barcelona critica na súa obra, hoxe desaparecida, aos que se disfrazan de cabras e cervos —cervus— nos primeiros de xaneiro. San Martiño de Braga no s. VI opoñíase rotundamente a que o ano comezase en xaneiro —inicio do ano pagán—, no canto de marzo, na data do equinoccio de primavera a escollida por un tempo como a do nacemento de Xesús.

O III Concilio de Toledo, ano 589, prohibe os bailes, as danzas e as cancións indecorosas nas celebracións dos natalicios dos santos. No s. VII San Isidoro critica os homes que nas calendas de xaneiro se disfrazan de animais, os que toman aparencia efeminada e que executan bailes e danzas desordenadas, ademais de prácticas sexuais reprobables estimulados polo consumo de excitantes.

Códice Albeldense

O penitencial coñecido como Códice Albeldense ou Vigilano, redactado no ss. IX-X, describe a procesión carnavalesca con travestidos —maias— e máscaras de animais e de demos —orcum—; pero tamén as mozas e mozos ben engalanados e vestidos —pelam— que se interpretaron como personificación da primavera.

Tamén era costume polas calendas de xaneiro disfrazarse cubríndose con peles de cervo e poñer a súa cornamenta sobre a cabeza —cervullum facere—. As máscaras de cervo aparecen ás veces asociadas a unha muller vella —cervullum et vetula facere— e outras a unha tenreira —cervullum e vitela—. Desde Tertuliano, s. III, a Burcardo de Worms, s. XI, hai constantes referencias a estas mascaradas que consistían en tomar a aparencia dun animal, sobre todo a de cervo pero tamén de cabra, tenreira, boi, becerra ou becerro.

Ademais das máscaras de animais e do travestismo, nestas datas servíanse comidas e bebidas en abundancia para auspiciar a abundancia o resto do ano. Para rematar, pois sería longa demais a casuística, en 1473, as autoridades eclesiásticas do arcebispado de Toledo lamentan que nas catedrais e igrexas exista o costume de que nas festas de Nadal, San Xoán, Santo Estevo e os Inocentes, mentres se celebran os sagrados oficios se fagan espectáculos teatrais, máscaras, monstros, elementos grotescos e moitas outras cousas deshonestas, facendo burla, recitándose poesías lascivas e sermóns xocosos que interrompían o oficio divino.

Temos, xa que logo, varios entroidos mesturados. O precristián, o das mascaradas das calendas de xaneiro que tanto criticou a Igrexa desde o s. IV en adiante, e outro xa cristianizado. Á súa vez, hai agora un popular e tradicional e outro burgués ou de casino. Todos rematan, agás nos casos que se prolonga ata o sábado e domingo de Piñata, e incluso mesturado con ritos relixiosos ata Semana Santa e Corpus, o Mércores de Cinsa ou, segundo Covarrubias, Corbillo porque o home se ‘encorva’ ou humilla en sinal de arrepentimento.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 8 de febreiro de 2021.


Isidro

Hoxe celebrarías tres anos máis pero, parafraseando a Borges cando fala de Heráclito, aquela mañá abandonoute na marxes do río Miño cando te dispuñas a pasear Lugo sen que a túa vontade o decidira.

Portada libro homenxe (deseño de Bordell)

Quizais non che deu tempo ou non che pareceu oportuno despedirte; fúcheste como un relampo fugaz tras o agoiro do trono. Quizais, sabendo como sei que non che gustaban as cerimonias pomposas e menos aínda aquelas nas que ti tiveses algún protagonismo, non quixeches discutir.

Se cadra a culpa foi, aínda que non sei a quen llo preguntar, de Caronte, que andaría, como adoita, coas urxencias propias do seu oficio e ti, sempre respectuoso ata con este tipo de personaxes, non quixeches facerlle perder máis tempo do necesario. Non o sei nin o saberei nunca pero na miña opinión, nesta ocasión excedícheste na cortesía.

Prefiro lembrar que che gustaban os caramelos halls; os extrafortes. Cando convidabas, avisabas pero agardabas pillabán a que os probásemos para despois rir das consecuencias da túa inocua malicia. Mentres a vítima da túa broma buscaba aire fresco para aliviar a ardentía, o impacto asasino da chupada, ti defendíaste: Xa te avisei!

Nunca traspasabas a raia do caneo divertido. Tiven a sorte de compartir moitas viaxes contigo. Ías e volvías para facer o que tanto che gustaba: recitar versos, teus algúns, os menos, case sempre doutras e doutros, regalando o agarimo da rima desa aventura andante que chamamos polafías. O verso vivo que axudaba a entender o mundo e que ti esparexías xeneroso entre oídos pouco afeitos ao afago da poesía, tal e como facían os antigos bardos e xograres nas prazas populares.

Deixaches boa parte desa memoria oral gravada nos arquivos da AELG e anuncio que todos os teus poemas, tamén os inéditos, axiña verán a luz en competente edición impresa.

Esa memoria perdurará pero a min gustaríame aproveitar esta tribuna e este cabodano para pedirlle a Lugo que non te borre da memoria, que eu ben sei que é fuxidía e fráxil, e que pronto cede e se deixa entornar pola brisa do esquecemento. Quizais, suxiro, estaría ben unha escultura de tamaño natural, simulando movemento, co teu vestiario alegre e colorido, con chapeu, que se podería instalar na entrada ou na saída da rúa Bispo Aguirre, a beira onde Caronte te citou para a partida.

Seriamos moitos os que nos pararíamos a saudarte e conversar sobre calquera e intranscendente asunto, sobre o tempo, o pasar dos estacións, sobre o tema dun poema ou preguntarche se nesa beira se estima a poesía ata que o reloxo se impacientase para non estorbar o paso da outra xente, desa que nunca reserva tempo para conversar nin para catar os caramelos halls.

Creo que nunca falamos de Caronte nin de se a chalana que goberna é de fiar pero a min agora gustaríame saber por que este triste remador non aproveita a viaxe de vinda para devolver pola escura Estixia aos que, coma ti, estou ben certo, non tiñan présa en se aveciñar nesoutra banda!

Gustaríame saber esa resposta sobre todo para que non se cumpra a profecía dos teus versos: Noite / é todo o silencio /que escurece as nosas horas.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 1 de febreiro de 2021.


Máscaras

As máscaras teñen usos moi variados e non só preservativos. A súa invención é moi antiga e no Entroido teñen reservada unha función fundamental.

A palabra procede do italiano ‘maschera’, e esta do árabe ’masharah’, co significado de obxecto de risa. Contrariamente ao que se ten afirmado pola súa presenza no teatro grego ou romano, a invención das máscaras parece non estar relacionada co teatro —ou polo menos co teatro formal— senón coa necesidade de comer e con celebracións relixiosas coma se facía no antigo Exipto, que as usaban para representar a morte e a resurrección de Osiris, o mesmo que nas Parentalia romanas ou, incluso, as cabazas do Samaín. Hai que supoñer que o home primitivo cando se disfrazaba con peles ou cornamentas e danzaba para atraer ou provocar a caza —como se ve nalgunhas pinturas rupestres— estaba máis preocupado por comer que por inventar o teatro.

As máscaras son consecuencia de crenzas como o animismo —todo ser ten espírito ou ánima— e o totemismo —culto a un animal considerado devanceiro ou protector do grupo, tribo ou clan—. Tamén forman parte dos elementos imprescindibles —fetiches— para a maxia. Para a Igrexa, en cambio, travestirse ou enmascarase significa arrebatarlle a Deus a capacidade de crearnos á súa imaxe e semellanza; quizais por iso cren en Portugal que se un careto, un enmascarado do Entroido, morre co disfrace posto, vai dereitiño ao Inferno.

Charles de Lorme (1584-1678) era un médico balnearista francés, amigo de Richelieu, que mirou pola saúde de varios reis de Francia e de moitos aristócratas das cortes europeas da época e que pasa por ser quen creou o primeiro EPI —equipo de protección individual— para que os sanitarios non se contaxiasen de peste.

Castelao coas máscaras de ‘Os vellos non deben namorarse’

O equipo constaba de prendas de liño, abrigo longo protexido con ceras aromáticas, calzóns incrustados nas botas e camisa. Talvez sombreiro, anteollos e luvas de pel de cabra, ademais dunha vara que tiña tripla función: manter a distancia de seguridade entre galeno e paciente, tocar con ela as partes do corpo enfermas e, de ser necesario, defenderse dalgún doente violento. Para que a indumentaria vaia completa queda comentar como era a máscara en forma de pico de ave con quince ou máis centímetros de lonxitude.

O pico, con dous buratos, un a cada lado das fosas nasais, ía recheo con algodóns impregnados en perfumes, mestura dunhas 55 herbas, gasas e substancias aromáticas, po de víbora, canela, mirra, mel e outras esencias. O aire que respiraba o portador impregnábase de todos eses aromas desprendidos polas herbas, crendo que eran efectivos contra o mal.

O personaxe así caracterizado, coñecido como médico da peste negra, fixo fortuna noutros ámbitos. Foi adoptado pola commedia dell’arte e pasou a ser disfrace habitual dos entroidos urbanos de varias cidades italianas. Por este invento e pola máxima que se lle atribúe a Lorme que ao parecer cría que o que bebe máis, vive máis, xa merece que o seu nome quede na historia como deseñador de máscaras singulares.

Castelao, aínda que non nacera, xa lles puña rostro aos vellos que non deben namorarse!

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 25 de xaneiro de 2021.


A Ilha da Ínsua

Algún día deberiamos inventariar as lendas do noso gran río, o Miño, desde o nacente á foz, entre A Guarda e Caminha, mais, polo de agora, conformámonos con visitar o punto final, a Ilha da Ínsua, a atalaia portuguesa que desde o océano saúda as augas  nacidas no Pedregal de Irimia ou en Fonmiñá.

A Ínsua, ao parecer, comunícase coa praia de Moledo por un túnel que a día de hoxe ninguén sabe onde ten a entrada nin á saída. Alí houbo un mosteiro e logo construíse un forte que aínda resiste erguido en lembranza das pelexas doutros tempos. Uns frades construíron un mosteiro no s. XIV a pesar de non haber auga doce no rochedo pero, iso si, tiñan fe en atopala e conseguírono. Estando o abade prior nos seus rezos adormeceu e nos soños aparecéuselle a Virxe en figura de moza fermosa que lle indicou o lugar exacto onde debían escavar para dar co manancial. Obedeceron os frades a orde soñada e atoparon o que hoxe chaman Fonte Milagrosa, auga prodixiosa e curadora.

Cando vivían no mosteiro uns franciscanos galegos, unha pescador ofreceralle á Nossa Senhora da Ínsua regalarlle a lamprea número trece, a seguinte tras completar a ducia, pero non o fixo nin sequera a primeira vez así que durante os trece días seguintes, mentres os outros mariñeiros pescaban cantas querían, este non colleu ningunha outra chupona.

O 13 de outubro de 1602 uns corsarios ingleses asaltaron a illa. Os frades, con frei Xerónimo á cabeza, agacharon todo canto puideron: o cáliz, a imaxe de Nossa Senhora e eles mesmos tras dunha rocha, de tal modo que os ingleses non conseguiron descubrilos pois volvéronse invisibles aos ollos dos protestantes. Cando marcharon, todo se volveu como antes.

En días de temporal, outro milagre, dentro do convento non se escoitaba o bruar do mar. E contan que as pedras lanzadas polos ciclóns non ferían a ninguén pois os croios mantíñanse no aire ata que os frades se desviaban da súa traxectoria asasina. E aínda poderíamos seguir contando marabillas desta illa como cando apareceu no mar, en arca repuxada, un Cristo polícromo canda outros obxectos sagrados que disputaron mariñeiros galegos e portugueses. O botín caeu do lado lusitano e hoxe aquel Cristo é santo patrón de mareantes.

Tamén se asegura que na Ilha da Ínsua non hai ratos nin animais pezoñentos. E se algún destes bichos chega nalgunha arroiada, axiña se esvaece. Tampouco hai sargos no mar que a arrodea, seica por culpa da maldición dun comandante galego, aínda que isto sería discutible pois é xustamente aquí onde remata a famosa carreira entre o sargo e a toniña que percorren toda a costa galega e que gaña o peixe máis cativo.

Cando a toniña chega o sargo sempre está! A lección deste conto é que a toniña vai e vén, anda de aquí para acolá por toda a costa galega e por outras moitas costas dos mares do mundo. En cambio, o sargo non vai nin vén senón que está, sempre está, pois en todas as rochas hai sargos, milleiros de sargos que ao escoitaren ‘toniña vai’ sempre responden ‘sargo está!’

Deixamos a Ilha da Ínsua coa súa historia fantástica e regresamos río arriba ata onde comezamos esta aventura.


©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 18 de xaneiro de 2021.


Arxeriz

Estreamos este 2021 cunha visita ao Ecomuseo Pazo de Arxeríz que mantén no lugar do mesmo nome, parroquia de Fión e concello do Saviñao, a Fundación Xosé Soto de Fión.

Ás numerosas salas e dependencias que ocupan as distintas coleccións expostas, a unha contorna moi coidada e equilibrada, con horta, videira, xardín e bosque, súmase a visita á croa parcialmente escavada do inmediato castro de Arxeriz, e desde alí, como por maxia, pódese contemplar a máis famosa revolta do río Miño, a que aparece en centos de fotos e postais e que leva o nome de Cabo do Mundo.

A pesar da friaxe ambiente destes primeiros días de xaneiro, a visita paga moito a pena aínda que non son, seguro, estas as mellores datas do ano para pasear, gozar, ver e aprender dunha simbiose tan harmónica entre medio, patrimonio e musealización da memoria. Propoñemos facelo entre o atardecer da primavera e o primeiro outono, cando a Natureza se engalana e certa fauna se deixa ver.

As vides e plantas medicinais e aromáticas, o arboredo variado, maioritariamente autóctono, está identificada con rótulos. Dentro do vello pazo do s. XVII consérvase a lareira, cuartos e salas con mobiliario de seu, amais dunha mostra de pezas arqueolóxicas procedentes do xacemento castrexo.

Nas distintas dependencias de arredor pódense visitar os espazos dedicados á cultura fluvial, coa maior exposición de Europa de barcas de río e aparellos de pesca, sen esquecer o impacto negativo que supuxo o exceso de encoros. A sala dedicada á viticultura tradicional é outra das máis completas, con mostra de utensilios, ferramentas e explicación dos distintos procesos para a elaboración do viño. Noutros anexos pódense contemplar detalles ben interesantes como os esgrafiados, os murais da capela, o forno, o cabazo ou escoitar a cantarela da auga no estanque.

Outras coleccións amosan a importancia de oficios tradicionais como a cestería, olaría ou detalles do Entroido Ribeirao que pronto se completarán, segundo nos dixeron, coa apertura dun espazo dedicado ao mundo do carro. E todo, sala a sala, complementado cun rotulado proporcionado, boas fotografías, paneis gráficos, documentos e un mapa interactivo do patrimonio da Ribeira Sacra.

Queda atrás unha longa historia deste lugar cuxo propietario máis coñecido foi o eminente médico e científico Luís López Suárez, Xan de Forcados, (1884-1960). Mercou o pazo en 1916 e desde alí promoveu a creación da Misión Biolóxica de Galicia para impulsar a modernización do campo galego. A esta súmanse outras moitas iniciativas encamiñadas á formación dos nosos investigadores. Patrocinou estudos hoxe referenciais do patrimonio da Terra de Lemos, deu agocho a numerosos perseguidos polo fascismo tras o golpe de 1936 e ata actuou en defensa da Muralla de Lugo fronte ás ansias devastadoras do alcalde López Pérez.

O que hoxe é Ecomuseo Pazo de Arxeriz pasou por outras mans ata que en 1996 Xosé Soto crea a fundación que leva o seu nome e se inicia o que hoxe é, un exemplo didáctico modélico de como conservar a memoria do patrimonio material e inmaterial con respecto e autoestima.

+Visita virtual Ecomuseo Pazo de Arxeriz

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 12 de xaneiro de 2021.


Centenario de Don Fino

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 4 de xaneiro de 2021.


Santos Inocentes

Segundo algúns investigadores, a matanza dos nenos de Belén menores de dous anos ordenada por Herodes debeu ter lugar uns dous anos despois do nacemento de Xesús pero non está claro, de todos modos, en memoria de que inocentes celebramos o 28 de decembro.

J. Caro Baroja, ao estudar as orixes do Entroido e a súa vinculación coas festas de tolos ou de elección de obispillos que se celebraban nesta data, opina que estes inocentes poden ser as ánimas dos devanceiros, e que as más­caras serían a súa representación.

A Morte dos Infantes Inocentes celebrábase pola igrexa xa no s. V. En principio, as imaxes representaban a execución por precipitación ou des­pezamento contra o chan. Máis adiante, a partir do s. X, a iconografía representábaos feridos polas lanzas dos soldados de Herodes. Nun principio o día escollido era o 8 de xaneiro e no s. X apa­rece nun calendario mozárabe con dúas datas de celebración, o 29 de decem­bro e o 8 de xaneiro.

Estes nenos son considerados os primeiros mártires cristiáns xa que foron bautizados co seu propio sangue. Asegúrase que o corpo incorrup­to dun deles está nunha furna que hai na sancristía da catedral de Valencia, e que a camisa doutro, doazón de Isabel a Católica, está na Capela Real da Catedral de Granada.

Nun dos muros interiores da catedral de Mondoñedo consérvase un mural con pinturas góticas datado entre finais do s. XV e principios do XVI cuxa lenda di: «Estes son los santos Ynocentes que el rey Erodes mandó degolar…».

O Día dos Santos Inocentes é, sobre todo, unha xornada de burlas a ver quen cae de incauto. Neste día os xastres mandan os aprendices ir buscar a pedra de afiar as agullas, fanse recomendacións como cortarlles o rabo ás vacas para que non mosquen; téntase, con enganos, que outros carrexen pesos inútiles ou innecesarios, que fagan recados imposibles, atráncanse camiños, fanse desaparecer cancelas e portas, sóbense ferramentas, carros ou animais ao bico das árbores, pendúranse do lombo dos inxenuos papeis con figura de burro ou farrapos, déixanse ao descoido paquetes baleiros, regalos e diñeiro falsos, fanse circular rumores…

A Festa dos Inocentes foi, en certo modo, a continuación das irreverencias das antigas Saturnais. Invertíase a orde, mandaban tolos, criados, nenos e acó­litos. Chegaron a celebrarse dentro das igrexas xogos e representacións con personaxes ridículos, facendo uso de vestiduras sagradas, remedando e paro­diando para provocar risa actos litúrxicos con nomes tales como Festa dos Obispiños, Festa do Burro ou Festa dos Tolos. Foi costume tolerado e promovido pola igrexa como recoñece­mento á inocencia.

A Festa do Obispiño ou Bispo dos Inocentes consistía en escoller un meni­ño, xeralmente de coro, para que vestise e exercese de bispo nese día, facendo parodia das cerimonias relixiosas. As constitucións do bispado de Lugo de 1669 prohiben o uso de roupaxe sagrada para facer parodias de relixiosas pero na catedral de Ourense, malia as prohi­bicións, seguiuse ata o s. XX o costume de que os acólitos mandasen e dirixisen rezos, misa e coro nese día.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 28 de decembro de 2020.


As orixes do Nadal

No mundo céltico a lúa do solsticio de inverno era sagrada, os druídas cortaban o acivro e sacrificaban dous bois brancos. Celebraban a festa de Yule tras a estación escura queimando un toro de madeira. Honraban a Frei, deus da fertilidade e do amor, con festas e bailes, prendían fogueiras e pedían que o ano entrante fose frutífero.

En Roma celebraban nestas datas as Saturnalia, as festas máis populares do calendario romano en memoria da consagración do templo de Saturno no ano 497 a. C. Era o deus do plantío e das colleitas, fora expulsado do Olimpo por Zeus e acollido no Lacio como rei, onde propi­ciou un tempo de paz e prosperidade chamado Idade de Ouro. Comezaron celebrándose un só día, o 19 de decembro, para pasar a durar sete, do 17 ao 24, na época de Cicerón. Cando a reforma do calendario Xuliano, ano 45 a. d. C., o mes de decembro medrou dous días e as Saturnais adiantaron o seu comezo ao 17 de decembro.

Eran días de relaxación, sen prohibicións nin traballos, bebendo e comendo nos que a inversión era tal que ata os amos servían aos escravos. Intercambiábanse agasallos como as sigillaria, pequenas figuras ou bonecas de terracota ou prata para os máis cativos, e cerei, candeas coas que os humildes agasallaban aos patróns. Tamén poñían árbores con xoguetes. Estas festas co nome de Brumariade bruma, borraxeira– seguíronse celebrando ata mediados do século IV d. C.

O Dies Natalis Solis Invicti, instituído por Aureliano no 274, celebrábase en Roma cando a luz do sol comezaba o seu renacemento no solsticio de inverno. Os fieis acudían a un santuario e sacaban en procesión unha imaxe do Sol representado por un neno acabado de nacer. Constantino decretou no 321 que o Día do Sol sería o día de descanso entre os romanos, e os emperadores representábanse coa cabeza radiada, como soles.

O culto a Mitra, deus solar de orixe persa, foi popularizado no occidente europeo polas lexións roma­nas. Tiña carácter mistérico e compartiu co cristianismo moitos dogmas, ata o punto de competiren entre os ss. I e IV d. C. por seren a relixión dominante. Na cidade de Lugo descubriuse, no soar do vicerreitorado, un altar a Mitra, único descuberto ata o de agora no noroeste peninsular. Na inscrición, o dedicante, Gaio Vitorio Vitorino, un centurión recadador de impostos, pídelle ao deus a protección da oficina de recadación e dos libertos Segundo e Víto.

No ano 380, tras a prohibición por Teo­dosio de todas as relixións agás a cristiá, acabaron as celebracións do Sol Invicto. O Dies Solis pasou a chamarse Dies Dominicus actual domingo e o Dies Natalis Sol Invictus pasou a ser o Dies Natalis Domini Iesu Christi. O papa Xulio I oficializa a mediados do s. IV o 25 de decembro como a do nacemento de Xesús.

As coincidencias evidentes –Yule, Saturnais, Sol Invicto, Mitra–, todas sincretizadas pola cultura xudaico-cristiá, tratan do renacemento cíclico. O astro-deus, o Sol, o pai e gran fertilizador da vida co que todas se identifican, representa no solsticio a luz e a vida fronte á escuridade e as tebras que deixamos atrás.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 21 de decembro de 2020.


A hora vinte e cinco

Na maior parte de Europa e noutras moitas rexións do mundo conmemórase nas próximas datas, con maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das distintas igrexas cristiás, o Natalicio de Xesús Cristo.

Antigamente celebrábanse nesta despedida do ano outros cultos e festas en honor a deuses como Osiris en Exipto, Dionisos no imperio romano oriental e na honra do Sol Invicto e de Mitra no occidental. Na Roma clásica eran, ademais, os días das Saturnalia, as festas máis importantes do ano. Todos estes cultos, festas e ritos, xunto coas celebracións solsticiais das culturas indoeuropeas, aínda sendo formalmente proscritos pola igrexa, seguen hoxe latentes nas celebracións de Nadal baixo o verniz do cristianismo.

Ata o s. IV a igrexa non elaborou a listaxe dos 72 libros que compoñen a Biblia canónica. O Novo Testamento di que o Natalicio tivo lugar nunha corte de Belén, e que a Virxe, logo de parir, acomodou o fillo nunha cambeleira. Algúns apócrifos, en cambio, afirman que naceu nunha cova, probablemente escavada na rocha a pé da muralla da cidade, e que tres días despois do parto, ao non haber mellor hospedaxe dispoñible, instaláronse nunha corte. Esta cova, que estaría situada debaixo do altar maior da actual Basílica da Natividade de Belén, foi identificada como un vello santuario dedicado a Adonis.

A data de nacemento de Xesús non foi motivo de preocupación nos primeiros tempos e os evanxelistas non repararon nese asunto. Só Lucas, nun prólogo engadido ao seu evanxeo, afirma que «había na rexión uns pastores que pasaban a noite ao raso e vixiaban por quendas os seus rabaños».

No s. II comezaron a barallarse varias datas. Oríxenes, a mediados do s. III, seguía considerando irrelevante tal preocupación pero a igrexa oriental, a proposta dos gnósticos basilidianos de Exipto, decantouse polo 6 de xaneiro. Era un día grande nos cultos pagás orientais pois nesa noite do 5 ao 6 de xaneiro celebrábase a epifanía —aparición— de Osiris e a do seu correspondente grego, Dionisos. Ademais, en Alexandría representábase a Aión, o renacer do tempo, como un neno fillo dunha virxe nacido nunha gruta cunha estrela de ouro e marcas dunha cruz na fronte, nas mans e nos xeonllos.

Na mesma data tamén se conmemoraba a bendición das augas por Dionisos, augas que se convertían en viño como as que transmutou Xesús nas Vodas de Caná. Xesús Cristo, parece evidente, representa a continuidade destes deuses.

Escribíu Cunqueiro que «hai momentos na historia da humanidade en que a terra deixa, por unhas horas ou uns meses, de pertencer aos homes». Esas horas ou eses meses que el denomina a hora vinte e cinco.

O Nadal é a hora vinte e cinco da que fala Cunqueiro, un período de trece días e trece noites, consecuencia dun sincretismo de ideas, crenzas e prácticas que se foron desenvolvendo ao longo dos séculos ata conformar unha tradición viva que ten a orixe remota en primitivos cultos astrais arredor da Lúa e do Sol, astros fundamentais para a vida na Terra e que comeza agora tras a agonía invernal o seu renacemento cíclico.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 14 de decembro de 2020.


O cadro da Muralla

Coas persoas migran obxectos e a historia que os singulariza. Primeiro migrou o artista, Modesto Brocos, que naceu en Compostela en 1852 e faleceu en Río de Xaneiro en 1936, e despois a obra.

Brocos, tras unha etapa de formación en Santiago e na Coruña, marchou a Arxentina en 1871 e posteriormente a Brasil —onde introduciu a técnica da xilografía—, París e Roma para asistir a clases da Academia Chigi durante catro anos grazas a unha bolsa da Deputación da Coruña. Tras exercer brevemente como profesor da Real Sociedad Económica de Amigos del País en Compostela, en 1890 instalouse en Río de Xaneiro onde viviu, agás entre 1897 e 1900, ata o pasamento, converténdose en figura moi destacada das artes brasileiras.

Ilustración de Rita Gutiérrez para o libro ‘Contrahistorias de Galicia’ de Antonio Reigosa (Embora, 2020)

O cadro “A defensa de Lugo en tempos de Ordoño II” pintouno en Roma en 1887. Trátase dun óleo que reproduce un suceso bélico imaxinario, o suposto fracaso do cerco da cidade de Lugo polos árabes no s. X. A escena que se pode contemplar inspírase nunha lenda de purificación nobiliaria e reproduce xusto o momento no que os defensores arrebolan desde as ameas da nosa Muralla un año e un cesto cheo de bolos de pan.

O asedio consistía en deixar pasar o tempo para que os sitiados se rendesen por fame. E así sucedería se non fose que os cercados idearon unha estratexia salvadora: baleirar desde o alto da muralla e enriba das cabezas dos asaltantes bolos de pan con compango, un año, aínda que sen rapar. Os asaltantes pican no engano, cren que aínda lles queda moita comida no interior e renuncian á toma da cidade.

O episodio cóntase desta guisa, con máis prosapia, en “Armas i triunfos de Galicia”, de Felipe de la Gándara (1596-1676). Esta escena sería a que daría orixe á casta dos Bolaños, apelido resultante dunha combinación elemental das palabras bolo+año. Hai quen engade que o año ía atado cunha correa, o que daría orixe ao apelido Correa.

A obra foi reproducida en gravado en varias enciclopedias pero quizais a descrición máis bucólica sexa a do poeta cubano Julián del Casal en 1890 que o viu colgado nos luxosos salóns do primitivo local do Centro Galego da Habana, en Reparto de las Murallas, entre lúas venecianas enmarcadas en bronce, luces de gas, teitos azuis, paredes tapizadas, columnas de xaspe e fileteados de ouro.

O cadro viaxou desde Roma a Madrid para a Exposición Nacional de 1887, e a seguir ao Salón de París de 1888. Despois botou unha temporada na Coruña baixo a custodia do irmán do autor e tamén artista, Isidoro Brocos. En 1890 viaxou a Brasil onde, segundo Neira Vilas, gustou tanto que ata foi reproducido en selos de correos.

Nese mesmo ano mercouno o Centro Galego da Habana por 400 pesos de ouro e viaxou a Cuba para expoñelo, como dixemos, no vello local do Centro Galego ata que se trasladou ao novo edificio no antigo Teatro Tacón inaugurado en 1906.

Cando se extinguiu o Centro Galego en 1959, o cadro seguiu un tempo no mesmo edificio ata que Xosé Neira Vilas decidiu descolgalo e doalo ao Museo Nacional de Bellas Artes de Cuba, que é onde supoñemos que se custodia na actualidade. A Lugo, polo de agora, nunca chegou.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 7 de decembro de 2020.


Cunqueiro en tres folios

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 30 de novembro de 2020.


O xastre peregrino

Guillaume Manier tiña 22 anos cando peregrinou a Compostela no outono de 1726 na compaña de tres colegas, Antoine Delaplace, Antoine Baudry e Jean Hermand. Era xastre de profesión, nacido en Carlepont, na antiga Picardía, ao nordeste de Francia.

Parece que os motivos da peregrinación eran máis prosaicos, quizais débedas, ca relixiosos. Dez anos despois, en 1736, puxo por escrito as memorias daquela viaxe no libro Voyage d’Espagne, texto do que entresacamos algúns datos.

Despois de certos contratempos, a enfermidade dun dos mozos obrigou ao grupo a traballar nos viñedos de Burdeos para pagar as menciñas. Entraron en Galicia desde o Bierzo e cruzaron o Cebreiro o 28 de outubro.

O día 30, o que semella unha camiñada incrible polo número de quilómetros que separan as localidades, xa fixeron noite en Salceda, lugar da parroquia de San Breixo de Ferreiros, no concello do Pino.

Aquí, segundo Manier, os homes e as mulleres durmían vestidos, só cambiaban a roupa das camas dúas veces ao ano e compartían a casa cos animais, incluídos os cochos; só un pau traveseiro os apartaba da manxadoira.

Os peregrinos deitáronse nunhas pallas a carón do lume pero cando lles deu aos cochos por facer unha ronda nocturna, un deles, excitado polo olor dun nabo que gardaba Hermant no saco que lle facía de almofada, armou un cristo. O porco ao botarlle a boca ao saco para trincar o nabo tamén lla botou á cabeleira do coitado e en comandita cos outros porcos, que tamén devecían pola cachola, arrastrárono —imaxinen os berros da vítima— uns cantos pasos.

Chegaron a Santiago a primeira hora do 1 de novembro. Escoitaron misa e despois procuraron a manduca que resultou barata e abundante. Ás once no convento de San Francisco paparon un bo pan, sopa e carne; ás doce en San Martiño, pan, sopa, bacallau e carne; á unha no convento das monxas de Santa Teresa, pan e carne; ás dúas no dos Xesuítas outro pouco pan e ás catro xa estaban coa sopa da cea no convento de San Domingos, ás aforas da cidade.

A expresión “comer á sopa boba” equivale a facelo de balde e parece que ten orixe nos caldos sobrios que se lles ofrecían no pasado a pobres e peregrinos nalgúns conventos e casas relixiosas. Neste caso, ademais de gratis, resultou copiosa.

Despois de describir as súas andanzas por Compostela, as compras que realizaron e de conseguir os certificados pertinentes, incluída unha relación detallada das reliquias existentes na catedral, o día 4 de novembro iniciaron o regreso en dirección a Oviedo.

Pasaron por Gonzar, Sobrado dos Monxes, Parga, Baamonde, Vilalba e o día 9 camiñaban de Goiriz a Montagnelle (sic) (Mondoñedo) onde se admiran do tamaño xigante dos loureiros, da calidade das laranxas e dunha “oignon des Indes d’une prodigieuse grosseu”. Despois deixan atrás Lourenzá e Cabarcos e chegan a Ribadeo o domingo, 10 de novembro.

Cruzar de Ribadeo a Figueres resultou media hora de suplicio. O temporal meneaba o bote e as cincuenta persoas amoreadas a bordo subían e baixaban ao ritmo de violentas ondadas. Un perigo, escribiu Manier, “qui donne le nom à ce passage de pont qui tremble”.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 23 de novembro de 2020.


De Autherine a Kamala Harris

Hoxe ao fío das eleccións USA vou falar de mulleres negras. Xa saben que a estas horas gaña Biden e perde Trump, pero quen sabe como acaba o conto..

Tan importante como poden ser os resultados finais para a tranquilidade do mundo éo saber que chega á vicepresidencia por primeira vez unha muller, o que representa, polo menos simbolicamente, que as mulleres e a poboación non branca conseguen dar un golpe de efectos revolucionarios na cabina de mando do todopoderoso santuario do capitalismo e da segregación machista e racista.

Deixo agora a vicepresidenta Kamala Harris seguir adiante coa súa historia e traio aquí o nome doutra muller que estivo ata o último segundo como ela na terna de elixibles para acompañar a Biden na vicepresidencia.

Chámase Stacey Abrams. Ten 46 anos, naceu negra en Atlanta, Xeorxia, como Martin Luther King. Milita no Partido Demócrata e quedou descolgada, disque, por dedicar máis tempo ao activismo antirracista que aos asuntos institucionais.

Porén, sen o seu activismo a vitoria demócrata en Xeorxia, apenas un 0,2 por cento, 10.000 votos de diferencia nun estado no que tradicionalmente arrasaban os republicanos, non sería posible. Cando se remataron de contar os votos presenciais, gañaban os republicanos por máis de 370.000 e o voto por correo —se cadra medroso de máis para exercer á luz do día— deulle a volta.

O mérito de Abrams, froito do activismo e da conciencia de clase e raza, foi detectar os atrancos que explican porque unha inmensa maioría da xente negra xeorxiana non votaba. Unha das razóns, propia dunha mafia caciquil, a anulación por erros tipográficos ou doutro tipo de moitas papeletas. Axudando a corrixir esas trampas recuperou para o censo electoral do estado de Xeorxia uns 800.000 votantes que agora — aínda que fose tras o parapeto telemático— exerceron o seu dereito e axudaron a mudar o rumbo do país.

Pero para que Kamala e Stacey, e outras moitas mulleres e homes negros chegasen a ter a posibilidade de gobernar o seu país, ademais de poñer da súa parte loita e intelixencia, recibiron en herdanza a semente de ousadas pioneiras como Autherine.

Autherine Lucy

Autherine Lucy (Alabama, 1929) foi a primeira persoa negra xunto cunha amiga que se matriculou e nun principio foi admitida na Universidade de Alabama en 1956. Os estudantes, todos brancos, organizaron violentas protestas que forzaron a decisión de expulsala tres días despois «pola súa propia seguridade», recoñecendo que a admitiran sen saber da súa cor.

Tras a celebración dun xuízo que durou tres anos, cuxa sentenza obrigaba a readmitila en cumprimento das leis antisegregacionismo, a universidade executou a expulsión alegando que a institución fora difamada pola demandante o que, ao parecer, xa era motivo legal.

Os tempos mudaron. En 1988 foi anulada a súa expulsión e a propia universidade creou en 2010 unha bolsa co seu nome. Ata lle concederon un título honorífico o ano 2019.

Unha sobriña-neta de Autherine, Nikema Williams, é a actual presidenta do Partido Demócrata de Xeorxia, estado no que Satacey liberou do medo o voto escravo para facer vicepresidenta a Kamala Harris.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 16 de novembro de 2020.


No cabodano de Leiras Pulpeiro

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 9 de novembroro de 2020


Santos e Defuntos

O 1 de novembro como Día de Todos os Santos escolleuno o papa Gregorio IV aló polo s. IX. A intención era celebrar a memoria dos santos que non contan con día propio no santoral pero tamén cristianizar vellos ritos do mundo pagán como o Samaín que coincidindo co final do verán e da recolleita tamén se dedicaba aos mortos.

Hoxe, día 2, celébrase o dos Fieis Defuntos, xornada na que se visitan e ornamentan as tumbas dos devanceiros finados e no que se lles reza para, de teren que penar algún tempo no Purgatorio, quedaren liberados de tormentos e accedan definitivamente á gloria celestial.

Hai sitios que teñen por costume, como sucedeu entre nós tamén, compartir comida coas ánimas usando as tumbas de mesado segundo fai saber, entre outros, o bispo Guevara de Mondoñedo no s. XVI. Aínda hoxe ao celebrarmos os magostos interpretamos que as castañas cando estouran no lume representan ánimas liberadas, por tanto seguimos practicando esa convivencia entre vivos e mortos.

Tamén conservamos o costume de iluminar as sepulturas en días tan sinalados —agora con velas a pilas— como facíamos en tempos dos romanos. Moitos altares ou aras funerarias, como as que se amosan no Museo Provincial, conservan os ‘foculus’ para as ofrendas e libacións, os epígrafes cos nomes e filiacións dos defuntos e o acróstico (DMS) que indica a consagración aos deuses manes. O mesmo sucede coas lucernas que se atoparon nas cistas funerarias da praza do Ferrol, que hai case dous mil anos cumpriron un papel cerimonial no contraste imaxinario luz-escuridade que distingue a luz da vida das tebras do Máis Alá.

É sabido que o episodio final do Don Xoán, o convite á caveira ofendida, está inspirado nun relato tradicional do que en Galicia, como no resto da península, temos varias mostras como esta que nos vén de Doade, en Sober.

Un veciño cruzaba de noite polo camposanto parroquial cando viu un vulto do que emanaba unha especie de relampo. Sen pensalo, deulle unha patada e aquilo rodou, e até xemeu un algo.

Chegou á casa e dispúxose a cear. Entón foi cando viu sobre o mesa unha caveira, mais o home, coma se nada, díxolle: Se queres cear, póñoche prato! A caveira respondeu: Non quero cea; só veño dicirche que como non respectaches o meu descanso, mañá irás facerme compaña ao camposanto!

Representamos as caveiras dos mortos cos calacús, ofrecémoslle comer castañas e luz coas lámpadas, enfeitamos con flores impregnadas de olor de santidade as súas moradas, conversamos con eles e pregamos pola súa felicidade eterna.

E aínda, se for preciso, podemos achegarnos a Portalén, petouto encabalgado cunha abertura que hai no Monte do Seixo, na Serra do Cando. Se van alí deben levar algún presente para comer e beber, pan e viño preferentemente, e unha candea coa que alumar o momento pois o encontro debe realizarse a media noite.

Poden preguntarlle ao seu defunto o que desexen e as respostas víranlle, cumpridas, dacabalo do vento. Mais, ai de vostede se revela o alí falado! Tomaráselle a voz e será por sempre vítima dun incurable rouquén.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 2 de novembro de 2020.


Lugo e Nós

O venres, 30 de outubro, cómprense cen anos da aparición do primeiro número de Nós, Boletín mensual da Cultura Galega, cabeceira editada en Ourense pola Sociedade Galega de Pubricacións ‘Nós’ baixo a dirección de Vicente Risco. Até finais de 1935 viron a luz 144 números con contidos moi variados, sempre en galego e centrados na información e na análise dos temas de máxima preocupación política e cultural de Galicia.

Tendo en conta que o núcleo intelectual que dirixía o boletín e os colaboradores principais eran na súa inmensa maioría ourensáns, non aparenta, en principio, que a participación lucense fose relevante. Porén, se incluímos neste apartado aos lucenses de nación que colaboraron nalgún momento e aos ourensáns ou doutras procedencias que residiron en Lugo por motivos profesionais, a nómina de colaboradores de Nós vencellados a Lugo, amais de extensa, acada unha gran relevancia.

Apenas imos bosquexar este vencello entre Lugo, cidade e provincia, e Nós. Entre os do primeiro grupo, lucenses de orixe cuxo nome aparece en Nós nalgún momento dos seus 15 anos de vida, destacamos a J. Bal y Gay, L. Peña Novo, E. Lence Santar, E. Correa Calderón, F. Lanza, A. Noriega, A. Villar Ponte, A. Iglesia Alvariño, A. Otero, A. Cunqueiro, F. Fernández del Riego, A. Fole e L. Pimental. A maioría dos textos son creacións poéticas, opúsculos sobre música, política, etnografía e outros temas. Tamén aparecen nalgún dos números gravados de Castro Gil e de B. Vidarte, a tradución ao italiano por Guido Batelli dun par de sonetos de Noriega e un reclamo, o único dun establecemento lucense en toda a historia da publicación, o da fábrica de chocolates Fabril Real Corona, propiedade do político José Benito Pardo.

Entre os foráneos residentes en Lugo que tiveron un papel destacado en Nós, temos que mencionar aos ourensáns Primitivo R. Sanjurjo e X. R. Fernández-Oxea ‘Ben-Cho-Sey’, ao cotobadés A. Fraguas e ao ferrolán R. Carballo Calero.

Primitivo Rodríguez Sanjurjo foi profesor do Instituto de Lugo desde 1932 ata a o seu falecemento nesta cidade en 1947. Procedía de Ourense, era veciño e amigo de Risco e Otero Pedrayo. Experto en mitoloxía e astroloxía, escritor, colaborador en La Centuria, amigo de Unamuno, Rubén Darío, Roso de Luna e Borges, entre outros. En Lugo está practicamente esquecido.

A Sanjurjo substituíno como profesor outro destacado intelectual, Antón Fraguas. Nos nove anos que permaneceu na cidade conquistou o respecto e admiración dos que o trataron, méritos que engrandeceu á fronte de institucións como o Museo do Pobo Galego e como membro da RAG e do Consello da Cultura Galega ata o seu pasamento en 1999.

Xosé Ramón Fernández-Oxea ‘Ben-Cho-Sey’, ensaísta, poeta, narrador, xornalista e investigador nacido en Ourense, de longa e dilatada traxectoria política e intelectual que residía precisamente en Lugo cando estourou o golpe de 1936,.

E Carballo Calero, profesor e escritor nacido en Ferrol que casou e pasou uns quince anos da súa vida en Lugo na dirección de Colexio Fingoi, e que neste ano 2020 foi o escollido pola RAG para homenaxealo no Día das Letras Galegas.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 26 de outubro de 2020.


Lugo, capital da oralidade

Esta próxima fin de semana terán lugar na cidade de Lugo dous actos de grande importancia para a sección de literatura de tradición oral da AELG. O venres 23 celebraremos a VI Gala Mestras e Mestres da Memoria, e o día seguinte, sábado 24, a XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Ambas actividades desenvolveranse no salón de actos da Deputación.

Des que a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) decidiu, co apoio das áreas de Cultura da Deputación e do Concello, escoller Lugo “capital galega da literatura de tradición oral” estas dúas actividades constitúen o buque insignia do programa da sección.

Ano tras ano convocamos en Lugo as persoas consideradas merecentes de seren distinguidas co diploma de Mestras ou Mestres da Memoria, un recoñecemento público ao bo facer na transmisión de saberes.

Nesta ocasión as mestras da memoria son as compoñentes de Batuko Tabanka, as mulleres caboverdianas radicadas en Burela desde hai máis de corenta anos que souberon manter a memoria cultural e musical das súas orixes. O título de Mestre será para o xornalista coruñés, Emilio Españadero, quen ao longo de case tres décadas mantén o Lume na Palleira das nosas músicas de raíz nas ondas da Radio Galega. En ambos casos, distínguense auténticos Tesouros Humanos Vivos.

Acompañarannos para realizar os correspondentes laudatorios o profesor Bernardo Penabade e o polifacético Xurxo Souto, grandes e entusiastas animadores das traxectorias das persoas premiadas. A música estará a cargo de Raiceira, dúo lucense formado por Sabela Vázquez e Carme López, anovadoras da nosa música tradicional.

Se a covid o permite, ao día seguinte dedicaremos a xornada ao humor na literatura de tradición oral.  Impartirán os relatorios recoñecidos especialistas como Quico Cadaval, Suso Lista, Paula Carballeira e Xosé Lois González ‘O Carrabouxo’. Todos eles, desde as súas experiencias profesionais, exporán e debaterán en mesas abertas á participación da asistencia sobre as características, tipos e peculiaridades do noso humor popular.

Desde o mundo do teatro e da escena, da escrita, da narración oral ou do humor gráfico, coa bagaxe acumulada por parte dos relatores, cremos que a proposta ha resultar de moito proveito para o limitado aforo permitido nesta ocasión. O remate poñerallo unha sesión práctica denominada ‘Contaba morrer’ a cargo de Lois Pérez, vogal do consello directivo da AELG e recoñecido narrador oral, poeta e humorista.

Como nas edicións precedentes, despois de se celebrar a xornada a AELG editará as actas que se distribuirán impresas, amais de a socias e socios, a todos os centros escolares e bibliotecas da provincia de Lugo así como nas principais bibliotecas do país.

Contamos erguer así un chanzo máis no empeño en divulgar as manifestacións máis destacadas da nosa cultura e levar, coa imprescindible colaboración do profesorado que asiste ano tras ano, ás xeracións máis novas coñecementos, experiencias, inquedanzas e, sobre todo, estímulos para coñecer mellor de onde nos vén a memoria.

Un ano máis, Lugo volve ser o berce onde se abanan as esencias da nosa cultura tradicional.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de outubro de 2020.

 


As San Lucas e as pandemias

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 12 de outubro de 2020


O segredo do humor

A primeira noticia sobre este ensaio fundamental arredor do humor, ‘O segredo do humor’ da autoría de Celestino Fernández de la Vega, dinos que en 1960 se lle concedeu en Bos Aires o Premio Padre Feijóo, dotado con 12.000 pesos arxentinos, certame convocado polo Centro Galego daquela cidade. A Editorial Galaxia anuncia a súa publicación inmediata a finais de 1961 pero non vai aparecer nas librarías ata a primavera de 1963.

Unha vez publicado axiña aparecen as críticas e notas, quizais a primeira en El Progreso, publicada o 9 de maio de 1963, asinada por J. Trapero Pardo. Pouco despois será Salvador García-Bodaño en La Noche quen mellor nos traslade, transcribindo unha entrevista co autor, a esencia da obra do avogado, filósofo, ensaísta e tradutor de Friol.

Fernández de la Vega recoñece o impulso que lle deu á finalización do seu traballo un “cómplice e instigador” Ramón Piñeiro. Nas respostas ás preguntas de García-Bodaño, o autor recoñece a dificultade de atopar unha definición do humor e destaca dous tipos de humor galego; o tenro e reconciliador, e o sarcástico, negro, desesperado. Admite formar parte do gremio de humoristas polo feito de tomar en serio o humor e cualifica de humor xovial o de Cunqueiro “que consiste principalmente en una alegre cancelación de la realidad”. Considera a retranca como humor defensivo.

Ten interese, e probablemente unha alta dose de humor, a resposta á pregunta sobre o que opina da celebración do Día das Letras Galegas que nacía precisamente aquel ano 1963: “Me parece que se inicia una jornada anual de ejercicios espirituales de galleguidad que hacen mucha falta…”.

Diríamos que entre as críticas, que algunha houbo naqueles primeiros meses de andadura pública do libro, destaca a de Juan María Gallego que pide que se traduza ao castelán inmediatamente, que el, a pesar de ter nacido na rúa da Cruz da cidade de Lugo, ten serias dificultades para entendelo en galego. Gran humorada!

Celestino Fernández de la Vega (Friol, 1914 – Lugo, 1986), estudou dereito en Santiago e Madrid, foi técnico da administración do Estado con destino no entón Goberno Civil de Lugo. Foi socio fundador de Galaxia, articulista prolífico, traduciu a Pokorny e a Heidegger desde o alemán ao galego. Escribiu ensaios sobre a obra de Rosalía de Castro, Valle Inclán, Otero Pedrayo e Luis Pimentel. ‘O segredo do humor’ é a súa obra máis coñecida e o primeiro e, con certeza, o máis profundo tratado sobre o humor publicado en Galicia.

Os últimos anos da vida de Celestino, Cilistro, foron difíciles. O día 29 de marzo de 1986 estaba previsto que impartise unha conferencia en Lugo organizada polo Club Valle Inclán sobre Julia Minguillón pero dous días antes sóubose que marchara da súa casa o día 25, que saíra en pixama ás tres da tarde en dirección á ponte, daquela nova, sobre o Miño. A pesar dos múltiples esforzos por atopar o seu corpo non se deu con el nas proximidades do Club Fluvial ata o 15 de abril.

Nas XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo este 24 de outubro, falaremos do humor e, obviamente, desta obra capital.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 5 de outubro de 2020.


As lendas de Caldaloba

O que queda en pé do castelo de Vilaxoán ou Caldaloba, en Pino (Cospeito), é unha torre en ruínas. Alí resistiu ata onde puido Constanza de Castro, filla de Pardo de Cela, e con ela e alí mesmo finou definitivamente, pouco despois da decapitación do mariscal, a resistencia da nobreza galega fronte aos poderes casteláns.

Todos os sucesos máxicos que roldan Caldaloba atenden aos arquetipos da nosa tradición. Unha moza, filla do señor da torre, convértese, por maldición dun nobre, aspirante a amante, en loba branca cando este a sorprende cun ferreiro nun leito de arume, á sombra dun piñeiro. Vese que o plebeo, que ademais era gaiteiro, non merecía, ao entender das amizades dos señores do castelo, tan delicado pastel. A loba aínda segue ouveando algunhas noites por aquelas paraxes.

Xosé Luís García Mato, nun artigo publicado neste xornal en 1971 dá conta doutras tres lendas. Segundo unha delas no castelo de Vilaxoán vivía unha meiga nova que se divertía téndolles o camiño aos mozos cando ían ver as mozas. Enredábaos e brincaba con eles. A un, o máis valente de Xoibán, despois de  gozalo toda a noite, deixouno encabalgado nunha chanta e así o atoparon os veciños ao amencer. Á noite seguinte o rapaz levou un rosario protector e a meiga tivo que absterse e non enredalo.

No soto máis profundo do castelo hai un formigueiro enorme, o maior do mundo,  e cando é a sazón os insectos van roubar polas leiras máis de cincuenta fanegas de trigo que logo gardan para ir comendo polo inverno. Hai quen di que non son formigas, que son mouros os que fan estas razzias, e que lles axuda unha moura.

Xosé Luís de Percival e Luden, de orixe veneciana, señor de Caldaloba e cabezallo dun señorío do que non hai constancia, rebelouse contra os Reis Católicos. Era un líder espiritual, xefe dunha seita que en vez de guerreiros contaba con discípulos. Un deles, un tal Nandiño, en vez de atender a misión de evanxelización que lle encomendaran, dedicouse á boa vida. Foi chamado a capítulo e, temendo un duro castigo, tróuxolle de regalo ao Luden un paxaro de cor azul metálica.

Non lle valeu de moito ao tal Nandiño a estratexia. Foi cesado das súas funcións e o paxaro liberado, converténdose nunha choia.

Pasou o tempo, aumentou a sona de sabio teólogo, escritor e predicador de Percival e Luden, a inquisición botoulle o ollo, acusouno de herexe e como non se retractou, acabou condenado á purificación eterna polo lume.

Os do Santo Oficio concedéronlle un último desexo; que a cerimonia da queima do seu corpo se celebrase aproveitando a fogueira da Noite de San Xoán. E así foi. Acenderon o lume e nada máis poñelo enriba, o corpo inflamouse, envolveuno un fume azul metálico, como a da plumaxe das choias, e desapareceu.

E aínda se di que hai un túnel que vai desde a torre ata a fonte dos Reás, e que hai tesouro, un cabaleiro de a cabalo todo de ouro, e que un Montenegro que viviu na casa matou unha desas enormes serpes que dan certificado de destemido a quen fai tal.

Hai que salvar Caldaloba, as pedras e as lendas que lles deron o alento para manterse en pé máis de cinco séculos.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 28 de setembro de 2020.


Os alarbios

A palabra alarbio ou alarbe procede de al‘aráb, que quere dicir árabe ou alárabe. Como consecuencia da fobia contra os árabes usouse e úsase pexorativamente en Galicia e noutras partes da península con significados equivalentes a brután, bárbaro, tragón, xigante amedrentador, coa conseguinte conclusión de que se trata dun monstro capaz de calquera atrocidade. Nalgúns canzorros de igrexas románicas represéntanse árabes (alarbios, alarbes) infieis devorando piadosos cristiáns.

Nun romance de cego coñecido como “El alarbe de Marsella”, o protagonista mata o pai e a un irmán aínda neno, e a nai líbrase desa sorte porque lle bota unha maldición que o converte “en espantosa culebra, todo cubierto de pelo”, pés de cabalo, mans de león, cabeza de dragón, orellas de burro, botando polos ollos, boca e fociños “centellas de fuego”. De home só lle quedou a parte do peito.

Francisco A. Vidal xunto con Rosa B. Vizcaya son os recuperadores de dous relatos galegos protagonizados por alarbios. Compáranos a ogros caníbales, persoas de aspecto deforme, altos, fortes e tatexos que viven illados en casoupas no medio do monte. Os encontros con eles acontecen de noite e, curiosamente, en peregrinación a Santo André de Teixido e a Santiago de Compostela.

Nunha das historias, ambas recollidas en Palmeira (Ribeira), ían tres mulleres da beiramar camiño de Teixido. Fíxoselles de noite, cun tempo desapracible, desorientáronse e perdéronse ata que viron unha luz que procedía dunha casa na que vivían tres homes, a cal máis contrafeito. No diálogo que se establece, un xogo de equívocos, as mulleres interpretan que lles ofrecen de cea a cabeza da avoa e que cando queren fuxir — a desculpa era mexar fóra da casa— os homes queren atalas cun adival. As mulleres decátanse de que se trata dos alarbios e pensan que a súa vida está perdida se non escapan, o que logran a pesar de seren perseguidas polos homes que lles berraban: Acudide ao candil, maruxas!

Noutro dos relatos, as protagonistas, que eran curmás e de Palmeira, ían a Santiago de Compostela. Como non daban chegado no día e tiñan que facer noite no camiño, petaron na porta dunha casa illada. Acolléronas, entraron e ao veren na lareira un pote grande, fervendo a cachón, sospeitaron. E como o recipiente lles pareceu grande de máis, preguntaron polo que estaban preparando.

Un cativo que había na casa —os nenos nunca menten—, díxolles:

Son as cachas da miña avoa! Matámola onte!

Imaxinen o momento, a situación canibalesca. As pobres mulleres que tiñan que durmir precisamente ao arrimo da lareira, non sabían que dicir nin que facer; se escapar ou agardar a que as metesen na ola. Seica colleron as escasas pertenzas que levaban e fuxiron ao desamparo da noite.

Os alarbios ou alarbes son claramente, ata na denominación, os árabes invasores que fomos reconvertendo en homes salvaxes e antropófagos. A ambientación dos relatos, vencellada aos camiños de peregrinación máis importantes, Compostela e Teixido, non é casual. O monstro actúa onde máis dano pode facer pero a mellor defensa dáse sempre, como queda dito, en sede sacralizada.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 21 de setembro de 2020


Do Noso Lar

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 14 de setembro de 2020


Eau de mille-fleurs

Os emprendedores galegos que usaron augardente para facer xel hidroalcohólico teñen precedentes, se cadra máis elegantes, cando menos no nome.

Non lembro o que buscaba na Galiciana, a biblioteca dixital, cando dei cun libriño impreso en Madrid en 1817 que se titula “Agronomía o diccionario manual del labrador”. É copia dun suposto —­non o dei localizado­— orixinal francés que trata de asuntos agrícolas e gandeiros traducido polo valdeorrés Pedro Charro de Lorenzana.

Contén, di o reclamo, todos os coñecementos para gobernar as facendas do campo, facelas producir e para conservar a saúde, con moitas instrucións. Da utilidade da obra non opino; habería que volver eses douscentos atrás pero curiosidades si que ofrece en doses xenerosas.

Como xustificación, ao comezo do prefacio dise que o uso cada vez máis frecuente dos dicionarios é unha consecuencia da pereza humana, e que mesmo hai quen os ten por extravagancia e abuso de filosofía. A partir desa luminosa reflexión, cada poucas páxinas aparecen detalles para maquinar.

Pouco despois de describir un sorprendente método para a elaboración de augardente de viño que provocaría agreamento no gremio de alambiqueiros galegos, tócalle a quenda á “Eau de mille-fleurs”. Sáibase que agora hai un perfume que se chama así pero que non ten, creo, nada que ver con este composto medicamentoso que se describe máis ou menos así.

Hai que coller os mexos dunha vaca directamente da natura, preferentemente polo maio florido cando o gando pace herbas vigorosas. Inmediatamente bótanse estes ouriños nun vaso e tómanse ben quentes para minimizar a perda de propiedades. Cantidade recomendada: medio cuartillo (cuarto de litro). A seguir, o enfermo debe pasear polo menos durante unha hora mantendo a parte do estómago protexida cun pano quente. O tratamento, agás que as evacuacións sexan excesivas, debe durar entre 10 e 12 días. Indícase contra asmas, hidropisías (acumulación de líquidos), reumatismos, gota e outros vapores.

Sigo investigando o tema e atopo que tamén se lle chamou “Eau de mille-fleurs” a unha beberaxe destilada, feita con alcohol e bosta de vacas que pacesen nas mesmas condicións que as dos mexos. Usouse moito no luxoso e excesivo Versalles dos séculos XVII e XVIII.

O rei Lois XV tiña un gato chamado Brillant, un angora manso, branco e gordo, co que tiña máis e mellor trato que cos humanos que lle andaban arredor. Unha noite, o encargado de coidar do gato, Louis Quentin, marqués de Champcenetz, apostou por divertimento co resto dos axudas de cámara que era capaz de facer bailar o gato Brillant. Como non o creron, sacou do peto un frasco cun líquido co que enchoupou as patas do michiño, que, nun principio, se retirou tranquilamente durmir pero en canto sentiu os efectos do composto comezou a saltar como un poseso. Cando o rei escoitou o balbordo, quixo saber que pasara. Son os efectos do “esprit du vin”, xustificouse Champcenetz!

Para quen dubide, na Revue d’Histoire de la Pharmacie vén un fantástico artigo de Olivier Lafont sobre esta marabillosa, e tamén noxenta, apócema.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 7 de setembro de 2020


A Illa do Tesouro

Hoxe convídoos a viaxar a Cuba, á Isla de la Juventud, antes Pinos, e visitar a cova na que viviu durante un cuarto de século un galego estrafalario chamado Antonio Isla.

A súa historia, esquecida, vén en “Catauro de seres míticos y legendarios en Cuba” de M. Rivero Glean e G. Chávez Spínola, un libro que merquei na Feira do Libro da Habana en 2008. Un catauro é un recipiente elaborado artesanalmente con follas de palma real e úsase aínda hoxe no rural cubano para carrexar alimentos. Nun catauro, entre froitas, —permítanme a licenza emotiva naceu a india Jagua enxendrada por un raio de lúa.

Volvamos ao catauro de papel. A cova onde viviu Antonio Isla é identificada agora como Cueva Número Uno de Punta del Este, no arquipélago dos Canarreos, pero a principios do s. XX era coñecida como Cueva de los Monos. Parece que antes de Isla viviu nela unha familia de carboeiros, orixe da alusión aos “monos” que xeraron relatos de aparicións misteriosas, entre elas a dun ser con figura de home, co rostro negro e os ollos brillantes.

A cova, de grande interese arqueolóxico, especialmente polas magníficas pinturas rupestres alí atopadas —díselle a Capela Sixtina de Cuba—, tamén se chamou de Los Indios, del Humo e de Isla, en honor do noso personaxe. Tanto Isla como os ocupantes humanos que o precederon habitando a cova causaron danos irreparables coas súas cociñas de carbón que afumaron e deterioraron irremisiblemente moitos dos máis de douscentos gravados do teito.

Antonio Núñez Jiménez en “Bojeo de Cuba” di que o galego Isla se instalou na cova en 1937 —probablemente fose algúns anos antes—, que el o coñeceu alí mesmo en 1944 e que cando faleceu pouco tempo despois encontraron entre os seus papeis probas de que posuía unha avultada conta bancaria; ou sexa, que Isla puido ser un dos moitos contrabandistas que se refuxiaron naquel ermo rico en grutas e en enigmas.

Aínda que as escasas fontes que puidemos consultar non coinciden nas datas nas que Isla viviu na cova, parece que en 1944 andaba polos 75 anos e que o seu aspecto era saudable. O que máis lle chamou a atención a Núñez Jiménez foi a marca dunha enorme cicatriz que se lle vía no peito, consecuencia, ao parecer, dunha puñalada que lle traspasara o pulmón.

Antonio Isla. Foto: rupestreweb.info

Na ruín foto que deste home puiden ver aparece dentro da cova, a carón dunha cociña de carbón, delgado e barbado, con chaqueta e pantalón claros, e a cabeza cuberta cun sombreiro.

Para os autores do libro dos seres míticos de Cuba, Isla era un pobre leñador, un ermitán, aínda que puido padecer algún asalto, motivado pola sona de que agachaba unha fortuna. Outra versión suxire a posibilidade de que verdadeiramente atopase un gran tesouro de piratas, que tería arrombado polas proximidades e que decidira vivir na cova para custodialo. Non nos sorprende! O propio Robert L. Stevenson identificou a Isla de los Pinos como a auténtica e xenuína Illa do Tesouro.

O investigador Núñez Jiménez deixou escrito o pensamento definitivo do ermitán: «A miña dor é pensar que algún día morrerei na soidade desta cova». E atinou.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 31 de agosto de 2020


Pola Mariña encantada

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 24 de agosto de 2020



Nomes comúns

Todos temos un nome de prestado, que non é só noso ou, cando menos, non en exclusiva. O meu amigo Xoán Ramón Fernández Pacios, un híbrido focego-mindoniense, comunícame que deu comigo —enténdase co meu nome e apelido— nun libro de entradas e saídas do Hospital de San Paulo. Era o ano 1870, entón era veciño de Mondoñedo e xa estaba viúvo de Ana López, fillo de Mateo e Dominga, defuntos, veciños de Lagoa da Pastoriza. A roupaxe, só “andrajos”. Entrei na santa hospedaxe o 25 de xuño e abandoneina o 31 de agosto. O alcume, que non desboto para unha tarxeta de presentación futura, “El Conejo”.

A anécdota faime cavilar que foi dese nome a apelido antes e, sobre todo, despois! Propóñome entón indagar nas hemerotecas accesibles vía internet e velaí, en breve crónica, os primeiros resultados.

Moito antes, en 1855, aparezo no BOP de Lugo como lindeiro dunha propiedade en Santaballa. En 1897 fugueime da casa canda o meu primo, Antonio Mel. En 1898 casei con Ana Pillo e tamén rexentaba na Habana unha froitería con produto de gran calidade que importaba de California e que vendía na capital de Cuba, Praza del Vapor de Dragones, con moito éxito.

En 1909 fun declarado prófugo. En febreiro de 1910 era carpinteiro moi considerado pola comarca do Valadouro ata que un tal Benigno Ladra a malquerenza cos Ladra xa me dera algún desgusto me pegou un tiro mortal en Ferreira. Unha morte violenta que lle valeu ao meu asasino catorce anos e pico de presidio, un contratempo que non impediu que seguise aparecendo o meu nome nos xornais pois en 1916 ingresei no Gran Hospital de Santiago con cargo á Deputación de Lugo.

En 1921 e anos posteriores aparezo regularmente no Boletín do Centro Gallego de Bos Aires como socio. No 1923 fun unha das vítimas dun accidente de tráfico acontecido cinco quilómetros antes de chegar a Vilalba; viaxaba nun ómnibus así se lles chamaba daquela que desde Ribadeo se dirixía á Coruña. Entre o resto dos feridos tamén estaba o aínda mozo e despois destacado pintor de Ribadeo que fixo un cartel magnífico de Mondoñedo en 1929, Amado Suárez Couto.

En 1925 deume un couce un cabalo e mutiloume un dedo da man dereita. Ao ano seguinte, por asuntos de faldras, levei unha malleira diante o salón de baile de Santo Tomé de Lourenzá.

No 1931 unha serie de xornais vese que non contrastaran a información anunciaron que era cóengo e que fora elixido polo Cabido, tras o falecemento do bispo Solís, para rexer temporalmente a diocese mindoniense. O que podería ter sido o cargo de máis distinción das miñas vidas quedou en craso desatino. O afortunado chamábase Francisco Reigosa.

No 1932 era oficial de xastrería en Vigo e ao tempo pintor e decorador con local —hai anuncio en prensa— na rúa da Imprenta en Mondoñedo. No 1949 fun nomeado subdelegado de Facenda en Vigo e de 1958 en adiante, mellor calar.

Todos temos un pasado máis ou menos lustroso que internet, a grande rede do cotifar, se dedica a pregoar. Para rematar direilles que creo que estou vivo, aínda que non sei que número de vidas sumo, pero sigo decidido a non claudicar. Ata cando! Deus dirá!

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 17 de agosto de 2020


Mondoñedo y Distritos

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 10 de agosto de 2020


Xente con cornos

El Regional de Lugo reproducía en xuño de 1890 unha noticia tomada dun xornal arxentino. Contábase que entre os indios apresados polo xeneral Alzogaray no Chaco boliviano había un que chamaba a atención, especialmente porque lucía na fronte dous fermosos cornos duns 5 cm de lonxitude.

Seica eran, en pequeno, como os dos cervos. A captura, segundo a crónica, avalaría a sospeita da existencia dunha tribo nun bosque chamado Impenetrable na que todos os indivíduos lucirían cornamenta. Nunca se confirmou.

Nun delicioso libro que aínda lin hai pouco, “El gabinete de las maravillas de Mr. Wilson” de Lawrence Weschler, onde vén a surrealista historia das raras coleccións que alberga o Museum of Jurassic Tecnology de Los Ángeles, fálase moito de cornamentas humanas. Se visitan a web deste museo, ademais de pasar unhas horas moi entretidas, poderán ver un gravado que reproduce o busto cos cornos que lle brotaron no lado esquerdo da cabeza a Mary Davis de Saughall. No British Museum de Londres hai un retrato desta muller, que era de Great Saughall, Cheshire, e que viviu ata os 75 anos.

Din os que saben que o de nacérenlles cornos aos humanos, particularmente na cabeza aínda que poden aparecer en calquera outra parte do corpo,  é relativamente frecuente, pois non deixan de ser tumores de células queratinizadas, que agora non vemos porque se estirpan cando se detectan.

Madame Dimanche

A Madame Dimanche, unha viúva francesa de principios do s. XIX, apareceulle un corno no medio da fronte cando cumpríu os 76 anos e aos 82 xa medía case 25 centímetros, chegáballe máis abaixo do queixelo e extirpáronllo.  No Museo Mütter de Filadelfia  -especializado en anormalidades históricas do corpo humano- teñen unha reprodución en cera desta unicornia humana.

Moitos cornudos usaron algunha estratexia para disimular a cornamente. Segundo L. Weschler, en 1829 un mozo mexicano chamado Pablo Rodríguez tiña na parte superior da cabeza un cornazo de 14 centímetros de grosor rematado en tres gallas que el agachaba como podía baixo unha gorra vermella adaptada.

Non era o primeiro. Un francés do s. XVI que usara a mesma estratexia foi castigado por non querer descubrirse diante do rei e obrigado a aparearse coas cortesás. Tiña un corno enorme que non lle parara de medrar desde os cino anos. Morreu enseguidiña, seguramente rebentado.

Hai casos de cornos imaxinarios, que soen ser símbolo de poder e gran vigor físico e sexual pero tamén de desventura. Tamén hai cornos falsos. A noticia, outravolta, vén nun número de El Regional de principios de 1904. Di así.

En Viana do Bolo detiveron un salteador de camiños que se disfrazaba de demo orlado cuns cornos de cabra moi ben postos. Aparecíaselles aos viandantes e aos arrieiros nos camiños o que, entre a sorpresa e o susto paralizante que provocaba nas vítimas a súa presenza, aproveitaba o malandrín para roubarlles o que levasen de valor.

Prendérono, descornárono e tras a malleira que lle deron os gardas civís fóiselle para sempre o apetito delictivo. Chamábase Eliseo Arias Incógnito e tiña 24 anos.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 3 de agosto de 2020


Osiris, o gato

Bastet, a deusa gata exipcia

Será por historias protagonizadas por gatos, ou por sucedidos derivados da regular presenza dos michiños na vida e na literatura dos humanos! Que se anuncian boa ou mala sorte segundo a cor, que se prognostican o tempo mellor que os meteórologos mediáticos, que se gozan de sete vidas e sempre caen de pé!

O primeiro gato do que lles quero contar hoxe chámase Osiris, como o deus do antigo Exipto, gobernador da rexeneración vexetal e das almas desde o Outro Mundo. Trátase dun gato peregrino que xa fixo o Camiño co seu amo, Marcelo Rodríguez, noutras ocasións, tanto ao dereito como ao revés, seguindo a vía francíxena ata Roma.

O socio humano é de Fuenlabrada e o gato, que ten cinco anos e pesa seis quilos, pelame gris con pencas negras e grandes manchas brancas pola parte do rostro, do pescozo, do peito e do ventre, é natural de Cáceres. Ten perfil de éxito en Instagram e en Youtube.

Osiris é gato moi viaxado. Faino nunha bicicleta que propulsa a pedal o seu compañeiro de aventura, acomodado na proa do vehículo nun artiluxio improvisado sobre o guiador. Xa visitou Francia e Italia, e pronto intentará outros destinos de Europa e Asia. Nesta era poscovid-19 sométese aos controis hixiénicos e de temperatura obrigatorios nos albergues como calquera outra criatura.

O ano 2019, segundo anunciaba El Progreso hai uns días, converteuse no primeiro felino en recibir a Compostela, distinción que concede a Asociación Protectora de Animais do Camiño de Santiago (APACA). Ten mérito porque a Compostela Felina esixe presentar “credenciais caninas” debidamente seladas, cousa que acreditou Osiris sen ter que caracterizarse de cánido.

Osiris vai deixando memoria do moito e bonito que lle sucede nos camiños que percorre nun diario que axiña será libro. Serán unhas memorias gateadas.

A historia deste Osiris peregrino lémbrame a doutro Osiris, tamén gato, que escribiu en 1907 unha especie de florixeio universal da nación gatuna publicado en dúas entregas na prestixiosa e moi ben ilustrada revista La Ilustración Española y Americana.

Este Osiris intelectual coñecía, gracias ao seu amo e aos libros da biblioteca na que residía, a historia universal dos “felis catus”. Conta como eran adorados no Exipto faraónico, como había deuses e deusas como Bastet que tiñan rostro gatuno, como se lles ofrecían as criaturas humanas para que os protexesen e coidasen ou como cando morrían lles gardaban loito e ata os embalsamaban para que a momia e a memoria durasen eternamente.

Conta a anécdota do profeta Mahoma que recortou a manga do seu hábito por non molestar o gato que sesteaba enriba e tamén a do Gran Capitán, Gonzalo de Córdoba, que recibiu de regalo unhas botas feitas coa pel de gato montés, co incoveniente de que todos cantos gatos domésticos se cruzaban con el, primeiro cheirábanas e logo mexábanlle enriba. Un contratempo!

A diferencia máis notable entre o Osiris cultivado, residente nunha biblioteca, e o Osisis andarín é que o dono dun é ciclista e o outro arqueólogo, de nome don Cleóbulo. Polo demais, ver mundo e saber historia, ademais de pracenteiro, é sempre necesario.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 27 de xullo de 2020


A vella do arco da vella

Hai que se pon dos nervios ao ver as cores  do arco iris. Quizais se trate de persoas contaminadas de prexuízos que non saben, ou non queren saber, que o arco é un símbolo cultural universal que representa valores como paz, igualdade e diversidade.

Aquí chamámoslle preferentemente arco da vella e por esa vella preguntamos. Non sabemos con certeza de quen se trata, nin tampouco o motivo profundo polo que Gilbert Baker escolleu as súas cores como bandeira do colectivo LGTBI.

Dise que onde pousan os extremos do arco da vella hai un tesouro e que a persoa que pasa ou mexa debaixo del cambia de sexo; xeralmente pasa de varón a femia. Se é home, ademais, pode secarlle o pistolo. En cambio, se unha muller salta ou pasa un sombreiro por riba del, pouco probable, converteríase en varón. Quizais teña que ver con isto o esconxuro “Arco da vella vaite de aí, que as nenas bonitas non son para ti”.

“Arco da vella, tempo de merda” e outros múltiples refráns vencellan a súa presenza aos prognósticos meteorolóxicos, sobre todo á abundancia de choivas. Dise que cando ten sede e bebe nos ríos, nos encoros ou nos mares quita a gorra, unha pucha feita de pedras preciosas que enriquecería a quen conseguise roubarlla. Ninguén foi quen.

Taboada Chivite recolleu a crenza de que as cores escuras pertencen ás vellas e as claras ás mozas, que nel viven as bruxas, causantes de tantas maldades, e que a fin do mundo será anunciada por, entre outros avisos, corenta anos de fame e seca nos que non se deixará ver.

Todas esas capacidades e atributos fan pensar nunha antiga deusa con nomes diferentes segundo a xeografía cultural, capaz de premiar ou castigar, de conceder riqueza, cambios de sexo e ata o goberno do tempo climatolóxico. A vella representa a memoria dunha gran divindade que se resiste ao esquecemento, unha deusa tecedora de destinos, que pasa o ferro e fai requeixo, entre outros quefaceres. O arco, simbolicamente, é porta ou ponte para o tránsito das ánimas entre o mundo dos vivos e dos mortos. Para iso foi creado pola deusa grega Iris, para manter sempre comunicado o olimpo dos deuses co val de lágrimas dos humanos.

Esta denominación arcaica e antiga de noso derivou noutros lugares en nomes cristianizados como arco da Virxe, de Noé, de San Xoán, de San Martiño, do Señor…

Se cadra a vella é a nosa moura que se aparece fiando na roca polos camiños nocturnos, a que rexe os destinos humanos, a mesma que carrexa na cabeza con forza poderosa penedos xigantes. Se cadra é a Orcavella de Fisterra ou a vella que peneira cada noite invernal un cobertor de xeada.

Tamén debe saberse que hai un arco da vella branco, cor cinsa prateada, que reflicte a luz da lúa como o que viron o P. Sobreira ás once da noite do 18 de xullo de 1798 en Cabeza de Meda e o navegante Sarmiento de Gamboa na noite do 25 de marzo de 1580.

Contemplar o arco da vella, sexa branco ou iris coas sete cores características, fascina. Cando o vexan, pidan un desexo pero non o sinalen directamente co dedo ou coa man; pódeselles torcer ou, infortunio maior, chegar a secar.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 20 de xullo de 2020


A confidente de Cunqueiro

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 6 de xullo de 2020


A orixe dos contos dos Grimm

Poucas lectoras ou lectores se preguntaran hoxe en día cal foi a fonte popular dos contos reunidos e publicados polos irmáns Jacob e Wilhelm Grimm. Quen llelos contaría! Foron, como aseguraban eles, informantes do común ou outro tipo de persoas!

Os Grimm comungaban coa ideoloxía do romanticismo tan de moda e como tales tiñan unha preocupación: transmitir o saber popular ‘auténtico’, ou sexa, o xenuinamente alemán.

No primeiro volume dos seus “Kinder-und Hausmärchen” (Contos para a infancia e o fogar) publicado en 1812 non daban pistas sobre este particular e só afirmaban que as historias que publicaban viñan directamente da tradición oral, que foran rexistradas no condado de Hanau, en Kassel, Meno, Kinzig e arredores, de onde eles eran. A realidade é que os Grimm fixeron pouco traballo de campo e que as fontes do seu inmenso repertorio tiñan nome e apelidos.

Dorothea Viehmann

No prólogo do segundo volume publicado en 1815 xa incorporan o nome dunha informante, Dorothea Viehmann, sen atribuírlle textos concretos. Pero Dorothea só puido aportar contos ao segundo volume publicado en 1815 pois coñecérona en 1813. Era de orixe hugonote, vivía nun lugar próximo a Kassel e cada semana, de paso que ía vender os seus produtos ao mercado, visitaba os Grimm e contáballes historias. “Cada vez que vén —escribiron os Grimm— ofrecémoslle, ademais de cartos, un café e un vaso de viño, e vaise comentando o honor que supón que lle poñamos unha culler de prata para remexer o café”.

Habería que agardar ata 1895 cando Herman Grimm, fillo de  Wilhelm, revisou as notas orixinais do pai e atopou repetido varias veces o nome dunha tal Marie que el confundiu co de Marie Elisabeth Wild, vella campesiña analfabeta que traballara ao servizo da familia e á que se considerou ata finais do s. XX transmisora da maioría dos seus contos. Sen embargo, sóubose despois, a Marie á que se referían non era a ‘vella Marie’ senón outra moito máis nova, Marie Hassenpflug, quen, xunto coas súas irmás, Amelie e Jeanette, de familia burguesa e tamén de orixe hugonote, emigradas como os Grimm desde Hanau e Kasse, estiveran moi relacionadas con eles desde 1808.

Curiosas coincidencias! A fonte primordial dos contos que contaban as tres irmás era unha súa bisavoa, Marie Madeleine Debély (1713-1791), muller con orixes no Dhaufiné francés. Marie Madeleine chegara a Hanau logo dunha serie de circunstancias, entre elas para criar unha neta orfa que acabaría sendo a nai das irmás Marie, Amelie e Jeannette. Por esa razón, segundo o investigador Heinz Rölleke, moitos dos contos dos Grimm coinciden literalmente coas versións francesas dos “Contes de Fées” de Charles Perrault pero os Grimm non sabían nin tampouco recoñecerían que os seus contos “xenuinamente alemáns” tivesen orixe nunha comarca francesa!

Na segunda edición de 1819, os Grimm cambiaron varias versións que lles contaran as irmás Hassenpflug por outras de Dorothe Viehman, crendo que eran máis auténticas, sen decatárense de que unhas e outras procedían, xeración arriba ou abaixo, da mesma comarca do sureste de Francia.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 29 de xuño de 2020

 


noite das cancelas 

Oxalá este ano, aproveitando que o solsticio marca o cambio no devir cíclico anual, arda e se derreta de vez no lume profiláctico e rexenarador da Noite de San Xoán o SARS-CoV-2.

Queimaremos simbolicamente ese mal pasado, non a súa memoria, e reiniciaremos como se non pasase nada, con ilusión e esperanza outro capítulo vital. A Noite de San Xoán é inmensa, poliédrica, atávica de esconxuros e absolucións; inabarcable nun só golpe de nostalxia e pouco se pode dicir ou escribir que non se teña dito ou escrito xa.

Hoxe vou quedar só coa memoria dun rito que lembro da nenez, que agora apenas se practica e que representa simbolicamente a necesidade de simular a desorde para que ao amencer todo volva, polo menos aparentemente, ao equilibrio. Recúo ao Zoñán da miña infancia e aos foleóns comunitarios das vésperas de San Xoán e San Pedro, e ilusiónome crendo que aínda son aquel pícaro que no medio dos outros, tras a batida para xuntar ramallada e cueiros, sente a calor ardente e a emoción das laparadas xigantes.

Xa hai moitos anos escribiu Lence Santar que os mozos dependuraban dos carballos e doutras árbores os carros e outros aveños, desborrallaban paredes dos terreos e das pontes e “esmeldran as cancelas”. Engado eu que moitas cancelas e carros saudaron a alba do 24 estacionados na praza da Catedral de Mondoñedo.

Vicente Risco conta que, ao amparo da escuridade, a rapazada desgonzaba e mudaba de lugar as cancelas, teletransportaba arados, grades, xugos, rastros, escadas e outras ferramentas e pertenzas; e ata animais, que máis dun burro pasou a noite arrandeándose nas pólas dunha árbore ou tomando o almorzo na corte do veciño. Nos casos máis graves, o acaparado podía aboiar na canle dun muíño ou na represa ou caneiro do río pero o máis corrente era atopalo nunha encrucillada, atrancando as portas dunha casa ou un camiño, no adro da igrexa ou, instanténea e ilusoria riqueza, na eira da xente máis pobre do lugar.

Os máis desvergonzados ata roubaban as prendas íntimas dalgunhas mozas que ao día seguinte podía ver toda a veciñanza tendidas no campanario da parroquial. Hai lugares que facían o mesmo na véspera de Reis, en Santos ou polo Entroido.

Se a persoa agraviada non se enfadaba soía recibir a axuda dos “ladróns” para recuperar o desaparecido; pero se denunciaba, podía agardar que ata que a atopase polos seus medios, ninguén lle botaba unha man. Cóntase un caso dun que canso de que lle levasen o carro todos os anos, dixo: este ano non mo han levar, e botouse a durmir enriba do carro. Leváronllo igual; amenceron el e o carro na beira do río.

Nalgunhas vilas tamén se mudaban letreiros ou sinais de tráfico pero, agás raras excepcións, xa non se fai, polo menos con aquela intención de rir, xogar e desafiar.

Non hai unha interpretación convincente sobre este costume nin sobre as posibles orixes. Considérase unha apropiación burlesca que cuestionaría a propiedade individual pero tamén, e non se debe descartar, pode ser unha especie de rito de paso no que a mocidade amosa a súa rebeldía fronte á orde imposta polos adultos.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 22 de xuño de 2020


O incunable de Mondoñedo

Ver/ler artigo

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 15 de xuño de 2020


Sobre Tàpies: entre Cunqueiro e Patiño

O escritor Álvaro Cunqueiro (1911-1981) e o artista, entón mozo, Raimundo Patiño (1936-1985), protagonizaron unha polémica arredor da obra do artista catalán Antoni Tàpies (1913-2012), unha discusión pública que se desenvolveu con réplicas e contrarréplicas no xornal La Noche hai 60 anos.

Todo comezou cunhas declaracións de Cunqueiro publicadas o 24 de febreiro en Faro de Vigo nas que, logo de visitar a principios daquel mes unha exposición de Tàpies na Sala Gaspar de Barcelona, declarou que a obra exposta lle parecera “lamentable y monstruosoa”.

Patiño, en artigo publicado en La Noche o 3 de marzo baixo o título “Desagravio gallego a Antoni Tàpies”, rebate a Cunqueiro resaltando a, no seu parecer, enorme calidade da obra do catalán, considérao pioneiro da Arte Otro corrente na que inclúe ao lugués González Doreste e de “humanista do Informismo”, descubridor de harmonías concisas e serenas, que crea e ofrece respostas estéticas desde o presente.

Confrontábanse así publicamente dous conceptos da arte e da súa función social claramente antitéticos. Axiña manda aviso Cunqueiro a través de Borobó para anunciar que responderá cunhas “poucas liñas, que o caso nono merez”.

Faino cunha nota en La Noche o día 12 de marzo. Ao dito anteriormente engade máis consideracións pero aínda máis negativas sobre a obra de Tàpies. Pon en cuestión que o que fai poda chamarse pintura, que a terceira parte do que viu afirma eran “cristales recubiertos con papel de envolver” e que o resto “se descomponía en trozos de tabique más o menos encalados y en conjuntos de maderos mal ensamblados, pintados a brocha gorda con azul prusia o gris perla”.

As consideracións negativas de Cunqueiro sobre a obra de Tàpies continúan pero tampouco desperdicia a ocasión para rogarlle a Patiño que non diga del que é un “estilista”, signifique o que signifique a tal palabra.

Tardou bastante en publicarse a réplica de Patiño que non apareceu no mesmo medio ata o 4 de maio, nun artigo titulado “Nueva nota sobre el tema Tàpies”, aínda que asinado o 24 de marzo de 1960.

Despois dunha serie de pareceres sobre os erros que, ao seu xuízo, cometían os literatos abusando ou recreándose en imaxes e metáforas ao falar de pintura e de conceptos artísticos doutra época, conclúe Patiño “Y aquí termino lo que ya no debiera haber comenzado, a nuevas diatribas cualesquiera el carácter que tengan, sobre Tàpies, haré de mis oídos tapias”.

Raimundo Patiño, falecido prematuramente no verán de 1985, expuxo no Círculo de las Artes de Lugo a principios de 1983. Na ocasión, ao coincidir co 25 aniversario da fundación do grupo Brais Pinto en Madrid, do que el fora promotor, e co 50 aniversario do Museo Provincial reuníronse na cidade outros integrantes do Brais Pinto como Ramón Lourenzo, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Herminio Barreiro e César Arias.

Tàpies, a excusa da polémica entre Cunqueiro e Patiño, é hoxe recoñecido como figura dun informalismo que un dos polemistas non entendía e o outro ensalzaba con indisumulado entusiasmo.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 8 de xuño de 2020


Pepiña, a do museo

Pepiña, sen apelidos, é o nome da nena de arredor de dez anos que pintou Julia Minguillón en “Pepiña na fonte”. Está sentada sobre un perpiaño alto; non lle chegan os pés ao chan. Viste chaqueta e falda escuras, calza alparagatas brancas. De rostro serio, cara redonda, ollos grandes, claros e lacrimosos, cabelo arroxado, suorento e desamañado, cortado ao bob cut como o dalgunhas nenas que aparecen en “A escola de Doloriñas” da mesma pintora.

Pepiña na fonte (J. Minguillón, ca. 1944). Fotog.: redemuseisticalugo.org

Cabo Pepiña hai tres mulleres vestidas con roupaxes claras, propias dun tempo caloroso, aparentando que fan, e se cadra fan, mentres falan. Tamén entra no recadro un porrón de barro e unha xarra de porcelana, ambas no chan. Pepiña, abstraída, co seu mirar triste, semella allea ao mundo e á conversa.

Non sabemos de onde tomou a pintora a modelo mais, considerando que a obra é anterior a 1944, é moi probable que se inspirase nunha pícara de Vilanova de Lourenzá ou dos arrabaldes. Outra cuestión é preguntarse que lle pode pasar a Pepiña! En que andarán ocupados os seus pensamentos! Quen o soubera!

Teño que dicirlles en primeiro lugar que este cadro leva moitos anos pendurado nunha parede da sala 16 -monográfica de J. Minguillón- do Museo Provincial de Lugo. E en segundo lugar, aviso que o que lles vou contar me foi revelado por unha testemuña da que non sei o nome, ou si, pero non o debo dicir. Pola súa boca falo, coa discrección que me pediu conto só o que me foi autorizado.

Sucedeu unha noite de marzo dos primeiros días de confinamento. Ao parecer, o primeiro aviso de que algo non ía normal dentro do museo foi sentir o son do gurgullar dunha fonte, e a seguir ver a luz proxectada por unha lanterna percorrendo acelerada os corredores desde a sala 16 da planta alta do edificio do museo en dirección ao distrubuídor que hai baixo o cimborrio. A luz e quen a manipulase baixaron as escaleiras dando saltos. En chegando á planta baixa entraron directamente na antiga cociña conventual e o foco comezou a sinalar como se fose un punteiro un por un varios dos utelinsios alí expostos: o trespés, a gamalleira, a capoeira, a filloeira…. ata que de repente comezou a desandar a toda présa o camiño andado desde a sala 16.

Como se soubo, preguntarédesvos como preguntei eu a quen mo contou, quen manexaba a lanterna e, o máis importante; que pretendía!

A resposta á primeira interrogante resultou doada. No camiño de regreso á sala e ao cadro onde mora habitualmente, nun cruzamento de salas e corredores, hai unha vitrina grande de cristal na que se expón unha colección de acibeches compostelás. Todo sucedeu, como todo o que pasou aquela noite, nun alustro, breve pero suficiente para ver o que había que ver. A lanterna parou diante da vitrina e sinalou algunha das pezas expostas. Nun dos movementos da luz o cristal fixo de espello e reflectiu a figura inequívoca de Pepiña, a da fonte do cadro, cun sorriso ao Mona Lisa debuxado na inocencia dos seus beizos.

A resposta á segunda pregunta queda no aire. Nin quen mo contou o sabe ou iso di, nin eu, cos poucos datos de que dispoño, ouso sequera especular.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 1 de xuño de 2020


Cadeiras

Teletraballar pode ter consecuencias; no meu caso a máis grave foi que a cadeira con pistón regulable rebentou. É certo que fomos dous os que, por quendas, fixemos uso dela e que non lle demos respiro nos sesenta e tantos días de reclusión. A cadeira cansou, claudicou e pasou a engrosar a listaxe de letalidade desta peste chamada Covid 19.

A situación resolveuse mercando (viva a telecompra!) outra de urxencia, o que deu motivo para pensar nas cadeiras en xeral, no seu uso insubstituíble no día a día e no papel que, por exemplo, desenvolven no mundo da arte, sexan elas as protagonistas ou só a auxiliar necesaria. A operación ten algún efecto máxico; buscar cadeiras en internet fai que che aparezan cadeiras amoreadas en todas as páxinas que procuras, incluídas as deste xornal, milleiros de ofertas dicíndoche: cómprame!

En fin! Só temos espazo para comentar unhas poucas curiosidades sobre a presenza das cadeiras na arte, apenas catro pinceladas, insuficientes para decatarnos da importancia capital destes mobles na creación artística.

Obviamente, nos museos dedicados ao deseño, as cadeiras ocupan un lugar moi destacado. Quen non ten unha idea da xigante Hill House, creada por Mackintosh a principios do s. XX, ou da Garriri, ideada por J. Mariscal en 1999, un híbrido entre un personaxe de cómic e o rato Mickey.

Na arte conceptual abundan as cadeiras. Quizais foi Marcel Duchamp quen provocou que nos fixásemos nos obxectos cotiás para estimular reflexións e ideas que transcenden a propia representación, como despois fixo un dos seus máis conspícuos seguidores, o americano Joseph Kosuth, filósofo da comunicación na arte. A súa obra máis coñecida “One and three chairs” de 1965 apenas cumprira os 20 anos representa perfectamente o seu modo de pensar. Na instalación “Unha e tres cadeiras” víase unha cadeira pregable, unha fotografía a tamaño real da mesma cadeira e un texto que reproduce exactamente o que di o dicionario sobre o termo. A ousadía tivo críticos, naturalmente.

One and Three Chairs (Joseph Kosuth). MOMA

Tense escrito moito sobre a moblaxe e as ferramentas usadas por quen crea, sobre as máquinas de escribir, plumas, pinceis e lenzos, folios ou cabaletes, tamén sobre os efectos de determinadas adicións que influirían decisivamente no resultado final nas dúas direccións posibles; a suposta excelsitude da obra e o evidente deterioro da saúde do artista. Sabemos todo ou case todo o que rodea a creación, agás, precisamente, sobre a calidade das cadeiras onde pousan as cachas do xenio.

Teremos que volver ao asunto das cadeiras na arte. Daquela falaremos das mil cincocentas cincuenta cadeiras de Doris Salcedo, da exposición “Da árbore á cadeira” que houbo no Gaiás hai tres anos, e do uso que fan delas artistas nosos como Xosé Cobas e Caxigueiro.

No Museo Pazo de Tor e na Fortaleza de San Paio de Narla hai en exposición sendas liteiras, mobles que non son outra cousa ca cadeiras choídas nas que podían viaxar xentes confinadas, acomodadas no lombo de porteadores ou de mulos. E é que sempre houbo ‘distanciamento social’, fose por clases ou por virus.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 25 de maio de 2020


A Gioconda recuperada

El Progreso anuncia o roubo da Giogonda en nota publicada o 25 de agosto de 1911. En setembro comunica que un camareiro chamado Armando Gueneschau ofrece referencias do ladrón, un ruso, e do comprador, un ilustre de París, xunto con outros detalles sobre o lugar onde se gardaría a obra, que asegura ter visto, pero di que non falará máis por menos de 200.000 francos.

Outra nova que aparece neste xornal pouco despois desmente o publicado por La Voz de la Verdad sobre a presenza do cadro nunha pousada de León; fora unha broma entre xornalistas que case lle custa o posto ao gobernador daquela provincia.

Tamén El Progreso se esquece do asunto ata febreiro de 1912 para dar conta, como El Norte de Galicia, da teoría de que o cadro fora deteriorado por un verniz e que se atopaba en Mónaco en espera de atopar un artista discreto que o reparase. En agosto comentase no xornal que un inglés chamado Mr. Rathbone se presenta en París dicindo que atopou a obra en Londres nunha galería de arte e que a mercou para devolvela ao Louvre. Os técnicos do Louvre eloxiaron a calidade da copia pero detectaron que era dun tamaño maior ao orixinal.

O 14 de decembro de 1913 chega a boa nova a El Progreso. A Gioconda auténtica está en Roma. O ladrón, un tal Vicenzo Peruggia, traballara como vernizador no Louvre. O método, sinxelo; cortara a tea cunha navalla e enroláraa, agachara o marco e o cristal protector debaixo dunha escaleira e fuxiu. O goberno italiano díxose disposto a devolver a obra ao estado francés canto antes.

Para o redactor, o sorriso da Gioconda vai dedicado a un polícia que presume de avisado e ao ladrón, ao que califican de parvo pois cometera o desliz de poñerse en contacto cun anticuario para venderlle o cadro.

En marzo do ano seguinte chega información sobre o xuízo a Peruggia. Segundo a fonte que se cita, El Imparcial, o reo está pegándose a gran vida no cárcere de Le Murate en Florencia, recibe doazóns como heroe que asegura que o roubo foi unha vinganza polos saqueos cometidos en Italia por Napoleón.

Transcríbense fragmentos dunha carta que Peruggia remitira aos país coas desculpas polos contratempos causados por “esa debilidad que he tenido” e, sobre todo, pídelles que non desesperen, que o ruído sobre o seu caso quedará en seguida “en el gran velo del olvido”.

Na misiva asegura que o seu foi un xesto patriótico, amósase agradecido polas simpatías que lle chegan de todo o país, confía en ser declarado inocente ou cunha condena benévola. Tamén alaba a confortabilidade da cela e di que ocupa o tempo en ler e escribir.

Des que pasen, remata Peruggia, os días máis negros dedicarase de novo a traballar: “Lo que más siento ahora es que le hayan devuelto nuestra Gioconda al gobierno francés. ¡Que lástima!”

Vicenzo Peruggia tiña 32 anos, foi condenado a pouco máis dun ano de cárcere que non chegou a cumprir, combateu con Italia na I Guerra Mundial e morreu na Alta Saboia, Francia, en 1925.

A Gioconda fora un regalo do propio Leonardo da Vinci a Francisco I, rei de Francia, cando este o propuxera para pintor da corte.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 18 de maio de 2020


A Gioconda roubada

En agosto de 1911 desapareceu do Museo Louvre de París a retrato da Monna Lisa, obra atribuída a Leonardo da Vinci. A triste nova, porén, provoca que aumenten as visitas ao museo ao que se achegan milleiros de curiosos co só propósito de contemplar o oco baleiro na parede.

Tardaríase máis de dous anos en recuperar o cadro e descubrir o ladrón, un pintor de brocha gorda que dixo actuar para restituír a Italia un patrimonio que lle correspondía lexitimamente. Entremedias, a policía detén a Apollanaire e a Picasso, sospeitosos de seren cómplices do roubo por dous motivos; por participaren en transacións comerciais cun ladrón que xa actuara no Louvre e por seren ambos asinantes do Manifesto Futurista que propoñía queimar museos, bibliotecas e academias.

Pero quedemos no Lugo daquel entón e repasemos o que escribiron sobre o caso os xornais da cidade: El Norte de Galicia, La Voz de la Verdad, El Regional, La Idea Moderna e El Progreso.

El Norte de Galicia é o primeiro que comenta o caso o día 26 de agosto. Anuncia que se atopara o marco e o cristal que protexía a tea debaixo dunha escaleira interior do museo. Ofrece detalles como as medidas, como chegara a obra ao Louvre, a quen representaba a Gioconda e ata di quen doara o marco e comenta que tras interrogar a varios traballadores da casa sóubose que a obra desaparecera na mañá do luns, 21 de agosto, entre as sete e as oito e media.

Museo do Louvre. A parede baleira

En días sucesivos o mesmo xornal faise eco de sospeitas viaxeiros americanos, estudantes alemáns—, rumores como o posible traslado da obra a un estudo dun fotógrafo e tamén dá conta das recompensas en caso de recuperarse antes de setembro. Un individuo con brusa branca, disque visto polo interior do Louvre aquela mañá, convértese no obxectivo.

La Voz de la Verdad fala do asunto o 4 de setembro nun artigo poético-filosófico asinado por Luís León que se recrea no misterio que esconde o sorriso da Gioconda e conclúe que quizais non foi roubada, que, talvez, cansa de ver a libertinaxe daqueles tempos, decidiu fuxir do Louvre. Este mesmo xornal anuncia uns días despois que a policía española atopara o cadro en León, nunha pousada chamada Mesón de Ángel, na estrada de Asturias, e que detiveran a dous estranxeiros con nome francés. El Regional trata o tema sen aportar nada novo, agás comentar a resignación pola perda definitiva do cadro.

O asunto perde interese nos medios. De cando en cando coméntanse novas de falsificacións pero nada do orixinal. No ano 1912, El Norte de Galicia faise eco doutra fake new; a obra fora vítima dunha desafortunada restauración —precedente intelectual do eccehomicidio de Borja— e un verniz corrosivo estragáraa sen remedio.

E, por fin, en decembro de 1913 é El Regional quen dá a boa nova; a Gioconda aparece en Florencia, o roubo perpetrárao un vulgar ladrón, aínda que El Norte de Galicia non descarta que se trate doutra copia.

A principios de 1914, La Idea Moderna, en vez dunha crónica dos feitos, despáchase cunha ficción delirante asinada por Pedro Mille. Do que contou El Progreso escribiremos no próximo artigo.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 11 de maio de 2020


Da grippe

O dicionario da RAG rexistra dúas palabras sinónimas para referirse á doenza infecciosa e inflamatoria das vías respiratorias que nos soe visitar cada inverno. A máis popular é gripe, que cando se presenta agresiva precisa calificativos que a singularizan como aviar, porcina, española… A outra, influenza, apenas a empregamos.

A Organización Mundial da Saúde acordou en 2015 que para evitar estigmatismos innecesarios se procurasen palabras neutrais para nomear as enfermidades graves, de aí que este coronavirus, que ben se puido denominar gripe chinesa, quedase en Covid-19.

Sebastián de Covarrubias no seu Tesoro de la lengua castellana o española (1611) non menciona ningunha destas dúas palabras pero si bubas, catarro ou peste, termos de ampla difusión para nomear epidemias con mortaldades apocalípticas.

S. de Covarrubias Tesoro de la lengua castellana o española (1611)

As pústulas supurantes chamadas bubas ou bubóns que aparecen nas inguas deron orixe ao termo peste bubónica, un mal causado por unha bacteria letal á que tamén se lle chamou mal francés. E mal francés, gálico ou morbo gálico foi como se coñeceu a sifilis antes de descubrirse a causa desta doenza venérea que se destapou na Italia de finais do s. XV.

Covarrubias entretense co significado da palabra catarro. Pona como sinónimo de romadizo, termo cuxo significado adianta na letra C “por si no pudiera llegar a sacar en limpio la letra R, que la obra es muy larga y la vida corta”. Os vocábulos romadizo e romadizar aínda figuran no dicionario da RAE e Covarrubias explícaos cun apólgo divertido. A raposa, sabedora de que o león que padecía halitose sacrifica a quen non lle responde o que desexa oír cando pide que lle ulan o alento, contesta: Non cheiro nada, que estou romadizada.

Para curar a peste, palabra equivalente a epidemia e de uso frecuente durante moitos séculos, ofrece Covarrubias moi variados remedios que “para aplacar los enojos de Dios” hoxe teríamos que calificar de preparados imaxinativos sen máis efectos terapéticos que os dun placebo.

O que si intuía Covarrubias como nós agora é que para a cura dun mal novo, máis alá da axuda de Deus e das boticas, o principal é non terlle medo “porque al que más se pega este mal es al medroso” e que ao porlle nome, como aconsella a OMS, non se sinalen culpables, sexan animais ou humanos.

Para por o punto final, volvamos atrás. A palabra grippe usouse, así grafiada, por ser de orixe francesa, un galicismo que se impuxo na prensa española do XIX, polo menos entre a grippe francesa de 1837 e a española de 1918. O nome deriva dos síntomas xestuais que provoca: contraccións e tremelicamentos causados pola febre.

Influenza, a outra palabra que aparece no dicionario da RAG, comezou a usarse moito antes, polo menos no s. XV cando aínda non se inventara a palabra grippe. Ten orixe en Italia, unha consecuencia da crenza de que a terrible enfermidade se debía á influencia negativa dos astros. Os franceses tamén a usaron.

Os ingleses, sempre peculiares, á gripe chámanlle “flu”, abreviatura de influenza, esa palabra que nós temos no dicionario pero que non usamos porque non queremos.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 4 de maio de 2020


Mondoñedo é… Luz

A sétima edición do recital poético-musical Mondoñedo é poesía vai ser, ten que ser por forza, virtual. Como sempre foi, será o 1 de maio, Día das Quendas, mais desta as rúas, prazas e auditorios mindonienses teremos que imaxinalos. O espectáculo poético comezará as catro da tarde a través do facebook do Colectivo Mondoñedo É…

Cadaquén, acomodado alí onde se confinen as nosas vidas, coa certeza, amigas e amigos da palabra poética, de que os versos e as músicas que nos van ofrecer máis de dúas ducias de poetas veñen repositivados de alivio e boa saúde.

Nunca imaxinamos un recital nun escenario infectado de todas as ausencias, nunca que se lles negase aos versos recitados, como en tantas ocasións nas edicións pasadas, o aplauso entusiasta dunha audiencia fiel e numerosa. Ningún virus, nin este nin outro capaz de enfermar o mundo, poderá matar a poesía.

Quen asistise a algún dos seis recitais precedentes terá na memoria milleiros de versos, declamados, cantados, ditos ao vento e aos oídos amantes da arte poética. Desde pícaros, mozos e profesorado dos centros escolares que sempre nos acompañaron co seu crear, dicir ou debuxar, ilustradores (Caxigueiro, Caxoto, Vizoso, Artiaga, A. Puchades), premiados nos certames Díaz Castro e Leiras Pulpeiro, poetas da casa criados no fermento literario de Noriega e Cunqueiro—, da Mariña salitre suxerente e as voces que ano tras ano nos visitaron vindas de aquí e de acolá como Manolo Rivas, Eva Veiga, Juan Carlos Mestre, Olga Novo, Yolanda Castaño, Reixa, César Morán, Miro Casabella, Rebeca Maseda, Henrique Rabuñal, Toño Núñez, Lois Pérez, Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Montse González, Paloma Suanzes, X. Rodríguez Baixeras e… unha infinita nómina máis aos que se suma Luz Pozo Garza.

Luz quixo estar e estivo dalgunha maneira no Mondoñedo é poesía 2015. Dous días antes da data, unha circuntancia persoal impediullo. Facíalle unha ilusión enorme estar e pediunos que o poema “Primeira memoria” que nos mandou para o Papel de Color que publicamos fose expresamente “dedicado a Eduardo”. Así o fixemos.

Desta vez, tamén en vésperas como en 2015, un inesperado contratempo acontecido o pasado día 20 de abril quixo interpoñerse e negarlle a Luz Pozo a posibilidade de acompañarnos.

Desta, equivocouse o deus do destino. Luz, que é e sempre será poesía, vai estar na nosa memoría, vai ser a Luz que ilumine intensamente esta edición tan extraña e insospeitada.

“Abrín os ollos / e sentín a chuvia polas tempas e a nuca / Cheguei cando o silencio oscila / para se erixir en pórtico do tempo / Unha forma interior compartía os movimentos / dos astros / e chegaban palabras / ríos escuros de ledicia / voces que traspasan os muros / navíos inocentes que fuxen nas pupilas / Abrín os ollos / e sentín a chuvia / Agora recordo unha praza baleira / por onde pasan ventos de saudade como unha man / coñecida e incerta / Lémbrome das rúas sen aristas / das pedras marcadas con líquenes / dos vaporiños que soan nas tardes de néboa / cando fica o peirao en sombras e silencio…”

Este ano Mondoñedo é… Luz, faro sempiterno da poesía.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 27 de abril de 2020


Os días do cuco

Como o refraneiro é inapelable e sentenza que entre marzo e abril se non vén o cuco, vén a fin, debo anunciar para tranquilidade xeral que este ano o cuco xa chegou e xa cantou, que saíu do cubil e que pregoou aquilo de que “en abril vivo e en maio, revivo”.

Veu o cuco e con el, para acompañarnos nestes días desesperanzados e para darnos azos nutritivos, a desexada primavera.

Das aves que se fan notar logo do equinoccio primaveral, o cuco, xunto coas andoriñas, é das máis agoireiras. Anuncia o bo tempo e a urxencia das sementeriras coa chegada do cuco vén o pan ao suco aínda que Xavier Moure manda recado desde os Ancares para comentarnos que hai que ter moito coidado, que tras anunciar o cuco co seu monótono cucú a chegada da primavera pode deixar de cucar momentaneamente e viren aínda días fríos e ata nevarentos. É a chamada ‘neve do cuco’.

A. Cunqueiro e E. Lence-Santar

Como é ben sabido, o cuco non fai niño. Disque deixou de facelo cando lle queimaron a nai nunha meda de centeo, accidente do que quedou cun dobre trauma. O primeiro, por non ter nai, por iso pon os ovos en niño alleo, e o segundo, non soporta ver medrar as medas de cente, así que cando se pon a xente a medar aló polo mes de agosto, o cuco foxe, anunciando así a inminencia do inverno.

O cuco é folgazán, nin fai niño nin bota unha man nos traballos do verán. Se vai sol di que se ten que poñer á sombra. Se está nubrado di que non pode axudar, que ten que cucar. Só cando chove se ofrece, xusto cando non hai laricos que facer. Cuco, por que non cucas? Porque non teño trigo nin huchas!

Non nos dá a mantela deste artigo para comentar as moitas interpretacións que se fan, positivas e negativas, do canto do cuco. A cucomancia non é ciencia exacta pero serve de oráculo fiable en moitos casos. Que se o seu canto anuncia boas ou malas colleitas, que se de escoitalo en xaxún ‘capa’ e trae mala sorte. Que se responde a preguntas como cantos anos viviremos ou cando casaremos…

Ao cuco gústalle que o aseñoreen e que lle chamen, por exemplo, señor Martiño. Dicirlle ‘cuco’ a unha persoa é tratalo de astuto, pillabán, egosita, folgazán e infiel.

Tampouco está comprobado cientificamente se o cuco migra ou hiberna. Hai varias teorías sobre este particular. Para Eduardo Lence Santar, cronista e etnógrafo, o cuco vaise no inverno e regresa na primavera. Entra na Mariña a primeiros de abril polo lado de Ribadeo. Logo cuca na feira de Santo Acisclo e ao día seguinte xa se escoita por todo o Valadouro. Pouco despois cuca no Bosque de Silva para que o escoite Álvaro Cunqueiro desde o faio da súa casa e faga —segue atento— a crónica correspondente.

Sobre este particular e sobre outros asuntos, Cunqueiro opinaba diferente a Lence. Cría que o cuco queda entre nós, que busca acomodo nunha caracocha o día de San Miguel e que trata de durmir pero tarda. Non se fía; ten medo dos gatos e dos raposos, esperta sobresaltado moitas veces ata o Día de Todos os Santos. Desde entón dorme dun tirón e pon rumbo a abril, coa cabeza debaixo da ala. Disque soña e fala en voz alta!

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 20 de abril de 2020.


Estado de coma

Estado de coma, situación vexetativa de mínima conciencia e con pouca ou nula capacidade de resposta a estímulos ordinarios. Dalgunha maneira, socialmente, como metáfora dun estado emocional colectivo, vivimos en coma, ausentes de vellas rutinas, desubicados e desorientados como quizais se sintan as ánimas que vagan penantes polo espazo sideral.

Consecuencia inevitable quizais, dada a gravidade da situación, dun estado de alarma que nos minimiza como se só fósemos cobaias dunha pandemia universal que goberna conciencias, ademais da saúde e vidas, e que nos mantén xa demasiado tempo secuestrados.

Ilustr. de Teresa Novoa para ‘Contos marabillosos I’ (Xerais, 1998)

Hai xa ben anos, pode que na primavera de 1997, Ángel Rivas Veiga contounos a Ofelia Carnero e a min na súa casa de Eirexúa, en Xudán da Pontenova, un conto que nos marabillou e que resultou ser un dos primeiros rexistros galegos desta historia. Axiña comprobamos que xa aparecía nun papiro exipcio do s. XIII a. d. C. e que o nome máis común no catálogo internacional é “The three golden children” aínda que entre nós preferimos chamarlle “O Castelo de Irás e Non Volverás” ou un poético “O paxaro que fala, a árbore que canta e a auga dourada”.

Os protagonistas disimulan cunha cinta unha marca de nacemento, unha estrela dourada na fronte, pero non lles poido contar, non teño espazo, os detalles desta fantástica aventura, cun rei torpe, unha raíña inxénua e un longo elenco de personaxes embarullados nunha trama tan delirante como a de calquera serie de moda. Carencias, ausencias, enganos, enredos… nada novo no sempre morboso encanto das humanas miserias.

Poñámonos en situación. Os personaxes principais son un mozo e unha moza, irmáns con cadansúa estrela dourada na fronte. Vítimas dun rapto, criados lonxe da casa e do avoengo que lles correspondería, cando toman conciencia de quen son en realidade actívase o estado de alarma.

Unha bruxa malvada, o brazo executor dun plan maquiavélico, engánaos con afagos vans e convénceos de que para chegar a ser perfectos só lles faltan tres cousas; un vaso de auga clara, unha rama verde e un paxaro que fale. O risco, pois hai que procurar estas cousas nun lugar afastado, ter que viaxar ao Castelo de Irás e Non Volverás, que é, en realidade, o Outro Mundo.

Coa axuda dun “morto agradecido” e do aviso de alerta representado por unha espada enferruxada, o irmán vai e volve ata conseguir o que precisa que é xustamente, grazas aos sabios conselllos dos vellos da tribo, o contrario do que lle pide a bruxa; un vaso de auga loda, unha póla seca e un paxaro áfono e moribundo. Para non quedar eternamente confinado no castelo só pode entrar e saír durante o tempo exacto que duran as badaladas do reloxo dando as doce.

O final feliz do conto acada a éxtase cando o paxaro revive e di onde está emparedada e coas constantes vitais asintomáticas, nun angustioso estado de coma, a nai das criaturas.

E aí vai o conto que nos contou Ángel Rivas Veiga, un extraordinario ser humano que viaxou ao Castelo de Irás e Non Volverás o 8 de febreiro de 2016 e que, polo de agora, non perdamos a esperanza, aínda non regresou.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 13 de abril de 2020.


Opiorfina

Na sala na que se expón a cerámica de Sargadelos no Museo Provincial de Lugo amósanse tres cuspideiras fabricadas na vella fábrica de Cervo no s. XIX.

Cuspideira. Sargadelos. s.-XIX. MMPLugo

Cuspideira. Sargadelos. s.-XIX. MMPLugo

As cuspideiras, que soen ser pezas elegantes, algunhas con mango e tapadeira, usáronse nas casas nobres ata ben entrado o s. XX para recoller a saliva humana, para que non se tivese que cuspir, ouriñar ou defecar, como sucedía nas dos pobres, na corte ou nun penico. Adoitaba habelas tamén en tabernas e pousadas, barberías, estacións e salóns de baile e cine, consultas de sacamoas e transportes públicos.

Usábanse para cuspir e para expectorar, e segundo o deseño e o material do que estivesen feitas (arxila, vidro, metal, madeira, ouro, prata, latón ou louza) así era a categoría da casa onde as había. Nas tendas de segunda man aínda se poden atopar algunhas destas cuspideiras antigas, fermosas e caras.

Na Exposición Universal de Paris de 1900 presentáronse modelos de cuspideiras de peto e de vía pública, deseñadas co ánimo de axudar a combater o noxento costume, xa entón de moda, de cuspir na rúa. Non tiveron éxito.

O cuspe humano formou e forma parte de varios ritos curativos tradicionais, imitación seguramente do milagre que fixo Xesús Cristo cando curou a Celedonio, aquel mendigo cego de nacemento ao que lle aplicou nos ollos lama formada coa súa propia saliva e terra do camiño. Tamén cuspía sobre o doente Pedrón do Freixo, curandeiro afeccionado pontés, falecido hai pouco.

Cuspir, a pesar de ser necesidade fisiolóxica ineludible, está mal visto, polo menos facelo diante dos demais, por educación pero sobre todo por hixiene e prevención pois o cuspe (incluído o que se intercambia inevitablemente nos bicos de lingua) pode ser emisario de contaxios.

Resulta curioso, en cambio, que algúns deportistas como os futbolistas e os atletas (outros non poden ou non deben, depende da disciplina que practiquen) gocen da liberdade de cuspir no campo de xogo coa única limitación de non facelo enriba dun contrario, do árbitro ou dos espectadores.

Mais, quen non cuspiu de cando en cando as palmas das propias mans antes de manexar unha ferramenta, de coller un volante ou para refrixeralas, arrefrialas ou quentalas, segundo as necesidades do momento!

Cando eramos mozos e descubríamos niños de paxaro procurabamos non dicirllo a ninguén pero en caso de que sentísemos a necesidade, moi frecuente, de revelar o segredo non o debiamos facer sen antes botar un cuspiñada; en caso contrario, botaríanse aos niños unhas formigas perigosísimas, as Formigas de Belén, e desfaceríanos completamente.

Segundo estudos realizados recentemente por unha academia dinamarquesa, canto máis cuspe tragamos do propio que producimos mellor pois sintetiza opiorfina, un analxésico natural seis veces máis potente que a morfina e que acrecenta a sensación de felicidade.

Procuremos, xa que logo, ser felices. Agás que sexa vostede un dragón e expectore lume, cuspa o que poida pero sempre para adentro e, sobre todo, nunca, endexamais cuspa para arriba que, segundo o dito, o que mal cuspe, en si o ve!

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 6 de abril de 2020.


Un conto chinés

O Covid-19 vén, disque, de China e canto máis tempo pasa parece que, despois de percorrer o mundo enteiro, a solución tamén pode chegar de China. Un, cauto e desconfiado, non opina sobre cuestións metafísicas e só propón, mentres o tempo avanza a favor da esperanza, reflexións que veñen, como non, da sabedoría enquistada na memoria e na experiencia.

En China dise que non existen enfermidades que non se poidan curar senón medicamentos que non se poden atopar.

Unha muller vella enfermou e ninguén sabía nin como se chamaba o mal nin que remedio o podía curar. Tiña dous fillos; o maior era médico do emperador e o segundo, o que a coidaba, decidiu levala á consulta do irmán maior.

O benxamín carrexou a súa nai ás costas non había aínda carros nin coches ata o consultorio do médico. Tiveron que esperar a pesar de seren da familia pois o galeno estaba moi solicitado. Cando, por fin, os puido atender, o fillo médico sentenciou —e así llo dixo confidencialmente ao irmán que había remedio pero que non o podían pagar polo que a morte da nai era irremediable. E ofreceulles uns poucos cartos para os gastos inevitables que en ningún caso chegarían para mercar a menciña salvadora.

Nai e fillo, non lles quedaba outra, volveron para a casa. No camiño a nai tivo sede e pediulle ao fillo que lle procurase auga, así que o mozo pousou a nai onde puido e buscou auga pero a canícula secara fontes e regatos, e non había onde coller un grolo. O mozo xa desesperaba cando descurbriu un templo, e dentro un incensario con auga estancada na que se refrescaban dúas serpes. O rapaz non o pensou; desfíxose das cobras e levoulle o recipiente coa auga á nai.

Aquela auga insalubre aliviou os padecementos da nai e desque bebeu o Ceo bendiciunos con tanta e tan abundantes choivas que tiveron que buscar onde resgardarse. Deron cun soportal dunha casa cando sentiron os choros dun bebé. Eran os primeiros dun neno acabado de nacer e os da casa, felices pola chegada ao mundo da nova criatura atenderon aos que andaban os camiños naqueles condicións, abríronlles a porta e obsequiáronos con tortas de millo e ovo que a nai comeu con insospeitado apetito.

Cando amainou o temporal, volveron ao camiño. A vella a cada hora melloraba. Mesmo recuperou a vista que, pola idade, se lle fora murchando coma chama de candea que se apaga. Aos poucos días, volvía a gozar de plena saúde como se non pasase nada.

O fillo pequeno púxose tan contento que foi ver ao irmán médico para contarlle o milagre.

Imposile! —dixo— Só podería curar se bebese auga onde se bañasen dous dragóns e se comese tortas de millo e ovo feitas na casa onde nacese unha criatura excepcional.

Esa fora a medicina que conseguiran sen sabelo. Buscaron aquela xente, déronlles as grazas e o máis novo, que por xustiza era quen o merecía, ofreceuse para apadriñar aquela criatura que había ser única e extraordinaria.

Mais aquela xente díxolle que non, que só merecía ser padriño o irmán que exercía de médico do emperador!

Menos mal que xa avisei, que se trata dun conto chinés!

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 30 de marzo de 2020.


Cen contos

Cantos paralelismos! No escenario doutra terrible pandemia, a da Peste Negra en Florencia e arredores a mediados do s. XIV, Giovanni Boccaccio (1313-1375) propúxonos unha nova idea do mundo na obra que coñecemos como Decamerón. Cen novelles, fábulas ou contos, parábolas ou historias que nos van narrando os dez protagonistas durante a corentena que os afasta do drama causado polo bacilo Yersinia pestis.

A Peste ou Morte Negra, tamén chamada Peste Bubónica polo bubón característico, introduciuna en Italia un barco xenovés que viña de Crimea, expandeuse por Europa e desapareceu en Rusia central sen saber moi ben como a partir de 1352. Atribúeselle unha letalidade de arredor dun cincuenta por cento da poboación. Nos humanos propagárona as pulgas xa infectadas polas ratas. Falta de hixiene, desnutrición por malas colleitas, descoñecemento das causas e, por tanto, dos remedios, multiplicaron exponencialmente o número de vítimas.

Imaxinen os bulos e rumores que circularon. Culpabilizouse á xente pecadora, a bruxas e meigos, incrementáronse os actos relixiosos e destapouse a xenofobia contra grupos diferentes. En 1348 e anos sucesivos foron asasinados milleiros de xudeos por toda Europa ao seren considerados causantes da terrible doenza.

Boccaccio idea unha paraxe bucólica para os dez personaxes principais, sete mozas e tres mozos. Reúneos en Santa María Novella, en Florencia, e fainos viaxar ata un castelo nas aforas da cidade. O tempo de corentena, perfectamnete organizado, cun rei ou raíña alternos que dispoñen os temas de cada xornada, pásano contando historias, cadaquén unha cada día durante os catorce -con descanso obrigado sábados e domingos- que dura o cativerio.

Non hai aquí espazo para analisar con calma a ocorrencia de Boccaccio que, en calquera caso, propón un canto á vida, ao amor e aos praceres como valores sublimes fronte à derrota e á desesperación. Un espazo alleo á civilización urbana, afastado da enfermidade e das miserias humanas no que, ademais, destaca o papel asignado ás mulleres, tanto en número como en opinión, no marco dunha sociedade no que a muller estaba absolutamente sometida aos confinamentos ideolóxicos da cultura da penitencia impostoa pola igrexa e polos poderes dominantes.

Hai quen interpreta o Decamerón como unha parodia dun mundo decadente, avellentado e perigoso, que se confronta cunha proposta de rexuvenecemento e de volta a un tempo ideal.

Se cadra, nesta situación de carencia de saúde e liberdade, agora tamén pode ser bo momento para abstraerse do ruído e cuestionar criticamente o mundo que nos trouxo ata aquí. Non estaría de mais escoitar as voces que claman no deserto pedindo aminorar os efectos do cambio climático, o inhumano desprezo do mundo rico polo esfameado e prepararnos para a seguinte pandemia que vir, virá. Resituarnos nun espazo utópico e recomezar a construír un mundo, senón paradisíaco, si máis xusto e sensato.

E quizais poder chegar a dicir con Boccaccio que o mundo pode ser “un luogo ameno, con gli uccelli che cantano, con colline e pianure verdeggianti”.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 23 de marzo de 2020.


Saint Patrick’s Day

Como cada 17 de marzo, os irlandeses do mundo celebran o cabodano de Magonus Sucatus Patricius, santo da igrexa católica e patrón de Irlanda. Naceu na cidade escocesa de Durbritton a finais do s. III e foi enviado a Erín coa misión de amolecer a obstinación dos aborixes, entón reserva espiritual do paganismo, e convertelos en fervorosos crentes cristiáns.

Conseguiuno pero non lle resultou doado pois tivo que recorrer con frecuencia á proba extrema, coa axuda de Deus, para resultar convincente: os milagres. Un deles, amais do ocorrente recurso de comparar o trevo de tres follas co misterio da Santísima Trindade, foi idear unha especia de centro de interpretación do inframundo que desde entón a invención é do s. XIIpermite ver e experimentar aos incrédulos nativos como é o lugar e as penas reservadas aos pecadores. O lugar chámase Purgatorio de San Patricio e permite ir e volver do outro mundo cumprindo uns poucos requisitos.

Seguindo as ordes de Deus, Patricio trazou un círculo no chan e nel abriuse a boca dun pozo moi profundo. Quen teña curiosidade por saber como son as penas do Purgatorio pode entrar e estar alí 24 horas. En caso de arrepentirse dos seus pecados, pode regresar entre os vivos por un tempo; en caso contrario, queda sen billete de volta.

A descrición do percorrido e o que vai atopando quen ousa entrar nas diferentes salas, estarrece. Cada pouco acósano demos repugnantes e asáltano feras que brecan estrondosamente. Hai grellas e tixelas nas que se asa e frite carne humana, e estanques con líquidos candentes nos que mergullan, contra a súa vontade, criaturas. Fedor, calor e tortura indescritibles.

Quen supera estas probas chega ás portas dunha cidade marabillosa na que non debe entrar pois quedaría alí para sempre. Se quere volver ver a familia ten que regresar polo mesmo camiño, agora sen os padecementos da ida, aínda que os máis optimistas din que a estancia entre os vivos só lle vai durar un mes. Pasado ese prazo, a persoa morre pero ten segura a veciñanza eterna na cidade luminosa que viu e que se chama Paraíso. En Irlanda hai dous lugares que se disputan o privilexio desa residencia prodixiosa; un é a illa de Lough Derg e outro Cruachán Aigle.

Na Legenda aurea sanctorum do beato J. de la Voragine tamén se conta como Patricio apoiou o cabo do caxato sobre o pé do rei de Irlanda causándolle tanta e tan fonda dor que para reparar o dano tivo que expulsar os bechos tóxicos e conceder o don de curar enfermidades a todas as plantas da illa. Tamén logrou que un ladrón de ovellas dixese “meeé”, confesando así a autoría do delito.

St. Patrick tamén andou por Galicia. Cóntao Vicente Risco en Nós, nº 8. Di que chegou por encantamento nunha nave desde Irlanda, que predicou en Baiona e que no sitio onde falou ergueron un cruceiro —hai fotografías que o proban— que se chama de San Patricio en lembranza desa visita.

Polas nosas afinidades históricas e culturais con Irlanda e polo detalle de ternos visitado ben merecería Patricius, nacido escocés, recriado irlandés e turista entre nós, que o celebremos no seu día.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de marzo de 2020.


Sofonisba

Houbo, cando menos, dúas mulleres na historia con este nome que merecen ser lembradas nestas datas. A primeira viviu hai 22 séculos en Cartago e foi utilizada como muller-obxecto de intercambio nas leas entre cartaxineses e romanos. Moitos historiadores, poetas e pintores, incluído Boccaccio en De mulieribus claris, citan o seu nome.

O seu pai, un xeneral cartaxinés chamado Asdrúbal, ofreceulla por esposa, por intereses militares e cando só contaba 14 anos, a Masinisa, herdeiro do trono de Numidia, reino bereber que ocupaba parte das actuais Alxeria e Túnez.

Cartago  precisaba aliados para guerrear contra Roma pero un tal Sifax, outro numidio con alto cargo, encaprichouse dela e anuncioulle ao senado cartaxinés que se non era el o que casaba con Sofonisba, aliaríase cos inimigos de Cartago. Total, que Sofonisba foi forzada a casar con Sifax a cambio do apoio e Masinisa, sentíndose desprezado, xuntouse cos romanos.

Sofonisba Angüisola. Retrato de Antoon van Dyck (1626)

Sofonisba Angüisola. Retrato de Antoon van Dyck (1624)

Houbo guerra; Roma venceu e Cartago perdeu.

Pero quen máis perdeu foi Sofonisba, que se converteu en botín de guerra, o que simulou tratar de evitar o antigo namorado a cambio de recuperala. Pero Roma non aceptou ningunha componenda polo que Masinisa fíxolle chegar, para que non o acusasen de traizoar aos romanos, unha copa cun veleno que ela, sabedora do triste papel que lle tocaba xogar, enguliu ata morrer na flor da dignidade.

A segunda Sofonisba, chamada así por ser o pai de orixe cartaxinesa e pola sona da anterior, foi unha pintora italiana (1530-1626), un caso singular na historia das artes plásticas xa que apenas se mencionan mulleres artistas nesa época e nin sequera aparece a súa sinatura nas obras. Atribuíanse a homes e se non fose a súa capacidade para anovar a arte do retrato, ficaría definitivamente esquecida. Deixou numerosos autorretratos nas máis variadas posturas, case sempre ocupada nalgún labor, que ela usaba para practicar, para promocionarse e tamén, se cadra, para ter un recordo como un selfie daquel tempo.

Por ser muller non puido debuxar homes do natural nin estudar anatomía, a pesar de que tanto ela como as cinco irmás, fillas de Amilcare Anguissola, recibiron formación artística. Aínda así, Sofonisba destacou como retratista ata o punto de ser contratada uns dez anos como dama de compañía da raíña consorte española, Isabel de Valois, e como retratista da familia de Felipe II.

No outono-inverno pasado o Museo Nacional del Prado dedicoulles unha antolóxica a Sofonisba Anguissola e a Lavinia Fontana, outra extraordinaria pintora da mesma época, ambas desaparecidas da memoria da historia da pintura desde o século XVII ata os nosos días.

Pouco antes da súa morte o entón mozo, Antoon van Dyck, visitouna en Palermo o 12 de xullo de 1624. Tiña 96 anos e estaba practicamente cega pero conservaba o pulso firme e falaba con entusiasmo da súa paixón. Van Dyck, mentres escoitaba as súas recomendacións sobre como tratar a luz para evitar as engurras da vellez, tomou apuntes para un bosquexo que acabou sendo o último retrato de Sofonisba Anguissola e que agora se atopa na Sackville Collection de Knole House.

@Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 9 de marzo de 2020.


As galegas de Galeano

Pouco despois da morte do escritor uruguaio Eduardo Galeano (Montevideo 1940-2015) Siglo XXI editou unha antoloxía cuns cento setenta relatos que responden ao título “Mujeres”. A selección fíxoa o propio autor de entre os seus textos publicados en libros anteriores como “Memoria del fuego”, “El libro de los abrazos”, “Espejos” ou, entre algúns máis, “Los hijos de los días”. A portada recrea as fermosas figuras de mulleres elaboradas artesanalmente en Olinda, Brasil.

Son moitas as mulleres das que fala Galeano nestes textos, desde Sherezade a Marilyn, Teresa de Xesús ou Rigoberta Menchú. Entre elas hai deusas, raíñas, santas, revolucionarias, prostitutas, unhas populares, outras anónimas…, memoria de mulleres de todo tempo, raza, crenza, clase ou cultura, case sempre profanadas, case nunca enaltecidas.

Pois nesta ampla e variada gama de situacións de opresión e desprezo aparecen como refulxentes exemplos de desinhibición e loita contra o machismo andante cinco mulleres galegas. Pertencen, como axiña verán, a moi distintas épocas e liñaxes pero todas elas son exemplo, desde as súas circunstancias persoais, de “mulleres que nos salvan”.

Urraca, a primeira raíña recoñecida como tal gobernou as Españas da órbita cristiá nos albores do segundo milenio. Fíxoo durante dezasete anos contra as calumnias e os retos dos poderes masculinos opresores, o da igrexa especialmente. A muller da que se dixo que estaba posuída dun “ánimo brujeril” e que a súa mente estaba “llena de pestífero veneno”.

Concepción Arenal, a moza que a mediados do s. XIX asistía ás clases de Dereito e aos faladoiros madrileños disfrazada de home. A súa loita foi modélica contra a miserias carcerarias, a favor da dignidade das persoas, especialmente a das mulleres que eran, por selo, dobremente condenadas.

Emilia Pardo Bazán, a primeira muller catedrática na universidade española que impartía clases a ninguén. Afirma Galeano que “ningún alumno se dignaba escucharla”.

E as outras dúas mulleres galegas que menciona Galeano son Elisa Sánchez e Manuela Gracia, as “sacrílegas” que se querían e que casaron en 1901 sen importarlles as normas e as prohibicións na igrexa de San Xurxo da Coruña. Elisa disfrazouse de home e o crego oficiou sen decatarse do engano. Cando se descubriu a artimaña desatouse a ira dos poderes benpensantes. A elas non lles quedou outra ca fuxir vía Portugal onde foron capturadas e engaioladas ata que conseguiron escapar e por mar chegaron ata Bos Aires. Logo, disimularon nomes e aparencias e desapareceron dos papeis para sempre.

Hai neste libro moitos outros parágrafos fantásticos, escritos nese contar ameno e profundo, apañado de recursos léxicos, directo e cómplice coas causas femininas nas que Galeano militou. A maioría destes textos son breves e algúns, como este titulado “La Noche”, brevísimos.

Porén, tres liñas e vintecinco palabras poden aforrar todo un ensaio: “No consigo dormir. Tengo una mujer atravesada entre los párpados. Si pudiera, le diría que se vaya; pero tengo una mujer atravesada en la garganta”.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 2 de marzo de 2020.


Il gioco della pignatta

O etnógrafo Xesús Taboada Chivite publicou hai xa ben anos un artigo moi ben documentado sobre o xogo das olas en Galicia no que describe con detalle o que se sabía da historia e da xa entón escasa relevancia deste entretemento. Practicábase, sobre todo, nalgúns días do ciclo entroideiro (domingos Oleiro, Cacheleiro e Corredoiro, Xoves de Comadres, Sábado e Domingo de Piñata) e tamén nalgúns lugares o Domingo de Pascua de Resurrección.

As denominacións variaban dunha a outra parte de Galicia: Xogo das olas, Correr as olas, Cacheleiro (de cachela ‘ola rota’) e aínda, o termo máis estraño, Vasifragio. No pasatempo usábase como elemento básico unha ola, xeralmente deteriorada ou rota. En Portugal chámase Jogo da Pucarinha ou Pucarinho, da Caqueirada, do Cántaro, da Panela ou da Bilha.

O do Vasifragio explícano Francisco Javier Rodríguez e Marcial Valladares nos seus respectivos, e pioneiros, dicionarios bilingües. Era un xogo que practicaban en Santiago por Pascua de Resurrección usando olas e pucheiros vellos. Xogaban só as mozas (dúas, catro…) postas en roda e consistía en botárense unhas a outras os cacharros como se fosen unha pelota ata que, por descoido, caían ao chan e rompían.

A propósito disto lembramos que para o libro ‘Memorias do San Froilán’ recollemos o parecer de que a denominación Domingo das Mozas, día sinalado das festas maiores de Lugo, podía ter a orixe nun xogo de olas practicado exclusivamente polas mozas que asistían ás festas o domingo posterior ao día do patrón.

Taboada describe como xogaban homes e mulleres en Xinzo de Limia e noutras comarcas ourensás con olas cheas de plumas que se lanzaban, organizados en bandos ou non, uns a outros, Os que perdían, pagaban o viño. Outra variante deste xogo consistía en pousar no chan ou pendurar unha ola de cordas mentres un xogador armado cun pau e cos ollos tapados intenta atinarlle e rompela. Do que pode haber dentro da ola, comentamos máis adiante.

Un xogo similar combinado cun baile practicábase en Italia co nome de pignatta, e de Italia chegaron a España o nome, o xogo e baile asociados onde se acolleu con tanto entusiasmo que á fin de semana posterior ao Martes Gordo dicímoslle Sábado ou Domingo de Piñata.

A pignatta era, en orixe, unha ola pandada que ademais de servir para cociñar tamén se usaba para este divertimento. Dentro da pignatta, agora fabricada con cartón ou papel, pode haber doces, caramelos ou confeti que ao romper se libera para solaz da concorrencia.

No xogo das olas tradicional, en cambio, na variante de tentar rompela cos ollos vendados, a ola podería levar dentro fariña, auga, area, sarrio, serraduras, ferruxe, un galo, un gato, paxaros e ata ratos; en fin, toda unha alegría que lle cae enriba a quen a creba.

Antigamente, o Sábado e o Domingo chamados de Piñata non formaban parte do Entroido tradicional galego. Estas datas que o Entroido actual lle roubou á recatada Coresma fóronse incorporando desde o mundo urbano a partir de mediados do s. XIX, en memoria dos divertimentos de salón chegados de Italia ás grandes cidades españolas no s. XVIII.

Sexa como sexa; viva o Antroido!

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 24 de febreiro de 2020.


Parabéns, Paco Martín!

O próximo sábado, 22 de febreiro, Paco Martín fai oitenta anos. Oitenta febreiros de viaxe arredor da vida do mestre, escritor e intelectual pioneiro en tantas iniciativas culturais. Oitenta invernos compartindo creación con, sobre todo, xenerosa entrega a proxectos capitais para reverdecer unha lingua e unha literatura en perigo, sempre ao límite.

Que dicir que xa non se dixera de Paco Martín! Ademais de escritor e mestre, promotor de iniciativas pedagóxicas, coautor de ducias de libros de texto e de creación para levar da rúa á escola a nosa lingua cos nunca esquecidos e xa ausentes Agustín Fernández Paz e Xabier Puente Docampo.

A última obra publicada por Paco Martín titúlase precisamente ‘O home que mercou un libro‘. Unha novela breve que narra unha historia aparentemente intranscendente pero que ao final resulta conmovedora. A Anibal Hortensio López da Carricova des que sae da casa ás nove e vinte da mañá dun mércores, 23 de xuño, non deixan de pasarlles cousas. Todas interesantes e sorprendentes.

Imaxinen un rapaz novo, 24 anos, con algún quilo de máis por sedentario, herdeiro universal dun comercio con futuro. Imaxíneno entrando, forzado, nunha librería da que acabará saíndo cun libro de poesía lírica de paxinación regular, prezo medio (nin moi caro, nin moi barato), cun marcapáxinas a xogo coas tapas.

A partir deste momento, aínda que Anibal Hortensio goza dos marabillosos efectos de levar un libro canda si, quen protagoniza a historia é o propio libro. Por alí por onde pasa Hortensio co seu libro, sempre pola sombra, que o día vén soleado e caloroso, todo o que antes era normal pasa a ser natural.

Así é Paco Martín; natural como o respirar. Tamén a Paco Martín des que naceu un xoves, 22 de febreiro de 1940 lle pasaron cousas boas e merecidas. Premio Barco de Vapor e autor do primeiro libro en galego en recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, ‘Das cousas de Ramón Lamote‘, Premio Puro Cora e Premio Otero Pedrayo, socio de honra da AELG e de GALIX, autor de varias ducias de obras máis, desde ‘Múxicas no espello‘ (1971) ata este ’O home que mercou un libro‘.

Esta novela está colmada desa retranca elegante, de gume fino, que lle é tan propia ao autor e coa que pinta un crítico retrato literario-antropolóxico destes tempos tan adictos ás artes da pose, do finximento e da simulación. O escenario desta novela, como o de Paco Martín e o de Ramón Lamote, é a cidade de Lugo, lugar onde todo pode suceder en apenas doce horas dun día máxico, cheo de luz, ou en oitenta anos dunha vida dedicada a debuxar soños por encarga de si mesmo para goce de todos nós.

Paco Martín, tal Anibal Hortensio, anda sempre cun libro ao abrigo da súa inventiva. Longa vida para escribir un cento máis e para abrilos, aínda que só sexa para colocarlle un marcador a xogo coas tapas entre as páxinas 10 e 11, máis ou menos.

Vaia! Esquecín falarlles de Lucía, unha moza que tamén aparece no libro cun certo protagonismo e que toca divinamente o violenchelo pero xa non me queda espazo así que van ter que ler o libro. Parabéns, don Paco!

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 17 de febreiro de 2020.


Fabas contadas

Seguramente xa o saben; hoxe, 10 de febreiro, é o Día Mundial dos Legumes.

Dicíamos en artigos precedentes que comer fabas o día de S. Brais provoca ventoeiras, e que as fabas negras axudaban en tempos romanos a conxurar os espíritos —lémures e larvae—dos mortos.

Pitágoras, matemático e filósofo grego, odiaba as fabas. Cría que nelas moraban as ánimas dos devanceiros e que quen as comía podían estar papando, sen sabelo, a seu pai ou a súa nai.

A obsesión de Pitágoras tiña que ver coa denominación “campo de fabas” que os antigos exipcios lle daban ao predio onde as ánimas agardaban a hora da reencarnación. Saiban que Pitágoras morreu escravo das súas crenzas pois por non querer cruzar un campo de fabas cando o perseguían foi atrapado e asasinado. Dalgunha maneira, volveuse faba!

Se atendemos aos gustos culinarios, Pitágoras non podería ser galego. Rosalía de Castro en Cantares Gallegos exprésao mellor: “As fabas i as balocas xuntamente / co touciño sabroso nel se vía / en compaña amigabre e farturenta / que alegra, que convida e que sustenta”.

Pero deixemos a Pitágoras, o caldo, as múltiples variedades de faba que cultivamos, comemos e celebramos en festas de exaltación, esquezamos o flato que provocan nos nosos ventres e fixémonos nos poderes máxico-simbólicos da saborosa faba.

Se queremos descubrir se asiste a misa algunha bruxa hai que botar na pía da auga bendita unha vaíña de nove fabas; se hai bruxas dentro da igrexa, non poderán saír, quedarán maxicamente delatadas, apegadas aos bancos onde sentan.

En Galicia, que eu saiba, non se recolleron versións orais dun conto tradicional rexistrado no Reino Unido coñecido como “Jack e as fabas máxicas”. Conta, xa o saben, que o tal Jack, neno pobre, orfo de pai, consegue, grazas a unhas fabas máxicas que crecen ata máis arriba das nubes, o tesouro dun ogro ou xigante que vive polas alturas. O haber permítelles a el e á súa nai vivir felices polo resto dos días.

Nós non temos o conto pero si unha lenda localizada nos Penedos do Treboal, Os Blancos (Ourense), aínda que cun final infeliz. As mouras que viven por alí ofrecéronlle a María, unha rapariga que andaba alindando polos arredores, regalarlle un cesto de fabas que se converterían en pebidas de ouro se non llo contaba a ninguén.

María prometer prometeu pero, en chegando á casa, a nai non parou ata facerlle confesar. E confesou. E as fabas non deixaron de ser fabas e María acabou devorada polas mouras antropófagas que o celebraban cantando: Mariquiña, Maricola, con aceite e allo, metida na barrigola!

Quedémonos coa sospeita de que algo teñen as fabas cando nas Saturnais romanas, que se celebraban polos mesmos días do noso Nadal, xa se elaboraba e comía unha torta na que se agachaba unha faba. Xogaban os escravos, o que atopaba a faba era elixido rei da festa e quedaba liberado de traballar, cando menos un día.

Agora, o pastel ou rosca de Reis, á parte de ocultar ovos, figos, mel, moedas ou figuras, tamén esconde unha faba; quen dea con ela entra con ventura no Aninovo.

Outra cousa é que a sorte, sempre esquiva, nos asista. Fabas contadas!

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 10 de febreiro de 2020


Polo san Brais

Hoxe, 3 de febreiro, día de san Brais, o Servizo de Revisión, Actualización e Defenestración de Refráns Autóctonos tomou a decisión de apartar cautelosamente da circulación o que di “Por san Bras, a cegoña verás”. Agárdanse informes sobre os efectos do cambio climático no refraneiro popular, especialmente cando mesturan o santoral con movementos migratorios da fauna.

Coas cegoñas, que xa non van nin veñen senón que sempre están, chegan as primeiras romaxes de febreiro como a de santa Bríxida, a da Candeloria e esta de san Brais. Tamén esperta do seu sono invernal o oso, pero ese é outro conto.

Brais deriva de blaesus, alcume relacionado coa tartamudez. O Brais que chegou a santo foi bispo en Armenia no s. IV, ademais de curandeiro ou médico. O que lle deu sona de dador da saúde de gorxas é a lenda que afirma que librou de morte a un neno en perigo de esganarse cunha espiña de peixe. Un par de cirios postos en X obraron o milagre.

Brais foi eremita e desbravou lobos como san Froilán pois obrigou a unha destas feras salvaxes a devolver o cocho que lle roubara a unha pobre muller. A agraviada agradeceullo, debían ser días de Antroido, obsequiándoo coa cachola e outras partes do porco xa salgadas e curadas.

Foi martirizado, sometido a tormentos e, por fin, decapitado. Unha curiosidade, un modernismo inesperado na haxiografía dun mártir tan antigo explica porque a súa imaxe adoita vestir zapatos charramangueiros. Segundo din os que saben de iconografías, cando a Virxe despois da corentena do sobreparto sentiu vergoña de que a mirasen ao entrar no templo vai san Brais e calzouse con zapatos de cores rechamantes e diferentes en cada pé para que se fixasen nel e non turbasen a timidez da santa Nai.

En Vilaxoane, en Foz, a xente devota frega a gorxa da imaxe do santo cun pano e logo, ao tempo que pasa o trapo pola propia, pide “San Brais bendito cúrame a gorxa e mais o apetito”. Tamén se bendicen uns bolos que a xente come e leva para que coman os da casa.

En Monforte hai unha reliquia, un anaco dun óso, de san Brais. En San Vicente do Pino bendicen as roscas e as cintas —azuis os homes e rosas as mulleres— coas que as atan e que logo penduran dos pescozos por termo de nove días para que, por maxia de contacto, dean protección a esa parte anatómica.

Na Colexiata do Sar en Compostela tamén bendicen bolos e roscas nesta data e en San Paio de Antealtares o sancristán pon unha vela en forma de U arredor do pescozo do oferente.

Avisamos! Comer fabas o día de san Brais provoca treboadas e ventadas todo o ano, crenza que pon en relación o rito romano de acougar as ánimas dos mortos chamadas lémures e larvae —as máis perigosas— botando para atrás e por enriba do ombro fabas negras.

Menos mal que o refraneiro pon un punto de alegría neste día ao asegurar que “Polo san Brais teñen os días dúas horas máis”. Aínda así, o SRADRA advirte que de resultaren falsos este ou outros refráns, tomaranse medidas para evitar o desprestixio do corpus paremiolóxico tradicional. No ruxerruxe dos curros políticos non se fala doutra cousa.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 3 de febreiro de 2020.


Os artificios creativos de Caxigueiro

Achegámonos á exposición retrospectiva de Caxigueiro (2005-2019) no Museo Provincial de Lugo. A combinación sintáctica do título, ‘A métrica do ilusionismo’, acáelle e resume as preocupacións conceptuais do artista, a importancia que lle concede ás técnicas para transformar o imaxinario e ao control da medida estética, visual e incluso fonética da súa obra.

Como saben os que o coñecen, Caxigueiro xa intuía nos anos mozos que a obra xermola da necesidade de ser, de expresar ou reivindicar algo, antes de tomar corpo. Comprendeuno seguramente vendo xirar o torno artesán dos oleiros mindonienses e aquelas mans embarrañadas moldeando a terra arxilosa que, asegura, “era o máis parecido a unha sesión de maxia”.

Aos poucos, a concepción da peza orfa foille demandando un escenario, un marco de representación. Chegaron as instalacións nas que o espazo se transforma en atmosfera da idea. E ese é o primeiro impacto que percibe o visitante cando entra na sala do Museo Provincial, a atinada xestión do universo reservado a cada instalación e á montaxe enteira, un cosmos magnificamente harmonizado.

Un proceso creativo híbrido de xéneros (escultura, fotografía, poesía, filosofía) que pode nacer dun impulso pero que medra e se desenvolve como un ser vivo, que á súa vez se ve interferido polas circunstancias. Así, nese devir, a peza solta (en soidade), busca asociarse en instalacións cun obxectivo (socializarse), mesturarse e convivir con outras (volumes, formas, composicións) para comunicar, para ser, para estar e ocupar un lugar.

Non é casual o uso dun grande número de palabras impresas (que evocan e significan) en moitas das pezas expostas. Loxicamente, a palabra tamén está nas mostras poéticas (profunda, reveladora) e mesmo nas fotografías con linguaxe de seu. A palabra como argamasa que concilia e constrúe, verbo pensado, imaxinado, dito, escrito ou fotografado, ás veces invisible, sempre presente.

O Daniel Río Rubal ‘Caxigueiro’ que nos presenta esta mostra leva máis de catro décadas creando e expoñendo, dando acomodo ás súas imaxinacións e experimentando o que el chama a métrica do ilusionismo.

A súa obra non é só o que se pode ver na exposición ou nos catálogos. Quen se achegue ao seu laboratorio creativo, o Espazo Caritel en San Martiño de Mondoñedo (Foz), poderá comprobar que as súas propostas son produto dun esforzo constante por atopar a mellor maneira de dicir sen que as mañas do prestidixitador ensombrezan a realidade.

No Espazo Caritel habita un xardín botánico, unha instalación aparentemente espontánea da Natureza que Caxigueiro e familia alimentan desde hai trinta anos. Dependendo da época do ano, quen o visite poderá gozar co apoxeo floral de múltiples variedades de camelias, hortensias, fentos, arbustos e outras árbores, algunhas exóticas, que procuran alento e vida. Aínda así, saiban que é a intelixencia (ilusionismo) do artista que lle dá criterio e medida.

Lembren visitar a sala de exposicións do Museo Provincial antes do 25 de febreiro. Non se distraian!

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 27 de xaneiro de 2020.