A primeira gran homenaxe a Leiras Pulpeiro
01-leitas-retrato-de-santiago-pernas

Fot. de Santiago Pernas

Cumpríronse 95 anos da primeira homenaxe post mortem a Manuel Leiras Pulpeiro e  85 da primeira edición da obra inédita ou dispersa. A homenaxe celebrouse en Mondoñedo o 30 de outubro de 1921 coa asistencia de persoeiros como Antón Villar Ponte, Uxío Carré Aldao, Vicente Risco, Eladio Rodríguez ou Lois Peña Novo. No transcurso do acto inaugurouse un mausoleo custeado pola activa e filantrópica colonia mindoniense de Bos Aires á que tanto lle debe Mondoñedo e que aínda non compensamos cos honores que merecen.

Viva a República de Mondoñedo

Manuel Leiras Pulpeiro naceu en Mondoñedo o 25 de outubro de 1854 e morreu na mesma cidade o 9 de novembro de 1912. O 8 de novembro sofre un ataque cerebral e o día 9, sábado, ás 4 da madrugada, morre con tan só 58 anos de idade. Leiras era xa entón un personaxe coñecido pola súa actividade literaria e política, por ser un médico honesto e moi querido en toda a comarca, e, sobre todo, por ter sona de coherente cos seus ideais republicanos e laicos.

Casara polo civil e o enterro, tamén civil, celebrouse na “parte neutra” do cemiterio municipal o luns, 11 de novembro, ás doce da mañá. Asistiron máis de dous milleiros de persoas e recibiu ducias de coroas e ramos de flores de correlixionarios, colegas, amigos e institucións como a RAG. Ao enterro asistiu unha multitude do pobo, alcalde e forzas vivas, agás os representantes da igrexa. Mentres a prensa católica local pregoou como advertencia “Deus non irridetur” (de Deus ninguén se burla impunemente), unha pancarta rezaba: “Viva la República de Mondoñedo”.

Os mindonienses da Arxentina toman a iniciativa

Algúns mindonienses na Arxentina, entre os que están Fernando Lorenzo Rico, Pedro Ínsua e Francisco Otero, organizan o 20 de decembro de 1913 na sociedade “Centro de Almaceneros” de Bos Aires unha velada literario-musical para recadar fondos para facerlle un mausoleo a Leiras Pulpeiro. En xaneiro do ano seguinte a mesma comisión  fai entrega ao “Centro Gallego” da mesma cidade da fotografía do poeta que se expuxera no velada  para que fose colocada no salón de actos da institución.

En xuño de 1914 fan publica en “Nova Galicia” as cantidades recadadas que suman, descontados os gastos, 223,70 pesos arxentinos. Comunícase que esa cantidade ponse ao dispor da comisión que en Mondoñedo se debe encargar da construción do mausoleo.

En setembro de 1917, o alcalde de Mondoñedo, Ramón Martínez González de Ínsua, recibe unha carta da comisión constituída en Bos Aires na que se lle solicita procure unha localización para un 02-arxentina-prohomenaxemonumento a Leiras consistente nun busto de bronce sobre unha base de granito que ocupará algo máis de dous metros cadrados e medirá tres metros de altura.

Primeira homenaxe e inauguración do mausoleo

En xullo de 1920 regresa a Galicia desde Bos Aires para quedarse por aquí unha longa temporada Fernando Lorenzo Rico, un dos promotores da erección do mausoleo. Trae os cartos recadados e anuncia que posiblemente (non foi así) se lle encargue a obra ao escultor Francisco Asorey. Un ano despois, anúnciase como data para a inauguración o domingo, 30 de outubro de 1921.

E así foi. Ao acto, que tivo lugar pola tarde no cemiterio civil mindoniense, adheríronse moitas entidades, acudiron as autoridades e numeroso público. O señor Lorenzo Rico, entón vicecónsul provisional da República Arxentina en Ourense,  fixo entrega ao pobo de Mondoñedo do mausoleo costeado polos mindonienses da Arxentina, o que agradeceu o médico, xornalista e político Ramón Fernández Mato (amigo de Castelao e tío de Manuel María) en nome do concello. Formaba parte do mausoleo un busto de bronce que aínda hoxe permanece pendurado da columna truncada que fai de cabeceira á campa de Leiras.

Entre as moitas coroas depositadas sobre a tumba unha rezaba “A clas desherdada –o seu bon defensor”. Na inscrición da tampa de mármore, ademais dos datos relativos ao finado e aos doantes, figura a frase “Amou a verdade e praticou o ben”. Falaron Fernando Lorenzo Rico e Vicente Risco. O “Orfeón Veiga” interpretou o Himno Galego.

Pola noite, na velada necrolóxica que se celebrou no Teatro do Casino pronunciaron discursos Antón Villar Ponte, Justo Rodríguez, Uxío Carré Aldao, Vicente Risco, Eladio Rodríguez e Lois Peña Novo. Rematouse coa interpretación do Himno.

Placas nas tumbas de Leiras e Veiga

04-placa-leirasUn tempo despois, no verán de 1922, viaxa de novo a Galicia Fernando Lorenzo Rico e anuncia que trae canda si dúas placas de bronce; unha para colocar na sepultura de Leiras e outra na de Pascual Veiga, ambas doazón da sociedade bonaerense “Mondoñedo y Distritos”.

Pero as placas quedaron un tempo, en marzo de 1923 seguían alí, no porto de Vigo porque ninguén se facía cargo dos aranceis da aduana, ata que meses despois outro mindoniense,  Ramón Salaverri Calaza,  residente en Vigo, logra rescatalas e mandalas a Mondoñedo.

En Mondoñedo estiveron un tempo expostas no escaparate do comercio de Jesús Lombardía e en setembro de 1925, aleluia!, anunciase a colocación das mesmas nas respectivas tumbas, o que se fai efectivo en novembro do mesmo ano.

Lamentablemente, a placa de Leiras desapareceu (descoñecemos o paradoiro) e a de Veiga tamén, pero esta foi recuperada accidentalmente e hoxe está recolocada no Auditorio “Pascual Veiga”.

A edición da obra inédita e dispersa de Leiras

03-obras-completas-1930Poucos días despois do seu falecemento, o xornal pontevedrés “La Correspondencia Gallega” asegura que a obra diseminada de Leiras sería publicada na primavera do ano seguinte, pois esa fora a vontade do poeta, declarada ao parecer o mesmo día en que padeceu o ataque cerebral. Asegurábase que a familia cumpriría ese desexo, e que o encargado de revisar, prologar e coordinar a tarefa sería Aurelio Ribalta, quen, dicían, pronto viaxaría a Mondoñedo par non demorar a tarefa.

En outubro de 1911 vira a luz “Cantares gallegos”, impreso en H. Mancebo de Mondoñedo, primeiro e único libro publicado en vida por Leiras.

En 1921 retómase o asunto para publicar o resto. Sobraran cartos, tanto da venda de entradas para o acto nocturno no Casino do día 30 de outubro como dos recadados para a fabricación do mausoleo,  así que se anunciou que se ían empregar nunha edición popular da obra poética de Leiras. Mais en 1922, o 11 de xuño, a sociedade “Mondoñedo y Distritos” de Bos Aires acorda destinar fondos, entre eles os reservados para publicar a obra de Leiras,  para a creación do “Patronato Pascual Veiga” e a conta “Mondoñedo y Distritos- Leiras Pulpeiro” quedou baleira. Xustificouse o cambio de uso alegando que os herdeiros de Leiras non remitiron a obra inédita que se lles solicitara.

Outro chimpo no tempo. O 24 de marzo de 1929 “El Correo de Galicia”, órgano da colectividade galega na Arxentina, publica que a sociedade “Mondoñedo y Distritos” xirou a María Andía, viúva de Leiras, 830 pesetas para editar un volume coas poesías inéditas e dispersas do poeta. De paso anúnciase que Antón Villar Ponte xa tiña preparado o prólogo e Álvaro Cebreiro as ilustracións, aínda que non era exactamente así.

Por fin, o 19 de febreiro de 1930 a editorial Nós saca a rúa a publicación baixo o título “Obras Completas” Tomo I (Poesías). PVP: 3 pesetas. O prólogo é de R. Otero Pedrayo, e as ilustracións da cuberta de Castelao. Este foi o primeiro libro editado por Ánxel Casal no novo domicilio da Editorial Nós na Coruña, rúa Linares Rivas, 50.

Unha rúa para Leiras

06Xa en xuño de 1925 Correa Calderón pedira que se lle dese o nome de Leiras a unha rúa mindoniense. Os nosos paisanos de “Mondoñedo y Distritos” tamén solicitan do concello de Mondoñedo o mesmo, e este, sendo alcalde Jorge González Redondo, acorda o 14 de maio de 1928 darlle o seu nome á que entón se denominaba “Plazuela Oswaldo Codina”, acordo que se revisou de contado para que non fose esta senón a rúa de Santo Domingo, onde residía Leiras cando morreu, a que mudase de nome. Tamén se asignaban rúas a Veiga e Noriega.

En outubro de 1929 volven ser os mindonienses da Arxentina os que se encargan de costear tres placas de bronce para poñer nas rúas dedicadas a Veiga, Leiras e Noriega. As placas lévaas a Mondoñedo o médico Fierros, de Ribadeo, que llas entrega a José Polo Folgueira, representante en Mondoñedo da sociedade “Mondoñedo y Distritos”, e este faillas chegar ao concello para que se encargue de colocalas. Porén, a colocación das placas nas rúas respectivas demorou.

A placa de Leiras, a piques de quedar sen colocar

Na sesión municipal do 24 de marzo, cando o secretario dá lectura ao texto de agradecemento do concello aos mindonienses arxentinos pola súa xenerosidade, interviu desde o público o cronista (entendemos que se trata de E. Lence Santar) para protestar porque  se rumoreaba que non se ía colocar a placa de Leiras. Dixo que se así se facía, estaban diante dun caso claro de “preterición” (omisión) para con el. Sobreenténdese que non había intención de colocar a placa de Leiras.

—Ou todas, ou ningunha! —dixo o cronista — E o alcalde prometeu atender a petición.

O alcalde chamábase Ramón Martínez González, tiña 84 anos de idade e levaba no cargo de alcalde provisional menos dun mes. Fora elixido por ser o de maior idade dos presentes cando se constituíu o novo concello o 26 de febreiro, sesión onde se escenificou a nivel local a fin da ditadura de Primo de Rivera.

As placas nas respectivas rúas colocáronse durante a grande homenaxe que se lles rendeu a Veiga, Leiras e Noriega o día 20 de outubro de 1930, dentro das Feiras e Festas das San Lucas.

05-homenaxe-2015Desta homenaxe, outra máis promovida polos mindoniense da Arxentina, falaremos noutra ocasión. Esta foi a última vez que a obra e o home recibiron un recoñecemento público ata o ano 1970, cando X. Luis Franco Grande publica “Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa”, e 1983, cando a RAG lle dedica a Leiras Pulpeiro o Días das Letras Galegas.

©Antonio Reigosa