Como cada xuño chega puntual á miña caixa de correo o número correspondente ao curso 2016/2017 de “O Son da Paula”, a revista escolar do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. Un exemplar abondoso en páxinas, fermoso de presentación, denso en contidos, profundo e lúcido de ideas; un espello onde se proxecta nidio o sentir da avanzada intelectual tanto do profesorado como do alumnado do xa sesaxenario centro escolar.
Paula é o nome da campá maior da catedral de Mondoñedo. Dúas toneladas e media de bronce que esparexen por toda a contorna ao ritmo do seu badalo os efectos protectores do que en tempos medievais se chamou “principia metálica”, a enerxía das ondas que se cre libera de nubeiros, tronantes e outros malvados espíritos a xeografía que enchoupa o seu son. Un favor que lle debemos á bendita Paula, co que nos veu favorecendo desde hai arredor de 450 anos e co que nos segue e seguirá obsequiando mentres a poida gobernar, que será aínda por moitos lustros, a mestría do noso excelso campaneiro, Valentín Ínsua Palacios.
Desde o editorial, asinado pola directora, Mª José Cuesta, ata a derrradeira páxina da revista os textos desprenden un sentir reivindicativo. A esixencia dun pacto pola educación, a chamada á toma de conciencia de saber quen fomos e quen queremos ser para salvagardar a lingua e a cultura de noso ou a sección-concurso “Terriña que nos criou”, na que se avalía o que está ben e o que está mal das intervencións sobre o territorio e o patrimonio que se analizan. Un berro: Queremos protección para Carracedo e para a Fraga de Rioseco! Non degrademos o seu valor plantando eucaliptos nin instalando parques eólicos, e un lamento pois coa visita ao centro de Fernanda Cedrón Trigo e Francisco Martínez ‘Quico’ quedou de manifesto que aínda queda moito por saber e que loitar contra o esquecemento dun pasado que aínda manca.
Páxinas de historia sobre diferentes aspectos da antiga provincia, da desaparecida muralla, das campás da catedral e da imprenta, con atención especial á aínda existente Imprenta Suc. de Mancebo, así como unha pequena historia do Muíño de Mañas de Viloalle. As neveiras de Abadín, o pazo de Tovar de Lourenzá e un amplo abano de referencias a problemáticas candentes que afectan ao alumnado ou ao profesorado, xunto coa relación de actividades, premios e recoñecementos merecidos, colaboracións e novas de viaxes e visitas recibidas, en especial a da “cidadá Letizia” que comenta o polifacético alumno Xosé M. Merino de Castro. Parabéns aos coordinadores e á extensa nómina de colaboradores.
A Paula, a campá, espalla o seu son benfeitor ata onde, como dirían os nosos devanceiros, non se oia can ladrar nin galo cantar; e se non tivese o badalo temperado, composto a medias de madeira e ferro, rompería os cristais das vivendas de arredor e seica se escoitaría ata en Portugal. O son da revista, co badalo creativo labrado de sabedoría, xenerosidade e sentidiño, ampara cando menos, como vén facendo desde hai vinte anos, ao aínda latente territorio da antiga provincia mindoniense.
©Antonio Reigosa