A inopinada morte de Dosinda de Mondoñedo

Xa deixamos noutras crónicas noticia de Toribio Novoa, Rudesindo Caldeiro, Otilia de Lindín ou do petit chantre do Gil Blas de Le Sage, aos que engadimos agora o nome de Dosinda, personaxe de ficción natural de Mondoñedo segundo quen a imaxinou, o escritor Alonso Zamora Vicente (Madrid 1916-2006).

Retrato de Alonso Zamora Vicente (1916-2006) por Alejandro Cabeza

Dou con Dosinda nun relato deste filólogo, académico e secretario perpetuo da RAE que foi discípulo de Ramón Menéndez Pidal e dialectólogo de prestixio. A profesora da Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía Ruíz, publicou non hai moito na Revista de Filología Románica un artigo sobre Zamora Vicente e Galicia, pois aínda que apenas botou uns meses como profesor no Instituto Xelmirez e tres anos escasos de catedrático na USC deixou interesantes achegas científicas sobre as fronteiras da gheada e un estudo, “Geografía del seseo gallego”, que se publicou en Buenos Aires en 1951.

Vaiamos coa Dosinda que se nos aparece polo medio e medio dun dos trinta e dous relatos dos que consta o libro de Zamora Vicente, A Traque Barraque (ás duras e ás maduras), título que, ademais de bautizar un grupo folk actual (nietos de los comuneros y a la sombra de Madrid), tamén é o deste libro de relatos de publicado en 1972. Prosa que abrolla unha oralidade coloquial e espontánea, construída con diálogos ficticios e engalanada cunha riqueza léxica asombrosa. Entre os parágrafos desa literatura extraída do miolo popular está o relato titulado “Goyito, tirador de pecho”, un monólogo con falsos diálogos onde o protagonista conta a súa inverosímil biografía que, como pregoaban os anuncios nos xornais, era «Gregorio Dulce Cremoso. Succionador. Seriedad. Economía. Limpieza. Teléfono 103». Goyito dedicábase a chuchar o peito das mulleres que tiveran a desgraza de perder a criatura ao pouco de nacer; por iso na vellez, como facía o traballo de xeonllos, padeceu moito dos xoanetes.

Dosinda (hipocorístico de Aldosinda, Eldosinda ou Ildosinda), ama de cría seca que se dedicaba a criar con biberón pícaros de familias de certo fasto tamén era compañeira de baile do tal Goyito. Cando se encontraban no Círculo recreativo mentres eles veña ” bailar polcas y habaneras y chotises y lo que saliera”, deixaba o bebé no gardarroupa.

Do amor de Dosinda por Goyito quedou proba patente cando ela lle organizou en 1917 unha homenaxe á que asistiron case todas as amas, maioritariamente galegas, de Madrid. Regaláballe panos de mesa de papel para que os empregase nas casas modestas e chegarían a casar se non fose que a Goyito non lle gustaba que Dosinda dixese a palabra “coña” cada dous por tres.

Dosinda morreu cando andaba polos sesenta e tantos anos. Foi unha morte de mala sorte, un accidente, como lle pasou a outra xente que se desconxuntou ou morreu pola mesma causa, un simple susto nunha mala hora.

Dosinda viña de camiño a Mondoñedo. Ía na baca do autobús canda un par de ataúdes. E chovía. E como chovía «un tipo se metió en un ataúd, para protegerse … y cuando el fulano sacó una mano para preguntar si seguía cayendo, pues que la Dosindiña se asustó y se tiró de cabeza al suelo… ¿Le he dicho que la Dosinda se dejó la sesera en un majano?»

Foi á altura do quilómetro 86. Descanse en paz!

©Antonio Reigosa