Como todos os anos deixan na bagaxe mil historias que contar, recorramos a recordatorios quinquenais ou múltiplos de cinco para non abusar das efemérides que nos teletransportan a un pasado máis ou menos evocador.
Mondoñedo ten moita memoria na recámara para este 2017. Esquezamos o negativo, como aqueles banquetes que se celebraron en Lugo e Mondoñedo en xaneiro de 1917 crendo que o ramal do camiño de ferro desde Lugo a Ribadeo, por Vilalba e Mondoñedo, era obra feita. Non o era; a proba é que un século despois aquela ilusión segue sendo unha quimera.
Hai 175 anos (1842) nacían en abril o músico autor da Alborada e da música do Himno Galego, Pascual Veiga, e en outubro a malograda e efémera actriz do teatro portugués, Manuela Rey. Hai 150 anos (1867) nacía en Ortigueira, Manuel Lago Castrillón. Foi militar, alcalde do concello e nomeado Fillo Adoptivo en 1929.
En xullo de 1892, hai 125 anos, morría o impresor Joaquín Candia. Herdou a imprenta de Manuel Perrote en 1879, a mesma que antes pertencera a José Pérez Mon; o negocio seguiu en marcha ata 1907.
Hai 100 anos (1917) pasaron moitas e boas cousas en Mondoñedo. O 25 de abril o concello nomea por primeira vez un cronista oficial. A persoa escollida, exercería o cargo ata o seu falecemento en xaneiro de 1960, foi Eduardo Lence-Santar y Guitián. Un personaxe singular, tanto polo seu aspecto físico como polas súas calidades como historiador de mérito, etnógrafo rigoroso, poeta e xornalista pero, sobre todo, por ser un amante incontestable da cidade na que naceu e morreu.
Neste mesmo ano, en xuño, nace Francisco Val López, “Pancho de Martiño” ou “Panchiño”. Foi zapateiro e peón camiñeiro da Deputación. Deixou memoria no Barrio dos Muíños, e en todo Mondoñedo e máis alá, dunha exquisitez no dicir (equisparticularmente), no vestir e no actuar que aínda hoxe lembramos con certa emoción.
Polas San Lucas chegaron a Mondoñedo os integrantes do coro “Cántigas da Terra” para homenaxear a Veiga. Viña con eles o seu presidente, Eladio Rodríguez, e o secretario da Irmandade da Fala da Coruña, Lois Peña Novo. Foron dúas xornadas de festa e entusiasmo cívico, como corroboran as notas de agradecemento que intercambiaron a través da prensa nos días posteriores coruñeses e mindonienses.
Naquelas datas, outra efeméride a celebrar, constitúese a sección local das Irmandades da Fala. A reunión fundacional ten lugar no salón-teatro do Casino. A dirección encabézaa o conselleiro primeiro, Eduardo Lence-Santar, cronista e arquiveiro, conselleiro segundo, Dodolino Trigo, tenente de alcalde e director de “La Voz de Mondoñedo”; secretario, Antonio Maseda, avogado; vicesecretario, José Mª Rego González, banqueiro; tesoureiro, Jorge González Redondo y Serrano, e vocais José Polo Folgueira e Antonio Ferreiro Lamas.
Teriamos máis que celebrar no 2017. Se nos fixamos en 1967 podemos lembrar que TVE emitía os primeiros debuxos animados de produción propia. Entre os personaxes un que se chamaba Mondoñedo Sacachispas, pero disto xa contaremos outro día.
©Antonio Reigosa