Aí vén o Maio,
señor capitán;
bótelle as maiolas
da hucha do pan.
Louvor ao señor Maio
que chega sen chamar!
Benvido, señor Maio,
tempo de namorar!
Os Maios celebráronse en Mondoñedo con moito entusiasmo e grande participación durante moito tempo. Seguramente, séculos.
Maios sempre fermosos, vestidos coa follaxe dos bosques de arredor e logo paseados por rúas e prazas, montados en carros, adornados con flores, follas e pólas de loureiro e sabugueiro, pravias ou xestas.
Percorrían as rúas, escoltados por centos de nenos e nenas que andaban atentos ás castañas maiolas, ás noces ou ás perras que lles botaban desde os balcóns por onde pasaban.
Dirixía a representación un Rei do Maio e recollía os agasallos o neno que facía de Maio.
Na década dos 20 do s. XX comezaron a decaer. En 1929 din as crónicas que a pesar de que houbo unha gran representación, só houbo un Maio cando nos anos anteriores eran varios os que saían polas rúas.
Para recibilo
de boa maneira,
árbores e campos
vístense de festa.
E para cantarlle
sáenlle ao camiño
coros de paxaros
con albas no pico.
Os Maios forman parte do ciclo de festas cíclicas do ano, neste caso de celebración do renacer e florecer das árbores e das plantas, o recomezar do ciclo produtivo dos froitos e, por tanto, a seguridade de dispor dun alimento para que a vida se reproduza e continúe.
Celebrábanse cerimonias de purificación da terra, cantábanse coplas, festexábase como corresponde a un tempo de explosión de cores e olores, de cantos de paxaros namorados, de festa e de esperanza. Celebramos a morte do inverno e o re-nacer da primavera.
Cantade, rapaces,
as cantigas ledas;
pregando as maiolas
en choiva festeira.
O Maio de Mondoñedo era humano; un neno vestido con roupaxe vexetal, que presidía e dirixía, xunto co Rei, a comitiva cara os lugares e portas das casas onde paraban a cantar para recibir a cambio os agasallos que o propio Maio recollía tirándose polo chan. Para que se erguese había que dicirlle:
Levántate, Maio,
que tanto durmiches;
xa pasou o inverno
e ti non o viches.
Álvaro Cunqueiro, en palabras de X. Díaz Jácome, foi clave na recuperación dos Maios de Mondoñedo en 1934. Con letra del e música de Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’, o coro infantil da rondalla O Eco esparexeu aquel ano polas rúas mindonienses a alegría do Maio:
Maio está entrando por portas,
o Maio de namorar,
Maio desfolla nas rosas
para ver con quen casar.
Os Maios de 1934, recuperados a imitación dos de antano aínda que modernizados esteticamente por Bernardino Vidarte, sen perda da tradicional solemnidade, resultaron un éxito enorme.
Mentres a carroza co Rei Maio andaba as rúas seguida das mozas vestidas de verde follaxe e coroas de loureiro, e dos mozos con floridas monteiras, desde as ventás das casas caía o aguinaldo de castañas secas (maiolas) ou noces, o que lles lembraba aos organizadores, en palabras de Cunqueiro, o rito de “resurrección da terra maternal e carnal”.
Rosas ás mans cheas
hanvos regalar,
fiunchos e festas
de nunca acabar.
Rito e celebración que se repetirían nos anos 1935 e 1936. A partir de 1936, a pesar das reiteradas evocacións daqueles Maios por parte de Cunqueiro e, sobre todo, de Xosé Díaz Jácome, non sería ata 1991 cando volverían a regresar con forza os Maios ás rúas de Mondoñedo.
Regreso no que tería que ver, indirectamente, outra volta, o músico e barbeiro Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’ pois foi a súa filla Remedios Ledo Vizoso quen se fixo cargo da súa recuperación. Os Maios deste 2019 terán lugar o día 16 de maio.
© Antonio Reigosa
Benvida ao Maio que formou a Escola de Música Municipal de Mondoñedo en homenaxe a Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’. Praza Jaime Cabot (Alcántara), 1 de maio de 2019. Acto no marco de Mondoñedo é poesía 2019.