O xastre e a viúva, peregrinos polo Camiño Norte

Escribiu Cunqueiro nun artigo da serie «El mundo y su sombra» que Lugo era pobre en estradas, “rotas, descortezadas y polvorientas” e rica en camiños. Por iso, concluía, “será cosa de su vocación de caminos de peregrinación”.

A principios dos 60 do pasado século peregrinou desde O Cebreiro a Compostela e amais de deliciosas crónicas, descricións e ocorrencias deixou tamén abondosas e reiteradas queixas do estado de abandono da vía e dos monumentos que a abeiran, da falta de sinalización e, sobre todo, da escaseza de peregrinos.

Os tempos mudaron. Agora os Camiños, sobre todo o Francés, están tan masificados que corren o risco de “morrer de éxito”. Non é o caso do Camiño Norte que cruza Mondoñedo, que cada ano ve incrementar moderadamente o número de peregrinos, grazas a unha mellora de servizos ao longo do seu percorrido, e tamén á súa inclusión na Listaxe do Patrimonio Mundial da UNESCO en 2015.

Cunqueiro escribiu ducias de artigos sobre camiños reais e creou outros como o de “Quita  e Pon” que vén no seu Merlín e familia. Dos de peregrinación (a Roma, a Xerusalén,  á Meca, a Compostela …) contou con emoción sobre a necesidade de andalos e de sentilos, e puxo neles a viaxeiros as máis das veces nacidos da súa imaxinación. Do Camiño Norte a Compostela ao seu paso por Mondoñedo escribiu dous artigos coas historias doutros tantos peregrinos; un masculino e real, chamado Manier, e outro feminino e de ficción, a muller de Bath.

En “La peregrinación del sastre Manier” trata do mozo picardo Guillaume Manier quen na crónica que deixou escrita da súa peregrinación a Compostela conta que pasou por Montagnelle (Mondoñedo) xa de regreso o 9 de novembro de 1726. En apenas media ducia de liñas dálle tempo a dicirnos ao xastre francés que nos campos de arredor da cidade hai loureiros portentosos e unhas “oignon des Indes” (cebolas de Indias) dun prodixioso grosor.

Manier era orfo e tiña 22 anos. Peregrinou na compaña de tres amigos desde Carlepont, Picardía (Francia) a Compostela en 1726. Parece que, sen desbotar razóns devocionais, influíron tamén os desexos de aventura e unha débeda a esquecer. A viaxe, descrita por el mesmo dez anos despois no libro “Pèlerinage d’un paysan picard [Guillaume Manier] à St. Jacques de Compostelle au commencement du XVIII siècle” é unha mestura narrativa de conflitos, incluídas as pelexas entre os catro amigos, a fuxida de moitos perigos que ameazaban a súa integridade física e a descrición de infinitas curiosidades. Para sobrevivir tiveron que facer de todo, desde traballar na vendima ata pedir esmola, ademais de facer uso recorrente dos servizos de socorro que prestaba a igrexa aos peregrinos. Nun só día en Compostela almorzaron ata catro veces en catro conventos diferentes entre as once da mañá e as catro da tarde. Unha fantástica crónica sobre os costumes da época.

Moito máis rica en detalles é a historia de Alice, a veciña da cidade inglesa de Bath, viúva de cinco maridos, que vén nos Contos de Canterbury  que Geoffrey Chaucer escribiu no s. XIV. Cunqueiro conta dela en dous artigos; “Los peregrinos y los milagros” e “Viudas en peregrinación”.

“Imaginemos que viene en barco desde Londres a Laredo, en las Asturias de Santillana, y sigue a pie hasta Compostela”. Di Cunqueiro que Alice pasou a noite dun 24 de xullo nunha pousada a carón da Fonte Vella. Chegara montada nunha egua e ía cuberta cun chapeu ancho con rodela, agudas esporas nos calcaños, zapatos novos e flexibles e un mantón tapándolle as anchas cadeiras.

Seica era riseira, algo xorda, de rostro aínda fermoso, colorado e atrevido, cos dentes grandes e separados.

O personaxe aparece como voz narradora no prólogo e nun relato do libro de Chaucer. Trátase dunha muller madura, viúva de cinco maridos, tres máis vellos, cos que casara por interese, e dous máis novos ca ela, cos que casou por amor. Considérase unha autoridade para falar de sexo, o pracer supremo segundo ela, e de asuntos relacionados co matrimonio pola súa ampla experiencia. Unha muller rica grazas as súas estratexias matrimoniais que se pode permitir peregrinar non precisamente por devoción senón por pracer. Por iso seguramente Cunqueiro asegura que peregrinaba a Compostela para pedirlle ao apóstolo un sexto marido!

©Antonio Reigosa