Pascual Veiga e as orixes do Himno Galego

 

Partitura Himno Galego (1)

Partitura Himno Galego (1)

Este 2017 fai cen anos que morreu Eduardo Pondal e cento dez da estrea do Himno Galego. O acto, como é ben sabido, tivo lugar o día 20 de decembro de 1907 no Teatro Nacional da Habana coa interpretación da Banda Municipal da cidade baixo a dirección do músico cubano Guillermo Tomás.

Mais letra e música xa levaban uns dezaseis anos en compaña. Todo comezou cando Veiga, que presidía un certame musical convocado polo Recreo de Artesanos da Coruña en 1890 lle pide a Pondal un texto poético para o que el denomina Marcha Regional Gallega. E Pondal envíalle un poema, entón co título “Breogán” pero coa mesma ou parecida letra ao que máis adiante comezamos a coñecer como “Os Pinos”. A música que gañou o certame, da autoría do catalán Ivo Gotós, esqueceuse. Mais Veiga, que musicou aquel poema por se non houbese concursantes, e asinou a partitura, segundo algunhas fontes, o 13 de xullo dese ano 1890, promoveu que algúns dos coros que el dirixiu o interpretaran varias veces.

Xosé Fontela Leal, principal promotor da estrea dun Himno Galego, desexaba que da letra se encargase Curros e da música, Chané. Pero Chané e Curros andaban enfadados pola altura de 1906, e alguén informou a Fontela da existencia daquela marcha escrita por Pondal e musicada por Veiga dezaseis anos atrás.

O demais xa o coñecemos. Máis alá do acontecemento histórico da estrea do Himno, aquel acto tiña por principal obxectivo recadar fondos para construír en Mondoñedo un mausoleo na memoria de Veiga e costear o traslado dos seus restos desde o cemiterio da Almudena de Madrid ata o camposanto mindoniense.

Veiga morreu en xullo de 1906 en Madrid a consecuencia dun “fuerte ataque de grippe”, case na indixencia, pouco días despois de remitirlle a Fontela a que el consideraba partitura definitiva pero xa non viviu para gozar da estrea oficiosa do seu Himno. Os seus restos non chegaron a Mondoñedo ata setembro de 1912, cidade natal da que se fora en 1864 para non volver en vida, disque aborrecido por ser rexeitado pola familia da moza Eustorgia Acebo. Hoxe ambas tumbas están a uns metros de distancia no Cemiterio Vello de Mondoñedo.

A aceptación do Himno Galego como elemento integrador (aínda que non sería recoñecido oficialmente ata 1984) tanto polas comunidades galegas do exterior como na propia terra foi practicamente unánime e hoxe, cento dez anos despois daquela estrea, constitúe, xunto coa bandeira e o escudo, un símbolo indiscutible da nosa identidade.

Partitura Himno Galego (2)

Partitura Himno Galego (2)

Desde entón foron moitas as versións que se realizaron, e moitas máis aínda agardamos no futuro, o que será proba da súa vixencia e aceptación popular.

Este 31 de maio preséntase en Compostela unha nova versión do Himno Galego con arranxos de Nani García e a interpretación da soprano Andrea Pousa, acompañada da Macedonian Symphonic Orchestra.

O “Himno por Andrea Pousa”, un proxecto audiovisual promovido por Queiman e Pousa preséntanos unha versión, xunto cun documental, un libro e unha unidade didáctica, moderna, fresca, na que letra e música transmiten aínda hoxe toda a forza do latexo unísono da nazón de Breogán.

© Antonio Reigosa 

Nota: Se desexa coñecer as orixes do Himno, consulte: Manuel Ferreiro “O Himno Galego. Documentos Históricos (1890-1907), Universidade da Coruña / Universidade de Santiago de Compostela / Universidade de Vigo, 2007, (108 pp.)