Toribio Novoa era de Mondoñedo e en Madrid exerceu de cocheiro. En certa ocasión, estando bébedo, provocou un accidente coa súa carruaxe e acabou diante do xuíz. Seica superaba aínda ben a taxa de alcoholemia recomendable. Foi condenado a pagar un peso (5 pesetas) de multa e a “reprensión privada”, pena suprimida do actual Código Penal en 1989. É case todo o que sabemos del.
O sucedido por el protagonizado aparece publicado por primeira vez na revista “Madrid Cómico” o 14 de outubro de 1899 baixo o epígrafe “Reprensión privada”, un relato da autoría de Nicolás de Leyva. Máis adiante, en 1902, reproduciuse a mesma historia no libro “Cuentos en papel de oficio”, e o ano 1911 volveuse a publicar en diversos xornais como “El Día de Madrid”, “El Regional” de Lugo, “La Correspondencia Militar”, “El Globo” e “La Correspondencia de Alicante”. O 28 de xaneiro de 1917 atopamos o mesmo relato (a derradeira vez que se publica, que nós saibamos) no xornal editado en Burgos “La Voz de Castilla” (Ógano defensor del regionalismo castellano).
Nicolás de Leyva estudara Dereito e era xornalista especializado en crónicas de tribunais que se publicaban en “El Imparcial”, probablemente o xornal máis influínte e dos de máis longo percorrido (1868-1933) da prensa española. Morreu en Madrid en maio de 1906 aos 38 anos.
O seu libro “Cuentos en papel de oficio” debeu ter bastante éxito, anunciábase regularmente no xornal onde traballaba e recibiu críticas moi favorables. Por tanto, entendemos que Toribio, o cocheiro de Mondoñedo, tamén gozou de certo predicamento entre os lectores de prensa e de libros dos primeiros anos do século XX. O libro consta de catorce relatos, todos inspirados en situacións e ambientes xudiciais; así que tampouco descartemos que Toribio, chamado así ou doutra maneira, fose efectivamente un personaxe tirado da realidade.
A “reprensión privada” era unha pena leve que consistía nunha amoestación verbal que o xuíz lle facía privadamente ao condenado, facéndolle ver as consecuencias morais e sociais da súa acción.
Cando Toribio se pon diante do xuíz para escoitar a reprimenda tiña 36 anos. Púxose de pé, pernas en compás, a gorra collida pola costura coas dúas mans, “digno modelo para unha estatua de la cachaza gallega”. A falta, leve, causar un escándalo na vía pública estando borracho viña regulada no artigo 589, punto 3º, do Código Penal en vigor.
Don Pastor Orejón, o xuíz, comeza por facerlle observacións sobre os perigos da súa imprudencia e as consecuencias do exceso de bebida, e, sobre todo, a vergoña á que se expuña ante os propios fillos.
—Non teño fillos! —dixo Toribio.
Ben. O xuíz retoma o caso e emboca por outro lado.
—Imaxine vostede que leva na súa carruaxe a un militar que vai sufocar unha sublevación!
—Non pode ser! —dixo Toribio.
—Ou a un médico que vai salvar unha vida! Ou a un crego que vai administrar os sacramentos a un expirante!
—Non pode ser! —repuxo Toribio nos dous supostos.
O xuíz, xa incómodo coas respostas de Toribio, pregúntalle:
—E por que non pode ser, a ver?
—Non pode ser porque guío un carro fúnebre, señor!
@Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 24 de outubro de 2016.