Mondoñedo, Cidade Creativa

O futuro está por construír e no territorio propio do soñar está permitido case todo, mesmo fantasiar con que Mondoñedo podería ser parte nun futuro a medio prazo da Rede de Cidades Creativas da UNESCO.
zocas geada
En outubro de 2004 a UNESCO pon en marcha o proxecto Rede de Cidades Creativas da Alianza Global co obxectivo de promover a diversidade cultural a través do fomento e aproveitamento do potencial creativo, social e económico das colectividades locais. Unha idea que 10 anos despois conta cunha listaxe de 69 cidades creativas do mundo adscritas a algunha destas redes: literatura, cine, música, artesanía e arte popular, deseño, arte dixital e gastronomía.
En reunión a celebrar este vindeiro maio de 2015 na cidade xaponesa de Kanazawa elixiranse outros nomes para incorporar a esta prestixiosa lista da que Bilbo (deseño) ou Granada (literatura) participan desde o ano 2014. Barcelona anuncia o inicio dos trámites para ser incluída na rede como cidade literaria, título concedido xa no pasado a Norwich, Edimburgo, Melbourne, Iowa City, Praga, Rykjjavik, Cracovia, Heidelberg, Dunedin ou Dublín.
As ideas base sobre as que se asenta a existencia desta Rede son, entre outras, facer da creatividade o elemento esencial do desenvolvemento local, que a cultura e a industria cultural sexan factores de crecemento nunha economía tamén creativa na que se implican e participan, multiplicando así os efectos, os sectores público e privado conxuntamente coa sociedade civil. Pertencer a esta Rede é participar a nivel global do intercambio de ideas e coñecementos, establecer relacións de cooperación en aspectos como a comercialización e a distribución de produtos ou o aproveitamento compartido dos recursos dispoñibles.
Calquera cidade que considere que reúne méritos para participar nalgunha das redes temáticas pode presentar a súa solicitude diante da UNESCO, conxuntamente coa documentación necesaria, apoiándose nun programa de políticas e actividades que deberán executarse nos cinco anos seguintes. Obviamente, segundo establecen as directrices da UNESCO, tamén é preciso amosar apoio político e financeiro, tradición no ámbito seleccionado, estado da creatividade na actualidade con relación de eventos e actividades relacionadas así como sobre as actividades educativas e de formación que se realicen. As medidas de preservación, a infraestrutura cultural existente, a promoción e, en fin, todas cantas medidas e actividades se deseñen para converter a creatividade en desenvolvemento e economía de futuro son as claves para o éxito.
Mondoñedo ten, como é ben sabido, acreditada tradición creativa, e mesmo longa traxectoria en ámbitos como a literatura, a música, a artesanía ou a gastronomía. Unha longa listaxe de nomes de persoas e institucións que todos temos na mente e que superan, en proporción á súa poboación, calquera media coa que se pretenda comparar.
Isto é indiscutible pero o outro, aspirar a formar parte desa exclusiva Rede de Cidades Creativas, se cadra só é un soño vestido de desexo. Sen embargo, cando esperto o soño sigue aí, como o dinosauro de Augusto Monterroso.

© Antonio Reigosa
Publicado en El Progreso (24.04.2015)