Graciano Fraga Veiga, morto prematuramente en 1943, foi un artista mindoniense ao que lle concedeu unha bolsa de formación artística a Deputación de Lugo en 1933.
o
Desde o pasado 12 de febreiro e ata o 12 de abril amósanse na Sala de Exposicións do MPLugo diversas obras dun total de 29 artistas que mereceron bolsas de formación da Deputación de Lugo entre os anos 1898 e 1960. Entre as obras expostas hai dous cadros de pequeno formato asinados polo mindoniense Graciano Fraga Veiga, un artista, entón case adolescente, beneficiado cunha das bolsas concedidas en 1933. Entre os 29 artistas lucenses merecentes de tal axuda, nomes da categoría de Xesús Corredoira, Manuel Castro Gil, Maruja Mallo, Julia Minguillón, Blas Lourés, Tino Grandío, Otero Besteiro e Buciños. Artistas de éxito entre os que estivo, aínda que malogrado, Graciano Fraga Veiga.
Graciano Fraga naceu en Mondoñedo o 21 de febreiro de 1917. Era fillo de Graciano Fraga González, secretario do xulgado municipal, e de Ersilia Veiga González, irmá, entre outros, de Ricardo Veiga, xornalista e artista que despois dunha estadía na Arxentina, regresou para, segundo E. Lence-Santar, introducir a arte do gravado ao linóleo en Mondoñedo.
Para solicitar unha das bolsas de formación artística que convocaba a Deputación de Lugo en 1933, Graciano Fraga Veiga, que entón tiña 16 anos, remite, ademais da correspondente solicitude, un certificado do mestre Antonio Porto Stolle e dous traballos ao óleo que titula “Atardecer” O mestre Porto Stolle di que “revela gran disposición” para o debuxo e a pintura, coñecementos que non pode ampliar por carecer Mondoñedo dun centro a propósito e o interesado de medios de fortuna.
As obras, tituladas en ambos casos “Atardecer”, e que se poden ver ata o 12 de abril na exposición “Orixes creativas. Artistas pensionados pola Deputación de Lugo 1889-1960” van asinadas por G. Fraga Veiga. Unha delas reproduce unha estrada abeirada de vexetación que atravesa o cadro en diagonal. O outro óleo presenta dous barcos de vela varados nunha praia e embarcacións máis cativas arredor. E, efectivamente, é doado apreciar unha man habilidosa detrás destas composicións polo que supoñemos que estas foron as razóns máis contundentes polas que a comisión encargada de avaliar e conceder as bolsas de formación resolveu, en sesión do 30 de agosto de 1933, outorgar unha delas, consistente en 2.000 pesetas anuais, renovables por tres cursos, a Graciano Fraga Veiga.
A outra das bolsas foi concedida nas mesmas condicións a Saturno Lois, un artista lucense que, dito sexa de paso, non obtivo o recoñecemento que merece, a pesar de vivir ata 1985.
Unha proba da valía de Graciano Fraga en 1933, a pesar dos seus 16 anos, é que Saturno Lois xa cumpría os 30. Saturno Lois estivo polo menos un curso en Madrid na Escola de Belas Artes de San Fernando, e entregou un par de obras na Deputación de Lugo en cumprimento das bases da convocatoria; por tanto foille renovada a bolsa. Graciano Fraga, sen embargo, non consta que entregase ningunha obra na Deputación nin debeu asistir a ningún centro de formación en Madrid.
Por Ester Fraga Veiga, irmá de Graciano e nai do coñecido e admirado músico e cantante César Morán Fraga, sabemos que comezou a traballar no xulgado municipal de Mondoñedo moi novo, que arredor de 1938 foi mobilizado polo exército e que estivo en Burgo de Osma de onde regresou cunha enfermidade pulmonar, seguramente tuberculose.Convaleceu en Mondoñedo e tamén no hospital de Lugo, recuperándose ata o punto de chegar a traballar nesta mesma cidade no Instituto Nacional de Previsión. Mais decaeu da doenza, estivo de novo internado no hospital de Lugo de onde o levou a familia para, en apenas 24 horas, morrer en Mondoñedo.
Quedan abertas aínda moitas interrogantes sobre os motivos polos que este mozo mindoniense, prometedor artista, truncou a súa formación. Estamos convencidos de que existe máis obra da súa man que agardamos poder coñecer e divulgar o antes que nos sexa posible. Graciano Fraga Veiga, ademais de prometedor artista foi tamén poeta e deixou inéditos textos en galego e castelán que seguramente chegou a coñecer Álvaro Cunqueiro, un dos grandes amigos mindonienses do seu pai e del mesmo.
O que si sabemos é que no outono de 1935, dous anos despois da concesión da bolsa, a Deputación de Lugo acorda amortizar e declarar caducada a bolsa concedida a Graciano Fraga Veiga por “no haber acreditado haber realizado los estudios por los que fuera concedida en los ejercicios transcurridos”.
A derradeira e definitiva nova sobre a súa biografía dáa o xornal Juventud, órgano dos mozos de Acción Católica da diocese de Mondoñedo, onde con data 1 de abril de 1943, se informa nunha breve nota da morte de Graciano Fraga Veiga, pasamento acontecido o 4 de marzo cando contaba tan só 26 anos.
©Antonio Reigosa
Publicado en La Voz de Galicia (23.03.2015)