Robert Taylor nunca estivo en Lindín
Para Eugenio Niñe Fernández

Otilia de Lindín é produto da imaxinación de José Miguel Bel, perito e escritor madrileño que publicou en 2017 “Historias dun topógrafo de campo”, en edición, gratuíta en internet, do Centro Nacional de Información Geográfica, dependente da IGN (Instituto Geogáfico Nacional). Bel é enxeñeiro técnico en topografía, traballou no IGN, ademais de novelista, guionista de cine e outras inquedanzas. Débolle ao amigo Eugenio Niñe, topógrafo focego, a nova da existencia deste libro que se pecha co relato titulado “El campo magnético”, onde se nos conta a historia de Otilia, personaxe que incorporamos ao noso “catauro” de mindonienses de ficción.  O relato está dedicado a dous amigos do autor, Raúl Bonilla e María Rey, que perderon a vida o 24 de xullo de 2013 cando viaxaban no sinistro Alvia que descarrilou en Angrois.

Otilia Madruga Couto tiña 18 anos en 1960. Vivía no lugar de Ferreira “no máis profundo da Galicia máis profunda” da parroquia de Lindín. Catro anos antes chegara ás festas de Mondoñedo un cinematógrafo ambulante que proxectara Ivanhoe, 8 pases que ela viu un tras outro e que provocaron que se namorase sen remedio de Robert Taylor. Mais Robert Taylor, a pesar das fantasías que llo anunciaban, nunca chegou a Lindín. Quen chegou foi Santiago, un perito agrimensor castelán de 27 anos montado nun burro, fraco, con grosos lentes e case calvo. Viña pasar dous ou tres meses na aldea, residiría na mesma casa pois o pai de Otilia era o pedáneo, ata concluír os traballos do catastro.

O tempo foi pasando, Santiago fíxose querer mentres a Otilia o que máis a atraía eran os aparatos que manexaba. Un día, o da festa da parroquia, aproveitando a ausencia do perito, abriu a caixa do compás e sentiu algo especial cando liberou a agulla magnética; pareceulle que lle sinalaba un camiño, un destino cara o sur.

Tal sensación transformouna. Sentiuse libre e esa mesma noite, tras a queimada, todo se precipitou. Na noite, no cemiterio, “entre las tumbas de José Pedrouzo y Carmen Fandiño. Santiago con pasión. Otilia, no. Ella sólo se limitó a acariciarle el pelo y el cuello mientras miraba sin pestañear a las estrellas con una enigmática sonrisa”.

Santiago despediuse de Lindín ao día seguinte. Uns meses despois o pai de Otilia fíxolle chegar un telegrama anunciándolle o embarazo da filla e facéndolle ver que lle cumpría facerse cargo da situación. Santiago atendeu o rogo e casaron, a pesar da desaprobación dos seus pais. Ao pouco instaláronse en Madrid onde naceron dous fillos.

Un tempo despois, Otilia volveu a abrir a caixa do compás e ao liberar a agulla sentiu a mesma sensación; o seu destino estaba ao sur. Decidida, superou as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos, estudou Dereito, coa oposición do marido, afiliouse a un partido clandestino, participou en revoltas, foi detida e presa en Yeserías, indultada coa amnistía tras a morte de Franco. Divorciouse e foise a Cádiz mais nada a consolaba, nada parecía satisfacela. Por último viaxou á illa canaria de El Hierro onde se despediu da vida por propia vontade.

Mentres, di o autor, o compás Breithaup, fabricado en Cassel (Alemania) en 1947, permanece inútil nun estante dun escuro soto do IGN, coa súa agulla desmagnetizada e inmóbil sinalando o sur.

©Antonio Reigosa