O próximo sábado, 22 de febreiro, Paco Martín fai oitenta anos. Oitenta febreiros de viaxe arredor da vida do mestre, escritor e intelectual pioneiro en tantas iniciativas culturais. Oitenta invernos compartindo creación con, sobre todo, xenerosa entrega a proxectos capitais para reverdecer unha lingua e unha literatura en perigo, sempre ao límite.
Que dicir que xa non se dixera de Paco Martín! Ademais de escritor e mestre, promotor de iniciativas pedagóxicas, coautor de ducias de libros de texto e de creación para levar da rúa á escola a nosa lingua cos nunca esquecidos e xa ausentes Agustín Fernández Paz e Xabier Puente Docampo.
A última obra publicada por Paco Martín titúlase precisamente ‘O home que mercou un libro‘. Unha novela breve que narra unha historia aparentemente intranscendente pero que ao final resulta conmovedora. A Anibal Hortensio López da Carricova des que sae da casa ás nove e vinte da mañá dun mércores, 23 de xuño, non deixan de pasarlles cousas. Todas interesantes e sorprendentes.
Imaxinen un rapaz novo, 24 anos, con algún quilo de máis por sedentario, herdeiro universal dun comercio con futuro. Imaxíneno entrando, forzado, nunha librería da que acabará saíndo cun libro de poesía lírica de paxinación regular, prezo medio (nin moi caro, nin moi barato), cun marcapáxinas a xogo coas tapas.
A partir deste momento, aínda que Anibal Hortensio goza dos marabillosos efectos de levar un libro canda si, quen protagoniza a historia é o propio libro. Por alí por onde pasa Hortensio co seu libro, sempre pola sombra, que o día vén soleado e caloroso, todo o que antes era normal pasa a ser natural.
Así é Paco Martín; natural como o respirar. Tamén a Paco Martín des que naceu un xoves, 22 de febreiro de 1940 lle pasaron cousas boas e merecidas. Premio Barco de Vapor e autor do primeiro libro en galego en recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, ‘Das cousas de Ramón Lamote‘, Premio Puro Cora e Premio Otero Pedrayo, socio de honra da AELG e de GALIX, autor de varias ducias de obras máis, desde ‘Múxicas no espello‘ (1971) ata este ’O home que mercou un libro‘.
Esta novela está colmada desa retranca elegante, de gume fino, que lle é tan propia ao autor e coa que pinta un crítico retrato literario-antropolóxico destes tempos tan adictos ás artes da pose, do finximento e da simulación. O escenario desta novela, como o de Paco Martín e o de Ramón Lamote, é a cidade de Lugo, lugar onde todo pode suceder en apenas doce horas dun día máxico, cheo de luz, ou en oitenta anos dunha vida dedicada a debuxar soños por encarga de si mesmo para goce de todos nós.
Paco Martín, tal Anibal Hortensio, anda sempre cun libro ao abrigo da súa inventiva. Longa vida para escribir un cento máis e para abrilos, aínda que só sexa para colocarlle un marcador a xogo coas tapas entre as páxinas 10 e 11, máis ou menos.
Vaia! Esquecín falarlles de Lucía, unha moza que tamén aparece no libro cun certo protagonismo e que toca divinamente o violenchelo pero xa non me queda espazo así que van ter que ler o libro. Parabéns, don Paco!
© Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso, 17 de febreiro de 2020.