Acaba de chegar, desde Trelew, Chubut, na Patagonia Arxentina, este libro “Aprendiz de poeta” da autoría do laurentino-mindoniense Moncho Freire.
Moncho Freire (José Ramón Freire Lorenzo) naceu en Lourenzá, de pai mindoniense, no 1943. En 1950 trasladouse a Mondoñedo e desde aquí emigra a Uruguai coa súa familia en 1957.
Na vida foi, ademais de apaixonado do fútbol e do canto, ceramista, como o foi o seu pai, o alfareiro mindoniense do barrio dos Muíños, Pascual Freire Díaz (1923- 1981).
Moncho Freire trasládase á Arxentina, onde reside, en 1969. Alí, ademais da cerámica, exerce como mestre de artistas, fai exposicións, é xornalista tanto en prensa como en TV, colaborador da TVG, organizador de eventos musicais e culturais, preside o Centro Galego, pinta e escribe poemas e contos do que é feliz proba este libro que chega hoxe ás nosas mans.
Moncho Freire estivo en Mondoñedo polo verán de 2015, circunstancia que aproveitou para doar dúas pezas cerámicas ao Museo Provincial de Lugo. As obras son da autoría del e do seu pai, Pascual Freire, fillo e neto respectivamente do gran oleiro chamado Vendabal, citado tantas veces por A . Cunqueiro.
Aprendiz de poeta
Subtitulado “Unas cuantas poesías y el cuento ‘Gabriel’” é un fermoso libro ilustrado que contén 44 poemas, algúns en galego, e o conto titulado ‘Gabriel’, un relato de fútbol e misterio. Para pórlle a coda trae un epílogo dedicado á asturiana dona Pepa e aos ditos dela que quedan na memoria do autor.
Como non podía ser doutro xeito, este libro é un poemario sentimental, onde son protagonistas Lourenzá e Mondoñedo, a emigración e o país de acollida, os versos dedicados a amigos e amigas, a Cunqueiro (véxase a foto de portada do libro), a García Lorca, ao pai, á vida e á forma de vela e sentila.
Moncho Freire, aínda que na súa humildade se confese aprendiz, é un consumado creador de mundos, un retratista de sentimentos, un mestre (como xa ten demostrado como ceramista) tamén na arte de darlle forma ao mundo coas palabras.
Celebramos a chegada deste fermoso libro. Lamentamos, conveciños e conveciñas, que polo de agora non o poidades atopar nas librerías de Mondoñedo ou de Galicia.
De todas formas, máis tarde ou máis cedo agardamos telo accesible a través da aduana permanente que chamamos internet.
O primeiro poema di así:
Quixotes galegos
Moitos deixámo-la terra
agallopando unha esperanza
con soños e esforzos por lanza
percurando un mañán mellor
e combatendo co suor
abonda morriña e lembranza.
E para os que lonxe ficaron
loitando unha vida enteira
sen atopa-la maneira
para voltar coa súa xente
pido o respeto fervente
o mesmo que para min quixeira.
© Antonio Reigosa