O 8 de xaneiro de 1921 saía á rúa en Mondoñedo o primeiro número de “Don Fino”, un periódico definido como agrarista e anticaciquil, primeiro quincenal, semanal a partir do número 7 e máis tarde esporádico, ata que foi cerrado por orde gubernativa o 12 de xuño do mesmo ano cando levaba editados tan só 21 números. Imprimíase na imprenta de César González-Seco Romero.
O seu director foi Ramón Lorenzo González “O Farraco”, veciño de San Lázaro, e nel colaboraron entre outros Cándido Carreiras Domenech, Leopoldo Rojo e Antonio Noriega Varela. A maioría dos colaboradores facíano baixo pseudónimo pois foron moitos e continúos os conflitos derivados de notas, poemas, rexoubas e artigos moi combativos contra o caciquismo e os poderes políticos locais.
A imaxe que ofrecemos é a portada da edición facsímíle que promoveu en 2005 a Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo, baixo a dirección de Xose Ruiz Leivas co apoio da Deputación de Lugo e do Concello de Mondoñedo. O personaxe que aparece na imaxe é Antonciño “Don Fino” (retrato realizado por Santiago Pernas); un “home feliz”, que se dedicaba a vender xornais, parece que padecía de epilepsia segundo comenta Xosé Isidro Fernández Villalba no artigo “Antonciño e o xornal Don Fino” publicado en Terra e Tempo.
Non se sabe con certeza se o nome da publicación deriva dalgún dito deste tolitates chamado Antonciño, ou se este tomou o alcume de “Don Fino” xa que tamén se dedicaba a vender este xornal.
O editorial do primeiro número comezaba “Viene al mundo DON FINO para hacer justicia”. E foi a xustiza á que se encargou de liquidalo!
Un soneto que ofendeu ao farmacéutico Manuel Ferreiro foi causa dunha denuncia que rematou cunha sentenza condenatoria por inxurias para o seu director, unha multa e un desterro que non se chegaron a cumprir.
No texto do último número asinado por “La Redacción” despedíanse así “Adios. Hasta culaquier día”.
© Antonio Reigosa