Este 12 de marzo Mondoñedo homenaxea a Manolo Araújo, un dos músicos populares máis lembrados aínda agora, vinte e cinco anos despois da súa morte.
Mondoñedo terra fértil en literatos tamén o foi e ségueo sendo en criar músicos, intérpretes, compositores, cantores, directores … cuxos nomes deberamos coñecer inescusablemente. Sobrancea, entre outras, a figura de Manuel Araújo Pérez, o músico que soubo harmonizar arte e xenerosidade de xeito exemplar.
Manolo Araújo naceu en Viana do Castelo (Portugal) en 1924 e chegou a Mondoñedo, xunto cos pais e un irmán maior, en 1927. Pouco despois naceu unha irmá, que foi mestra e morreu en 2012. O irmán maior morre con 9 anos. A nai tamén morre nova e o pai, que se dedicaba a embelecer fachadas das casas, forma outra familia. Ambos irmáns quedan, na práctica, orfos, polo que foron acollidos por unha familia mindoniense.
Sabemos que estudou no Seminario, que foi neno de coro da catedral e que resultou escollido, xunto con Alejandro Palacios, para formar parte do coro da catedral de Lugo. Ademais de intérprete, foi compositor e arreglista ou adaptador de numerosos temas musicais. Tamén se defendía como letrista, como autor e actor teatral, e ata como porteiro meritorio de fútbol, deporte que practicou con notable éxito tanto en Mondoñedo como en Luarca, onde xogou algúns anos.
Nos seus tempos como membro do Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos, segundo nos conta Paco Piñeiro no seu libro “Historia do teatro afeccionado na Mariña lucense”, Araújo e Roberto Michelena amenizaban os descansos das actuacións interpretando pezas cómicas compostas por eles mesmos. Eran parrafeos cuxos protagonistas se chamaban “Antón das Curuxeiras” e “Manuel das Invernegas”, e que moito facían rir, a carón dos excepcionais Maruxa Balsa e Xosé Manuel Carballo.
Rumbas, boleros, pasodobres, valses
En “A música en Mondoñedo” de Andrés García Doural e Moncho García repítese en numerosas ocasións o seu nome. Formou parte da Masa Coral de Educación y Descanso, do Orféon OAR, de pouca dura. Na década dos 40 é saxofonista na orquestra Ritmo, ata que esta se desfai en 1953. Aquí vai nacer a gran orquestra de Manolo Araújo na que, ademais de director, canta e toca a guitarra, o acordeón e o saxofón. Manolo de Pancho, Antonio Castro “Tupinamba”, Ramón Paz, David Fernández, Mauricio Rivas e outros contribúen decisivamente ao éxito deste conxunto que, uniformado con chaquetas verdes, pantalóns, camisa e zapatos brancos, vai durar ata final da década. Despois colabora coa Orquesta Royalty (que se acabaría fusionando coa Melodías), tamén composta fundamentalmente por mindonienses como Jesús Amieiro Carbajales, forma parte como acordeonista de Los Trovadores e participa noutras moitas formacións, tríos, cuartetos …etc, que amenizan verbenas e veladas por toda a comarca, e máis alá (León, Asturias, A Coruña).
Manolo Araújo figura desde entón a carón doutros inesquecibles para a historia da música e do baile popular de Mondoñedo como Caetano Cabanas, Roberto Michelena, Cuco Camarena, Abelardo González, Ricardo Mourelle, Eduardo Pernas, Ramón Loureiro, Irma Pernas, Magín Pérez ou Enrique Teijeiro… aos que hai que engadir unha longa nómina de virtuosos. Rumbas, boleros, pasodobres ou valses, nada se resistía ao xenio interpretativo destes artistas.
Cóntame Sito Sedes, o gran vocalista de Los Satélites, que alá polos finais da década do 50 do século pasado tivo moito éxito un trío de guitarristas que tocaban nos veráns nos Xardíns Méndez Núñez da Coruña. Facíanse chamar Trío Araújo
A despedida
Uns anos antes da súa morte, acontecida o 3 de marzo de 1991 cando contaba 67 anos, e coa mobilidade xa moi mermada, Araújo recibiu unha homenaxe. Celebrouse no salón de actos de Instituto “San Rosendo” e actuaron, entre outros, “Los Españoles” con Arcadio Mon.
A Banda de Música da Asociación Cultural “Pascual Veiga” e o Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos participaron nas honras fúnebres. Fran Bouso, músico entón naquela banda, lembra como, nun día gris, acompañaron o cortexo desde a súa residencia no barrio Viñas da Veiga ata a igrexa de Santiago, a Nova, e desde aquí, logo do oficio, ata o Cemiterio Vello de Mondoñedo. Un dos temas que interpretaron foi “Recuerdo”, unha marcha fúnebre composta por outro ilustre músico mindoniense, Eduardo Rodríguez González. Os seus restos seguiron camiño ata o novo cemiterio municipal de Mondoñedo, onde descansan desde entón.
A homenaxe
O Auditorio Municipal “Pascual Veiga” de Mondoñedo acollerá o sábado 12 de marzo un magno festival no que a lembranza de Araújo será a protagonista. Francisco Piñeiro e Mª Paz Rodríguez Silva recrearán un fragmento da obra teatral da súa autoría, asinada como Manuel Fernandes de Araújo e titulada “Na tasca do Cacharelo”. Arcadio Mon, outro gran nome propio da música mariñá, coordina unha ampla e variada homenaxe musical na que participarán, entre outros, Sito Sedes, Silvia Campos e o luarqués José Manuel “Malelo”.A presentación correrá por conta de Fran Bouso.
A súa viúva, Élida, e a súa filla, Raquel, arquiveiras privilexiadas das súas partituras, letras e outros textos e imaxes inéditas, terán ocasión de comprobar como aínda resoan no sentir dos e das que nos sumamos a esta homenaxe os acordes da súa memoria.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso (A Mariña) o 5 de marzo de 2016.