Para ler, Lugo (pregón da Feira do Libro de Lugo, 2012)

Veciños e veciñas, autoridades, amigas e amigos… boas tardes a todas e todos.
Quero comezar agradecendo, en primeiro lugar, á Federación de Libreiros de Galicia, especialmente a Antonio Fernández Maira, o térenme convidado a ler o pregón da Feira do Libro de Lugo, que este 2012, como cada ano desde hai xa 30, nos convoca aquí aos amantes dos libros e da lectura.
Nestes días nos que a primavera madurece, e o olor da tinta e do papel dos libros compite e se confunde co das flores e os dos gromos das árbores e plantas que adornan esta Praza Maior, que ao mellor, quen sabe, non lle sentaría mal apelidarse Praza Maior de Fole, ou Praza Maior de Pimentel
Non sei se é elegante ou non nun acto coma este, no que toca falar de libros e de libreiros, de autores e de lectores, non sei, digo, se é prudente pero vou facer unha reflexión en voz alta sobre o “tema” co que nos mortifican día si e día tamén, especialmente nas horas posteriores a eses consellos de ministros dos venres que xa hai quen chama, quizais polos seríficos trisaxios que nos decreta, “encontros marianos”.
Sexa ou non elegante, ou prudente, fareino para dicir que esta crise lémbranos, de tanto repetírnolo, que a inmensa maioría da sociedade só somos forza de traballo, lumpen do sistema, proletariado ao que nos tratan coma se cada un de nós fósemos só un pano “Kleenex” onde aparca os mocos o sacrosanto mercado.
E lembro aquí, na antiga Lucus Augusti, que os proletarios non os inventaron os comunistas, que xa en Roma se chamaban “proletarii” os cidadásn das clases máis humildes, os sen oficio nin beneficio, por suposto sen dereito a ninguna clase de propiedade pero que para os gobernantes do Estado tiñan a importantísima misión de producir “prole”, ou sexa de procrear fillos para nutrir de soldados un exército que só aos poderosos protexía.
É certo que vivimos tempos de cris,e pero non só de crise económica. Por moito que nos sermoneen os predicadores do sistema desde o púlpito deste capitalismo selvaxe que nos afoga, vivimos desde hai moito tempo soterrados nunha profunda e dolorosa crise ideolóxica. Unha destrutiva e aniquiladora crise de ideas que non nos permite sequera pensar quen son os poderes que nos someten e que nos escravizan sen que nos decatemos.
Desta crise, polo visto, ademais, somos culpables. E como tales reos de culpa debemos colaborar mansamente nos recortes de dereitos tan elementais como o da sanidade, o da educación, o da vivenda, o da información, privándonos ademais doutros moitos dereitos democráticos como sería o de consultarnos se nos parecería ben ou non mudar de sistema políticio.
E mentres que escoitamos estas ladaíñas, un fato de banqueiros visionarios, vividores a conta de contas alleas, enchen os petos atracando os nosos aforros e, o que é peor, as nosas esperanzas. E aínda son obxecto de prebendas e trato preferente mentres que aos “proletari” nos reducen os salarios, ou nos botan á rúa, e só nos queda suplicar por un medicamento ou por unha escola universal, pública e digna.
Pódese dicir máis claro e tamén máis breve: mentres que a un pobre desgraciado que non pode pagar a súa humilde vivenda se lle quita o dereito a usala, e mesmo queda en débeda cunha entidade financeira de por vida del, e dos seus fillos e netos, ao dirixente incompetente desa mesma entidade permíteselle abandonar o barco cando embarranca e acumula millóns de débedas, e aínda ten o atrevemento de reclamar unha boa presada de euros pola entrega á causa da súa cobiza.
A aquel covarde capitán do Costa Concordia, polo menos, estano xulgando por algo parecido, e con bastantes menos vítimas.
Estas si que son boas tramas literarias! A imaxinación dos que nos someten a estas torturas si que é perversa. Unha imaxinación tan corrompida que non nos queda outra que acudir aos libros para liberarnos do seu acoso.
E non nos queda outra que pensar que só nos libros e na literatura podemos atopar nós, os parias, os proletarios, a mellor verdade, o máis eficaz ansiolítico.
Se me deixase levar pola carraxe, apeteceríame agora pedirvos que collades cantos libros poidades, previo pago, iso si, que somos pobres e á forza honrados, e que llelos tiredes á cabeza a eses ladróns.
Mais, confeso que eu tamén son un alienado, así que volvo ao rego do políticamente correcto e non direi que nos libros estean os segredos para acadar unha vitoria, pero si que están algunhas das receitas para descubrir algunha verdade.
E aínda que un sexa un perdedor toda a vida, buscar e atopar unha verdade non deixa de ser unha forma de vitoria.
Os libros son os nosos mellores amigos porque sempre nos ofrecen unha esperanza, un camiño para atopar unha verdade.
Unha verdade ás veces crúa e fría, unha verdade que nos lembra unha e outra volta quen somos, como di (non sei se a lembran) aquela canción de Javier Krahe: somos, nin máis nin menos, carne de cañón… al chilindrón. vHai algunhas estrofas desta canción reveladoras, estrofas que só leo, que non vou cantar para que a SGAE non teña que molestarse en intervir, como aquela que dicía:
Se acecha a un individuo de tercera
–carne de trinchera–
se aniquila en pedazos regulares
y se asedia al aceite en la sartén
–muy bien–.

Ou aqueloutra:
Se arrojan los pedazos al puchero
–carne de dinero–
y se van invadiendo lentamente
con un diente de ajo o mejor dos
–carne de San Dios–.

Para rematar:
–¿Y la carne de misil?–
Se hace igual
añadiendo un kilo más
de perejil.

Como ven, aínda que a receita xa é vella, é de moita aplicación nos tempos actuais.

E seguindo coa literatura máis ou menos antiga aplicada á modernidade non poido evitar algunha referencia aos contos populares.
Moitos deles, por non dicir case todos, gardan a esencia desas verdades da vida, e exemplifican da maneira máis didáctica posible o conflicto permanente por sobrevivir.
A literatura popular de tradición oral, tan desprezada por tan descoñecida, é, sen embargo, a gran literatura universal, a que nos fai ver que en todas as xeografías e en todos os tempos, os padecementos humanos foron e siguen sendo os mesmos.

Hai uns días compartíamos cea e tertulia uns cantos amigos e amigas entre os que estaba Darío Xohán Cabana. E dicía Darío que para el o conto popular máis fascinante era a versión de Charles Perrault que leva por título “O gato con botas”.
E cadramos todos de acordo. O gato de “O gato con botas” retrata con requintada retranca a hipocresía da sociedade francesa dos tempos de Perrault, daqueles anos de finais do século XVII, como antes o fixera, entre os séculos XII-XIII, o raposo do Roman de Renart.
Unha crítica, ao me enteder, aplicable tamén á nosa sociedade actual.

Lembren que o conto fala dun muiñeiro que só ten para deixar por herdanza aos seus tres fillos, un muíño, un asno e un gato. E vai ser o irmán máis novo o que reciba o ben que en apariencia ten menos valor: o gato.
Pero resulta que o gato non é un gato convencional. O gato resulta ser un fenomenal estratega, capaz de deseñar e liderar as tramas máis insospeitadas.
O pobre mozo, outra non lle quedaba, decide atender as condicións que lle impón o gato, que non son moitas pois só pide unhas botas para calzar e un bolso para recoller o que vaia pillando grazas as súas mañas.
O gato pide ser recibido polo rei para facerlle ver que o seu amo, a quen el chama para darlle importancia, Marqués de Carabás, é un gran señor que lle envía regalos, tal que perdices ou coellos (ou patrocinios e posibilidades de negocio, que para o caso viría sendo o mesmo).
O gato, para entender mellor o seu oficio en léxico actual, practica o chamado cohecho activo, mentres que o rei do conto, aceptando os regalos, practica o chamado cohecho impropio.

(E convén saber tamén, para entender mellor o conto, que no século XVII chamaban carabás a uns coches de cabalos, pechados coma gaiolas, con capacidade para vinte persoas, e que usaban os que querían aparentar pertenza á nobleza cando viaxaban de Paris a Versalles).

Volvemos ao conto. Cando o rei parece convencido de que o tal Marqués de Carabás non só existe, senón que é un gran señor, rico e poderoso, o gato con botas refina a estratexia e fai que o rei e o suposto Marqués de Carabás coincidan nunha cacería en Botsuana (digo, perdón, nun paseo pola beira do río).
O falso marqués, por consello do líder da trama, o gato con botas, ten que simular que afoga no río (aínda que este encontro podería ter lugar tamén nunha estación de Servizo, pero Perrault escolleu unha paisaxe máis bucólica) e xusto cando o rei pasa por alí na compaña da súa filla, o falso marqués pide auxilio, e o rei, ao saber polo gato de quen se trata, manda que lle axuden e que o salven.
Aquí é cando coinciden as miradas do falso marqués e da princesiña. Como poden supoñer, houbo amor a primeira vista, aínda que aclaro que nos contos, e tamén máis veces das que se pensa na vida real, a princesiña representa un bocado gorentoso para abrandar as vontades do macho da especie.
Por exemplo, se lle queremos facer caso a unha lenda moi actual, podemos dicir que a princesiña fai o papel da coca-cola, tan poderosa que pode desenferruxar un parafuso, modesto utensilio que no conto interpreta o falso marqués.
O resto do conto, como moi ben saben, vai caendo polo propio peso.
Ao gato xa só lle quedan por dobregar, ou sexa, por coaccinar, uns cantos individuos para que simulen que son empregados do falso marqués de Carabás, para que mintan no seu favor.
E para rematar queda un gran engano que se parece un mundo a unha noticia da semana pasada.
O gato con botas reta a un ogro a que se transforme en diversos animais para ao final pedirlle que se transforme en Rato.
E Rato, o que antes fora un ogro das finanzas mundiais, cae na trampa e acaba morrendo devorado polo gato.
O gato apropiase das torres do ogro (chamdas Torres de Bankia) e das súas posesións, sen distinguir nin separar os activos tóxicos dos purificados.
Aquel rapaz, aquel mozo muiñeiro (que podería ter sido tamén xogador de balonmán) era agora un señor rico e poderoso.
Hai outro momento no conto, no que se pronuncia unha frase memorable que se parece moito a unha historia real que todos coñecemos.
Nun momento dado dille o rei ao duque de Palma(digo, ao falso marqués de Carabás):
—Meu querido marqués de Carabás; se non chegas a ser o meu xenro será porque non queres!

E o falso marqués e a princesiña casaron, e comeron perdices, e viviron felices ata moito máis adiante que foi cando sucedeu a segunda parte deste conto, que non llela conto, primeiro porque vostedes xa a coñecen, e segundo, porque tampouco llela podería revelar aquí en público pois está baixo segredo de sumario.
O que si é certo é que o falso Marqués de Carabás quedou coma un Campeón.
E o rei tamén, aínda que pediu perdón e dixo que non volvería a suceder.

Os libros constrúense con palabras, e hai veces que unha soa palabra pode estragar un libro, o sentido dunha historia e ata unha vida enteira.
Nestes tempos é moi socorrido usar palabras coas que se pretende camuflar ou desvirtuar a verdade das cousas.
Dise “cambio de programación” cando habería que dicir que se “retrasan as obras” ou que se suspenden definitivamente, dise “axustes” cando se deberá dicir “recortes”, dise “crecemento negativo” cando o que habería que dicir é “débedas, perdas, recesión, quebra…”
Cando Jorge Luis Borges, desde a súa cegueira, describiu no seu relato “La Biblioteca de Babel” a que sería unha biblioteca universal infinita, numerosos debuxantes, arquitectos e curiosos tentaron reproducir gráficamente, e mesmo construír, o que el describía, aquel universo “tal vez infinito de galerías hexagonales”.
Uns e outros detectaron algún erros na versión inicial de Borges, do ano 1941, e Borges fixo correccións nunha segunda versión do relato no ano 1956.
As correccións consistían simplemente en substituír dúas palabras da frase “Veintecinco anaqueles a cinco largos anaqueles por lado, cubren todos los lados menos uno…” e poñer “Veinte anaqueles a cinco largos anaqueles por lado, cubren todos los lados menos dos…” .Vintecinco por vinte, e uno por dos.
Sen embargo, ao entender dalgúns críticos, aínda quedaba un erro; outra palabra que esta vez habería que engadir e que Borges non chegou nunca a ter en conta a pesar das múltiples modificacións que fixo do relato.
A palabra que abondaría, segundo estes críticos, para que biblioteca de Borges fose infinita sería an farse “Una de las caras libres da a un angosto zaguán”, para escribir “Cada una de las caras libres da a un angosto zaguán”.
Borges probablemente non tivo nunca en conta esta proposta pois consideraba que os lectores tamén se podían equivocar, e aseguraba, ademais, que atopar bos lectores era aínda máis difícil que atopar bos autores.
Aquel universo infinito ideado por Borges, tan preciso, pendía dunha soa palabra para deixar de ser unha utopía e convertirse nunha realidade.
Pois eu tamén quero, modestamente, e para rematar, propoñer algo que dependería do cambio dunha soa palabra.
Aquí en Lugo, onde somos capaces de alimentar a base de excelentes tapas a rexementos enteiros de famentos, empeño ao que lle demos corpo co reclamo “Pra comer, Lugo”, non seriamos quen, pregunto, de mudar unha soa palabra dese eslogan, unha soa palabra e un só día ao ano (o Día das Letras ou un calquera destes que coinciden coa Feira do Libro) para dicir en vez de “Pra comer, Lugo” “Pra ler, Lugo”.
Quero imaxinar que tras servirnos a cervexa, o refresco ou a copa de viño, a camareira ou o camareiro que nos atendesen poderían ofrecernos escoller un “pincho” de algo para ler. Serían, seguramente, as metáforas máis requintadas e felices, premiadas n un hipotético “Concurso anual de ocorrencias literarias para picar”
Non digo que nos priven de algo para o estómago, pero despois quedaría moi ben que nos ofrecesen, coa amabilidade que acostuman:
—De cociña temos hoxe un soneto de Darío Xohán Cabana, unha fantasía de Cunqueiro, un conto de medo de Fole, unha sombra de aire na herba de Pimentel, un anaco de “Carne de can” de Isidro Novo, unha sextina de Marica Campo, ou (xa para esquixitos), unha nube de Reparante flambeada ao estilo Paco Martín
Sei moi ben que unha soa palabra non pode cambiar o mundo, pero unha palabra amada, sentida, podería cambiar o sitio de Lugo no mundo.
Mentres, o meu desexo é que os libros que nos traen estes días os libreiros a esta trinta edición da Feira do Libro de Lugo nos aproveiten a todos.

Moitas grazas.
© Antonio Reigosa / Lugo, 15 de maio de 2012