Despois de casar Xoaquín Cunqueiro e Xosefa Mora, pai e nai do escritor Álvaro Cunqueiro Mora, alugaron a casa nº 1 da rúa entón chamada Méndez Núñez, mesmo a carón da Fonte Vella.
A voda celebrouse o 1 de outubro de 1908, poucos días antes das San Lucas daquel ano que resultaron, por certo, coa axuda do tempo, moi lucidas. Houbo fogos de artificio e de aire, cinematógrafo, carreiras de cabalos e un concurso con grandes premios. Tamén foron convidadas cinco mil cabezas de gando, entre elas uns cabalos islandeses ananos que chamaron moito a atención.
De todo o moito e bo que pasou naquelas San Lucas contan con detalle os xornais da época pero non din nada, nin moito nin pouco, deste caso.
Todo comezou, máis ou menos, desta maneira. O novo matrimonio convidou ás San Lucas a un tío de Xosefa, crego de oficio, chamado Patricio Moirón, e un rato da casa de Cachán en canto escoitou que o cura ía de festa, discorreu ir el tamén e viaxou moi aquelado desde Riotorto a Mondoñedo nun peto da sotana.
Queda así acreditado que o rato de Cachán estivo nas San Lucas de 1908 e non costa moito supoñer que lle gustou Mondoñedo e que, despois das festas, quedou. E que segundo foron nacendo pícaros naquela casa foise encariñando con eles ata o punto de acompañalos cando mudaron de residencia a finais da década dos 40.
Non o invento eu. Confírmao o propio Álvaro Cunqueiro en 1968 nun artigo publicado no semanario Destino titulado “El ratón en el desván”.
Entón, os irmáns Cunqueiro xa vivían na casa que agora se chama Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, onde paraba Álvaro cada vez que pasaba por Mondoñedo.
Nunha desas estadías, cando xa estaba deitado no cuarto máis alto da casa, insomne segundo di no artigo, é quen de recoñecer os ruídos que lle chegan aos oídos e que lle resultaban familiares; o vento no bosque de Silva, de quen son os pasos que resoan no patio, o son das campás e, sobre todo, os ruídos do corricar dun rato que anda por enriba da súa cabeza e por debaixo do lousado.
O escritor non se incomoda; ao contrario, recoñéceo e di estarlle agradecido pola compañía que lle fai. E imaxina ou soña que é el quen rende visita ao rato como faría a un antigo e querido amigo, leal compañeiro, para contarlle as súas amargas soidades!
Segue Cunqueiro contando, non o digo eu, que os ratos pasan os invernos (a estación que nace cando acaba o Día das Maulas das San Lucas) en silencio e que nos veráns rexuvenecen.
Se cadra, este supoñer xa é cousa miña, é o mesmo rato o que se escoitou paticar este pasado verán no faio da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro! Andará, sigo especulando eu, apurando a provisión de reservas alimentarias para o longo letargo invernal!
Só queda unha dúbida, que non é menor nin intranscendente! Saber se o rato é aquel ou se é outro, seguramente descendente do que veu de Cachán ás San Lucas en 1908?
Fala Cunqueiro e resolve así o asunto:
—Cantos anos escoitei eu ese rato! Non ese, claro, senón o seu bisavó, avó, pai …
Parece que todos os ratos son o mesmo, aínda que sexan distintos, na desbordante imaxinación de Álvaro Cunqueiro.
©Antonio Reigosa
Serie: Crónicas das San Lucas. Publicado en La Voz de Galicia-A Mariña, 18 de outubro de 2019