Os de Mondoñedo estamos acostumados a mirar cara arriba. É a penitencia perpetua que nos tocou por habitar os baixíos dun val rodeado de alturas con excelentes vistas panorámicas. Bendita penitencia!
Hai uns días parei o coche na explanada do Mirador. Precisaba saber que senten os que non sendo mindonienses nos ven desde as alturas de arredor. O Mirador dos Paredóns foi e é aínda atalaia privilexiada para quen, antes ou despois de pasar por Mondoñedo, ten a necesidade de fixar unha instantánea do val, un recordo visual que levar na memoria sen petrifícalo nun nostálxico daguerrotipo.
Agora alí xa pouca xente para. Cando non hai néboa no Fiouco a A8 fai de vía de escape, e cando a néboa obriga a usar a N-634 nada convida ao sosego preciso para gozar das vistas. O edificio, noutrora lucrativo hostal, é tan só un esqueleto, armazón de ferro dun corpo practicamente extinto.
Ao baixar do coche tiven que interromper nun golpe de fortuna para a miña discreta saúde mental estas estériles cavilacións. Alí, trancándome o paso, estaban un home e unha muller cos seus respectivos caxatos. Son veciños de por alí, membros moi activos do club de vítimas do colesterol. Logo de cruzármonos un breve saúdo, atacou ela:
—A ver! Tu que es dos que andan lambendo o recheo da galleta, que van facer con este montón de chatarra?
—Pois… —dubidei a que cuestión responder.
Aclaraba primeiro o de lamber ou se tiña ou non futuro o Mirador? Aínda non me decidira cando o marido me salvou:
—Veña, muller —dixo—. Abondo terá coas súas cousas sen andar de lambedela!
A conversa entre eles, eu só farfallei algún “si, bueno” preventivo, derivou nunha longa e detallada memoria da convulsa historia do noso Mirador.
Por eles souben que a maior parte do tempo des que se inaugurou estivo cerrado. Parece ser que é propiedade da Deputación (isto si que o sabía) e que o quixo vender sen éxito haberá uns 7 anos. Desde 2007, pasa dos 10 anos, está pechado e abandonado.
—Uns días despois das San Lucas de 1995 —falaba agora o home—o que o levaba daquela, un tal Lombardía, crucificouse aquí mesmo, a carón da estrada, para protestar porque non lle deixaban os accesos ao local en condicións cando andaban facendo obras na estrada.
—Pero, que me di —sorprendinme—! Morreu?
—Non ho! —dixo ela— Como había morrer! Só se atou con cordas a unha cruz para chamar a atención!
—E que pasou despois? —preguntei.
—Nada! Que había pasar! Agora os de Lugo queren facer un albergue para os peregrinos e os de aquí din que non, que mellor amañalo para a cousa do turismo!
—E a vostedes, que lles parece?
—O que pensamos nós—falou a muller— a ti non che importa. Pero se hai que escoller, quedamos co que din os de aquí! Vai facer 50 anos que andaba Cabanela cando era alcalde de Lugo para Mondoñedo para que se fixese. E facer fíxose pero cos cartos que papou era mellor que quedase sen facer. Agora tamén che digo unha cousa, eh! Mentres uns e outros xogan co Mirador como se fose unha pelota de pimpón a ver se acordan quitar o cascallo e poñer un banco como o de Loiba. E despois que a xente que veña ver poida sentar un pouco. E así tamén nos podiamos sentar nós agora en vez de estarmos aquí baduando de pé ! Ou non, M….!
—Si, ho! Haber, había que miralo!
©Antonio Reigosa