Rudesindo Caldeiro

Souben que Rudesindo Caldeiro y Escobiña era mindoniense grazas a unha carambola cando Xosé Vizoso me agasallou co “Semente galega en América”, libro ilustrado por el e escrito por Xosé Neira Vilas. Alí o atopei, camuflado nunha páxina na que o mestre de Gres fala  de Cástor Vispo, xornalista de orixe ferrolá. “Non escribía en galego pero creou personaxes como aquel Rudesindo Caldeiro, de Mondoñedo, que ás veces soltaba algunha palabra na lingua orixinaria”.

Rudesindo Caldeiro y Escobiña

Rudesindo Caldeiro y Escobiña

Velaí un novo cromo para a nosa galería de personaxes de ficción; probablemente un dos que máis éxito obtiveron tanto na radio como na TV cubanas de mediados do s. XX.

Cástor Vispo, pai intelectual da criatura, emigrou moi novo a Cuba. Destacou como humorista en prensa, en radio e en TV. A principios da década dos 40 do s. XX creou os personaxes da exitosa comedia “La tremenda corte”, un serial que se emitiu pola radio tres veces por semana desde o 7 de xaneiro de 1942, na RHC-Cadena Azul, ata 1961. Os personaxes principais eran Filomeno ‘El Tremendo Juez’, o Secretario, Luz María Nananina, Rudesindo Caldeiro e José Candelario ‘Tres Patines’. Os argumentos xiran arredor dos xuízos por pequenos delictos cometidos por ‘Tres Patines’, arquetipo de pillabán, vividor e folgazán cubano, ao que secundan Rudesindo, inmigrante galego, traballador e honesto, que anda na ruína por culpa do estafador ‘Tres Patines’. Nananina, exesposa do delincuente, tenlle xenreira e sempre testemuña a favor de quen o acusa, o xuíz, boa persoa con mala saúde, e o secretario, algo curto de intelixencia. Humor branco, situacións de enredo xogando cos significados das palabras que soen acabar ben para o delincuente pola súa habilidade para enganar ou para abusar da bonhomía do xuíz. Os episodios emitíanse en directo e con público.

Foi, segundo se ten escrito, o serial máis escoitado dos emitidos en toda América en castelán naqueles tempos. A partir de 1959 as novas autoridades someteron a censura as emisións de radio e as obras de teatro inspiradas no serial; a maioría dos actores tomaron rumbo a Miami agás o guionista, Cástor Vispo, que morrería na Habana en 1966.

Os programas reemitíronse nunha radio de Monterrei (México) e o formato levouse a TV entre 1966 e 1969.

Adolfo Otero

Adolfo Otero

Ata o ano 1958 o papel de Rudesindo fixérao o actor, de orixe galega, Adolfo Otero, e o de secretario, o actor cubano Julito Díaz. Eran moi amigos. Compartiran escenarios durante moitos anos e ata se dicía que serviran xuntos no exército de Pancho Villa. Parece que se divertían moito discutindo sobre cal dos dous morrería diante e que debía facer o outro nese transo.

Chegou o día. O 10 de novembro de 1958 morre Julito Díaz. Cando lle deron a nova a Adolfo este bromeou: “Julito entró en órbita”. Pouco horas despois tamén Adolfo “entrou en órbita”; cando chegaba á funeraria para velar o corpo do amigo, deulle un infarto e morreu instantáneo. Os dous amigos morreron o mesmo día, case á mesma hora.

Rudesindo Caldeiro y Escobiña seguiu gozando duns anós de éxito pero deixou de ser galego pois pasou a ser interpretado polo actor de orixe andaluza Florencio Castelló. Rudesindo Caldeiro y Escobiña comezou a falar “andalú” a partir dese momento. E estreou alcume: “El Curro”.

©Antonio Reigosa