A Asociación As San Lucas e o Colectivo Mondoñedo É… como organizadores do Mondoñedo é poesía 2019 non quixemos deixar pasar este 1 de maio sen rememorar a obra e a figura dun mindoniense fundamental no devir cultural e social do Mondoñedo de boa parte do s. XX.
Cúmprense agora 120 anos do nacemento de Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’ e 85 exactos, sucedeu o 1 de maio de 1934, da histórica recuperación dos Maios, da que el foi parte fundamental, nos tempos da Segunda República.
Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’, o músico barbeiro, naceu no Barrio dos Muíños o 30 de xaneiro de 1899 e rexentou unha famosa barbería cabo da Fonte Vella desde 1916 ata o seu pasamento en xullo de 1964. Foi neno de coro e violinista da catedral, actor teatral, mecenas de operas primas de coñecidos persoeiros da vida xornalística e cultural de Mondoñedo como X. Trapero Pardo, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome ou o propio Álvaro Cunqueiro. Foi correspondente de El Progreso e presidente da Sociedad de Obreros Católicos. Un músico que interpretou, ensinou e musicou infindas letras, desde panxoliñas aos propios Maios, entre elas o coñecido Cantar das Coruxeiras, agasallo de afecto que el lle fixo ao seu íntimo “amigo irreprochable” e discípulo en tanta cousas, Álvaro Cunqueiro, con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega en abril de 1963.
Creou comparsas de Antroido, coros e rondallas, recompilou coplas e cantos populares, e ata foi coleccionista de selos. Fundou e dirixiu o coro e a rondalla El Eco, a Rondalla Mindoniense e a Escola de Música da Fundación Lodeiro Piñeiroa.
Na barbería do Pallarego perderon literalmente as barbas ou o cabelo moitos individuos que representaron a intelectualidade laica e relixiosa de medio século de historia mindoniense. Barbas e pelos destes próceres, incluídos bispos, que se mesturaban cos rasurados ás xentes do común, tanto do espazo urbano como das aldeas veciñas, e incluso os pelames de moitos personaxes de ficción (Soleiro de Azúmara ou Pardo das Pontes) fillos da fantasía dalgúns destacados clientes que por alí se achegaban.
O concello de Mondoñedo púxolle o seu nome á Escola de Música Municipal en 1997 e hoxe tamén leva o seu nome a agrupación musical creada na súa memoria pola súa filla, Remedios Ledo Vizoso.
A barbería do Pallarego foi un crisol onde se fundiron e mesturaron as tres culturas e as tres linguas: a cultura popular, a teolóxica e a burguesa, expresadas invariablemente naquel entón e por esta orde nas tres linguas: galego, latín e castelán.
A min gustaríame que, sen tardar, xuntando a memoria familiar a través da súa filla, Remedios, o que se conta na monografía que lle dedicou o profesor Francisco Mayán, “Manoel Ledo Bermúdez, O Pallarego”, publicada pola Deputación Provincial en 1991, os artigos de X. Díaz Jácome e Álvaro Cunqueiro a el dedicados (con capítulo específico que recollese as partituras dos cantos do grilo, do cuco, do merlo ou do sapo), e o que se puidese recuperar das intervencións da gran homenaxe que se lle rendeu con motivo do 20 aniversario da súa morte en agosto de 1984, fósemos quen de traer ao presente unha máis ampla e extensa biografía dun personaxe fundamental para a cultura de Mondoñedo.
“Home menudo, de cabelo branquísimo, aínda novo, de sorriso tibio e permanente. Desde que teño uso de razón -dicía Cunqueiro en 1959- fun todos os días á barbería do Pallarego. Foi un gran músico, del aprendín filosofía, literatura, xeografía… Aquí (refírese ao local da barbería) viña todos os días lerlles o xornal a todos os que estaban, inventando a metade das noticias mentres O Pallarego as glosaba. Aquí escribín as miñas obras de teatro, que trataban sobre os acontecementos do día anterior na propia perruquería e aquí as representabamos. Aquí formabamos as nosas rondallas con letras que facía Jácome”.
Estas palabras de Cunqueiro son parte das respostas a nunha entrevista publicada en El Pueblo Gallego o 4 de xaneiro de 1959. O xornalista, Pedro Rodríguez, describe a barbería da Fonte Vella como un salón decimonónico, con vellos sillóns e un pulcro espello corrido, absolutamente sumido na penumbra mentres un mozo sentado nun banco templa, baixo a mirada do Pallarego, unha vella mandolina.
Mentres se preparan para unha fotografía, O Pallarego tocando a mandolina e Cunqueiro sentado na cadeira de brazos lendo o periódico, entra na barbería unha nena cun abrigo vermello. Cérranse as portas e a nena que acaba de chegar ponse a recitar unhas deliciosas panxoliñas en galego da autoría de Álvaro Cunqueiro.
A nena que acababa de entrar, andaría entón polos 8 ou 9 anos, non era outra que Remedios Ledo Vizoso, a única filla de Manuel Ledo ‘O Pallarego’, hoxe e sempre memoria viva do extraordinario quefacer dun pai que se lle foi a ela e a Mondoñedo cando ela tan só contaba 14 anos.
A través de Remedios e do resto da súa familia, froito que madura vizoso en cada xeración que o sucede, queremos facer público este necesario recoñecemento ao Pallarego, a quen foi home humilde e sabio, precisamente no ano no que se vencen os 120 do seu nacemento e os 85 exactos da recuperación dos Maios de 1934.
A Mondoñedo cómprelle, como ten a sorte de ter, un Álvaro Cunqueiro, un Pascual Veiga ou un Manuel Leiras Pulpeiro de cando e cando. Dános prestixio e fortalece a nosa estima colectiva. Mais do que nunca debéramos prescindir é de ter cada día de cada ano de cada século un personaxe como Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego, un actor aparentemente secundario pero clave pola mestría en dar a réplica e marcarlles o compás aos protagonistas principais.
A historia demostrounos que cun só Pallarego pódese abastecer o apetito de cultura dun pobo enteiro.
Mondoñedo, 1 de maio de 2019
Antonio Reigosa -cronista oficial de Mondoñedo