Prezado Paco:
Eu non sei en que estarías pensando cando me convidaches a intervir neste acto. Non sei se nalgún momento te arrepentiches pero se non o fixeches pode que esteas a punto de facelo. En calquera caso, como che faltou valor para comunicarmo, agora xa non ten remedio!
Se mo permiten, quero comezar esta intervención dándolles os parabéns a vostedes, ás veciñas e veciños de Cervo, por terdes a inmensa fortuna, ou acerto, de “fichar” como veciño, como mestre e como activista social e cultural a unha persoa excepcional. Falo, claro está (descúlpeme señor alcalde) do meu paisano Paco Piñeiro.
Hoxe estamos aquí reunidos pola súa culpa, convocados polo seu xeneroso traballo, para celebrar a chegada desta criatura en forma de libro que se chama “Centenario escolar de Cervo 1917-2017. Crónica Histórico-Literaria da Parroquia de Santa María de Cervo”.
Axiña veredes que esta publicación é un produto puro, auténtico e xenuíno da factoría “Paco Piñeiro”. O que é tanto como dicir que foi elaborado con rigor documental, con profusión e precisión de datos, abondoso en citas, excelso en soporte gráfico pero, sobre todo, o máis importante, feito con cariño á terra e ás xentes que desde hai xa moitos anos sodes seus conveciños.
Este “Crónica Histórico-Literaria da Parroquia de Santa María de Cervo”non é un libro máis nin tampouco un libro calquera. A grande historia do mundo, a verdadeira historia, a que merece a pena de ser contada (non a que nos fala só do poder dos poderosos) non é máis nin menos que isto, unha morea de historias dos pequenos lugares e da xente do común que os habitamos.
Ao ler este libro comprobaredes que o que somos, o que sumamos colectivamente, ten moito que ver co ir e vir de xentes e de facendas, co altruísmo de moitas e moitos que aínda estando afastados do lugar onde naceron, e especialmente se a fortuna lles sorriu, nunca o quixeron esquecer.
Así é no esencial este libro, unha memoria de afectos arredor dunha escola centenaria. A escola, que nos parece un servizo público moi antigo, só aparece como eixe vertebral da esperanza nun futuro mellor hai tan só cen anos, ou, na maioría dos casos, moitos menos!
Nesta publicación non se descoidan os antecedentes históricos nin as pegadas que foron deixando entre nós as sucesivas culturas ou maneiras de entender a vida, as formas de ocupación do territorio e o pouso que por aquí deixaron (mesmo na toponimia) personaxes tan vinculados a toda a Mariña como pode ser o caso de “A Chousa de Pardo de Cela”, microtopónimo documentado en Daián que nos evoca ao famoso Mariscal do s. XV.
Como nace ou como se crea unha escola? Quen repara na necesidade desa escola? Quen pon os medios, quen foron os mestres e as mestras? Quen as sucesivas xeracións de alumnos e alumnas, e, sobre todo, para que lles serviu a escola? Que foi deles e delas despois de pasaren pola escola?
Esta é a cerna deste libro de Paco Piñeiro; o seu interese por contar como foi e tamén para que serviu a escolarización universal. Entre datos e relatos, algunhas anécdotas como a do mestre José Antonio Barcia, que ademais de docente era sacamoas. Houbo nenos ou nenas naquel tempo que volveron da escola con menos pezas dentais das que carrexaban na boca ao entrar na escola pola mañá!
Pero este libro conta algo aínda máis, moito máis que a historia dunha escola de cen anos. Conta a vida da xente, a de aquí e a de acolá, tanto a da que quedou como a da que se foi a outras terras.
Entre as moitas fontes documentais que manexou Paco Piñeiro para este traballo figuran textos da autoría de Eduardo Lence Santar e Guitián, o que foi primeiro cronista oficial de Mondoñedo, e que aportou moito coñecemento á historia de Cervo grazas a unha conexión familiar pois tivo acceso a documentos da historia local por medio do seu tío Felipe Díaz Suárez e Santar, escribán (notario) en Cervo e Viveiro desde 1851 ata finais do s. XIX.
E tal e como é o libro, coincidente coa proposta que nos fai, así é o seu autor; un ser humano cunha morea de células organizadas cun só propósito; facer ben, poñer luz e clarividencia no camiño dos demais.
Paco Piñeiro naceu, xa o saberedes, en Mondoñedo, no lugar do Reguengo ( a carón de Vigo e O Grove), unha especie de república independente rodeada de lugares colonizados, cando non escravizados, polo bispado e pola igrexa. Mais os do Reguengo sempre foron diferentes; os do Reguengo son xa de nacemento revolucionarios, inquedos, moi creativos, sempre defensores dos seus costumes e, sobre todo, da súa soberanía territorial e espiritual.
Paco Piñeiro foi desde moi novo un loitador. Na súa aldea, como na miña e en tantas outras, sempre sobrou traballo e faltaron oportunidades. Afortunadamente, no Reguengo xa había unha escola, unha desas escolas rurais construídas con cartos da emigración, que foron quen de mudar o rumbo de moitas xeracións de devanceiros. No Reguengo, como aquí en Cervo, os Pacos Piñeiros de hai un século e de aí para atrás contade os séculos que queirades, seriamos besteiros, picapedreiros, gandeiros, labregos, carpinteiros, zoqueiros, e incluso gaiteiros pero nunca descubriríamos outras capacidades en nós. Unha humilde escola rural pode cambialo todo para mellor.
Paco Piñeiro, xa como mestre, comezou como docente profesional en San Cugat del Vallés (en realidade, comezou moito antes sendo estudante e poñendo clases particulares) e desde entón andou por varios sitios. Das pegadas que foi deixando polos camiños da vida podo dicirvos que en Moeche puxéronlle o seu nome a un salón cultural e recibiu numerosos premios a título individual e colectivo, tanto cos seus grupos de teatro como polas súas creacións literarias.
Como dramaturgo, como director e como actor cóntanse por ducias as obras da súa autoría estreadas e representadas pola ampla xeografía mariñá, asturiana e galega. Sempre provocando o sorriso, cando non a gargallada solta e liberadora; sempre procurando unha hora feliz para todas e todos cantos se achegan a ver as súas representacións nas que se nos presenta (falo agora do actor) como un librepensador ou filósofo rural, sempre sentencioso, case sempre pillabán e astuto.
Convén lembrar que comezou a escribir teatro hai agora 30 anos cando aquilo dos bidóns tóxicos do Casón que chegaron aquí á Mariña tras unha xestión desastrosa por parte da administración e que lembramos aínda estes días pasados.
Ademais das obras de teatro, formou parte dos comezos de festas e actividades culturais xa arraigadas como o Festival Irmandiño de Moeche, a Queimada Popular de Cervo, o Mondoñedo é poesía e tantas outras, ou que é autor de publicacións como “Historia do teatro afeccionado da Mariña lucense” (2012), “Lembranzas musicais do Valadouro” (2014) ou “Centenario da escola de San Román de Vilaestrofe” (2015). Grandes historias de pequenos lugares como esta que hoxe se presenta.
Non sigo porque non debo abusar do tempo que se me asignou. E tampouco debo seguir pois se Paco nalgún momento se arrepentiu de terme convocado para intervir neste acto, agora, estou ben seguro, está pensando en como pode facer para que se corte a megafonía ou para que se vaia a luz, ou para que pase algo con tal de que eu cale.
Pois vou calando. Vouno facer pero antes quero dicirlle a Paz, a Mari Paz Rodríguez Silva, a compañeira de Paco Piñeiro, que ela é parte fundamental de todos os seus éxitos.
E se es parte fundamental nos éxitos tamén o tes que ser á forza, por suposto, en todos os recoñecementos. Un a un e todos xuntos, sen Mari Paz (Paco, sinto ter que dicilo diante de tanta xente, xa sabes que nunca minto) non hai, non habería nin existiría o Paco Piñeiro que coñecemos!
Vale! Habería un Paco, si, pero sería outro, moi distinto! Non creo que merecese a pena coñecelo! Paz convive cada día (e cada noite, que non sei cal hora é mellor) con esta persoa tan bulebule e iso non pode ser un traballo doado.
Non quero entrar en intimidades! Só imaxino eses momentos nos que a neurona se lle acelera, cando as ideas abrollan a bolborotos efervescentes e se ciscan pola casa como as formigas aladas cando se anuncia a treboada.
Quen pon sosego e orde nese arrebato! Quen vai ser! Onde hai guerra urxe a Paz!
Gozaredes coa lectura deste libro porque fala de vós, da vosa historia! Cen anos é moito e non é nada se pensamos que o futuro aínda o temos que inventar!
Parabéns ao concello pola edición! E un rogo para rematar! Coidade e mimade ao meu paisano e voso veciño, Paco Piñeiro. El ten folgos e ideas, e vontade, para encher de vida moitas historias que aínda lle quedan por contar!
Cervo, 30 de decembro de 2017
©Antonio Reigosa
_