Andrea López Chao, unha mestra mindoniense pioneira do feminismo en Cuba
Andrea López Chao (Eco de Galicia, nº 189)

Andrea López Chao (Eco de Galicia, nº 189)

Grazas a María Xosé Porteiro e á súa novela Sándalo (Ed. Galaxia, 2019) volve á actualidade, e ben está que se relembre, a extraordinaria biografía dunha mindoniensa pioneira do feminismo en Cuba e da historia universal deste movemento. Hai cousa dun ano, o xornalista Martín Fernández Vizoso xa publicara unha semblanza en La Voz de Galicia, edición A Mariña, con data 6 de maio de 2018. E hai moito tempo máis, en 2007, Prudencio Viveiro Mogo xa incorporara o seu nome ao Ábum de Mulleres de culturagalega.org

Desgraciadamente, de Andrea López Chao pouco sabemos, agás que naceu en Mondoñedo na rúa das Casas Novas, en 1874. Antes de emigrar exerceu como mestra en 1897 en Paradavella, A Fonsagrada, logo, en 1898, na escola de Lindín e despois en Couboeira e Viloalle, as tres últimass parroquias do concello de Mondoñedo.

Casou con Santiago Ares Cabanillas (Viloalle, Mondoñedo 1873-…?) con quen tivo dous fillos. En 1904 marchou a Cuba onde comezou a exercer como profesora por oposición e tamén directora da escola primaria do Centro Galego, denominada Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana a partir de 1924. Nese Plantel formouse, entre outras moitas mulleres, a excelente docente e pedagoga, nacida en Muras, Antía Cal.

En 1917 participa na creación da Asociación Hijas de Galicia, sociedade que promove un Hospital para a atención das mulleres emigradas e un Balneario en 1938. Participou nos movementos sociais nacidos dentro desta sociedade, da que foi vicepresidenta segunda desde 1919 (ata este ano as mulleres tiñan prohibido ser directivas) e colaborou activamente coas inquedanzas feministas da época. A Asociación Hijas de Galicia para atender as necesidades das mulleres que carecían, por exemplo, de atención sanitaria dedicouse a prestar axuda e atención a mulleres galegas, prostituídas moitas delas, reas da cadea e de carencias básicas como a atención médica ou en situación de desamparo.

Como vicepridenta de Hijas de Galicia participou como relatora no I Congreso de Mujeres de Cuba, organizado polo Club Femenino de Cuba e celebrado na Habana entre o 1 e o 6 de abril de 1923. No seu discurso deixou patente a desconsideración social cara a muller por parte dun machismo enquistado. Defendeu a familia como alicerce básico para resolver os problemas, institución, segundo ela, capaz de rexenerar e equilibrar a sociedade por medio da educación e do santuario da tradición. Considera a muller eixe transformador das familias, e parte decisiva na conformación dunha sociedade mellor.

Unha intervención (pódese ler completa neste enlace) que agora poderíamos calificar como conservadora pero que naquel entón significaba unha chamada de aire fresco para un cambio radical do rol das mulleres na familia e, como consecuencia, na sociedade, para mudar o signo machista daquel tempo.

(Este texto foi revisado e actualizado en marzo de 2023)

©Antonio Reigosa