HOMENAXE A VEIGA
Gran colofón ás San Lucas de 1917, pois, promovido pola “Irmandade da Fala” da Coruña e o coro “Cántigas da Terra”, celébrase un Mondoñedo unha emotiva homenaxe a Pascual Veiga. Para participar neste acto chega a Mondoñedo na tarde do luns, 22, o coro coruñés “Cántigas da Terra”, co seu presidente, Eladio Rodríguez, á fronte. Acompáñaos Lois Peña Novo, secretario da “Irmandade da Fala” da Coruña.
Antes, os viaxeiros fixeron parada en Vilalba. Alí o coro coruñés cantou no templete da Alameda algún números do seu “enxebre” repertorio e Lois Peña Novo impartiu unha conferencia no Centro de Artesáns titulada “O rexionalismo”.
Ao chegar a Mondoñedo fanlle o recibimento as autoridades locais, a comparsa “Os Pacheco” e os orfeóns “Pascual Veiga” e “Brisas del Masma”, que obsequian aos coruñeses cunha serenata. Ás dez da noite celébrase no salón-teatro do Casino unha velada e o presidente de “Cántigas da Terra” dá lectura a un saúdo do alcalde da Coruña, señor Puga.
O martes, 23, ás 10 da mañá, o coro da Coruña recorre varias rúas de Mondoñedo. Ás 11 fórmase unha procesión cívica ata o camposanto e diante o mausoleo de Veiga pronuncian discursos o presidente de “Cántigas da Terra”, Eladio Rodríguez, o alcalde de Mondoñedo, Ramón Martínez G. de Ínsua, o xuíz de orixes coruñesas exercente en Mondoñedo, Pérez Fontán e Villarroel, e Lois Peña Novo. Despois de depositar unha coroa de flores naturais sobre a tumba de Veiga, remata o acto coa interpretación do Himno Galego.
Pola tarde, logo de pasar polo Cantón, o coro “Cantigas da Terra” visita o Seminario e participa na festa galega que se celebra no Campo dos Remedios xunto cos orfeóns “Pascual Veiga” e “Brisas del Masma”, e as comparsas “Estos” e “Os Pacheco”. Ao remate houbo desfile e bengalas. A todas as actuacións e actos acudiu numeroso público.O coro “Cántigas da Terra” regresou esa mesma noite, con saída de Mondoñedo ás 23 horas, chegando á Coruña sobre as 8 da mañá do día 24..
O día 25, o xornal “El Ideal Gallego” publica unha nota de agradecemento a Mondoñedo e a todos os mindonienses asinada polo presidente de “Cántigas da Terra”, Eladio Rodríguez González, e polo secretario, Salvador Fojón. E o día 27, no mesmo xornal, Antonio Maseda faise eco do agradecemento aos coruñeses e á “Irmandade da Fala” por escolleren a composición de Veiga como Himno de Galicia. Maseda aproveita a ocasión para lembrar o desacerto de M. Murguía cando, nun escrito publicado no Almanaque Gallego (ver artigo), editado en Bos Aires por Manuel Castro López o 1 de xaneiro de 1915, puxo en dúbida a autoría da Alborada de Veiga.
CONSTITUCIÓN DA ‘IRMANDADE DA FALA’ DE MONDOÑEDO
Non sabemos con exactitude a data de constitución pero, fose o 22 ou o 23 de outubro ou nas inmediatas posteriores, a instancias do avogado vilalbés e secretario da “Irmandade da Fala” da Coruña, Lois Peña Novo, constitúese en Mondoñedo a “Irmandade da fala” local. Formalízase en reunión celebrada no salón-teatro do Casino quedando o órgano directivo da seguinte maneira: conselleiro primeiro, Eduardo Lence-Santar y Guitián, cronista e arquiveiro; conselleiro segundo, Dodolino Trigo, tenente de alcalde e director de “La Voz de Mondoñedo”; secretario, Antonio Maseda, avogado e licenciado en Filosofía e Letras; vicesecretario, José Mª Rego González, banqueiro; tesoureiro, Jorge González Redondo e Serrano, propietario, e como vocais os señores José Polo Folgueira e Antonio Ferreiro Lamas. Asegura a prensa da época que figuran na irmandade mindoniense numerosos socios pertencentes a todas as clases sociais.