Hai cen anos, na primavera de 1916, o tifo tomou Mondoñedo. Entre os meses de maio e xuño un gran número de alumnos do Seminario sofren febres e indisposicións intestinais polo que se adiantan os exames de fin de curso e tamén o regreso forzado ás casas da maioría dos internos.
Esténdese a alarma entre o resto da poboación; en poucos días pasa de cen o número de afectados. Ademais de moitos enfermos, prodúcense varias mortes, entre elas a do notario e arquiveiro xeral de protocolos Basilio Verdía Tovía (ou Tobía), que falece o 20 de xuño. Deixa viúva a Sofía Torrado Atocha e orfos catro fillos.
Tamén morreu por culpa das augas contaminadas o mozo de 16 anos Roberto Basanta Llenderrozos. Na fotografía familiar, xentileza de Moncho Basanta Piñeiro, é o que aparece en primeiro plano, no centro. Tamén aparecen na fotografía Francisco Basanta González, pai de José María Basanta Llenderrozos (con bigote), de Roberto, e do seu irmán (o máis pequeno), avó de Moncho Basanta Piñeiro.
Basilio Verdía chegara a Mondoñedo desde A Coruña, onde residía, en 1901 para facerse cargo da notaría. Á marxe diremos aquí como “El Cruzado”, semanario tradicionalista de Mondoñedo, se sorprende de que o señor Verdía, sendo católico, formase parte do duelo no enterro de Manuel Leiras Pulpeiro en novembro de 1912. E é que Leiras, por riba da súa ideoloxía ou crenzas relixiosas, era moi querido por os e as mindonienses de ben.
Desde o xornal “Mondoñedo” difúndese a sospeita de que a causa destas febres poida ter que ver coas augas da Fonte Vella. Augas moi ben consideradas, as da antes chamada Fonte da Vila, mandada construír polo bispo Diego de Soto en 1548.
Segundo este xornal, os doentes son case todos residentes nas rúas de arredor da fonte, e lembra que xa se veñen dando casos de febres pola mesma altura en anos anteriores, como na primavera de 1914, e moito antes, en 1884, cando outro xornal local, “El Hermandino”, facía referencia a un trancazo ou constipado que “desde la Plazuela de la Fuente Vieja hasta el Puente de Ruzos pone enfermas á cincuenta y una personas”. Organizáronse entón solemnísimos cultos para “desvanecer esas enfermidades”.
Logo de analizar as augas da fonte que cando chovía moito recibían filtracións das cortes das casas veciñas, o médico inspector de sanidade da provincia califícaas de impotables e propón a inmediata clausura. Mais como en xullo remite a epidemia, aí queda a cousa e non será ata a primavera do ano seguinte cando se tomen medidas.
Un longo ano foi o que tardaron en resolver en Madrid, no Instituto Nacional de Hixiene, que a augas portaban bacilos de Ebhert e, como consecuencia, en xuño de 1917, clausúrase a fonte.
O 3 de decembro deste 1917, sobre as dúas da tarde, un grupo de veciños da Fonte Vella, ante a falta de auga e, polo que parece, pouco ou nada temerosos dos perigos que supoñen as bacterias, asaltan e abren o paso á fonte. Logo de encher os cántaros, organizouse espontaneamente unha manifestación que marchou polas rúas de Mondoñedo en busca do alcalde.
Di un xornal que “el pueblo sensato permaneció inactivo y en expectativa durante los sucesos”, e que os protagonistas da revolta foron nenos instigados por mulleres, mais capitaneados polo campaneiro José Antonio Blanco.
O Larán
A anécdota final é que un individuo, entre os do grupo sedento que se pelexaban entre si por ver quen bebía antes e experimentaba no propio corpo se a auga era xa potable ou non, quixo “agazapar” os microbios contaminadores pero só foi capaz de capturar dúas ou tres anguías; iso si, de dimensións máis ben cativas.
O tal indivíduo, cóntamo Xulio Rodríguez, puido ser O Larán, un zapateiro remendón que tiña o local non moi lonxe da fonte, pola rúa hoxe denominada Álvaro Cunqueiro.
O Larán seica se puxo a facer as comprobacións armado cunha tarteira na que recollía a auga e logo observaba cun golpe de vista se andaban por alí ou non os ditosos “microbios”. E concluíu: “Se non é bebible é tarteirable”.
Engadimos, para completar a caracterización do personaxe e seguimos ao pé da letra a memoria de Xulio Rodríguez, que este home cando se emperiquitaba, cantaba: “Teño unha casa no Couto / que está pedindo muller / unha condición lle poño / que me poida a min manter”.
E outra nota, para acabar. Trapacero, ou sexa, Xosé Trapero Pardo, que viviu moitos anos en Mondoñedo, tivo que coñecer ao Larán. Nunha das súas crónicas (El Progreso, 9 de outubro de 1966) nas que comenta as visitas de Pelúdez ao San Froilán de Lugo, cando este presume da súa capacidade para namoriscar mozas, ten que escoitar o que lle di a súa Filomena: “Bueno, escangarillado del diaño, no te tires ahora de mozo, que ya estás más cerca del Horto del Larán que de otras allegadas!”.
Quen sabe se na memoria de Trapero aínda andaba rebulindo a do Larán de Mondoñedo e a das súas “allegadas”.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado na súa primeira versión en La Voz de Galicia (A Mariña) o 22 de xuño de 2016. As notas sobre O Larán engadíronse en abril de 2020.