Grave accidente o 12 de xullo de 1924

De Dion-bouton

Grave accidente nunha curva da estrada xeral en Sasdónigas. O ómnibus que facía a ruta A Coruña-Ribadeo, matricula de Lugo e marca De Dion-Boutón (motor con patente francesa, probablemente fabricado en Chavín, Viveiro, na fábrica fundada por Jose Manuel Barro González, de Viloalle), sofre un grave accidente cando baixaba desde A Xesta en dirección a Mondoñedo. Nunha das curvas, a do quilómetro 26, atópase de fronte cun coche marca Ford e matricula de Oviedo, e ao cruzárense ambos vehículos colisionan; probablemente o tapacubos do eixo traseiro do coche que sobe impacta no eixo dianteiro do ómnibus, e os chaufeurs non poden controlalos.
Mentres que o Ford se foi á cuneta sen consecuencias para os ocupantes, o ómnibus caeu pola carricova uns 25 metros, dando tres voltas de campá. Resultou morto José González Reinante, propietario dunha fonda na Pontenova, houbo tres feridos moi graves e varios máis de menor consideración. O ómnibus era propiedade da empresa dos irmáns Freire de Vilanova de Lourenzá; O Ford, cuxos tres ocupantes prestaron os primeiros auxilios, era do xoiero ovetense Pedro Álvarez.

(+ Almanaque de Mondoñedo)