A anunciada concesión da Medalla de Ouro por parte do concello de Mondoñedo ao Real Seminario Santa Catalina pola achega docente e cultural á sociedade mindoniense, galega e universal, é o colofón xusto e merecido a case 450 anos de historia. Nos actos de homenaxe que se preparan para o 17 de outubro estará presente a memoria desa longa travesía na que centos de alumnos deixaron testemuño vital e profesional da calidade académica do centro. Son moitos os nomes que poderían e deberían citarse para acreditalo, entre eles os que todos temos en mente e que tiveron a merecida sorte de seren mencionados en estudos ou recoñecementos. Pero tamén son moitos, moitos máis aínda, e obrigado é recoñecelo, os que con biografías aparentemente discretas influíron con grande proveito na sociedade do seu tempo.
Un centro pioneiro (o terceiro inaugurado en España logo das disposicións sobre formación do clero do Concilio de Trento), con tantos e tan bos froitos, merece unha homenaxe, si; pero, sobre todo, tamén merecería outra oportunidade, segrar ou eclesiástica, para continuar escribindo a súa historia.
Eu non fun ao Seminario, por tanto a miña relación con este centro foi escasa e esporádica, nada que ver coa actividade académica.
A primeira vez que entrei no edificio, xa era un home feito e dereito, fíxeno por curiosidade mais, en seguidiña, apenas se pisara dez ou quince metros polo interior, fun convidado por unha persoa da casa, amablemente iso si, a desandar aqueles pasos. Obedecín, claro está, era certo que ninguén me convidara nin eu pedira permiso, pero activóuseme a memoria.
Lembrei entón ao meu tío-avó Francisco, un dos irmáns da avoa que non coñecín, que se formou alí pola cota de pobres e exerceu de crego, acordeime dun primo díscolo que nin despois de pasar polo Seminario houbo maneira de reconducilo para a convivencia social, e tamén ao único compañeiro dos 90 que eramos en COU no IES San Rosendo que estaba decidido a facerse cura, e cura é.
Un día, Ramón Villares, exalumno e actual presidente do Consello da Cultura, cando soubo que eu era nacido en Zoñán reveloume que ás veces, cando ían de paseo polo meu barrio, non deixaban de furtar algunha froita. Estrañoume que mozos en formación (co dobre sentido referido ao estudo e á maneira que tiñan de desprazarse en fileira), vestidos coa sotana dos seminaristas, puidesen cometer acto tan contrario á moral que se lles ensinaba.
Ferido no amor propio comunal, lembrei outros tempos nos que eu e outros fixéramos algún dano a outros seminaristas e serviume de consolo.
Aqueles outros seminaristas ían por Zoñán os domingos pola tarde cando eu era neno co nobre propósito de instruírnos no catecismo. Non lembro as caras nin os nomes pero si que tiñan que recoller as sotanas ata a cintura para xogar ao fútbol con nós naquel costento prado que había, e hai, ao lado da capela. E que nós, os pícaros de Zoñán, caneábamos calzados con zocas.
Moitas patadas levaron eles nas canelas e moitas zocas rompemos nós. Eles regresarían ben magoados para o Seminario, pero nós, se non rompíamos as zocas non pasaba nada; se as fendíamos, agardábanos, tras confesar o pecado con nosos pais, a peor das penitencias.
©Antonio Reigosa