Desde o 3 ao 30 de outubro vai estar aberta no refectorio do Museo Provincial a exposición “Vizoso. Carteis (1970-2015)”, unha escolla mínima pero ben representativa da produción de Xosé Vizoso como cartelista ao longo de 45 anos. Trátase dunha exposición itinerante que comezou a súa andaina en Mondoñedo en 2014, que pasou por Brión e Rianxo e agora fai parada en Lugo.
Vizoso é mindoniense, nacido en 1950 a carón da Fonte Vella. Sempre debuxou; desde neno o lapis foi a súa ferramenta profesional. Desde a escola de primaria ao instituto, onde tivo de profesor a Juan Puchades, todo parecía apuntar que o debuxo era o seu principal acougo. Moi novo, en 1968, superando unha convocatoria para deseñadores, foi contratado, primeiro no Castro, en Sada, logo en Sargadelos, Cervo, onde comezou cando se inaugurou a nova fábrica en 1970. Logo pasou a traballar no Instituto Galego de Información (IGI), en Compostela, ata a xubilición. Desde 1992 reside en Brión.
En Sargadelos fixo de todo. Abocetou, moldeou, deseñou … desde aquela mítica vaixela “toxo color”, inspirada nos murais de Bello Piñeiro, pasando por xogos de café, medallas conmemorativas ou, entre outras moitas pezas, “A pomba”, “As San Lucas” e o “Quixote e Sancho Panza”. O espírito de Sargadelos, a conexión coa historia e a cultura de noso, Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo como mestres referentes, moldearon nel o que hoxe é, un artista cunha identidade de seu, unha marca persoal e instransferible. Un mestre!
Porén, ademais de cartelista e deseñador, Vizoso é muralista e ilustrador de libros. Da súa cabeza saíron ducias de portadas e de interiores, a maioría en libros publicados por Edicións do Castro, e puxo o seu nome a carón de ilustres das nosas letras como X. Fernández Ferreiro, Úrsula Heinze, Marica Campo ou X. Neira Vilas.
Vizoso non cre nas musas; só ten fe no traballo, a ser posible ben feito. No repertorio temático da mostra de Lugo hai un pouco de todo. Certames e representacións teatrais, olaría de Buño, a festa do ferro de Riotorto… pero, sobre todas as demais, para quen máis carteis fixo foi para a Romaría de Santa Minia de Brión, para a Queimada Popular de Cervo e para as Feiras e Festas das San Luccas de Mondoñedo; lugares referenciais: onde traballou, onde reside e onde naceu.
En moitos destes carteis a composición adoita a forma dun crebacabezas no que hai que ir descubrindo elementos, cores, figuras, detalles simbólicos e icónicos, e incluso chiscadelas con dobre ou triple intención. No mostra de Lugo, composta por 44 obras, predomina a elegancia e o bo gusto, carteis proporcionados de cor e composición, sinxelos, elaborados de maneira que poidan ser inmediatamente dixeridos pola atención do espectador.
Vendo os carteis de Vizoso, a maioría de nós sabe de quen son. Máis non se lle pode pedir a unha obra de arte. Que sexa recoñecible, que saibamos de quen é e que nos atraía! Pero, sobre todo, que entendamos desde o primeiro instante, como entende Vizoso, que un cartel non é máis (nin menos) que unha maneira estética de comunicarnos!
© Antonio Reigosa
Este artigo tamén se publicou en La Voz de Galicia- A Mariña, o 6 de outubro de 2016.