RENTE AO MAR, ESE CAMIÑO… (Pregón da XXXIV Feira do Libro de Foz)
A Suso do Bahía
Saúdos a autoridades, libreiros e libreiras, autores e autoras, editoras e distribuidoras, amigas e amigos do libro e da lectura!
En primeiro lugar, quero agradecer á organización o terme convidado para pregoar esta edición da feira decana de todas cantas se celebran na Mariña e pioneira, a terceira máis antiga, entre todas as de Galicia.
En segundo lugar, permítanme dedicarlle este modesto pregón ao meu colega no oficio de cronista, decano el entre os da Mariña, instigador, mestre e guía desta celebración das letras e do libro e de moitas ducias de iniciativas culturais máis ao longo de máis de medio século no seu amado Foz.
Falo, naturalmente, de Suso Fernández “Suso do Bahía”, alma desta Feira do Libro, Fillo Predilecto e, como xa dixen, Cronista oficial do Foz.
O formento desta exitosa Feira do Libro de Foz que hoxe inaugura a (34º) XXXIV edición está quizais naquela exposición-venda de libros infantís que tivo lugar na Praza Conde Fontao e na que participaron as librerías Galicia e Bahía con motivo do Día das Letras Galegas do ano 1980.
Aquel domingo, 18 de maio, nacía o que a prensa da época e os organizadores denominaban “pequena feira do libro” e na que, ademais doutros actos, xa se programou unha conferencia do escritor Paco Martín.
En anos sucesivos aquel formento foi levedando. Repetíronse as celebracións do Día das Letras con múltiples actos organizadas pola AMPA do Colexio Público.
A primeira Feira do Libro como tal, organizada como na actualidade pola Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar entre o 14 e o 20 de agosto de 1986, e xa estaba alí dirixindo, organizando e impulsando o noso benquerido Suso Fernández.
O pregón naquela ocasión estivo a cargo de Ramón Pernas e no programa complementario impartiron conferencias Ramón Villares, Jorge Víctor Sueiro e Isaac Díaz Pardo.
A segunda edición, ano 1987, con pregón do pastoricense e case focense, ademais de aparente meu parente, Carlos González Reigosa, significou xa entón a consolidación dunha cita cultural que se activa e renova cada agosto desde entón ata hoxe (cun apagón en 1990), sempre coa participación de ilustres persoeiros das letras e da cultura do país, moitos vencellados a Foz como os xa desaparecidos X. Trapero Pardo, X. Manuel Carballo ou X. Neira Vilas (1994 e 2010), e entre os felizmente vivos e activos, Manuel Lourenzo, Luísa Castro, Xavier Rodríguez Baixeras, Paco Rivas, Farruco Graña, Xurxo Mariño e, entre outras e outros, Martín Fernández Vizoso.
Pola relación especial de amizade con Suso Fernández e coa Libraría Bahía merece atención especial o inesquecible Manuel María, pregoeiro da Feira o ano 1998 e ao que se homenaxeou na edición de 2016 coincidindo coa dedicatoria do Día das Letras Galegas dese ano por parte da RAG.
Os seus Versos frolecidos en louvanza de Foz, pemiados aquí nos Xogos Florais de 1967e reeditados pola Librería Bahía non hai moito, falan da “Foz, humilde e calada, sempre rente ao mar” que o Manuel María amou.
E con Manuel María, e con todos eles e elas, sempre ou case sempre Suso do Bahía, sen esquecer, claro está, a Luis Pisón e a Cielo Fernández.
A Feira do Libro de Foz contou e conta con mariñeiros e mariñeiras imprescindibles, seguro, pero o gran capitán, o patrón que puxo rumbo a un presente tan fecundo e proveitoso fuches ti.
Sen semente non hai colleita posible. Grazas, Suso!
Como vostedes saben, o topónimo ‘Foz’ refírese ao lugar en que un río se bota ao mar para coñecer e facer amizade con outras augas, con outros mundos; en definitiva, para contar a súa e escoitar outras moitas historias
Neste caso, o río, que nace como tal da confluencia doutros máis cativos en Mondoñedo, chámase Masma, e o mar polo que suspira e o que rega chámase Mar Cantábrico, aínda que antigamente tamén se lle dicía Mar ou Golfo da Masma.
Un mar de vida e de milleiros de historias, un mar de ronseis que van e veñen, cruzado de memorias que debuxan espellismos nas ondas, un mar que é fábrica de mitos de salitre e de seres que nós, os humanos, lle imos inventando coa nosa imaxinación: unha xeografía salgada de sereas e baleas, de barcos fantasmas e de piratas, de tesouros e de ruínas, e tamén de traxedias e de milagres.
Este mar que enguliu as naves normandas cando San Gonzalo, o Bispo Santo de San Martiño de Mondoñedo, as combateu disparándolles certeiras e inocentes pregarias.
Así é ou debera ser a literatura!
Inxenua, alegre e engaiolante como as historias que se narran nos mitos e nas lendas, como as maxias de san Gonzalo que o mesmo facía nacer unha fonte como a da Zapata, alí en San Martiño, que curaba doentes ou afundía barcos coa forza máxica da palabra.
San Gonzalo, di a lenda do afundimento dos barcos normandos ou sarracenos, deixou sen castigar un deles pois quixo que desen a noticia do que aquí sucedera, que contasen da inmensa forza e poder da palabra dita e escrita.
Conta Álvaro Cunqueiro en San Gonzalo (1945), o primeiro libro que escribe tras a triste travesía do golpe de estado de 1936, como o bispo Gonzalo se entretiña e gozaba contemplando os canteiros que labraban os capiteis do claustro do vello San Martiño.
Un día, un abade de estraña vestimenta (levaba algas, percebes e mexillóns adheridos sobre o hábito) pediulle audiencia.
E Gonzalo, imaxinade un home vello, de ollos claros, hábito curto, descalzo de pé e perna, escoitouno.
—Son o abade de Guidán, señor! —dixo aquel home—. Teño baixo o mar a miña igrexa e os meus monxes, e un rabaño de ovellas! O vento sur-leste derrubounos a espadana da igrexa e nós, que xa somos vellos, non podemos reparala. Precisaba un dos seus canteiros!
A Gonzalo pareceulle ben e deixou ir canda o abade un dos canteiros de San Martiño.
E cando o canteiro regresou, o bispo quixo saber como era aquel lugar baixo o mar. E o canteiro contoulle que vira unha igrexa grande e unha horta con mazás tabardillas, e que o abade lle regalara un año para que o comesen pola Pascua Florida.
Ao bispo Gonzalo non lle pareceu ben que o año fose destinado ao sacrificio, así que lle ofreceu ao canteiro dúas moedas e quedou con el.
Desde entón o año fíxolle compañía ao bispo polos días que lle quedaron de vida, andase por onde andase, como se fose un cadelo.
Seica os escoitaban conversar moi animados e di o autor desta fantasía que soñou máis dunha vez conque cando Gonzalo morreu, aquel año subiu ao ceo canda el.
Aclaro que o Guidán terreal está na parroquia de Vilaframil, no concello de Ribadeo, e supoño que o Guidán submarino debe estar na mesma freguesía pero, loxicamente, en predio acuático, baixo as augas do Cantábrico.
Así é LER, como ese año que seguía a Gonzalo. O que lemos sempre nos acompañará mentres vivamos e incluso ata ese ceo ou Máis Alá que pon cabo á vida terreal.
Non sei se lembran a magnífica Gramática da fantasía (1973) de Gianni Rodari. Alí vén unha historia que compara os efectos de tirar unha pedra a un estanque cos de lanzar simbolicamente unha palabra á mente dos humanos.
A pedra no estanque provoca ondas na superficie e nas profundidades que afectan a todo canto se move por alí, que pode ser un barco de papel ou un peixe, e remexe os fondos e provoca cambios, move e conmove a superficie e a profundidade das augas.
Asi sucede coa palabra ‘lanzada’ ao chou sobre a mente humana.
Produce ondas superficiais e profundas, provoca reaccións encadeadas, crea sons, trae lembranzas, fainos soñar.
Así é a LECTURA: cada palabra é como unha pedra, e cada páxina un pedregal que provoca millóns de ondas nas nosas neuronas.
LER É… Escoitar e Contar, as primeiras experiencias humanas coas palabras. Escoitando aprendemos a Falar; contando transmitimos o que sabemos a quen quere e sabe escoitar.
LER É… Andar e Ver; coñecer, entender, intercambiar…
Escoitar e Contar, Ler e Escribir, Andar e Ver son, para min, as tres parellas de verbos, as seis accións encadeadas que, como as pedras tiradas no estanque, activan a nosa mente e iluminan practicamente toda a nosa existencia.
Pero, ademais, LER (dígoo moi en serio) reduce o colesterol, polo menos tanto como o Danacol.
Revisade a vosa dieta lectora!
Coidado con pasar demasiadas horas ou días sen tomar unha pastilla de lectura!
Canto menos se le máis se obstrúen as neuronas e o risco de padecer idiotez crónica multiplícase por mil.
LER reduce drasticamente os riscos de ser un vulgar súbdito, de padecer estrés por submisión, de caer atrapado nas redes tóxicas dos discursos sectarios, racistas ou xenófobos e acrecenta ata o infinito a conciencia crítica, a tolerancia á diversidade, o interese polos valores culturais propios e alleos.
LER é un valor democrático e liberador.
Ademais, LER non irrita a pel nin os ollos, non causa estrinximento nin descompón, equilibra a tensión arterial e regula na xusta medida o apetito.
LER, en definitiva, é unha medicina de efectos marabillosos na mente e na saúde física e espiritual de todos nós.
Se queredes chegar á vellez con boa saúde, LEDE!
Para rematar, permitídeme traer aquí o poema de Celso Emilio Ferreiro que se titula “Deitado frente ao mar…“ e que remata co verso que tan ben coñecedes, sinal de identidade de Foz en todo o mundo con ese mural que di “Rente ao mar, ese camiño“.
O poema, como sabedes, publicouse no libro Longa noite de pedra, en 1962.
O mural foi deseñado polo artista mindoniense Xosé Vizoso e elaborado polo alumnando do Colexio Público de Foz coa dirección do profesor Berio Quiroga. Unha obra en comunidade; como as linguas.
Este mural, ademais de ser símbolo de Foz desde hai case 40 anos (foi inaugurado en 1982 e reinaugurado en 2004) tamén é reivindicativo da situación da nosa lingua, cada vez máis ignorada, cada vez máis marxinal, a pesar da súa oficialidade.
É un poema de combate, si, escrito nos tempos da ditadura, pola dignidade da nosa lingua e a identidade dun país, valores que parecen evaporarse canto máis andamos, e que di: