Hai pouco máis de cinco meses, o 7 de novembro de 2015, rendiámoslle homenaxe en Mondoñedo a don Enrique Cal Pardo. Foron milleiros as persoas e colectivos que lle fixeron chegar a súa estima. Máis de 250 persoas, non había capacidade para máis, procedentes de toda a Mariña e doutros lugares, achegáronse ao Seminario Santa Catarina para, nun acto sinxelo pero necesario, felicitalo polo seu 93 aniversario e asistir á presentación da súa xa derradeira publicación “Mondoñedo –catedral, cidade, bispado- na segunda metade do século XV”. Francisco Piñeiro, principal promotor do acto xunto a un grupo de entusiastas, e Xosé Vizoso, ilustrador da portada, fixéronlle entrega dun estoxo cun exemplar único, encadernado en tea, e dun libro de sinaturas onde se recolleron as dedicatorias dos asistentes. A alcaldesa de Mondoñedo anunciou o inicio dos trámites para concederlle o título de Fillo Adoptivo da cidade.
Don Enrique, o crego e o mestre, o divulgador, o medievalista, o arquiveiro e o historiador foinos revelando como un libro vivo sapiencial ao longo da súa vida milleiros de datos agachados. Un traballo calado pero inmenso ao que lle debemos case todo o que sabemos da música na catedral de Mondoñedo, dos bispos da diocese, dos tombos e demais documentos custodiados no arquivo catedralicio.
Os que alí estábamos decatámonos do afortunados que éramos só por termos a sorte de ser contemporáneos de quen soubo fundir maxistralmente nun crisol humanista a súa vocación relixiosa e a súa vontade científica.
Onte, 28 de abril, foise don Enrique; foise un sabio.