Ao amigo Santiago Ares Martínez
Ou tamén poderiamos titular, se non resultase excesivo, “De como Colón, Franco, o aviador Lindbergh e a primeira Festa da Árbore celebrada en Mondoñedo en 1569 caben nun pé de páxina”. En moitas ocasións prefiro recrearme coa intrahistoria ou parahistoria das historias; sobre todo, como é o caso, cando xa non é preciso reafirmar que a primeira Festa da Árbore da que hai noticia na península se celebrou en Mondoñedo o 4 de febreiro de 1569.
A orixe da Festa da Árbore en Mondoñedo
Eduardo Lence Santar comezou a publicar en 1915 informacións sobre a importancia que concedían as ordenanzas municipais de Mondoñedo do século XVI á protección das árbores. Preocupábanse de regular os usos e sancionar abusos, como cortar polo pé carballos, castaños, vedreiros (érbedos, albedros, madroños) e froiteiras de todo tipo. Lembremos que Mondoñedo asenta veciñanza coa carta de foro do Cabido de 1217 a favor dos que quixesen poboar “Uillamaiore in Pumar de Canonica”.
As ordenanzas son especialmente severas cos que exercen oficio de zapateiros, curtidores e carboeiros pois escascan sen taxa, e cos que alindan cabras, cabritos ou castróns, polo mal que causan no arboredo. Cabido, Xustiza e Rexemento nomean gardas de bosques e fragas e obrigan a que cando se precise leña ou madeira se deixe “horca y pendón”. Un sistema de poda pensado para os carballos, regulado por unha ordenanza real de 1496 que obrigaba a deixar sen demoucar dúas pólas, unha mirando para cada lado; o “pendón”, póla lixeiramente curva, e a “horca”, case perpendicular ao tronco, o que permitiría aproveitar as futuras táboas na construción de barcos.
A partir de 1563 ordénase que cada veciño plante un número determinado de árbores por ano, especialmente froiteiras, dúas delas no Campo dos Remedios e de cara á cidade. Eran os tempos do rexedor Luis de Luaces.
En marzo de 1927 celébrase unha gran Festa da Árbore en Mondoñedo con participación de nenos e nenas das escolas da cidade e das aldeas de arredor. Lence, o primeiro cronista oficial, acababa de facerse cunha copia dun documento de importancia para o asunto: “Origen y descendencia de la familia de los Luaces sacada y compuesta por el muy reverendo Padre Fray Francisco Moxica del orden de San Benito. Año 1694”. Un texto seguramente de encarga, en orixe manuscrito e que nun breve parágrafo atribúe a Luis de Luaces a plantación do campo de a carón da ermida dos Remedios.
“… cuando la plantó convocó a los comarcanos y todos los niños y les dio un gran banquete porque quedase memoria que el había sido el que había plantado la arboleda que es hoy la salida de más recreación que hay en aquella ciudad de Mondoñedo”.
A copia de Lence parece que pon “Año 1595” ou iso transcribe el cando a publica polo que deduce que esta festa tivera que ter lugar antes de 1594, aínda que Luis de Luaces non morre, segundo algunhas fontes, ata 1610.
O mesmo Lence é quen promove que se celebre o 3 de marzo de 1940 un recordatorio daquel feito e que se inaugurase o monólito que aínda hoxe se pode ver na Alameda dos Remedios.
Francisco Mayán, profesor do Instituto Laboral e cronista de Mondoñedo, descobre un tempo despois unha ordenanza máis, datada en 1569, e escribe na súa “Historia de Mondoñedo” o seguinte: “En 24 de enero de 1569 se acordó que los vecinos de la ciudad concurrieran al otro día de San Blas, o sea el 4 de febrero, al Campo de Nuestra Señora de los los Remedios para plantar allí tres árboles cada uno”.
Intúe Mayán, xuntando este dato co aportado polo Padre Mújica e pregoado por Lence, que esta foi a data exacta daquela primeira celebración festiva arredor das árbores en toda a península.
Festa da Árbore declarada BIC
En Villanueva de la Sierra, provincia de Cáceres, celebraron unha festa parecida en 1805. Tratábase de repoboar, convocados polo párroco, os montes dos arredores logo da devastación causada pola guerra contra o francés. Ademais das plantacións fíxose festa, comeuse e bebeuse. E desde entón seguiuse celebrando, case ano tras ano, aquela memoria. Esa perseveranza acaba de ter premio pois hai menos de tres meses, en decembro de 2016, a Junta de Extremadura declarou Ben de Interese Cultural (BIC), con carácter de Ben Inmaterial, a “Fiesta del Árbol de Villanueva de la Sierra”.
En xeral e con esta denominación a chamada “Festa da Árbore”, comezou a celebrarse nos USA a mediados do século XIX, e en España nas principais cidades a finais do mesmo século. Un Real Decreto de 1915 obrigaba aos concellos españois a reservar orzamento para celebrar na primavera unha festa destas características, o que as estimulou e multiplicou. Agora é a ONU a través da FAO quen promove a nivel mundial varios “días de” para a concienciación sobre a defensa do medio ambiente.
Parahistoria: De cómo … caben nun pé de páxina
Volvamos a 1927. En marzo ten lugar unha importante Festa da Árbore en Mondoñedo e os xornais fanse eco da descuberta de Lence sobre a data aproximada da primeira celebración alá polo século XVI.
A revista especializada “España Forestal” tamén se fai eco da nova no seu nº 133, publicado en maio de 1927. Nunha nota asinada por J. A. V. dáse conta da descuberta de Lence, o que supoñía adiantar en máis de douscentos anos a de Villanueva de la Sierra, considerada ata entón polos investigadores como a máis antiga. Cítase un extracto do xornal La Voz de Galicia que o corrobora: “La Fiesta del Árbol, pues, con coro de niños y merienda infantil tuvo su origen en Galicia”.
Cerrada a información, ábrese unha chamada que remite ao pé de páxina e a unha nota asinada por (N. de la D.) e que di: “Estos gallegos son terribles —y J. A. V. lo es en grado superlativo por los cuatro costados—. No contentos con nacionalizar gallego a Colón (con permiso del Sr. Ulloa), pretenden hacer gallego el origen de la Fiesta del Árbol. Apostariamos cualquier cosa a que, ademas de Franco, con el tiempo nos va a resultar Lindbergh nacido en Porriño o sus alrededores”.
A nota segue dicindo con certa carga irónica que non teñen inconveniente en recoñecer o honor que corresponda a Galicia sobre a antigüidade da Festa da Árbore, para acabar laiándose !Ay, somos castellanos!
Cremos que o asinante desta nota da dirección foi o enxeñeiro Pedro del Pozo Rodríguez, entón responsable máximo da revista, quen uns anos despois por ostentar cargos políticos na II República foi vítima de severas represalias polo réxime franquista.
Pero deixemos a Franco a un lado (xa entón famoso polas tristes machadas da Guerra de África) e o tema da orixe de Colón, asunto que leva cincocentos anos largos sobre a mesa de discusións e aínda no hai veredicto. Pero o de Lindbergh e a súa insinuada orixe no Porriño foi premonitorio.
Charles Lindbergh, enxeñeiro e aviador americano, estaba de moda naquel ano 1927. Acababa de cruzar por primeira vez o Océano Atlántico cun só motor, sen paracaídas a bordo e sen escalas. Nunca tal se lograra.
O que ninguén podía saber nin intuír naquel momento é que uns anos despois, concretamente o 9 de novembro de 1933, o tal Lindbergh veríase obrigado a amerizar de urxencia co seu hidroavión Albatros, na compaña da súa esposa Anne Mirrow, no medio e medio do río Miño, en Caldelas de Tui, nas augas fronteirizas entre Galicia e Portugal.
Aquel suceso derivou nun conflito diplomático internacional entre España e Portugal por ver quen se reservaba os honores de atender ao heroe, pero hoxe o que nos importa é que desde a parroquia de Caldelas de Tui ata O Porriño non hai máis distancia que unha ducia de quilómetros.
A banda asturiana de rock “Ilegales” compuxo aló polo 1984 a canción “El Piloto” en memoria da famosa viaxe de Lindbergh cuxo retrouso repetía insistente: Suerte mister Lindbergrg, no hay paracaídas.
©Antonio Reigosa