A mellor maneira de saber da saúde vital dun lugar é ler a prensa que foi xerando devagar. A historia dilata e contrae, como os latexos do corazón, e, xa que logo, indica ben o ritmo do devir de calquera asentamento humano.
Se atendemos ao arredor de medio cento de cabeceiras de prensa que se foron editando ata o de agora desde a segunda metade do século XIX, en Mondoñedo andamos sobrados de cardiogramas. Grazas a eses xornais sabemos moi ben como nos foi e podemos afirmar, con moderado orgullo, que temos rexistros sobros para saber de onde vimos, e, avisamos, andamos á procura dun tratamento para salvagardar pasado e futuro ao mesmo tempo. Convalecemos, que é non é pouco, pero estamos no camiño da recuperación definitiva.
Este venres, 29 de xaneiro de 2016 (ano do 150 aniversario da morte de Manuela Rey), reunímonos os e as mindonienses arredor dun xornal e dun xornalista excepcional.
O xornal “Mondoñedo”, promovido pola Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo, leva saíndo regularmente á rúa desde febreiro de 1987. Fixérono posible numerosas persoas, entre as que destaca a man filántropa de Ricardo Pedreira, recentemente falecido. Continuaron o seu labor Pedro Díaz e Pepe Ruiz Leivas. Unha publicación bimensual sostida polos subscritores, que foi chegando puntual a diferentes destinos, algúns alén mar, durante nada menos que 28 anos. Ducias de colaboradores encheron o xornal de literatura, historia, arte e información local, e levaron alí a onde Mondoñedo é un sentimento, un alivio para a saudade.
Xosé Ruíz Leivas foi elixido presidente da asociación e responsable da edición do xornal en 2003. Naceu na Coruña, de nai mindoniense, en 1931. Despois residiu en Venezuela e Madrid, e instálase en Mondoñedo en 1988.
Das súas andanzas polo mundo quedan abondosas experiencias xornalísticas. Na radio do Centro Galego de Maracaibo, na Revista Vinoclub, que fundou e dirixiu, ou na edición mariñá do xornal El Progreso na que colaborou desde os comezos en 2003 e onde publicou máis de 230 artigos.
Co xornal “Mondoñedo” colaborou desde o número 0 e dirixiuno desde 2003. Por algún dos seus traballos foi recoñecido con premios entre os que destacan guións para televisión ou artigos sobre viños. É autor de guías sobre aspectos da historia e vida mindoniense, e foi convidado a impartir numerosas conferencias e a pronunciar algún que outro pregón.
É autor de numerosos libros, tanto de investigación histórica (en colaboración con Andrés García Doural) como de creación literaria, tanto poética como narrativa. “Don Celestino”, “Guía fantástica de Mondoñedo” ou “Un paseo polo barrio dos Muíños” son só unha minúscula mostra da súa extensa e meritoria produción.
Agora, lei de vida, Pepe quere escribir un punto e á parte na súa etapa como responsable do xornal que xa é, con diferenza, o máis lonxevo da historia da prensa mindoniense. Só “La Voz de Mondoñedo” (1903-1925) se lle achega.
Quédanos agradecerlle a Pepe Ruiz Leivas tan xenerosa entrega e achegarnos o 29 á Casa da Xuventude de Mondoñedo para que saiba pola nosa boca que o seu labor non foi inútil Ao contrario. Eu imaxínoo parapetado tras da maqueta dun novo número do xornal “Mondoñedo”, fantasiando coa ilusión de que nunca sexa o derradeiro.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso (A Mariña) o 26 de xaneiro de 2016.