A egua somnámbula

A Xosé Vizoso

Lembreime desta historia cando reparei no cartel  que pintou Xosé Vizoso para as San Lucas deste ano, composición na que me chamaron moito a atención as figuras de catro équidos, cabalos ou eguas non o sei, de cor azul.

En Mondoñedo cóntase, e xa vén de vello, que polos montes da Toxiza viven desde tempo inmemorial algunhas greas de cabalos de cor azul. Dun azul, din os que entenden de matices coloristas, intenso, tirando a cobalto, como o de certa louza de Sargadelos.

Parece que estes animais non se deixan ver, que esquivan todo o que poden o trato cos humanos e mesmo cos outros animais montaraces que andan por alí. Tamén se di que son endogámicos, que só se cruzan con semellantes da mesma cor o que por un lado favorece que xeración tras xeración manteñan ese pelello monocromo tan fermoso pero expoñéndose a padeceren defectos ou enfermidades propias do procrear entre parentes próximos como lles pasaba aos faraóns exipcios ou a tantas familias da realeza europea.

Porén, dimo Xusto dos Campiceiros que foi ferrador e tivo cabalo de posto, os poldros desta raza non presentan ningunha caste de discapacidade física nin psíquica. Ao contrario; cada xeración supera a anterior en habilidades, se cadra tirando  a paranormais ou, e este é o caso da egua que vos digo, a de seren somnánbulos, coa particularidade de exerceren como tales sempre, ao parecer, viaxando aos días das San Lucas do futuro.

Cando vivía Farruco da Costa, ilustre personaxe do que deixou retrato Eduardo Lence Santar, tamén vivía unha egua desta raza que deixou memoria das feiras que habían vir. Chamábanlle  Pegasa.

Parece que o tal Farruco tamén gozaba de capacidades pouco normais pois, disque, era quen de contar os pelos do pelello dun xato nun só golpe de vista e de manter conversación cos animais como se fosen almas cristiás.

Esta egua, a tal Pegasa, en conversa con Farruco segundo asevera Xusto dos Campiceiros, contoulle moitas historias das  San Lucas de despois e por ela sabemos, por exemplo, que vai haber feiras e festas tal e como son agora ata, cando menos, o ano 2222. Tamén sabemos que esta raza de cabalos azuis descende por liña materna dunha unicornia sen corno e que segundo herdaron a cor azul e as capacidades de viaxar ao futuro nos procesos somnámbulos tamén lles quedou o de seren mochos per saecula saeculorum.

 Nunha desas noites nas que o sono lle fixo viaxar á nosa Pegasa ás San Lucas do futuro tocoulle facelo ata as de 2018. Seica regresou moi alterada da viaxe somnámbula, tanto que ao día seguinte contoulle a Farruco, a min contoumo Xusto, que vira catro cabalos ou eguas, non soubo distinguir o sexo pois só as viu de fronte, de cor azul entre os moitos que había na feira no Campo dos Paxariños deste ano.

En toda a longa historia destas feiras mindonienses nunca se viran, nin se pensaba que se poderían chegar a ver, eguas ou cabalos de cor azul; dese azul cobalto tan intenso como o dalgunhas vaixelas famosas de Sargadelos.

Será ou non será! Xa veremos, agora que se achegan os días de comprobalo! A min, non obstante, paréceme que no cartel de Vizoso está ben ás claras o misterio desta historia!

©Antonio Reigosa

Serie: Crónicas das San Lucas. La Voz de Galicia (A Mariña). 18.10.2018

Ilustración: Antón Caxoto