Pregón Festa da Árbore 2019 (450 aniversario 1569-2019 da Primeira Festa da Árbore). Mondoñedo, 2 de febreiro de 2019
A primeira Festa da Árbore
Hoxe celebramos un aniversario único, moi importante. O 4 de febreiro de 1569, aquí, en Mondoñedo, nesta mesma Alameda, tivo lugar por primeira vez na historia un acto público co obxectivo de concienciar á veciñanza sobre a necesidade de coidar as árbores.
Era bispo un conquense, Gonzalo de Solórzono, e un dos rexedores, Luis de Luaces e Labrada. Mondoñedo, sede bispal, capital dunha das sete provincias en que se dividía a Galicia do Antigo Réxime, contaba con ordenanzas municipais avanzadas para a época nas que se dispuña, entre outras cousas, facer bo uso e coidar as árbores existentes, plantar outras novas, prevendo sancións moi severas para quen non respectase as normas.
Eran os tempos de Felipe II, o poderoso rei que tiña frontes de guerra abertos nos Países Baixos e no Atlántico cos británicos, no Mediterráneo cos turcos, e estábase preparando a gran armada chamada, logo do seu fracaso estrepitoso, Armada Invencible.
Precisábase moita madeira para construír aqueles barcos. Os carboeiros, zoqueiros, zapateiros e as ferrerías gastaban moita leña, que era o combustible vital daqueles tempos. Ademais, escaseaban os mazaeiros, as pereiras, os pesegueiros e as froiteiras en xeral.
As ordenanzas municipais do s. XVI insistían na necesidade de protección das árbores, preocupábanse de regular os usos e sancionar abusos, como a prohibición de cortar polo pé carballos, castaños, albedros (érbedos ou madroños) e froiteiras de todo tipo. Eran especialmente severas cos que exercían oficio de zapateiros, curtidores e carboeiros, pois escascaban sen taxa, e cos que alindaban cabras, cabritos ou castróns, polo mal que causaban no arboredo.
Cabido, Xustiza e Rexemento nomean gardas de bosques e fragas e obrigan a que cando se precise leña ou madeira se deixe “horca y pendón”, un sistema de poda pensado para os carballos, regulado por unha ordenanza real de 1496 que obrigaba a deixar sen demoucar dúas pólas, unha mirando para cada lado; o “pendón”, póla lixeiramente curva, e a “horca”, case perpendicular ao tronco, o que permitiría aproveitar as futuras táboas na construción de barcos.
A partir de 1563 ordénase que cada veciño plante un número determinado de árbores por ano, especialmente froiteiras, dúas delas no Campo dos Remedios e de cara á cidade.
Nese contexto histórico ten lugar a festa que hoxe conmemoramos: a que podemos considerar con todo dereito a primeira Festa da Árbore da que hai noticia na historia.
O padre Francisco de Múgica en “Origen y descendencia de los Luaces”, ano 1594, escribe o seguinte:
“Luis de Luaces, que fue Regidor de la ciudad, el cual plantó la arboleda que está al partir de la Ciudad camino de Abadin, en un campo donde está una hermita y dicen en aquella tierra que cuando la plantó convocó a los comarcanos y a todos los niños y les dio un gran banquete porque quedase memoria de que el había sido el que había plantado la arboleda que es hoy la salida de más recreación que hay en aquella Ciudad de Mondoñedo”.
Eduardo Lence Santar e Guitián, primeiro cronista oficial de Mondoñedo, asegura en varios dos seus traballos e no folleto “Mondoñedo y el arbolado en el siglo XVI”, publicado en 1954, que esa festa se celebrou antes do ano 1594 e que é a primeira da que hai noticia en España.
Francisco Mayán Fernández, historiador e cronista de Mondoñedo entre 2001 e 2010 atopou outro documento no Arquivo Municipal de Mondoñedo, o Libro de Consistorios de 1566 a 1573, que contén un acordo do 24 de xaneiro de 1569 que di:
“que los vecinos desta cibdad traigan para en otro día de san blas a el Campo de nuestra senora de los rremedios y planten en el cada vno tres árboles diferentes e que sean de dar fruta so pena que el que faltare de las traer y plantar pague por cada árbol medio rreal para que a su costa se puedan traer e plantar”.
Por tanto, ao outro o día de san Bais (3 de febreiro), ou sexa, o 4 de febreiro de 1569 (este próximo luns fai exactamente 450 anos) Mondoñedo celebrou por primeira vez unha festa arredor das árbores.
Unha efeméride que debemos celebrar con orgullo, pois como todas as festas de árbore que se comezaron a celebrar a partir de finais do s. XIX consistiu en convocar á veciñanza para sensibilizala sobre a necesidade de repoñer as árbores cortadas ou mortas, sobre os beneficios do arboredo para gozar dun medio sostible e san, e rematou comendo e celebrando confraternalmente.
Eses mesmo requisitos foron os que deron orixe á celebración, tamén singular, que fan na pequena vila chamada Villanueva de la Sierra, de apenas 500 veciños, ao norte da provincia de Cáceres. A escaseza de madeira e un incendio provocaron a desertización total daqueles montes. Foi o cura párroco o que alertou ás autorizadas e o que convocou aos veciños para o día de Antroido de 1805. Plantaron álamos e outras árbores froiteiras, e logo merendaron, como aquí en Mondoñedo se fixera 236 anos antes, o 4 de febreiro de 1569.
Mais, aínda que os de Villanueva de la Sierra non nos gañen en antigüidade si nos levan algún adianto en recoñecementos e distincións para a súa Festa da Árbore pois goza da declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) pola Junta de Extremadura desde o ano 2016.
O orixe da Alameda dos Remedios
Todo cronista ten a obriga de deixar para quen o releve algunha novidade así que vou anunciar xa que ademais de celebramos que fomos os primeiros no de facer festa tras a plantación de árbores, tamén o fomos en darlle orixe ao que hoxe chamamos Alameda.
Esta Alameda, que xa hai moitos anos que non ten álamos e que segue sendo desde 1569 lugar de recreo e de paseo, de festa e solaz, tamén se creou naquela altura, un tempo antes da que presume ser a Alameda máis antiga de España e de Europa, aínda que neste caso a avantaxe que lle levamos nós a eles, que aínda que non o saiban van segundos, é de apenas 5 anos, pois a que se autoconsidera Alameda máis antiga, a chamada de Hércules da cidade de Sevilla, ten data oficial de nacemento en 1574.
Por tanto; anotade e que xa non se borre nunca da memoria: A primeira Festa da Árbore do mundo coñecido e a primeira Alameda de España teñen que ver con Mondoñedo.
A Festa da Árbore dos tempos modernos
As festas da árbore dos tempos modernos comezan, ao parecer, en Suecia en 1840, aínda que a sona de ser a pioneira se lle atribúe a Nebraska, nos USA, cando institúen en 1872 o que eles chaman Arbor Dei.
Axiña se comezan a celebrar en Francia e tamén en España, onde, promovida polos chamados “hixienistas” bota a andar en Madrid en 1895. Seguiríanlle Barcelona, Bilbao, Valencia… En Galicia, despois de que a Deputación Provincial de Madrid remitise ás principais alcaldías un folleto descritivo propoñéndolles que imitasen a de alí, comeza a celebrarse nas principais cidades a comezos do XX e, sobre todo, impúlsaa moito a creación na Coruña en 1911 da sociedade “Los Amigos de los Árboles”.
Diversas iniciativas lexislativas destes primeiros anos do s. XX, especialmente pensadas para as escolas, ás que se sumaron colectivos ecoloxistas e a creación por parte da UNESCO de “Días de” como o Día Internacional dos Bosques ou o Día do Medio Ambiente, chaman a atención sobre a necesidade de combater a desertización e de facer un uso sostible e equilibrado que contribúa á saúde do medio e das persoas.
Unha curiosa festa da Árbore celebrouse en Lugo o último día do ano de 1899. Uns 10 veciños dos máis vellos do barrio de Magoi, en previsión de contaren con algunha sombra cando viñesen os meses de calor, arrincaron unha árbore xa medrada e fórona replantar onde a precisaban, no lugar chamado Veiga do Can. Un traballo duro que rematou coa celebración dun banquete nunha casa de comidas do centro de Lugo onde reinou, din o xornais El Regional e La Idea Moderna a alegría e o bo humor propio dos que se deciden a botar unha cana ao aire.
As mellores festas da árbore de Mondoñedo
As mellores festas da árbore celebradas en Mondoñedo no século XX foron, polo que significaron, as seguintes. En primeiro lugar a do 20 de marzo de 1927, con desfile de cinco carrozas feitas polo alumnado de moitas escolas, tanto urbanas como do rural. Durante aquela xornada fotografáronse por primeira, e algúns por única vez, a inmensa maioría dos nenos das escolas rurais de Mondoñedo. Asistiron 1000 rapaces e rapazas.
Permitídeme dicir que segundo a prensa da época parece que foi a carroza feita polos nenos e nenas de Zoñán a mellor de todas, coa mestre María Díaz Corral e o meu avó Xusto, entre outras mozas e mozos veciños meus daquel entón. Titulábase “La Olla”, pois era, efectivamente como se pode ver nas fotografías unha ola de barro de gran tamaño na que cabía enteira unha nena e disque aparecera na croa do castro de Zoñán.
Outra gran Festa da Árbore foi a que se celebrou na Alameda o domingo, 3 de marzo de 1940, en memoria de Luis de Luaces. Asistiron mestras e mestres de moitas escolas co seu alumnado, autoridades, banda municipal, houbo misa na catedral pola alma do rexedor fundador, visitounos a Sociedad de Amigos de los Árboles da Coruña, plantáronse un cento de álamos no Campo da Feira e inaugurouse na Alameda o monólito que aínda se conserva en memoria de Luaces cunha placa co seguinte texto:
«Hizo esta alameda y celebró en ella la primera Fiesta del Arbol en España en el siglo XVI, Luis de Luaces, Regidor del Concejo, señor de Abadín y Lagoa de Monte de Meda. Honor al ilustre mindoniense ».
En atención, precisamente, aos antecedentes históricos, a Xunta de Galicia escolle Mondoñedo en 1987 para celebrar a I Festa da Árbore de Galicia con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Houbo solta de troitas no Valiñadares, conferencias e proxección de vídeos no Instituto, plantáronse árbores no Campo da Feira e houbo xantar comunal na Alameda.
En 1994, a Asociación Cultural Leiras Pulpeiro organizou, coa intención de celebrar o 400 aniversario da primeira (entendían entón que fora en 1594), unha semana en abril dedicada á Festa da Árbore con múltiples actividades (plantacións, conferencias, exposicións, roteiros e mostras) con implicación de institucións e colectivos.
Foi precisamente neste ano, no marco dunha conferencia que impartiu o historiador e logo cronista, Francisco Mayán, onde deu a coñecer o documento que retrotrae as orixes da Festa da Árbore en Mondoñedo ata 1569.
Duns anos para acó quen mantén o facho desta celebración é a Asociación Cultural O Pasatempo en colaboración co concello e con outros colectivos, sempre programando actividades arredor das árbores cun senso cultural e motivador para os máis pequenos.
Concursos, plantacións e sempre merendas, como sucedera aquel 4 de febreiro de hai 450 anos e como este ano 2019 que os organizadores encheron de propostas arredor da memoria das árbores. Roteiros, plantacións, actividades lúdicas para grandes e pequenos, amais dun xeneroso e necesario arsenal divulgativo con folletos que contan a historia deste histórico evento.
E agora que celebramos o 450 aniversario daquela primeira Festa da Árbore non está de máis recordar que o Mondoñedo actual ten a orixe, cando aínda se chamaba Vilamaior, nunha carta de poboamento de 1217 que cita as árbores, un documento que se custodia no arquivo da catedral no que se ofrecen privilexios e beneficios aos que se quixesen asentar “in pumar de canonica”, ou sexa no pomar, pumariño ou pumarega con árbores froiteiras (preferenteme mazaeiros) que tiñan os coengos no que hoxe se chama Rúa de Pumar e arredores.
As mencións ás arboredas no obra dos nosos literatos de prestixio son frecuentes; abonde mencionar as que fai Cunqueiro ao Bosque de Silva ou á Fraga de Ríoseco.
Continuemos celebrando todas as festas da árbore que poidamos de aquí en adiante pero non nos confiemos pois hai cada vez menos castiñeiros, menos carballos, salgueiros, amieiros, acivros, abidueiras e incluso froiteiras en xeral, pero máis, moitísimos máis eucaliptos. Demasiados eucaliptos! Por algo sería que se elixiu “Deseucaliptización” como palabra galega do ano 2018.
Todas as árbores de sempre, as que nos deron de comer e as que nos deron e dan sombra e madeira para construírmos as casas, as zocas, os carros, están desaparecendo de todos os espazos, dos de cultivo e dos ornamentais.
Quédanos, iso si, a memoria das árbores de sempre. Repasade mentalmente a toponimia, a maior e a menor, e velaí Pumariño, As Abidueiras, O Romeo, O Caxigo xunto a Abeleiras, Piñeiros, Loureiros, Carballais, Freixos, Pumaregas… que se repiten a ducias.
Nos nomes de lugar e nos nosos nomes e apelidos hai memoria destas árbores pero non das advenedizas.
Para solucionar o abuso dos eucaliptos (e de paso as néboas do Fiouco) teño eu a solución. Atopeina lendo a Cunqueiro, que ler, ademais de distraer, axuda a resolver algúns problemas complicados.
Conta Cunqueiro dun mozo alemán que peregrinaba a Compostela para pedirlle ao apóstolo que lle dera forzas, pois todos os rapaces lle zoscaban polo covarde que era. E entrando en Galicia atravesóuselle no medio e medio do camiño un bosque, unha fraga escura, con árbores e lobos, e osos, e cobras… E o pobre mozo, do medo que colleu, pregou: Santiago, váleme!
E unha voz que lle falou desde o alto, díxolle:
-Sopra! Sopra tres veces!
O peregrino soprou tres veces e o bosque voou con todas as feras dentro, de maneira que puido continuar camiño sen perigo.
Cando regresou á súa casa, cada vez que se lle poñía diante alguén con ganas de zoscarlle, o mozo sopraba e o outro acababa espatelado contra a parede inmediata.
Tanta era a súa forza e tantas as desgrazas que causaba na xente e nos animais que toda Alemaña se viu obrigada a peregrinar a Santiago para pedirlle ao apóstolo que lle regulase o exceso de enerxía a aquel rapaz.
Pero esta xa vos é outra historia!
Vós soprade para que as árbores acaparadoras deixen sitio ás árbores de sempre, ás que están enraizadas na nosa memoria, as que nos deron calor e calzado, as que se usaron para fabricar os nosos berces e as nosas camas, as que deron vigas e cangos para soster as nosas casas, as que nos deron de comer, calor no inverno, sombra no verán e osíxeno para respirara a nós e aos animais que canda nós van.
Grazas debemos dar a todas as árbores, as grandes e as pequenas, as corpulentas e as humildes, aínda que sexan espiñentas, ou simples arbustos como os toxos.
Escoitade, xa para rematar, este breve poema de Antonio Noriega Varela (neste ano no que se compren 150 do seu nacemento en 1869 aquí mesmo, a carón desta Alameda, e 50 des que se lle dedicou o Días das Letras Galegas en 1969)
As froliñas dos toxos
¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!
Eu venero as froliñas dos toxos.
Dos toxales as tenues froliñas,
que sorríen, a medo, entre espiñas.
Entre espiñas que o ceio agasalla
con diamantes as noites que orballa.
¡Oh do ermo o preciado tesouro!:
as froliñas dos toxos son de ouro.
De ouro vello son, mai, as froliñas
dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!...
© Antonio Reigosa
Mondoñedo, 2 de febreiro de 2019