Un museo para Mondoñedo

Os soños non teñen prezo; só prazos. Poñer unha ilusión a andar cara o futuro é gañarlle pasos ao tempo de espera e ila cargando de reflexións e experiencias. Trátase de ir dando corpo á vontade de facer do noso patrimonio cultural un eixe articulador de futuro, o que precisa de ambiciosos proxectos pero tamén, claro está, de grandes inversións.
Mondoñedo xa ten un magnífico museo monográfico de tema relixioso, o catedralicio e diocesano, e vai ter outro arredor dunha figura irrepetible, a Casa-Museo Cunqueiro, pero Mondoñedo tamén precisa un gran museo civil onde se recollan e se expoñan os obxectos do pasado e do presente, desde a herdanza dos primixenios ata a dos actuais creadores mindonienses. Un museo que combine as función clásicas destas institucións (conservar, expoñer, investigar, difundir) coas que un museo moderno debe atender, sempre pensando no proveito social. Un museo onde caiba o patrimonio material e o inmaterial, o arqueolóxico e o histórico, o técnico, o artístico, o artesán, o musical, o local e o desterrado, o documental e o sentimental.
Hai un legado disperso, unha boa parte seguramente irrecuperable, pero outro moito que se podería intentar recobrar. Obxectos, obras, arquivos e memorias de insignes mindonienses, coleccións de mérito que se foron expatriando por non haber unha institución local onde darlles acollemento.
Precisamos un lugar onde o científico e o lúdico combinen, a onde, mediante un sensato proxecto expositivo e educativo, atraiamos a curiosidade do mundo do ensino e o do turismo. Un lugar onde (por que non) se imparta docencia desde a experiencia acumulada.
En canto á ubicación física, ao edificio que o albergase, non habería problema. Hai varios inmobles que reúnen as condicións para, coas necesarias obras de rehabilitación e acondicionamento, seren digna sede dunha institución así.
villaaJosé Villaamil y Castro (1838-1910), eminente home de ciencia criado en Mondoñedo, estivo moi vencellado a varios proxectos museolóxicos como ideólogo e promotor, e como doante. Elaborou a memoria fundacional do Museo Arqueolóxico de Galicia que se quería crear en Compostela na década dos 80 do s. XIX (era a continuación do primeiro museo galego inaugurado en 1877 pola Sociedade Económica de Amigos do País), foi director interino do Museo Arqueológico Nacional de Madrid, cronista da provincia de Lugo, arquiveiro, bibliotecario, investigador e divulgador incansable da arqueoloxía mindoniense e, en xeral, da galega. A el están dedicadas con todo merecemento as xornadas mindonienses de arqueoloxía que con acerto e perseveranza vén organizando o arqueólogo Abel Vigo desde o ano 2001.
Este 27 de setembro cúmprese 105 anos do pasamento de J. Villaamil y Castro, unha oportunidade para cavilar nestas e noutras posibilidades de ir imaxinando un porvir. Unha ocasión para renderlle tributo a este ilustre predecesor e para, seguindo a súa estela, soñar con mil ilusións máis para o Mondoñedo de mañá.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia_A Mariña (27.09.2015)