Mondoñedo 1916, un ano de hai cen anos (I)

Grave accidente en San Vicente

O auto que realizaba o transporte do correo e de viaxeiros entre Vilalba e Ribadeo sofre un grave accidente o venres, 7 de xaneiro de 1916, nas proximidades da casa dos peóns de camiños de San Vicente. Saíu da estrada e precipitouse 24 metros por unha pendente cun desnivel de 12 metros.

Das nove persoas que transportaba, oito quedaron feridas de certa gravidade. As primeiras impresións da garda civil de Mondoñedo concluíron que o vehículo non estaba nas mellores condicións (tiña unha balesta rota e os freos non respondían).

Entre os feridos estaban Jesús Lombardía Gómez e Ramón González Fernández, de Mondoñedo, Juan Rodríguez González e Eduardo Rivas Fernández, de Cangas de Foz. Os máis graves resultaron o chauffer, Antonio Cajoto, o condutor do correo Manuel Ponte, e un parente do xerente da compañía propietaria do automóbil; estes últimos foron conducidos a Vilalba, xunto co correo, nun carro. O único que resultou ileso foi Antonio Rodríguez.

 Politiqueando

Mondoñedo estrea o ano 1916 coa designación por Real Orde do Ministerio da Gobernación do farmacéutico Alejo Ferreiro Soilán como alcalde, quen xa viña exercendo como tal desde xullo de 1914 tras a repentina morte do seu predecesor, o avogado Francisco Díaz Portas. Ambos eran do partido do deputado nas Cortes en representación do distrito de Mondoñedo, Avelino Montero Ríos y Villegas, fillo de Eugenio Montero Ríos “O cuco de Lourizán”. O sr. Ferreiro, pouco máis había de durar no cargo, era farmacéutico e a farmacia que rexentaba levaba aberta ao público corenta anos. Tras breve enfermidade morre o 18 de marzo, aos 73 anos. Sucédeo no cargo o primeiro tenente de alcalde, un concelleiro con máis de 30 anos na corporación, chamado Ramón Martínez Ínsua.

Andrés Avelino Montero Ríos y Villegas xa leva entón, a pesar de nacer e vivir en Madrid, quince anos sendo deputado nas Cortes polo distrito de Mondoñedo.  Pero en abril as circunstancias mudan. Para a convocatoria electoral o señor Montero Ríos y Villegas, que ademais de deputado é fiscal do Tribunal do Supremo, debe decidir con que cargo se queda pois son incompatibles, e toma a decisión de pedir aos “monteristas” de Mondoñedo que nas eleccións apoien  para que ocupe o seu posto como deputado o seu amigo José Martínez de Velasco Escolar, que, por suposto, sae elixido como antes saíra por un distrito de Segovia e máis adiante por outro de Burgos. Don Avelino preséntase e sae senador, cargo que renovou ata a súa morte en 1925.

Música

Os músicos de Mondoñedo non paran este ano de 1916 nin de actuar, nin de crear. Cando a Sociedade de Obreros Católicos celebra a festa do seu patrón, San Xosé, o domingo 19 de marzo, tras a misa solemne celebrada na parroquia de Santiago, o “Orfeón Veiga” interpreta un “Himno a San José”, composición musical da autoría do reloxeiro mindoniense Gabriel Vivero Díaz.

En abril constitúese a Sociedad Coral “Brisas do Masma” e reanuda a súa actividade a comparsa “Os Pacheco”. No mesmo mes o mesmo Orfeón, acompañado de máis músicos, anuncia que para o Corpus estrearán a zarzuela “El Anticuario”, orixinal do sarriao, casado o 13 de decembro de 1909 coa mindoniense Artura Ralero Rego, Román Díaz de Freijo. O último domingo de novembro actúa en Mondoñedo a Compañía cómico-lírica do Casino de Sarria para poñer en escena no teatro do Casino as zarzuelas “La reja de la Dolores” e “Banda Municipal”, esta con letra e música de Román Díaz de Freijo, home que, segundo Lence, viviu en Mondoñedo desde que se xubilou en 1941.

 Conflito pola casa-escola de Masma

A finais de marzo recrudécese un conflito latente en Masma. A maioría dos veciños pide que se busque unha casa máis axeitada e céntrica que se usa para escola, á que acoden poucos nenos por ser “inadecuado y excéntrico local”, sobre todo en inverno. O vello edificio, ao parecer, é propiedade dun concelleiro da corporación municipal, veciño da mesma parroquia. A mestra, Aurelia Vázquez, négase a dar clase e a vivir na vella escola mentres os veciños procuran outra . Un home Pedro Jesús Tapia aproveita a ocasión para impartir clases particulares de pago pero en xuño é requirido pola superioridade para que demostre as condicións legais que o acreditan como ensinante.

 As augas da Fonte Vella e o tifo de 1916

Na primavera o tifo tomou Mondoñedo. Entre os meses de maio e xuño un gran número de alumnos do Seminario sofren febres e indisposicións intestinais polo que se adiantan os exames de fin de curso e tamén o regreso forzado ás casas da maioría dos internos.

Esténdese a alarma entre o resto da poboación; en poucos días pasa de cen o número de afectados. Ademais de moitos enfermos, prodúcense varias mortes, entre elas a do notario e arquiveiro xeral de protocolos Basilio Verdía Tovía (ou Tobía), que falece o 20 de xuño. Deixa viúva a Sofía Torrado Atocha e orfos catro fillos.

Basilio Verdía chegara a Mondoñedo desde A Coruña, onde residía, en 1901 para facerse cargo da notaría. Á marxe diremos aquí como “El Cruzado”, semanario tradicionalista de Mondoñedo, se sorprende de que o señor Verdía, sendo católico, formase parte do duelo no enterro de Manuel Leiras Pulpeiro en novembro de 1912. E é que Leiras, por riba da súa ideoloxía ou crenzas relixiosas, era moi querido por os e as mindonienses de ben.

Desde o xornal “Mondoñedo” difúndese a sospeita de que a causa destas febres poida ter que ver coas augas da Fonte Vella. Augas moi ben consideradas, as da antes chamada Fonte da Vila, mandada construír polo bispo Diego de Soto en 1548.

Segundo este xornal, os doentes son case todos residentes nas rúas de arredor da fonte, e lembra que xa se veñen dando casos de febres pola mesma altura en anos anteriores, como na primavera de 1914, e moito antes, en 1884, cando outro xornal local, “El Hermandino”, facía referencia a un trancazo ou constipado que “desde la Plazuela de la Fuente Vieja hasta el Puente de Ruzos pone enfermas á cincuenta y una personas”. Organizáronse entón solemnísimos cultos para “desvanecer esas enfermidades”.

Logo de analizar as augas da fonte que cando chovía moito recibían filtracións das cortes das casas veciñas, o médico inspector de sanidade da provincia califícaas de impotables e propón a inmediata clausura. Mais como en xullo remite a epidemia, aí queda a cousa e non será ata a primavera do ano seguinte cando se tomen medidas.

Un longo ano foi o que tardaron en resolver en Madrid, no Instituto Nacional de  Hixiene, que a augas portaban bacilos de Ebhert e, como consecuencia, en xuño de 1917, clausúrase a fonte.

O 3 de decembro deste 1917, sobre as dúas da tarde, un grupo de veciños da Fonte Vella, ante a falta de auga e, polo que parece, pouco ou nada temerosos dos perigos que supoñen as bacterias, asaltan e abren o paso á fonte. Logo de encher os cántaros, organizouse espontaneamente unha manifestación que marchou polas rúas de Mondoñedo en busca do alcalde.

Di un xornal que “el pueblo sensato permaneció inactivo y en expectativa durante los sucesos”, e que os protagonistas da revolta foron nenos instigados por mulleres, mais capitaneados polo campaneiro José Antonio Blanco.

A anécdota final é que un individuo que quixo “agazapar” os microbios que contaminaban aquelas augas só foi quen de capturar dúas ou tres anguías; iso si, de dimensións máis ben cativas.

Escasean os medicamentos e o carbón

Escasean moitos medicamentos, pois os laboratorios son alemáns, e Alemaña está en guerra. Tamén escasea o carbón en todas partes e o que chega é caro e de mala calidade. En Lugo chega a costar o quintal unha peseta; en Mondoñedo, antes custaba 12 ou 13 reás, e en marzo pasou o quintal a 16 ou 17. A prata tamén sobe de prezo.

© Antonio Reigosa

Publicado en “Mondoñedo”, Publicación editada pola Asociación “Amigos da cidade de Mondoñedo”, nº 128, xuño 2016, p. 11.

 Ver “Mondoñedo 1916, un ano de hai cen anos (e II)