Mondoñedo, ano 1901

Non foi un ano tranquilo o 1901. Entre as boas novas podemos contar que en setembro se inaugurou a nova igrexa parroquial de Santiago, deseño do afamado arquitecto Nemesio Cobreros Cuevillas, e cuxas campás, que se chaman “Perfecta” a maior e “Josefa” a pequena, son obra do fundidor local Antonio Blanco Palacios.

Entre novas de sucesos dicir que a principios de setembro se amotinan diante da fonda onde se hospedaba o inspector de Facenda corenta vendedores de quincalla, case todas mulleres, que se colocaban nos arredores do mercado municipal. O tal inspector reclamáballes a matrícula da actividade, documento que non a tiñan. A garda civil colabora para que o funcionario poda fuxir e os ánimos arrefrían. Pasou á historia como “El motin de quincalleras”.

Igrez¡xa de Santiago (ou Nova)

Igrez¡xa de Santiago (ou Nova)

Non foi casual que reaparecese polo mes de abril o semanario “La Localidad” pois apoiaba a candidatura para o Congreso de Avelino Montero Villegas, fillo do “Cuco de Lourizán”, quen se presentaba por primeira vez polo distrito de Mondoñedo. Logo dunha convulsa campaña electoral, e dunhas votacións baixo sospeita, sae elixido este “cuneiro” que había repetir varias lexislaturas.

Entre as mellores novas do ano está que a comisión organizadora das festas en honor da Virxe dos Remedios tira a casa pola ventá. Houbo iluminación especial na capela do santuario e na Alameda. Actuou a Banda do Rexemento “Isabel, a Católica”, de Lugo, houbo baile no Casino e teatro no local da Sociedad de Obreros Católicos a cargo da Compañía Echevarría.

A mesma comisión convocou unhas “Justas poéticas” co tema “Una carta amorosa de declaración, curso ó ruptura de relaciones, dirigida á una dama”. Os poemas, preferiblemente breves, por suposto respectuosos coa moral e bos costumes, tiñan que presentarse en castelán e só terían opción de voto as “señoritas” presentes no acto de lectura previsto para o 16 de setembro. O premios principais recaeron en mindonienses. O primeiro adxudícaselle a unha composición presentada por Bernardino del Riego, funcionario municipal, e o segundo e o terceiro a Jesús Lombardía. Recibiron mencións honoríficas, Joaquín Otero, de Vilalba, e Avelino Barbeito, da Coruña. Os premiados, di unha nota de prensa, tiveron que repetir a lectura das súas creación de tanto como gustaron, aínda que noutros medios se critica a escasa calidade amosada. Mágoa non dispoñermos destes textos para dar a nosa opinión.

Sobre esta moda de convocar xogos poéticos ou florais, polo San Froilán deste ano premiouse unha composición de José García de Quevedo que dicía: “Tal es la fiebre del día / que infunda a cualquiera miedo / ¡Que de Juegos madre mía! / ¿Palencia, Orense, Almería, / Betanzos y Mondoñedo”.

parisE xa que vai de poesía e de amor, neste mesmo ano tamén aparece o nome de Mondoñedo no número 8 de “París Alegre”, una revista ilustrada que se declara erótica e sicalíptica, e que din: “Por meterse el pulgar en la nariz / de una hemorragia se murió Beatriz /y sus padres, en rico cenotafio / pusieron !oh dolor este epitafio / Aquí yace Beatriz de Mondoñedo / murió muy joven, por meterse el dedo!” Pobre, Beatriz!

 

E ademáis…

Comezamos o século co avogado Francisco Díaz Portas de alcalde, xa o era desde 1895, e de bispo da diocese, o asturiano Manuel Fernández Castro que tamén o era desde 1890. O censo de poboación de todo o concello, 10.469 habitantes, dos que residían no espazo urbano menos de 3000.

Morre Tiburcio Basanta, funcionario  do estado que regresara de Filipinas coa doenza que o levou á tumba, e tamén falece o rexistrador da propiedade, Manuel Mosquera Santiso. Substiúeo José Vega Río.

Ramón Robles Rodríguez, de 19 anos, natural do barrio de San Lázaro, é buscado polo xulgado de Lugo, acusado de roubar unha egua en Adai. O prezo do cereal sobe, a emigración dispárase, e marchan en grande número, sobre todo, mozos.

En abril detectouse un roubo na igrexa de Sasdónigas; cartos dos petos e un pano de mesa coas iniciais J. B. foi o que se botou en falta. Este mes chega a Mondoñedo Basilio Verdía, notario que había morrer a causa do tifo provocado polas augas da Fonte Vella en  xuño de 1916, e tamén se atopan nun armario da catedral, onde gardaba a roupa do coro o Mestre Pacheco ,varias partituras con música antiga, algunhas da súa autoría inéditas.

A finais de agosto, Antonio Díaz “Manta”, veciño do barrio dos Muíños, resultou ferido no pescozo por arma branca; o autor, o fillastro, chamado Manuel Lodeiro.

Manuel Fernández Castro

Manuel Fernández Castro

Ramón Díaz San Martín, de Masma, desexaba recuperar a filla, de nome Elisa Díaz López, depositada na Casa de Beneficencia o ano anterior, e conségueo.  Adxudícase en poxa pública o servizo de correo entre Mondoñedo e Ferreira para catro anos a José Díaz Novás; cobrará 499 pesetas cada ano. Co servizo de correo entre Baamonde e Ribadeo faise o mindoniense Manuel Salgueiro por 7.800 pesetas ao ano.

Constitúese en Mondoñedo una asociación de mestres de cuxa directiva forma parte como vogal Antonio Noriega Varela.

En outubro hai Conferencia Episcopal na cidade que culmina cun escrito asinado polos bispos asistentes cunha petición ás Cortes esixindo liberdade relixiosa e que se declare obrigatorio o ensino relixiosos nos institutos. Xa entón andábamos así!

Nas feiras e festas das San Lucas, mal tempo e pouca animación. Por indicación expresa do gobernador civil, León Urzáiz, non se permitiu ningunha clase de xogos.

A finais de ano, o 25 de decembro, en “Gaceta de Galicia”, xornal de Santiago, publícase un vilancico en galego que comeza “E costumbre moi antigua/ por antigua respetada / A de que un gallego veña /cantar na noite de Pascuas”. Asina Luis Corral (1784-1830), farmacéutico e membro destacado da Escola de Cantores Mindonienses do Nadal de principios do s. XIX que xa había máis de70 anos que morrera.

© Antonio Reigosa