Como é sabido e resabido, tocar calvas atrae a sorte. É esta unha disciplina que se practica con vehemencia, pode que tamén con abuso de confianza, cando se achegan os grandes sorteos de lotaría que pechan e abren o ano. Se non coincide o premio co número do billete que se refrega contra o vougo do individuo pelado, tampouco orixina, ou non está confirmado cientificamente, infortunios de maior envergadura.
O caso é que dun tempo a esta parte comezou a circular un ruxerruxe por Mondoñedo. Un rumor persistente do que non se sabe, polo de agora, a causa. Puido ter a orixe nas penurias destes tempos de crise económica ou talvez se ideou con algunha intención descoñecida nas catacumbas onde se fabrican as esencias das modernas lendas urbanas. O caso é que por a carón da escultura de Cunqueiro que hai na Praza da Catedral de Mondoñedo pasa cada día máis xente. Moita máis da que pasaba e que non pasa, como se puido comprobar, só por pasar. Tense observado que coa desculpa de tirar unha foto ou autofoto na compaña de Cunqueiro, e mentres fan que se acomodan para encadrar o obxectivo, acarician coa man espida o curuto da cabeza de don Álvaro pola parte onde o pelo brilla ausente.
San Pedro, o porteiro do Ceo, quedou calvo por egoísta, por querer reservar para el só unha bola acabada de cocer. Agachouna entre a boina e a cachola e… aló se lle foi todo o cabelo. O encanto da Pena de Librán de Rececende (A Pontenova) converteu en calvos a todos os homes dunha familia en castigo por fallar un devanceiro nun rito de desencantamento. Soprou e, ala! Crista limpa para varias xeracións!
Cando o Sinbad que inventou Cunqueiro, logo de presentarse á concorrencia vestido cunha capa dourada e unha pamela branca na cabeza, e de sentar no horto entre os repolos nun cesto de vimbio amarelo, preguntou ao piloto do Califa de que illa estaba disfrazado, contestoulle este erroneamente que da Illa de Calvo. Se a coñecese debera dicirlle, como axiña corrixiu Ali, que semellaba a illa con volcán chamada Kafirete.
Sinbad retirou a pamela da cabeza, feliz por recuperar o dereito a ser escoitado nos faladoiros, e non tivo inconveniente en mostrar a súa cachola “calva, monda e lironda” para logo cubrila cun turbante de seda colorada que lle achegou Sari.
Como Cunqueiro a Sinbad, representou Juan Puchades a Cunqueiro, ambos coa cabeza erma de pelame para favorecer o tránsito da imaxinación de dentro a fóra e así poder compartir doadamente con quen quixer os seus efectos terapéuticos.
Á parte da ilusión prosaica de procurar que nos favoreza a sorte na lotaría, pousar a man espida sobre a calva de bronce de Cunqueiro, e isto é verdade verdadeira, estimula o fantasiar, engraxa a imaxinación e activa, en resumo, as glándulas do soñar. Acariciando a calva de Cunqueiro pálpase, e aí está a verdadeira maxia, a finísima pel de chumbo e estaño que separa o noso desexo da máquina de inventar do grande fabulador.
Unha recomendación, para rematar. Se pasades por Mondoñedo calquera día non deixedes para outra ocasión acariciar a crisma ‘monda e lironda’ de Cunqueiro. Só os que o fixemos con certa reiteración sabemos, aínda que non se nos note demasiado, dos seus máxicos efectos.
©Antonio Reigosa
Publicado en La Voz de Galicia (A Mariña), 20 de novembro de 2017.