Señor Cunqueiro

Chegou o día. Supoño que xa coñecerá a única boa nova destes días que lle afecta directamente. As malas, esas que invocan o seu nome en van, mellor nin mencionalas. Non hai mal que por ben non veña.
A boa nova, a que a nación das letras e a cultura deste pequeno gran país desexaba escoitar é a que nos di que a casa familiar da praza da catedral de Mondoñedo vai ser toda ela residencia para a memoria, espiritual e física, de todo canto fixo vostede por nós.
Os que sabemos que un verso ou un parágrafo ben escrito poden valer mil vidas estamos moi contentos. Sabémolo e celebrámolo, agardando ansiosos que se converta en marabillosa realidade.
Felicitamos ao concello de Mondoñedo polo paso adiante, imprescindible para a nosa supervivencia como lugar no mundo. O seu nome e a súa obra son o noso principal salvavidas.
Esa casa pode ser un punto de partida, de repouso ou de chegada, pois todo Mondoñedo é eido cunqueirián. Lugares, nomes, rúas, montes, plantas, flores, froitos, soños e soidades que van e veñen polos camiños que trazou a súa imaxinativa. Serán moitos e moitas os que se achegarán a Mondoñedo buscando a verdade deses roteiros de tinta que vostede deseñou coa súa prodixiosa inventiva.
Aínda haberá tempo para ir debagando os detalles do proxecto global da futura Casa-Museo Álvaro Cunqueiro. Agora o que lle pido é que desde esa residencia do Alén onde vostede mora, mande recado para que os que a poñan a andar non esquezan un detalle importantísimo. Cada planta desa casa terá un olor (a café, a conversa, a mesturas culinarias) pero ao chegar ao faio, a ese recuncho invisible desde a praza onde vostede ideou un mundo, ten que recender a mazá.srcunqueiro
Serán reinetas ou repinaldos, se cadra “fadas verdes”. Iso si, terán que ser mazás con denominación de orixe mindoniense, como aquelas que foron quen de facer nacer palabras novas no pomar chamado fantasía que vostede creou e que de aquí en adiante, nós, os seus devotos, nos comprometemos a agarimar.

©Antonio Reigosa
Publicado en La Voz de Galicia_A Mariña, 19.09.2015.