Historia dun retrato de Cunqueiro
Néstor Casani Vilaplana

Néstor Casani Vilaplana

A finais de 2018 César Cunqueiro doou ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo un retrato do seu pai que lle fixera en 1958 ou 1959 en Mondoñedo o pintor Néstor Casani. Trátase dun óleo de 84 cm x 110 cm que primeiro estivo no que foi cuarto do escritor na que hoxe é Casa Museo Cunqueiro, en Mondoñedo, despois na súa residencia de Vigo e agora preside o vestíbulo do gran centro hospitalario. Xustificouse a doazón por parte dos herdeiros como un xesto de agradecemento por poñérenlle o seu nome ao hospital e polas atencións recibidas no antigo Hospital Xeral nos días de padecemento.

Néstor Casani Vilaplana naceu en Tabernes Blanques, Valencia, en 1926. Licenciado en Belas Artes na Escola de San Carlos, comezou a súa andadura profesional en 1954 como profesor de Debuxo no Centro de Ensino Medio e Profesional de Mondoñedo (actual IES San Rosendo) onde permaneceu ata 1960 (sucederíao outro valenciano, Juan Puchades) para continuar como docente en Hellín e Torrent, no País Valenciá.

Ao tempo que á docencia, dedicouse á pintura, actividade pola que recibiu algúns premios e participou en varias exposicións. Unha delas foi a que realizou na sala Lino Pérez da Coruña na primavera de 1955. Os críticos Fernando Mon e Ramón Patiño  louvaron  o seu maxisterio no emprego da luz, sobre todo na composición dos bodegóns (tema polo que xa recibira un premio nacional en 1953)  e a súa aposta por unha arte de vangarda, avanzada do academicismo tan de moda naquel entón.

Nos poucos cursos que estivo en Mondoñedo, Casani colaborou activamente no Boletín de Información del Centro de Enseñanza Media y Profesional. No nº 3, xullo-setembro 1954, publicouse unha reseña biográfica con fotografía na que se fan grandes eloxios do profesor e pintor. Ademais, debuxou as portadas dos números 3, 5 e 8, unha mostra ben interesante do seu quefacer artístico.

 

En Saiban cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961), Cadernos Ramón Piñeiro XXIII (2012), nunha carta de Cunqueiro a Alberto Casal redactada en 1959 aparece o texto seguinte: «El pintor Néstor Casani, un valenciano que está de profesor en el Instituto Laboral de aquí, y es un buen pintor, en una línea pareja a Prego, por ejemplo, pero más influido por impresionistas franceses y Cezanne, me ha hecho un retrato que yo estimo muy bueno, excelente, el retrato de un hombre sentado y algo melancólico dentro de su complexión grasa, un retrato natural de un hombre natural; muy rico de pintura, de materia espesa, duradera y lúcida; lo he colgado en mi habitación para ir acostumbrándome a verme tan cómodo y sereno. Parece que acabo de leer “De la consolación por la filosofía” del señor Boecio. ¡Qué uno esté tan sensato en un retrato teniendo tal confusión dentro! Ni se cree».

A mención á obra De consolatione philosophiae de Boecio, escrita no 523 d. C., non é casual e parece ter certo paralelismo coas amargas circunstancias vitais de Cunqueiro. A obra, pura literatura carceraria, foi escrita cando o autor, alto cargo en Roma, estaba en prisión agardando xuízo, acusado, pode que falsamente, de traizón ao rei. Trátase dun diálogo sobre a incomprensión da suposta sorte dos malvados e a condena aos xustos nun mundo guiado por Deus.

A. Cunqueiro, por N. Casani

Nun artigo, ilustrado cunha fotografía do retrato e publicado en La Voz de Galicia o 15 de marzo de 1959, o propio Cunqueiro dedica un extenso comentario a este retrato, era evidente que lle gustaba, para escribir: “Me levanto por la mañana cuando acaba de terminar de cantar el esquilón que llama a coro a los señores del Cabildo de la Catedral de Asunción, y le echo un vistazo, y me veo en el joven y animoso, y me pongo sonriente al estudio o a escribir; o me encuentro grave y tranquilo varón, dueño de un feliz sosiego y me salen felizmente diversas invenciones; o me tropiezo con un Álvaro Cunqueiro cansado y distraído, aburrido y desencantado, y aquella mañana estoy para pocas fiestas, leo o estudio mal, y escribo a trancas y barrancas, torpe en adjetivos, y se me resiste la lengua, y hasta echo borrones en la blanca cartilla…”. E acaba: “Yo me siento a verme respirar en mi retrato a mi mismo, y concluyo que un buen retrato de uno es como una resurrección a priori”.

Quizais, polo que queda dito, a Casa Museo Cunqueiro debera facerse, cando menos, cunha réplica deste retrato e expoñela no mesmo faio onde estivo colgado o orixinal naqueles anos de confusión.

©Antonio Reigosa