Candidiña, a filla maior de Noriega Varela

Chamábase Cándida Fernández-Noriega Bello e naceu en Foz tras o casamento de Antonio Noriega Varela con Ramona Bello en 1902, despois de malográrense os dous primeiros fillos varóns. Agora que se aproxima o 18 de outubro, 150 aniversario de nacemento do poeta Noriega en Mondoñedo, queremos acordarnos brevemente da súa filla maior e das andanzas canda o pai.

Cándida e Lolita, as irmás nacidas en Foz, acompañan os pais cando o desterro desde Foz a Calvos de Randín. Pouco despois morre Ramona e Noriega casa de segundas en 1916 con Dorinda Almansa, muller coa que tería media ducia de fillos, a maioría nacidos en Trasalba. É nesa época, entre 1915 e 1926, grazas á amizade de Noriega con Otero Pedrayo, Basilio Álvarez e outros membros destacados dos faladoiros ourensáns, entre os que estaba Vicente Risco, cando o poeta entra en contacto coa intelectualidade portuguesa e viaxa con frecuencia ao país veciño.

Cándida Fernández-Noriega Bello. Vida Gallega nº 178 (1921)

Cándida Fernández-Noriega Bello. Vida Gallega nº 178 (1921)

Cándida acompaña ao pai en varias desas viaxes (tamén o acompañaría Lolita e máis adiante Carmiña), como a que realizou por terras portuguesas no verán de 1923. En Viana do Castelo, na homenaxe que o Instituto Histórico do Miño lle tributa a Rosalía de Castro o 15 de xullo de 1923, Noriega encárgase do discurso protocolario e Cándida recita poemas de Rosalía de Castro; tras este acto, con parada no Porto para saudar a Leonardo Coimbra, ambos pasan uns días na facenda que ten en Amarante o seu gran amigo Teixeira de Pascoaes.

Nun banquete celebrado en Coimbra na honra de Noriega, tras varios discursos de ton eloxioso, tomou a palabra o poeta para, irónico e dirixíndose á filla, comentar: “Candidiña, non sei como corresponder a tantas atención como estes señores acaban de dedicar a este humilde servidor! Algo temos que facer! Podémoslles cantar a dúo o valse das olas!” E di a nota do xornal que, ante o asombro dos asistentes, pai e filla cantaron “sobre las olas” con moito xeito.

Jaime Solá, autor dunha fotografía de Cándida vestida con traxe tradicional galego, publicada en Vida Gallega nº 178 (1921) descríbea como “garrida montañesa” e “mujer guapota”.

De Cándida di Otero Pedrayo, que a coñeceu moi ben, que era boíña, piadosa, feble, branca e fina “destiñada a relixiosa no hortus clausus de Mondoñedo”. Tamén di que pasaba temporadas en Trasalba e que casou cun marido preguizoso co que tivo fillos. Morreu pouco despois do pai.

Noriega e Cándida (Cétiga, B. Aires, 10.09.1927)

Noriega e Cándida (Cétiga, B. Aires, 10.09.1927)

Un día viaxaron xuntos pai e filla desde Trasalba a Ourense; supoñemos que sería día 7 que era cando ía cobrar a humilde soldada Noriega. A Cándida apetecíalle un colar daqueles que se vían nos escaparates de Ourense. Unha barateza!, díxolle o pai, prometéndolle que cando atopasen unha xoia auténtica, mercaríalla. A realidade económica de Noriega non daba para tanto, así que tivo que pensar en regalarlle un poema e así foi como naceu “A brétema”, un fermoso soneto “Prá miña filla Cándida”, incluído en Do Ermo, e que remata: “¿Unha sarta me pides? ¡Lograreina, como un rei a quixera pra unha reina! / como nunca se veu na xoiería”. Poema que Guido Battelli versiona ao italiano como “La Bruma” e que nos versos finais di “Raccogli le lacrime, figlia / vo farne un diademe per te/ che niuna regina mai cinse / che niun gioielliere vendé!”.

Aquilino Iglesia Alvariño nun  artigo titulado Poetas en su casa,  publicado en La Noche o 21 de agosto de 1951, escribe a propósito de Candidiña e da casa familiar, que non natal, de Noriega en Mondoñedo: “La de Noriega se esconde en un pasal de la rúa de Febrero a la Catedral. Es una casa baja hundida, que vio crecer a su lado las casonas engalezadas del siglo XIX. Tiene dos o tres ventanas por las que sale sombra y no entra sol y dentro de ella recuerdo un retrato de buen tamaño de un general carlista y una tía del poeta enlutada delgada y muy blanca. Yo la vi dos o tres veces y rezando siempre. Se estremecía cada cuarto de hora bajo las campanas del reloj de la Catedral que iba desgranando la mazorca de cada día justamente sobre su cabeza blanca. Hoy, no se quen vive en ella. Hace años habitaba Candidiña, la hija mayor del poeta, aquella que recuerdan las señoras de Viana do Castelo, vestida de dengue y mantelo y recitando versos de Rosalía.”

© Antonio Reigosa