Cunqueiro e Lezama ou a luz do Paraíso

Achégase outro 28 de febreiro, o do trixésimo noveno cabodano do pasamento de Álvaro Cunqueiro, cando Mondoñedo convida a relembralo coa tradicional ofrenda no Vello Cemiterio, a lectura pública e popular da súa obra —Merlín e familia— amais de recoñecer ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, como cunqueiriano de mérito.

Cunqueiro e Lezama. A luz dun mundo que se arreda

Cunqueiro e Lezama. A luz dun mundo que se arreda

E por ser este un dos días grandes mindonienses —Cunqueiro é o noso santo laico máis afamado e insignia universal das letras galegas— aproveitamos para comentar o opúsculo “Cunqueiro e Lezama. A luz dun mundo que se arreda” de César Cunqueiro, obra coeditada pola Casa-Museo Cunqueiro mailo concello mindoniense e que dá principio á Colección Selva de Esmelle ao coidado de Armando Requeixo.

Trátase dun ensaio que reproduce, en versión revisada e aumentada, tres conferencias impartidas por César Cunqueiro na librería Mishima de Vigo o ano 2015 e nas que se debullan as reflexións do autor arredor da produción literaria de dous escritores (esencialmente poetas) que sen coñecérense nin, probablemente, lérense, coexisten e, sobre todo, coinciden nunha obsesión intelectual por “dar a luz o propio Paraíso”.

A obra, dividida en preámbulo e tres capítulos, vainos conducindo polas preocupacións intelectuais de José Lezama Lima (A Habana 1910-1976) e Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo 1911- 1981). Autores estraños con imaxinarios concomitantes. Ambos resultaron seducidos e pronto desenganados polas derivas políticas, ambos conscientes dos cambios radicais que lles tocou vivir (en tempos aínda predixitais) polo que manifestan preocupación por non dar a esquecemento tradicións milenarias. Ambos, non obstante, a pesar de todo, dopados de optimismo.

César Cunqueiro, profundo coñecedor de ambas obras, reparou nas coincidencias, nos lamentos que Cunqueiro e Lezama comparten respecto do risco de autodestrución da natureza e, como consecuencia, da obra humana. A metáfora como recurso, a imaxe como proxección, a invención como verdade absoluta, a reparación como exercicio recompoñedor dun Paraíso soñado, imaxinado, ameazado pero reversible no entender de ambos. O invisible, o efémero, a poética da imaxe que se habita, o tempo imaxinario no que conviven vivos e mortos, seres, en calquera caso, soñados.

Celebremos as meditacións de César Cunqueiro arredor das sublimes obras literarias do seu pai, Álvaro Cunqueiro, e do escritor cubano escasamente lido por estes lares, Lezama Lima, ao tratar de escalarecer que en ambos intelectuais, afastados xeográfica e estlisticamente, hai un obxectivo compartido: “decapitar a barbarie para que calquera evolución do ser humano non o prive das súas raíces milenarias”.

Se ler a obra de Lezama presenta dificultades, ler a de Cunqueiro esixe fondura, pois aínda que, como di o seu fillo, César Cunqueiro, se propagase o mantra de que os seus textos son claros e transparentes, mesmo humorísticos, nada é o que parece.

Recrear o espellismo dun Paraíso utópico esixe enxeño en doses de excelencia, cualidades que atesouraban Lezama e Cunqueiro e que César Cunqueiro soubo ver e contar con nidia e envolvente convicción.

© Antonio Reigosa