As mellores San Lucas da historia

Aínda que as comparacións coas actuais son imposibles, as feiras e festas das San Lucas de 1895 deberon ser as mellores da Galicia de entón. Afírmao E. Lence-Santar e asegura que foi Emilio Tapia y Rivas, político conservador, avogado, xornalista, escritor, cofundador da RAG, presidente anos máis tarde da Deputación de Lugo, secretario da comisión organizadora, a “alma e vida” desta edición excepcional. Francisco Díaz Portas (alcalde de Mondoñedo) Vida Gallega, n.9, 1909
Houbo concurso de gando, certame literario e de composición musical, concurso de gaitas, carreira de velocípedos, fogos de artificio (2 sesións), e inauguración varias, coa participación de persoeiros da relevancia intelectual de M. Murguía, E. Pondal, J. Pérez Ballesteros, A. Martínez Salazar, Xoán Montes, R. Martínez Esparís, Víctor de Silva Posada, M. Leiras Pulpeiro ou A. Noriega Varela. O Ministerio de Fomento e a Deputación Provincial contribuíron ao lustre do acontecemento aportando en total 1000 pesetas.
Contaba entón o concello de Mondoñedo con 10.500 habitantes (en 1894 casaron 59 parellas, naceron 313 e morreran 311 mindonienses,) e ían ser aquelas as primeiras San Lucas nas que se puido gozar en sentido pleno de luz eléctrica no espazo público urbano, aínda que xa levase dous anos inaugurado este servizo.
As feiras dos anos anteriores non resultaran moi animadas, nin de transaccións, nin de concorrencia. A ameaza do cólera e algúns temporais inoportunos fixeron o resto. Feiras ruíns e festas aínda máis pobres; en 1890 nin sequera houbo festa (feria si) por non ser capaz o concello de facerlle fronte aos gastos. En 1895, en cambio, a pesar de estar xa en marcha a Guerra de Cuba, Mondoñedo tirou a casa pola ventá. Era alcalde, foino ata a súa morte en 1914, o avogado liberal Francisco Díaz Portas. O bispo da diocese era o asturiano Manuel Fernández de Castro, outro persoeiro que merece ser lembrado, e as festas serían entre o 17 ao 21 de outubro.

A comisión organizadora

Un dos secretos do éxito das feiras de 1895 estivo en que a comisión organizadora xa se reúne “que no es poco madrugar” no salón de plenos do concello o xoves, 14 de febreiro. Preside o alcalde Portas quen, polo visto, fai un discurso “patriótico y oportuno” insistindo en dar preferencia á exposición e aos premios de gando como medio máis directo de fomentar a concurrencia de tratantes. Emilio Tapia (arquivo RAG)Tamén menciona a celebración dun certame literario, grandes iluminacións “eléctricas y venecianas”, función de fogos artificais de mérito, e outros recursos propios dos festas populares. Todos os asistentes entenderon axeitada a proposta en atención aos intereses “morales y materiales” de Mondoñedo. Adhirense o Cabido e o Seminario. Fórmanse subcomisións para xestionar a exposición de gandos, procurar recursos, organizar concertos, veladas e outros festexos e proxectar iluminacións na vía pública. Formábanas 25 persoas entre os que estaban M. Leiras Pulpeiro, Dodolino Trigo, Edesio Mancebo, Víctor Silva, Emilio Tapia e José Mª Montenegro y Soto. Un dos acordos foi promover a publicación, non había naquel entón xornais en Mondoñedo, de varios números do chamado “Boletín de las Ferias y Fiestas de San Lucas de 1895”.

O concurso de gando

Xa houbera concursos de gando nos anos 1888, 1889 e 1893, pero nada comparado ao deste ano. Celebrouse o día 17, xoves. Os premios nas categorías de gando mular (vello, novo e de leite), cabalar (de montar, semental, egua preñada, poltro e cruzado), vacún (xunta de bois, vaca de leite, xuvenca, semental e cruce do país con outra raza), asnal (semental), e porcos (cebados, de leite, sementais e cruces) oscilaban entre as 80 e as 15 pesetas.

Os certames literario e musical

No mes de maio publicanse as bases dos certames literario e musical que se han fallar e entregar o 21 de outubro. Resáltase que preside Manuel Murguía. Son varios os premios: de honor con rosa de ouro ao mellor poema en castelán sobre Mondoñedo, estilográfica de prata ao mellor traballo sobre a lenda de san Gonzalo, do Cabido para un estudio biográfico sobre Pacheco, do arcebispo de Madrid sobre as fazañas do álferez de Mondoñedo, á mellor biografía de José Febrero, á mellor biografía de Pardo de Cela, o Villaamil y Castro ao mellor conto popular, mellor conto ou lenda mindoniense, mellor estudo sobre arte cristiá en Galicia, mellor poesía en galego e mellor memoria sobre un medio de locomoción que use electricidade ou vapor para unir o norte da provincia de Lugo sen esquecer Mondoñedo. Son en total 19 premios, varios coa contía de duascentas pesetas en metálico.
De Ruada (A. Noriega Varela)Recibíronse 29 composicións. O premio de honor recaeu en R. Martínez Esparís. Gerardo Álvarez, Indalecio Varela, Antonio García, Manuel Mato Vizoso, e E. Carré Aldao foron tamén premiados. O acto celebrouse no Salón Teatro do Círculo de Recreo o día 21, nun local ateigado por unha distinguida concorrencia. Nel só participaron dúas mulleres: Concha Nogueira, raíña do certame e irmá política de Emilio Tapia, e Mª Purificación Camelia Cociña Riveira, única muller premiada, cordobesa de nacemento pero viveirense de sentimento. Só se presentou a recoller o seu galardón A. Noriega, quen leu diante dos paisanos o seu poema “De ruada”, e recibiu, en gratitude, unha sonora ovación.
Na parte musical había premio á mellor partitura sobre aires populares galegos, que quedou deserto, e outro, concedido por Purificación A. de Cora, á mellor sinfonía sobre motivos populares galegos para piano e harmonio. O xurado, no que participa X. Montes, só concede mención honorífica.
En “El Correo de España” do 8 de decembro comunícase con certo retraso que as feiras e festas das San Lucas remataron o día 21 e que resultaron moi lucidas. O número máis destacado foi o certame literario pero probablemente o que máis chamou a atención foron as función de fogos de artificio a cargo dos afamados pirotécnicos palentinos Hijos de Alonso, ofrecendo un número nunca antes visto en Mondoñedo.
Amenizaron os paseos, a entrega de premios do certame literario e os distintos actos a prestixiosa Banda de Música de Luzón, a municipal e a militar de Mondoñedo, o Orfeón Pacheco e numerosas gaitas do país.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso (16.10.2015)